Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas REGULAMENTO DO SERVICIO DE SUBMINISTRACIÓN DE AUGA POTABLE
REGULAMENTO DO SERVICIO DE SUBMINISTRACIÓN DE AUGA POTABLE PDF Imprimir Correo-e
CAPÍTULO I.- NORMAS XERAIS

ARTIGO 1.- OBXECTO:

1.- Este regulamento contén a normativa do servizo público de subministración de auga potable do Concello de Verín.

2.- Denomínase usuario calquera persoa física ou xurídica, ou calquera das entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que sexa titular dunha licenza de enganche á rede municipal de subministración de auga potable.

ARTIGO 2.- NATUREZA XURÍDICA DO SERVIZO:

1.- A subministración de auga corrente no territorio do Concello de Verín é un servizo público local do que é titular o Concello de Verín.

CAPÍTULO II.- AS OBRIGAS E OS DEREITOS DOS USUARIOS

ARTIGO 3.- OBRIGAS DO CONCELLO:

1.- Prestar o servizo de subministración de auga corrente aos usuarios con suxeición ás normas deste regulamento e das outras disposicións legais aplicables, nomeadamente as de carácter sanitario.

2.- Manter a subministración de forma permanente en condicións de dispoñibilidade e regularidade, sen prexuízo do dereito de interromper a prestación do servizo nos supostos definidos no presente regulamento.

3.- Garantir o dereito á utilización do servizo por parte de todas as persoas que cumpran os requisitos e condicións que dispón este regulamento, e mediante o pagamento das contraprestacións económicas legalmente establecidas.

4.- Levar a cabo, con suxeición a este regulamento e á lexislación aplicable, a planificación, programación, execución e conservación das obras e instalacións precisas para a captación, condución e almacenamento de auga potable, e para a súa distribución aos núcleos de poboación que corresponda.

5.- Informar aos usuarios, sempre que sexa posible, e polos medios de difusión axeitados, das interrupcións e alteracións que se rexistren na prestación do servizo.

6.- Colaborar coas autoridades e cos centros de educación para que os usuarios e o público coñezan o funcionamento do servizo.

7.- Resolver e contestar as reclamacións e queixas que lle presenten os usuarios.

8.- Aplicar as taxas aprobadas na correspondente ordenanza fiscal.

ARTIGO 4.- OBRIGAS DOS USUARIOS:

1.- Pagar puntualmente os cargos que lle presente o concello pola prestación dos servizos de subministración de auga, ou polos complementarios, de conformidade coas taxas aprobadas.

A obrigatoriedade de pagamento esténdese aos casos en que se produzan fugas ou perdas de auga por avarías ou irregularidades na construción ou conservación das instalacións particulares do usuario, ou por calquera outra causa non imputable ao concello.

2.- Usar a auga potable obxecto de subministración con suxeición ás normas contidas na lexislación aplicable e neste  regulamento, así como ás condicións que licitamente se impoñan na correspondente licenza de enganche, cumprindo, no seu caso, as limitacións e prioridades de uso que poida establecer o concello.

3.- Respectar as instalacións da infraestrutura do servizo, as redes de distribución e os empalmes, e non realizar neles ningunha manipulación ou alteración sen a correspondente autorización.

4.- Conservar as súas instalacións particulares de xeito que non prexudiquen as redes públicas de subministración nin o funcionamento do servizo, utilizalas correctamente e respectar os precintos que garanten a integridade do contador.

5.- Comunicarlle ao concello calquera avaría ou irregularidade das instalacións de subministración de auga que poidan afectar ao funcionamento normal do servizo, no prazo máximo de 24 horas.

6.- Solicitarlle ao concello a autorización para calquera modificación nas súas instalacións particulares que comporte variación no número de usuarios ou cambio no uso da auga.

7.- Se nun mesmo inmoble existe, á par do servizo público de subministración, auga doutra orixe, o usuario disporá a súa instalación interior de xeito que a súa auga particular non poida entrar na rede xeral.

ARTIGO 5.- DEREITOS DO USUARIO:

1.- Acceder ao servizo en condicións de igualdade unha vez que reúna as condicións e requisitos sinalados por este regulamento.

2.- Utilizar o servizo con carácter permanente, a non ser nos supostos regulamentarios en que o concello poida interrompelo, e dispor nas súas instalacións de auga dos requisitos hixiénico-sanitarios e das condicións técnicas de presión axeitadas e conformes coa normativa legal aplicable.

3.- Ser informado polo concello de todas as cuestións que atinxen á prestación e funcionamento do servizo, de conformidade co procedemento que recolle este regulamento, e obter contestación a elas.

4.- Obter o documento acreditativo da obtención da licenza de enganche á rede de subministración.

