Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
Circuíto Máxico de Nadal PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 24 Decembro 2009 11:19

O Concello de Verín organiza, entre os días 28 de decembro e 8 de xaneiro, o Circuíto Máxico de Nadal, en colaboración coa Asociación de Magos Profesionais de Galicia e a Consellería de Cultura e Turismo.

A entrada é gratuíta e os espectáculos que se presentarán son os seguintes:

- Acción, do Mago Dani García (28 de decembro, ás 19 horas, na Casa da Cultura)
Comedia, drama, maxia e participación do público xúntanse neste espectáculo. Efectos con alimentos  ou incluso co propio corpo do mago, levan o sorriso aos espectadores e demostran que todo é posíbel no mundo da ilusión.  O Mago Dani García, coruñés de Neda, deseña e fabrica os xogos de maxia que utiliza nos seus espectáculos, nos que combina a maxia coas artes escénicas. 


- Cocktail Máxico, do Mago Cali (29 de decembro, ás 19 horas, na Casa da Cultura)
Un espectáculo todo terreo con ingredientes como beberaxes máxicas, xogos con líquidos, areas e augas multicolores, participación do público e moitas risas.  O Mago Cali formou parte do grupo teatral Do Vacío, dedicado á expresión corporal e á pantomima. Especialista en cartomaxia, tamén actuou como mago mimo. 


- Show de escena, do Mago Pablo (30 de decembro, ás 19 horas, na Casa da Cultura)
Espectáculo para público familiar, no que o público participa directa e encóntrase  con levitacións, transformacións e  e números de maxia con pombas e con cartas. O Mago Pablo, autodidacta, leva actuado máis de 4000 veces e dez anos impartindo cursos de maxia. TVE, CANAL+, TELE5 ou TVG presentaron os seus espectáculos.


- IlusionArte, do Mago Marttyn (4 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa da Cultura)
IlusionArte é o espectáculo estrela do Mago Marttyn, leva con el desde os seus comezos  e cada ano renóvase e perfecciónase para que o público goce coa arte da ilusión.   Aos dez anos aprendía maxia co campión arxentino de ilusionismo, Mister Dany, e aos dezaseis tivo un primeiro achegamento á maxia profesional, mais nese mesmo ano regresou da Arxentina á Coruña, onde na actualidade é secretario da Sociedade Coruñesa de Ilusionismo. 


- O Circo Máxico, de Cayetano Lledó (7 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa da Cultura)
O patrón dun circo para o que xa non traballa ninguén vese obrigado a disfrazarse de Somnámbulo, Muller Barbuda, Hipnotizador, Groucho Marx ou Mago Chinés; presentando números de clown, mentalismo, malabarismo ou maxia musical no seu espectáculo. Teatro, Danza, Expresión Corporal, Pantomima ou Malabarismo de Contacto son algunhas das disciplinas escénicas que cultiva Cayetano Lledó. A súa ambición artística, misturar as diferentes vertentes do teatro de variedades nun só espectáculo, para divertir e chegar a diferentes públicos. 


- Operación Truco, do Mago Gusi (8 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa da Cultura)
Un espectáculo no que mago reta ós espectadores a ser o mellor ilusionista improvisado da sala. Números de manipulación, mentalismo, cartomaxia; escapismo, adiviñacións e telepatía compoñen o itinerario máxico de Operación Truco. O Mago Gusi é membro fundador do Círculo Máxico Auriense. Autodidacta, creativo, sempre innovador, presenta espectáculos para toda a familia nos que a participación do público é unha constante. Coa súa combinación de maxia e humor está acadando un grande éxito en cidades e vilas galegas.