Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
Ampliación e renovación da exposición ‘Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia' PDF Imprimir Correo-e
Martes, 13 Decembro 2011 13:11

A exposición Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia, que acolle anualmente a Casa do Escudo de Verín, abre as portas mañá mércores día 14, ás 18 horas, baixo a tónica da ampliación e da renovación.

Nesta terceira edición, o evento, que organizan o Concello de Verín, a Delegación de Misións de Ourense e a Asociación Filatélica Miño de Ourense, conta coa colaboración da Comunidade Mercedaria. Da obra misional da Orde da Mercé proceden 24 beléns que nunca se exhibiron., e a Delegación de Misións de Ourense renovou totalmente e ampliou o número de beléns que desde hai un par de anos despraza á capitalidade do val de Monterrei. Isto permite que a mostra incremente substancialmente o ámbito xeográfico, estendéndose polo norte de América (Canada), o Oriente Medio (Palestina) e  Asía (Xapón), e ampliando sensiblemente o número de culturas africanas representadas (Zaire, Burkina Faso, Madagascar, Camerún, Burundi). Tamén Latinoamérica, de onde procedía a maior parte dos beléns que se presentaban nas anteriores convocatorias, incrementa os países representados con misterios procedentes de Cuba, El Salvador ou Puerto Rico.

Tan diversas coma as imaxinerías coas que as culturas representadas tratan o concepto do Nadal son os materias que empregan para representalo. Madeiras, como o ébano, a palmeira ou a oliveira; ónix, pedra volcánica, terracota; aluminio, alpaca ou bronce son traballadas coa pluralidade estética que universaliza o Belén e o enche de significados peculiares. Esa diversidade de estéticas é o atractivo fundamental dunha exposición que se complementa con coleccións de selos emitidos nos cinco continentes co Belén como motivo.

Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia presenta tamén pezas de artesanía téxtil latinoamericana e africana, e  instrumentos de percusión procedentes de África. Sobre a actuación de xentes da comarca de Verín na obra misional, preséntanse paneis con fotos, cartas ou documentos que pertencen ao preto de dúas ducias de misioneiros en activo. Na exposición faise unha colecta para a misión da Orde da Mercé no Camerún.

A mostra pode visitarse ata o 7 de xaneiro, de luns a sábado das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas. Tamén se programan visitas para grupos, con monitores que explican as características das coleccións de filatelia que se exhiben e os pormenores dos beléns e da artesanía que se mostra.