Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
 Ampliar mapa

Este municipio está situado no cuadrante sudoriental da provincia, lindando polo sur coa fronteira portuguesa. Ten unha superficie de 93,9 quilómetros cadrados.

A vila, localizada no corazón da fértil comarca do Val de Monterrei, xurdiu ao pé dunha importante fortaleza medieval e constitúe un dos principais e máis prósperos núcleos urbanos da provincia.

É ademais, paso obrigado cara a Portugal e Castela e tradicional lugar de veraneo pola calidade das súas augas medicinais de Fontenova, Cabreiroá e Sousas. Situado na depresión de Verín, o relevo deste municipio mostra dous sectores diferentes: un formado polo val do río Támega e o outro polos relevos montañosos que o circundan ao oeste, onde a altitude chega aos 940 metros no Alto de Valdeagua. Tamén atravesa o municipio unha falla denominada Creba da Corga, pola que fluen moitos mananciais de augas minerais.

A rede hidrográfica organízase en torno ao río Támega, en que afluen os ríos Ábedes, Rego Novo e Rego de Gondulfes. Este río pertence á conca do Douro. As superficies forestais están formadas por árbores de ribeira, piñeiros e por matogueiras. As terras de cultivo son de gran fertilidade e sitúanse na zona do val, onde abundan as viñas, que proporcionan o famoso viño de Monterrei. As condicións climáticas, que favorecen a calidade do viño, caracterízanse pola súa suavidade térmica no inverno, a calor estival e as escasas precipitacións.