ARTIGO 6.- PROHIBICIÓNS QUE ATINXEN AO USUARIO:

Os usuarios non poderán:

a) Ceder auga de balde ou baixo prezo, ben sexa con carácter permanente ou con carácter temporal, para outros locais ou vivendas, diferentes dos recollidos na licenza de enganche.

b) Pór nos encanamentos de subministración, sen a autorización previa do concello, bombas ou calquera outro aparello que modifique ou afecte ás condicións da rede de distribución e que poida interferir no servizo prestado a outros usuarios.

c) Utilizar a auga para fins distintos dos recollidos na licenza.

d) Realizar calquera operación que teña por finalidade que o consumo de auga non sexa rexistrado polo contador ou equipo de medición.

e) Causar fugas de auga con carácter intencionado ou por neglixencia.

f) Crebar os precintos dos contadores ou equipos de medición ou fedellar neles.

CAPÍTULO III.- AS INSTALACIÓNS PÚBLICAS DO SERVIZO

ARTIGO 7.- ELEMENTOS MATERIAIS DA REDE PÚBLICA DE SUBMINISTRACIÓN:

1.- A rede de alta. Abrangue as obras hidráulicas de captación, elevación, estación de tratamento, depósitos de regulación, encanamentos, conducións mestras e sistemas de regulación e control.

2.- A rede de baixa. Abrangue a rede de distribución necesaria para a subministración aos usuarios e está integrada por canos, arquetas, pezas especiais e bocas de rego e incendios. A rede de baixa pode ser de distribución primaria e secundaria.

A rede de distribución primaria é a que está integrada polos canos que enlazan diferentes sectores das áreas abastecidas, e nela non se poden realizar empalmes.

A rede de distribución secundaria é a que está integrada polos canos que discorren ao longo dunha vía pública ou de terreo privado -neste caso, tras a constitución da correspondente servidume-, e dela derivan os empalmes.

3.- Empalme. É o ramal ou derivación que sae da rede de distribución secundaria máis próxima e leva auga ao pé do inmoble ou ao extremo do terreo onde vai ser subministrado.

ARTIGO 8.- EMPALME:

1.- O empalme estará formado por un cano único de características axeitadas ao volume de auga servido, a partir do dispositivo de toma, e disporá dunha chave de corte exterior situada nunha caixa na vía pública por diante do inmoble ou terreo, e o máis achegada posible a el (denominada chave de beirarrúa), así como dunha chave no interior do inmoble denominada chave pasamuros.

2.- O empalme disporá dos seguintes elementos:

a) Dispositivo de toma, que vai sobre o cano da rede de distribución secundaria e abre o paso do empalme.

b) Ramal ou treito de encanamento, que une o dispositivo de toma coa chave de beirarrúa, e esta coa chave pasamuros.

c) Chave de beirarrúa.

d) Chave pasamuros.

O empalme e os seus elementos integrantes até a chave de  beirarrúa, incluíndo dita chave, terán carácter de bens de dominio e servizo público, de titularidade municipal, formando parte da rede de distribución.

CAPÍTULO IV.- A SOLICITUDE DE LICENZA DE ENGANCHE

ARTIGO 9.- REQUISITOS DA SOLICITUDE DE CONEXIÓN AO SERVIZO:

1.- A solicitude de licenza de enganche de auga deberá ser formulada polo titular do dereito de uso do inmoble ao que se refira. Cando o titular de dito dereito non sexa o propietario, precisará da autorización do dono do inmoble que asumirá, ante o concello, a responsabilidade solidaria das obrigas derivadas da alta no servizo.

Cando se solicite unha licenza de enganche para auga de obra, o solicitante deberá ser o titular da licenza de obra.

2.- A solicitude de conexión ao servizo deberá conter, como mínimo, e para os efectos de notificación, o nome do peticionario ou a súa razón social, o enderezo e o teléfono. A esta información tamén lle engadirá o enderezo do local ou inmoble para o que se pide a subministración e o uso ao que se destinará a auga.

O concello establecerá, para os efectos de facilitar aos cidadáns a cubrir a solicitude, un modelo normalizado que estará á súa disposición nas oficinas municipais.

3.- A solicitude de conexión á rede de distribución deberá conter a seguinte documentación:

- Boletín de instalación de fontanaría.

- Se o solicitante non fose o propietario, autorización escrita conforme ao modelo que estableza o concello.

- Cando o solicitante actúe en representación doutra persoa, física ou xurídica, ou dalgunha das entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, copia do poder que acredite dita representación.

- Copia do título que ampare o dereito de uso do inmoble.

4.- Deberase presentar unha solicitude independente para cada vivenda ou local de negocio. As comunidades de propietarios en réxime de propiedade horizontal poderán solicitar unha única licenza de enganche de auga  exclusivamente para os seus servizos comúns.

5.- Será requisito indispensable que o inmoble para o que se solicita o enganche conte con licenza de 1ª ocupación, requisito que se entenderá referido á licenza de apertura cando se trate de establecementos mercantís ou industriais e á licenza de obra se se trata de enganche para a realización de obras.

