Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Secretaría Ord. Fiscais: Taxas ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA RECOLLIDA DO LIXO E RESIDUOS SOLIDOS URBANOS.
ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA RECOLLIDA DO LIXO E RESIDUOS SOLIDOS URBANOS. PDF Imprimir Correo-e


aaLixo.htm

ARTIGO 1.- FUNDAMENTO E NATUREZA


En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e, de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este concello establece a taxa pola recollida do lixo e residuos sólidos urbanos, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo as súas normas ao preceptuado no artigo 58 da devandita lei 39/1988.


ARTIGO 2.- FEITO IMPOÑIBLE


1.- Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo de recepción obrigatoria de recollida do lixo domiciliario e residuos sólidos urbanos de vivendas, aloxamentos e locais ou establecementos onde se exercen actividades industriais, comerciais, profesionais, artísticas e de servizos.


2.- Para tal efecto, considéranse lixos domiciliarios e residuos sólidos urbanos, os restos e desperdicios de alimentación ou detritos procedentes da limpeza normal de locais ou vivendas e, exclúense de tal concepto, os residuos de tipo industrial, cascallos de obras, detritos humanos, materias e materiais contaminados, corrosivos, perigosos ou que, a súa recollida ou vertido esixa a adopción de especiais medidas hixiénicas, profilácticas ou de seguridade.


3.- Non está suxeita á taxa a prestación de carácter voluntario e a instancia de parte dos seguintes servizos:


a) Recollida de lixo e residuos non cualificados de domicilios e urbanos de industrias, hospitais e laboratorios.


b) Recollida de escouras e cinzas de calefaccións centrais.


c) Recollida de cascallos de obras.


ARTIGO 3.- SUXEITOS PASIVOS


1.- Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que ocupen ou utilicen as vivendas e locais situados nos lugares, prazas, rúas ou vías públicas en que se preste o servizo, xa sexa a título de propietario ou de usufrutuarios, habitacionista, arrendatario ou, incluso, de precario.


2.- Terá a consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte o propietario das vivendas ou locais, que poderá repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os usuarios daquelas, beneficiarios do servizo.


ARTIGO 4.- RESPONSABLES


1.- Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.


2.- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.


ARTIGO 5.- EXENCIÓNS


Gozarán de exención subxectiva aqueles contribuíntes que foran declarados pobres por precepto legal, estean inscritos no padrón de beneficencia como pobres de solemnidade ou obteñan ingresos anuais inferiores aos que correspondan ao salario mínimo interprofesional.


ARTIGO 6.- COTA TRIBUTARIA


1.- A cota tributaria consistirá nunha cantidade fixa que se determinará en función da natureza e destino dos inmobles.


2.- Para tal efecto, aplicaranse as seguintes tarifas:


A).- Vivendas particulares:


Vivendas particulares

Cota Trimestral

Vivendas do núcleo urbano de Verín

14,43 €

Vivendas dos restantes núcleos rurais do municipio

10,12 €

       

B).- Establecementos:


Establecementos do núcleo urbano de Verín

Cota Trimestral

Establecementos de categoría especial

344,04 €

Establecementos de primeira categoría

93,14 €

Establecementos de segunda categoría

67,65 €

Establecementos de terceira categoría

45,97 €

Establecementos restantes non comprendidos nas categorías anteriores

Superficie igual ou superior a 100 m2

93,14 €

Superficie inferior a 100 m2

67,65 €

Establecementos dos núcleos rurais do municipio

16,81 €


Para os efectos comprendidos no apartado anterior:


a).- Consideraranse establecementos de categoría especial, os establecementos dedicados ao comercio minorista de produtos alimenticios e bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas sexa igual ou superior a 400 metros cadrados. A inclusión nesta categoría considerarase acreditada a través da inclusión no epígrafe 647.4 da matrícula do Imposto de actividades económicas.

