Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO PÚBLICO DE MEDICIÓN DE RUÍDOS E VIBRACIÓNS EN VIVENDAS, LOCAIS E ESTABLECEMENTOS
ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO PÚBLICO DE MEDICIÓN DE RUÍDOS E VIBRACIÓNS EN VIVENDAS, LOCAIS E ESTABLECEMENTOS PDF Imprimir Correo-e

2012-082-ruido.htm


ARTIGO 1.- OBXECTO


É obxecto da presente ordenanza, a regulación da taxa correspondente á prestación do servizo municipal de medición de ruídos e vibracións en vivendas,locais e establecementos, así como nas vías e espazos públicos, producidos por vehículos, maquinaria ou outros, ben se efectúe a través dos servizos municipais directamente, como a través de empresas, mediante contrato de prestación de servizos de asistencia técnica.


ARTIGO 2.- FEITO IMPOÑIBLE


1.- Constitúe o feito impoñible da presente taxa a prestación polos servizos municipais, ben directamente ou a través de contratista intermedio, do servizo de inspección consistente na medición de ruídos e vibracións ao obxecto de verificar o cumprimento da normativa de aplicación sobre o control de ruídos e vibracións.


2.- O procedemento e sistema de medición efectuarase de conformidade coa ordenanza municipal reguladora do servizo e coa demais normativa reguladora da apertura de establecementos, de saúde e de protección do medio ambiente, en materia de emisión de ruídos e vibracións.


ARTIGO 3.- SUPOSTOS DE NON SUXEICIÓN


1. Non se considerarán como servizos municipais incluídos no ámbito de aplicación da presente ordenanza fiscal as medicións que se teñan que efectuar obrigatoriamente polos interesados, como requisito previo á obtención de licenzas municipais de primeira ocupación ou de apertura de establecementos, que deberán ser solicitadas directamente polos interesados ás empresas do sector, de conformidade cos principios de leal competencia e libre concorrencia no mercado.


2. O concello non aceptará solicitudes de medición con esta finalidade, agás que existise norma de rango legal ou regulamentario que así o impoña.


ARTIGO 4. DEVINDICACIÓN E OBRIGA DE CONTRIBUÍR


1. A taxa devindícase no momento de presentarse a solicitude ou denuncia polo particular interesado, no rexistro administrativo xeral de entrada de documentos deste concello, ou no momento de ditarse resolución de inicio do procedemento de oficio, sendo esixible nun momento posterior, de acordo co resultado da medición efectuada.


2. A obriga de contribuír nace coa prestación do servizo de control de ruídos e vibracións, por parte deste concello, e prodúcese coa efectiva realización da medición polo concello, ben directamente ou a través de contratista.


ARTIGO 5. SUXEITO PASIVO E RESPONSABLES


1. É suxeito pasivo da presente taxa a persoa natural ou xurídica que insta á prestación do servizo.


2. A estes efectos considerarase que insta o servizo:


a) No caso de inspeccións ou medicións efectuadas a instancia de terceiros ou de veciños colindantes:


I. O denunciante se tras a medición non se pode acreditar o incumprimento por parte do denunciado da normativa sobre ruídos.


II. O denunciado no caso de que esta acredite o incumprimento da normativa sobre nivel de ruídos ou illamento acústico.


b) No caso de inspeccións ou medicións efectuadas de oficio polo concello:


I. O concello, se tras a medición non se pode acreditar o incumprimento por parte do titular inspeccionado, da normativa sobre ruídos.


II. O inspeccionado, no caso de que esta acredite o incumprimento da normativa sobre nivel de ruídos ou illamento acústico.


c) No caso de medición a instancia do interesado correspondente á súa propia vivenda, local, establecemento, vehículo ou outros, obxecto de medición:


I. O seu solicitante.


3. No caso de persoas denunciadas ou inspeccionadas, a que se refiren os artigos 5.2.a) II e 5.2.b) II anteriores, presumirase que reúne a condición de suxeito pasivo:


a) No caso de establecementos e locais de negocio, o titular da licenza de actividade ou de apertura.


b) No caso de vivendas particulares, o titular catastral.


c) No caso de vehículos ou maquinaria, o titular segundo o rexistro público correspondente.


d) No caso de obras nas vías e espazos públicos, o titular da licenza de ocupación.


No suposto de que non existise rexistro de titularidade ou ningunha licenza, acreditarase esta condición mediante informe do servizo municipal da Policía Local.


En todo caso, o titular poderá presentar proba en contra, no procedemento, para acreditar que non reúne a condición de suxeito pasivo (contratos de alugueiro, de traspaso de negocio, de arrendo ou subarrendo, etc...).


ARTIGO 6. BASE IMPOÑIBLE E TIPO DE GRAVAME


1. A base impoñible queda establecida nas tarifas atendendo á natureza dos servizos prestados, na contía total de 805,72 euros, importe que se considera como custo medio total da prestación do servizo.


2. Os tipos de gravame aplicables sobre a base impoñible para a obtención da cota tributaria, serán os seguintes:


a) Suxeito pasivo denunciante ou solicitante, nos casos previstos no artigo 5.2. a) I desta ordenanza: 80,00%.


b) Suxeito pasivo denunciado, nos casos previstos no artigo 5.2. a) II e 5.2. b) II desta ordenanza: 100,00%.


c) Suxeito pasivo solicitante, nos casos previstos no artigo 5.2. c) I desta ordenanza: 100,00%.


3. No caso de que a primeira denuncia ou solicitude de medición, unha vez tramitada, dera como resultado o cumprimento dos niveis legais de emisión de ruídos e vibracións por parte do denunciado, se posteriormente se volveran solicitar segundas ou posteriores medicións, incrementarase en cada ocasión, acumulativamente, o tipo de gravame, nun 10,00%, até acadar un máximo do 100,00%.


A estes efectos, para considerar a existencia de segunda ou posteriores medicións, requirirase a plena coincidencia da identidade do denunciado e do foco de emisión de ruídos e vibracións (mesmo local, establecemento, vivenda, vehículo ou outro), aínda cando a solicitude sexa presentada por diferentes denunciantes.


ARTIGO 7.- EXENCIÓNS


Quedarán exentas do pagamento as medicións efectuadas de oficio, polo propio concello, cando, tras a medición, non se pode acreditar o incumprimento por parte do titular inspeccionado, da normativa sobre ruídos, vibracións ou illamento acústico, no caso previsto no artigo 5. 2. b) I desta ordenanza.


ARTIGO 8.- NORMAS DE XESTIÓN


1.- A presente ordenanza fiscal ten carácter exclusivamente fiscal e a súa aplicación non exclúe do cumprimento de todas aquelas obrigas que, en materia de apertura ou traspaso de locais e establecementos de actividade ou en materia de límites sonoros de vehículos e maquinaria, veñan impostas pola normativa municipal ou sectorial que resulte de aplicación.


2.- Con carácter xeral, nos casos previstos nos apartados a) e c) do artigo 5, é dicir, no caso de medicións efectuadas a instancia de particulares, esixirase o depósito previo do 40,00% do importe total da base impoñible, na Tesouraría municipal ou nas entidades bancarias colaboradoras, por parte do interesado, con carácter previo á realización da medición correspondente.


O depósito previo acadará o importe do 80,00% da base impoñible, no caso da segunda e posteriores solicitudes que se produzan, cando, da primeira medición efectuada se deducira como resultado o cumprimento das normas en materia de ruídos, vibracións ou illamento acústico por parte do denunciado


3.- Non obstante, o concello naqueles casos nos que se entenda que inciden circunstancias de interese xeral, cando o considere oportuno e en orde a non perpetuar no tempo a posible situación de incumprimento, á vista da denuncia presentada, poderá considerar o inicio das actuacións de oficio, sen que iso conleve o depósito previo, non conlevando, por iso, a perda para o suxeito pasivo da súa condición de obrigado, principal ou subsidiario, ao pagamento da taxa que lle correspondese.


4.- Para os supostos previstos no apartado anterior corresponde ao servizo municipal encargado de xestionar a inspección ou medición, a realización da liquidación da taxa e a súa notificación, no marco do procedemento administrativo iniciado e dentro do expediente tramitado.


ARTIGO 9.- SANCIÓNS


A obriga do pagamento da taxa á que se refire a presente ordenanza fiscal, resultará compatible coas multas, sancións ou indemnizacións de danos e perdas, impostas pola autoridade administrativa ou xudicial correspondente, debido ao incumprimento das normas sectoriais que fosen aplicables.


DISPOSICIÓN TRANSITORIA


1. A presente ordenanza fiscal aplicarase a todos os procedementos efectivamente iniciados a partir da data da súa entrada en vigor.


2. No caso de segunda e posteriores medicións, dentro dun mesmo procedemento, cando a primeira medición se efectuara en data anterior á entrada en vigor, comezará a aplicarse a presente ordenanza fiscal ás medicións solicitadas en data posterior, pero considerarase, para os efectos de determinación do tipo de gravame e outras obrigas, como segunda ou posterior medición.


DISPOSICIÓN FINAL


O texto actual da ordenanza fiscal inicialmente aprobada polo Pleno en sesión de data 7 de maio de 2012 xurdirá efectos e entrará en vigor tras a súa aprobación definitiva, unha vez cumpridos os trámites e prazos legalmente aplicables, segundo o disposto no propio acordo de implantación, e seguirá en vigor até que se acorde a súa modificación ou derrogación.


O alcalde                                                                           A secretaria

Juan Manuel Jiménez Morán                                             Pilar del Carmen Saborido Díaz



DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense número 156 de data 09.07.2012.

A secretaria

Pilar del Carmen Saborido Díaz