Exceptúanse do requisito da licenza de 1ª ocupación os edificios fóra de ordenación, así como os edificios construídos sen licenza cando prescribira a acción para esixir a restauración da legalidade urbanística conforme á lexislación aplicable.

ARTIGO 10.- PRESENTACIÓN, TRAMITACIÓN E RESOLUCIÓN DA SOLICITUDE DE CONEXIÓN:

1.- A solicitude de conexión será presentada ante o concello no Rexistro xeral, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/92, do 26 de novembro.

2.- O informe do técnico municipal determinará, se é o caso, as características técnicas do empalme ou conexión, e fará alusión expresa ao cumprimento dos requisitos de dispor o inmoble de licenza de 1ª ocupación, licenza de apertura ou licenza de obra, segundo os casos.

3.- A Alcaldía do concello autorizará ou denegará a conexión con suxeición á normativa legal aplicable e tras o informe dos servizos técnicos municipais.

4.- A solicitude deberá ser resolta no prazo máximo dun mes, contado dende a súa entrada no Rexistro xeral do concello.

En caso de non se ditar resolución en dito prazo, entenderase desestimada por silencio conforme ao establecido na lexislación de procedemento administrativo común.

ARTIGO 11.- CAUSAS DE DENEGACIÓN DA CONEXIÓN:

O concello poderá denegar a conexión cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Que o inmoble careza de licenza de 1ª ocupación, de licencia de apertura se se trata de establecemento mercantil ou industrial ou de licenza de obra se se solicita o enganche para a execución de obras.

b) Que o inmoble non estea situado na área de cobertura do servizo, a non ser que se proceda consonte co que dispón o artigo 16

c) Que o inmoble non conte coas instalacións interiores axeitadas por non se axustar a este regulamento ou á normativa técnica aplicable.

d) Que algunha parte das instalacións xerais que é preciso ampliar para a realización do empalme teña que discorrer por terreos privados e o solicitante non acredite a constitución de dereito de servidume preciso.

e) Que a presión da auga no punto de conexión non sexa abonda para a subministración correcta do servizo, a non ser que se poña por conta do solicitante o grupo de elevación ou mecanismo necesario para corrixir a devandita deficiencia.

O concello poderá autorizar a conexión se o solicitante asume, mediante declaración expresa, as consecuencias da falta de presión.

f) Que a presión da auga no punto de conexión sexa excesiva para a subministración correcta do servizo, a non ser que o solicitante poña pola súa conta as medidas de redución axeitadas.

Cando a documentación presentada polo solicitante sexa insuficiente conforme ao establecido no artigo 9, requiriráselle para que emende as deficiencias conforme ao establecido no artigo 71 da Lei de procedemento administrativo común. Se transcorrido o prazo de emenda non se aportara a documentación requirida, entenderase que o solicitante desiste do seu pedimento, arquivándose este e notificándollo ao interesado.

ARTIGO 12.- A REALIZACIÓN DAS OBRAS DE CONEXIÓN:

1.- O promotor ou propietario executará as obras necesarias para deixar a rede xeral de distribución libre para a súa conexión por parte dos servizos municipais, e as que sexan necesarias para repoñer as beirarrúas ou viais ao seu estado orixinal, sen que a actuación municipal conleve ningún gasto pola adquisición de materiais ou subministracións para o propio concello.

2.- A execución das obras de modificación da rede de subministración precisas para a realización da conexión corresponderá igualmente aos propietarios interesados, como obriga derivada do deber de urbanizar ou, no seu caso, completar a urbanización, tras a autorización do concello e con suxeición ao correspondente proxecto de urbanización ou, no seu caso, anexo de urbanización do proxecto de obras.

3.- As obras de modificación mencionadas no apartado 2 anterior quedarán incorporadas á rede de subministración e será de titularidade pública, tras a súa recepción polo concello, se fosen conformes co autorizado no seu día.

4.- Co fin de garantir a urbanización existente e a correcta execución das obras, o promotor ou propietario depositará unha fianza por contía de 200,00 euros.

ARTIGO 13.- CONEXIÓNS PROVISIONAIS:

1.- O concello poderá conceder conexións provisionais vinculadas á execución de obras. Estas autorizacións estarán vinculadas á licenza da obra de que se trate, e a súa vixencia estenderase durante o prazo de execución das obras sinalado na licenza. En caso de que as obras sexan paralizadas con motivo dun expediente de reposición da legalidade urbanística, a autorización provisional de toma de auga quedará automaticamente suspendida mentres se manteña a paralización das obras, e o concello procederá, de xeito inmediato, á interrupción da subministración.

Nestes supostos, a resolución do expediente de reposición da legalidade urbanística disporá o que proceda sobre a autorización provisional de toma de auga.

2.- A toma de auga outorgada con destino á realización dunha obra non se poderá usar, en ningún caso, para vivendas ou locais. O construtor está obrigado a comunicarlle ao concello a finalización da obra, e daquela a conexión provisional quedará automaticamente sen vixencia.

En todo caso, e unha vez rematado o prazo de execución das obras establecido na licenza de obra, o concello poderá proceder, tras o apercibimento ao interesado, á interrupción da subministración.

3.- O construtor que solicite a conexión provisional con destino á realización dunha obra responderá solidariamente, xuntamente co usuario real, do pagamento do prezo da auga consumida.

4.- Poderase conceder, así mesmo, conexión provisional nos casos de locais de planta baixa sen uso específico mentres non se destinen a uso concreto e de garaxes, tras a presentación da documentación incluída no artigo 9.3 deste regulamento, así como da acreditación de alta no imposto sobre bens inmobles, da correspondente licenza de obra outorgada no seu día, e a prestación de fianza por importe de 200,00 euros.

Quedarán exceptuados do requisito da licenza de obra os edificios construídos sen licenza cando estivese prescrita a acción para esixir a restauración da legalidade urbanística conforme á lexislación aplicable. Neste caso, aportarán certificado que acredite a antigüidade da edificación.

ARTIGO 14.- CONSERVACIÓN E MANTEMENTO DO EMPALME:

Os traballos de conservación, mantemento e reparación dos empalmes ou conexións serán por conta do concello, en tanto que titular do empalme.

ARTIGO 15.- CONEXIÓN INUTILIZADA:

Cando cese a utilización dunha conexión, por solicitude do usuario de baixa no servizo, a licenza de enganche entenderase suspendida até que se produza unha nova alta. Non obstante disto, se a falta de uso da conexión se prolongase por máis de cinco anos, será preciso a presentación dun boletín do fontaneiro no que se acredite a verificación da conexión para poder reanudar a subministración de auga.

De transcorrer dito prazo sen se acreditar a verificación da conexión para reanudar a subministración de auga, o concello poderá declarar caducada a licenza conforme ao artigo 37-d).

ARTIGO 16.- PEQUENAS EXTENSIÓNS E MODIFICACIÓNS DA REDE DE SUBMINISTRACIÓN:

1.-  As pequenas extensións e modificacións da rede de subministración necesarias para dotar de auga ás edificacións novas (ou vellas que non estean na área de cobertura do servizo), serán por conta do usuario e integraranse na rede pública.

Por regra xeral, enténdese por pequenas extensións da rede, as que sexan necesarias cando se dea calquera das seguintes circunstancias:

a) Que existan redes de distribución secundaria na vía pública que discorra á beira do inmoble, pero a nova concesión comporte unha baixada de presión ou de caudal apreciable.

b) Que non exista rede de distribución na vía pública situada á beira do inmoble.

2.- A execución, en solo urbano consolidado, de pequenas extensións ou modificacións da rede de subministración, correrá a cargo dos solicitantes das conexións, ao entenderse comprendida no deber de completar a urbanización establecida na lexislación urbanística, tras a licenza de obra ou, no seu caso, aprobación do proxecto de urbanización. Non obstante, os solicitantes poderán chegar a un acordo co concello, formalizado no correspondente convenio de colaboración, en virtude do que o concello executará as obras a custa dos interesados, que constituirán depósito ou garantía do devandito custo con carácter previo ou simultáneo á sinatura do convenio.

As novas instalacións, unha vez executadas, serán recibidas por parte do concello, tras a inspección polos servizos técnicos municipais. En caso de que como resultado da inspección se encontren deficiencias na súa execución, non se recibirán, e, por conseguinte, non se permitirá a súa entrada en funcionamento, mentres non se emenden ditas deficiencias, requiríndose aos interesados en tal sentido.

Para os efectos de garantir a eficacia do procedemento inspector, as instalacións non poderán ser cubertas de xeito definitivo mentres non se proceda á súa inspección e ao informe favorable dos servizos técnicos municipais.

En solo urbano non consolidado estarase ao previsto no artigo 17

3.- As obras de ampliación da rede discorrerán, por regra xeral, por terreos de dominio público. De se tratar de terreos privados, os donos deberán pór á libre disposición do concello unha franxa de 3,00 m de ancho ao longo do percorrido da rede ou constituír unha serventía a prol do concello, que será inscrita no Rexistro da Propiedade.

4.- Como as instalacións resultantes das obras de modificación ou ampliación da rede mencionadas son de titularidade pública, o concello poderá autorizar as conexións a ela dos empalmes existentes con anterioridade á realización das obras.

ARTIGO 17.- URBANIZACIÓNS E UNIDADES DE EXECUCIÓN:

1.- As instalacións das redes de subministración propias de urbanizacións, de novas rúas ou de unidades de execución, serán realizadas polo promotor con suxeición ao proxecto técnico aprobado polo concello.

Enténdese por urbanización aquela actuación urbanística destinada a transformar os terreos urbanos ou urbanizables en soares, mediante a creación, modificación ou ampliación da infraestrutura viaria e de servizos, tanto se as obras se realizan para a conexión entre os distintos terreos nos que se divide a unidade coma se son para conectar o polígono con outra área xa urbanizada con servizos.

2.- A autorización de conexións á rede de subministración de auga por polígonos ou urbanizacións está suxeita ao cumprimento das seguintes condicións previas:

a) As redes interiores de distribución de auga serán proxectadas por técnico competente.

b) As obras e instalacións serán executadas por conta do promotor ou propietario baixo a dirección de técnico competente e de conformidade coas normas técnicas aplicables.

c) Durante a realización das obras, ou antes da súa recepción, o concello poderá esixirlle ao promotor ou propietario, as probas e ensaios que xulgue convenientes para garantir a idoneidade da execución e o cumprimento das normas de calidade dos materiais. Estas probas e ensaios serán por conta do promotor ou propietario da urbanización.

O enlace das redes interiores coas exteriores que forman a rede pública de subministración e o reforzamento ou modificación destas últimas que teña a súa orixe na nova demanda creada pola urbanización ou polígono serán definidos no correspondente proxecto de urbanización.

3.- Logo de que se rematen as instalacións, estas serán verificadas polo concello; se as acha conformes, incorporaranse á rede pública.

4.- A realización da conexión á rede de subministración de auga das edificacións e terreos da urbanización é competencia exclusiva do promotor tras a autorización e verificación por parte do concello.

CAPÍTULO V.- AS INSTALACIÓNS INTERIORES

ARTIGO 18.- INSTALACIÓNS INTERIORES:

1.- Enténdese por instalacións interiores do servizo as existentes en cada inmoble ou terreo a partir da chave de beirarrúa e que forman parte integrante del.

2.- As instalacións interiores de subministración de auga deberán ser realizadas e executadas con suxeición ás normas legais de aplicación.

ARTIGO 19.- INSPECCIÓN DAS INSTALACIÓNS INTERIORES:

1.- As instalacións interiores dun inmoble realizadas polo usuario estarán suxeitas á inspección do concello coa finalidade de comprobar se foron executadas conforme ás normas legais e técnicas aplicables.

2.- Cando as instalacións interiores non se axusten ás normas citadas, o concello denegará a conexión ou, se é o caso, suspenderá a subministración de auga, e comunicarallo ao interesado para que corrixa as deficiencias rexistradas no prazo que se lle sinale.

ARTIGO 20.- CONSERVACIÓN DAS INSTALACIÓNS INTERIORES:

1.- O usuario será o responsable da conservación e mantemento das instalacións interiores do servizo e estará obrigado a amañar, pola súa conta, os danos e avarías que sufran. As reparacións deberanse realizar no prazo máximo de cinco días naturais desde que se produza o dano ou avaría.

2.- Se o estado das instalacións interiores de subministración de auga dun inmoble ou terreo constitúe un perigo para a seguridade das persoas ou unha ameaza de dano inminente para as cousas, o concello poderá suspender a subministración de auga de xeito inmediato, notificándollo, así mesmo, ao usuario.

3.- Cando exista perigo de danos inminentes e graves para as persoas ou para as cousas, derivado do estado das instalacións interiores de subministración de auga dun inmoble, o concello poderá realizar por si as obras imprescindibles para evitalo e repercutirá no usuario responsable os gastos orixinados.

CAPÍTULO VI.- OS CONTADORES

ARTIGO 21.- A MEDICIÓN DO CONSUMO DE AUGA:

1.- A medición do consumo de auga que servirá de base á facturación realizarase por medio de contadores. Os contadores serán dalgún dos modelos que estableza a Alcaldía, tras a información pública por prazo de quince días hábiles, de entre os homologados e verificados pola autoridade administrativa competente.

2.- Toda vivenda unifamiliar ou local en que se realicen actividades comerciais, industriais, profesionais ou de servizos, disporá dun contador individual que será propiedade do usuario. Se nun inmoble hai máis dunha vivenda ou local, cada un deles disporá dun contador independente, sen prexuízo do que corresponda para os servizos comúns.

3.- Cando nun local coexistan varias clases de usos, poranse contadores independentes para cada un deles; pero, se por razóns técnicas soamente puidese haber un, o consumo total será facturado conforme á tarifa máis alta das aplicables.

ARTIGO 22.- SITUACIÓN OU POSICIÓN DOS CONTADORES:

1.- Os contadores estarán situados nun lugar axeitado e accesible, preto da chave de paso, á altura do baixo e na parte de fóra do inmoble.

No caso de vivendas colectivas, os contadores irán nun compartimento ou caixa, en sistema de batería, no baixo do inmoble e nunha zona de uso común con acceso directo desde o portal de entrada.

2.- A modificación da situación ou posición do contador deberá ser autorizada polo concello, que poderá ordenala igualmente  para axeitala ao disposto neste regulamento. En ambos casos, será por conta do usuario.

ARTIGO 23.- COLOCACIÓN DOS CONTADORES:

A colocación dos contadores corresponderá aos usuarios, segundo as instrucións dos servizos técnicos municipais.

ARTIGO 24.- CONSERVACIÓN DOS CONTADORES:

1.- É obriga do usuario conservar e manter o contador en perfecto estado de funcionamento.

2.- O contador só poderá ser obxecto de manipulación polos empregados do concello. As operacións de mantemento, reparación e, se é o caso, substitución, suxeitaranse á autorización previa da Alcaldía, conforme ás instrucións dos servizos técnicos municipais. No caso de substitucións, deberá presentarse a derradeira lectura do contador que se substitúe así como o número do contador.

3.- Cando se comprobe a existencia de irregularidades ou avarías no contador, o concello requirirá ao usuario para que, no prazo de dez días, proceda á reparación ou substitución. Transcorrido ese prazo sen que o fixese, o concello poderá suspender a subministración de auga.

ARTIGO 25.- VERIFICACIÓN DE CONTADORES:

1.- Se un usuario xulga que o volume de auga realmente consumido non se corresponde co rexistrado no contador, poderá solicitar a súa revisión.

2.- As tolerancias para a verificación de contadores serán as que sinale o Centro Nacional de Metroloxía ou entidade pública equivalente.

3.- Se tras a correspondente comprobación se acredita que o funcionamento do contador é incorrecto, o concello requirirá ao usuario para a súa substitución, comunicándolle as condicións en que debe proceder.

4.- Se o funcionamento do contador é incorrecto e o usuario o solicita, o concello revisará as facturacións por consumo de auga correspondentes aos seis meses anteriores á solicitude de verificación, coas porcentaxes de desviación detectadas.

CAPÍTULO VII.- CONDICIÓNS DA SUBMINISTRACIÓN DA AUGA

ARTIGO 26.- GARANTÍA DE PRESIÓN E CAUDAL:

1.- O concello está obrigado a prestar o servizo de subministración de agua, coa presión da rede á altura do rasante da vía pública pola que cada inmoble teña a súa conexión.

2.- Se as condicións técnicas da subministración (presión e/ou caudal) non son suficientes para satisfacer as necesidades do usuario, este deberá realizar pola súa conta e cargo as instalacións necesarias para conseguir aquelas condicións, recorrendo a sistemas e materiais que estean homologados pola administración.

ARTIGO 27.- CONTINUIDADE DO SERVIZO:

Non sendo por causas de forza maior ou avarías nas instalacións públicas, o concello ten a obriga de manter permanentemente o servizo nas condicións sinaladas no artigo anterior.

ARTIGO 28.- SUSPENSIÓNS TEMPORAIS DO SERVIZO:

1.- O concello poderá suspender temporalmente o servizo nos seguintes casos:

a) Cando sexa imprescindible para realizar traballos de mantemento, de reparación ou melloras nas instalacións públicas.

b) No suposto de perda das condicións de potabilidade da auga que comporte un risco para a saúde dos usuarios.

c) Por causas de forza maior.

2.- Cando se produzan cortes previstos e programados, o concello deberá preavisar aos usuarios, cando menos con vinte e catro horas de antelación, por medio de anuncios nun medio de comunicación ou nos lugares públicos de costume. O preaviso advertirá da duración prevista de interrupción. Se os cortes fosen imprevistos por razóns de emerxencia ou forza maior, non será preceptivo este preaviso.

ARTIGO 29.- RESERVAS DE AUGA:

1.- Sen prexuízo do que dispoña a normativa específica aplicable, os usuarios que desenvolvan actividades industriais, comerciais ou de servizos nas que se precise a auga de xeito ininterrompido e inescusable para preservar a saúde pública e a seguridade das persoas e dos bens, deberán dispor de depósitos de reserva con capacidade abonda e adoptar as medidas precisas para garantir a continuidade das citadas actividades.

2.- A mesma obriga compételles aos usuarios que destinen a auga ao funcionamento de aparellos ou instalacións industriais, que se poden ver danados como consecuencia dunha interrupción ou diminución na subministración, de xeito que deben asegurar o seu autoabastecemento cando menos durante 24 horas.

3.- O concello non é reponsable dos danos e perdas que se poidan producir como consecuencia de que os usuarios non cumpran as obrigas previstas nos dous apartados anteriores.

ARTIGO 30.- RESTRICIÓNS NA SUBMINISTRACIÓN:

1.- O servizo de subministración de auga corrente ten por finalidade satisfacer as necesidades da poboación, e preferentemente, as derivadas dos usos domésticos. A utilización de auga para outras finalidades estará suxeita a que as necesidades de abastecemento da poboación o permitan.

2.- Sen prexuízo do que dispoña a normativa legal aplicable, a Alcaldía, cando concorran supostos de necesidade para garantir o mantemento da subministración de auga a servizos esenciais da comunidade e para o consumo humano, poderá restrinxir ou suspender a subministración de auga para usos non domésticos, sen que iso comporte ningunha obriga de indemnización. A resolución que ordene a suspensión ou restrición nestes casos, deberá ser notificada aos interesados.

CAPÍTULO VIII.- LECTURAS, CONSUMOS E FACTURACIÓN

ARTIGO 31.- PERIODICIDADE DA LECTURA DOS CONTADORES:

1.- O concello está obrigado a manter un sistema de lectura dos contadores permanente e periódico.

2.- A facturación do consumo realizarase conforme ao establecido na ordenanza fiscal correspondente.

ARTIGO 32.- LECTURA:

1.- A lectura farase en horario que vai das 8:00 ás 15:00 horas, por persoal autorizado polo concello, que levará a súa correspondente credencial.

2.- Cando, por causas alleas ao concello, non fose posible facer a lectura dun contador, o empregado deixará aviso da súa visita por medio dunha nota que recollerá aquela circunstancia e coa que se acompañará un impreso de lectura. Neste caso, o usuario cubrirá o impreso de lectura e deberallo devolver ao concello no prazo dos seis días seguintes á visita do lector. De non se presentar en dito prazo os impresos de lectura, efectuarase a facturación como se o consumo fose cero.

ARTIGO 33.- DETERMINACIÓN DO CONSUMO:

1.- O consumo de cada usuario determínase pola diferenza entre as lecturas de dous períodos consecutivos de facturación.

2.- O concello soamente terá en conta para a facturación a medición resultante do contador debidamente homologado e instalado.

3.- As fugas de auga que se produzan nas instalacións interiores e sexan rexistradas polo contador facturaránselle ao usuario de acordo coas tarifas correspondentes, salvo que se acredite a imposibilidade de ter coñecemento da existencia da avaría, en cuxo caso, tras o informe do encargado do servizo, seranlle facturadas ao prezo correspondente ao tramo de consumo mínimo.

4.- Se o concello detecta a través da lectura do contador consumos desproporcionados ou fóra do común, comunicarallo ao usuario para que faga as comprobacións oportunas nas súas instalacións interiores.

ARTIGO 34.- CONSUMOS CALCULADOS:

1.- Cando non sexa posible coñecer o consumo realmente realizado por un usuario por mor dunha avaría no equipo de medición, a facturación calcularase segundo o consumo rexistrado durante o mesmo período de tempo do ano anterior e, de non existir este, conforme á media aritmética dos seis meses anteriores.

2.- No caso de que non existan datos históricos para calcular o consumo consonte co que se di no parágrafo anterior, os consumos facturaranse polo mínimo esixible.

3.- Os consumos calculados de conformidade co que dispoñen os dous apartados anteriores terán carácter definitivo no caso de avaría no contador e provisional noutros supostos. Nestes últimos, logo de que se obteña a lectural real, o consumo calculado compensarase por exceso ou por defecto na facturación correspondente ao seguinte período.

4.- Cando se produza unha avaría no contador, o concello odenará a substitución o máis axiña posible, requirindo por escrito ao usuario.

5.- Se por ausencia do usuario non fose posible ler o contador durante tres períodos de facturación consecutivos, o concello advertiralle por escrito ao usuario da necesidade de normalizar a situación. Se o usuario non atende o requirimento no prazo de un mes, o concello suspenderá a subministración de auga. Para reanudar o servizo, o usuario deberá aboar a facturación correspondente ao consumo realizado e aos gastos de reposición da subministración.

CAPÍTULO IX.- SUSPENSIÓN E EXTINCIÓN DA SUBMINISTRACIÓN

ARTIGO 35.- CAUSAS DE SUSPENSIÓN DA SUBMINISTRACIÓN:

1.- O concello poderalles suspender a subministración de auga aos usuarios polas seguintes causas:

a) Por falta de licenza de enganche á rede.

b) Por falta de pagamento da facturación por subministración de auga transcorrido o prazo de dous meses des que rematase o período de pagamento en vía voluntaria.

c) Por mor de que o usuario derive ou permita a derivación de auga desde as súas instalacións a outros inmobles, terreos, edificacións ou locais diferentes aos sinalados no contrato.

d) Por mor de que o usuario non lle permita a entrada no seu inmoble ou local ao persoal autorizado do concello, se se pretende a entrada dentro do horario previsto neste regulamento e ten por finalidade revisar ou inspeccionar as instalacións. A negativa do usuario a permitir a entrada constatarase perante un axente da autoridade.

e) Por mor de acharse derivacións clandestinas de auga desde as instalacións da rede pública de subministración. Enténdese por derivacións clandestinas as realizadas sen autorización do concello. Nestes casos, o concello poderá suspender a subministración de xeito inmediato.

f) Por mor de que o uso que lle dea á auga o usuario ou o estado das súas instalacións interiores poidan afectar negativamente ás condicións de potabilidade na rede de distribución. Neste caso o concello poderá suspender a subministración de xeito inmediato.

g) Por mor de que o usuario non cumpra a orde de modificación das condicións da caixa do contador, de substitución do contador ou de reparación das instalacións interiores para adecualas ás condicións regulamentarias.

h) Por non ser posible a lectura do contador durante tres períodos de facturación consecutivos.

i) Por utilización inapropiada da auga doméstica para regar ou para outros usos diferentes dos autorizados.

k) Por infracción das restricións ou prohibicións de usos da auga legalmente adoptadas.

2.- A potestade de suspensión da subministración enténdese que o é sen prexuízo das outras accións legais que sexan procedentes para esixirlles aos usuarios as responsabilidades en que puidesen incorrer.

ARTIGO 36.- PROCEDEMENTO DE SUSPENSIÓN DA SUBMINISTRACIÓN:

1.- Cando conste a concorrencia dalgún dos supostos previstos no artigo 35, o concello procederá, a través da Alcaldía, a comunicarllo ao interesado, advertíndoo expresamente da posibilidade de suspensión, e concedéndolle un prazo de quince días hábiles de audiencia para formular as alegacións que estime pertinentes. Igualmente, se durante dito prazo se procede por parte do usuario á eliminación da causa de suspensión, deberá acreditalo fidedignamente ante o concello.

Logo da audiencia ao interesado, e tendo en conta as súas alegacións, a Alcaldía resolverá suspender a subministración se resulta confirmada a produción dun dos supostos de feito contemplados no artigo 35 e non se acredita a súa desaparición. Dita suspensión terá carácter indefinido mentres non desapareza a causa que motiva a suspensión, e sen prexuízo da caducidade da licenza de enganche, conforme ao artigo 37

2.- O concello reporá a subministración nos dous días soltos seguintes a aquel no que se corrixiron as causas en que se baseara a suspensión, e tras o pagamento dos dereitos que procedan de conformidade coa ordenanza fiscal.

3.- Logo de transcorrer dous meses desde que se producise a suspensión sen que o usuario emendara as causas que a motivaron, o concello poderá declarar, tras a audiencia do interesado, a caducidade da licenza de enganche, interrompendo definitivamente o servizo até que se obteña unha nova licenza.

ARTIGO 37.- EXTINCIÓN DA SUBMINISTRACIÓN:

1.- A licenza de enganche extinguirase:

a) Por renuncia expresa do usuario.

b) Por derrubamento, destrución ou modificación substancial do inmoble ao que estaba destinada a subministración.

c) Por caducidade, declarada expresamente por resolución da Alcaldía logo da audiencia ao interesado, cando, transcorridos dous meses dende a data da suspensión do servizo conforme aos artigos 35 e 36, esta persistise.

d) Por inutilización da conexión por máis de tres anos, cando non se aporte verificación da conexión conforme ao artigo 15, e logo da declaración expresa da caducidade conforme ao establecido no parágrafo anterior.

CAPÍTULO X.- DEREITO DE INFORMACIÓN, RECLAMACIÓNS E RECURSOS

ARTIGO 38.- DEREITO DE INFORMACIÓN E QUEIXA:

1.- Os usuarios teñen o dereito de obter do concello información oral ou por escrito de todas as cuestións que atinxan á súa conexión e ás condicións de prestación do servizo.

Igualmente, teñen dereito á formulación de queixas ou suxestións en relación co funcionamento do servizo.

2.- O concello informará ao cidadán, no prazo de 20 días, das actuacións realizadas e das medidas que, de ser o caso, vaia adoptar.

3.- Se como consecuencia de calquera queixa ou suxestión presentada ou do expediente que dela derive houbese indicios do funcionamento anormal do servizo, iniciará as actuacións legalmente procedentes para corrixir a irregularidade e aclarar as responsabilidades que procedan.

ARTIGO 39.- RECLAMACIÓNS E RECURSOS:

Contra os actos ditados en execución do presente regulamento procederán os recursos administrativos e xudiciais previstos na lexislación vixente en cada momento.

ARTIGO 40.- RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL DO CONCELLO:

Darán lugar a indemnización os danos e perdas que sufran os usuarios nos seus bens e dereitos e que sexan consecuencia do funcionamento do servizo. O usuario poderá reclamar aquela indemnización polos procedementos que prevé a normativa reguladora da responsabilidade patrimonial das administracións públicas e da expropiación forzosa, sen prexuízo das accións civís ou penais que, de ser o caso, procedan.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA:

Queda derrogado o anterior Regulamento do servizo de subministración de auga potable a domicilio, aprobado polo Pleno en data 16.3.2001

DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA:

O presente Regulamento entrará en vigor unha vez aprobado definitivamente e cando sexa publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85, reguladora das bases do réxime local.

A secretaria                                                                                                             O alcalde




Paula María Vázquez Carrasco                                                    Emilio González Afonso

DILIXENCIA: para facer constar que este regulamento publicouse integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense número 199 de data 31.8.2005

A secretaria





Paula María Vázquez Carrasco