       

b).- Consideraranse establecementos de primeira categoría, os serradoiros, café-bares especiais, café-teatros, entidades financeiras, bancos e caixas de aforros, clubes nocturnos, discotecas, estacións de servizo-gasolineiras, estacións de autobuses, fábricas de envasados de augas minerais, fábricas de gasosas, hospitais, hostais, hoteis, pensións, imprentas, locais que expidan fotocopias ao público, restaurantes, polberías, casas de comida, salas de baile, salas de festa, sanatorios, supermercados non considerados de categoría especial, talleres de concesionarios de automóbiles, talleres de aluminio e ferro, talleres de reparación de automóbiles que non reúnan a condición de concesionarios, centros de saúde, cines e teatros, cadeas de confección, pubs e establecementos almacenistas de toda clase de artigos.


c).- Consideraranse establecementos de segunda categoría, as administración de lotarías, academias, aparcadoiros públicos, autoescolas, bares, café-bares, cafeterías, carpinterías, clínicas, estancos, institutos de beleza e estética, farmacias, parafarmacias, floristarías, comerciantes minoristas de froitas, verduras e hortalizas, garaxes, xestorías, axencias e oficinas, hamburguesarías, pizzarías, inmobiliarias, lavado e engraxe de coches, librarías, papelarías, venda de periódicos, moblarías, panadarías, pastelarías, bolerías, salóns de peiteado, electrodomésticos e aparellos eléctricos e electrónicos, funerarias, xeladarías e chocolatarías, minoristas de accesorios e pezas de recambios de todo tipo de vehículos, paquetaría e centros de ensino.


d).- Consideraranse establecementos de terceira categoría, as carnizarías, tendas de embutidos, despachos profesionais, drogarías, estudos e servizos fotográficos, ferraxarías, ximnasios, xoiarías, xoguetarías, locutorios telefónicos, ópticas, perfumarías, reparación e venda de bicicletas, tinturarías, zapatarías, minoristas de roupas e téxtiles, comerciantes minoristas de sementes, abonos e pequenos animais, mercerías, herbolarios, armarías, comerciantes minoristas de artigos deportivos, comerciantes minoristas de alimentación e bebidas, cadros e molduras, peixarías e demais comercios minoristas non relacionados anteriormente.


3.- As cotas sinaladas no anterior cadro de tarifas teñen carácter irreducible e corresponden a cada trimestre natural do ano.


ARTIGO 7.- PERCEPCIÓN DA TAXA


1.- Percibirase a taxa e nace a obriga de contribuír dende o momento en que se inicie a prestación do servizo, entendéndose iniciada, dada a natureza da súa recepción obrigatoria, cando estea establecido e en funcionamento o servizo municipal de recollida de lixo domiciliario, nas rúas ou lugares onde figuren as vivendas ou locais utilizados polos contribuíntes suxeitos á taxa.


2.- Establecido e en funcionamento o referido servizo, o dereito á percepción das cotas das distintas tarifas nacerá o primeiro día de cada trimestre natural do ano, agás que se producise con posterioridade a dita data, caso no cal, a primeira cota cobrarase o primeiro día do trimestre seguinte.


ARTIGO 8.- DECLARACIÓN E INGRESO


1.- Dentro dos trinta días hábiles seguintes á data en que se produza por primeira vez o dereito á percepción da taxa, os suxeitos pasivos formalizarán a súa inscrición na matrícula presentando, para os efectos, a correspondente declaración de alta e ingresando simultaneamente, a cota do trimestre corrente.


2.- Cando se coñeza, xa de oficio ou por comunicación dos interesados, calquera variación dos datos figurados na matrícula ou padrón, levaranse a cabo nestes as modificacións correspondentes, que xurdirán efectos a partir do trimestre natural seguinte ao da data en que se efectuara a declaración.


3.- As baixas no padrón deberán cursarse antes do último día laborable do respectivo trimestre, para que xurdan efectos a partir do trimestre natural seguinte. Subministración de auga para a vivenda ou establecemento de que se trate.


4.- O cobramento das cotas efectuarase trimestralmente, mediante recibo derivado da matrícula ou padrón.


ARTIGO 9.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS


En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que lles correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.


DISPOSICIÓN DERRADEIRA:


O texto da presente ordenanza fiscal substitúe e derroga ao da anterior, aprobado polo Pleno en sesión de data 26.03.2012, e entrará en vigor e será de aplicación ao día seguinte da súa publicación íntegra no BOP, permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresas.


O alcalde: Juan Manuel Jiménez Morán

A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz




DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense número 298 de data 30 de decembro de 2013.


A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz