Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade
Verín e Chaves inauguran o servizo de asesoramento EURES transfronteirizo na sede da Eurocidade PDF Imprimir Correo-e
Martes, 16 Abril 2013 13:25

A sede da Eurocidade Chaves-Verín (antiga aduana de Feces de Abaixo) acolleu, na mañá de hoxe, a sinatura do convenio de colaboración con ACISAT (Associação Empresarial do Alto Tâmega) para a posta en funcionamento do servizo de asesoramento EURES transfronteirizo na sede da Eurocidade.


Devandita sinatura, na que participaron o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, o vice-presidente do Município de Chaves,  António Cabeleira, o presidente da dirección de ACISAT,  João Miranda Rua, e a coordenadora EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia, Teresa González Ventín, permitirá que os/as verinenses e flavienses dispoñan na sede da Eurocidade dun conselleiro desta rede europea de servizos de emprego, e así solucionar cuestións que teñan no ámbito da mobilidade dos/as traballadores/as a nivel transnacional e transfronteirizo, información e apoio na busca de emprego promovendo o contacto entre candidatos e empregadores/as fóra do país, ou principais barreiras no ámbito do emprego intracomunitario, entre outras.

Grazas a este convenio, ACISAT ampliará os servizos EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia á Eurocidade nos ámbitos de información, orientación e colocación, tanto aos/ás candidatos/as a emprego como aos/ás empregadores interesados no mercado de traballo europeo. Unha actuación lograda por dúas razóns: unha aséntase nun dos obxectivos da ACISAT  que é a colaboración coa administración pública na definición de coordenadas da política socioeconómica en materia de relacións de traballo, formación profesional e seguridade social; e a segunda, é que tanto Chaves como Verín apostaron polo desenvolvemento dun modelo de cooperación transfronteiriza de segunda xeración que reforce a cohesión económica e social, mellore a calidade de vida dos/as seus/súas veciños/as e aumente a atracción desta zona como destinataria de inversións e creación de emprego. “Na Eurocidade se está a producir un incremento da mobilidade de emprego transfronteirizo, resultante das interrelacións entre os dous da fronteira, así como da ampliación da área de influencia por quen está á procura de oportunidades laborais”, subliñou o rexedor verinense, “por este motivo queremos facilitar os recursos necesarios aos nosos veciños para impulsar devandita mobilidade, e esta iniciativa será unha plataforma de información e orientación de carácter relevante”.

Como consecuencia do mesmo, que terá un ano de vigor (renovable de modo automático) dúas veces ao mes o conselleiro EURES de ACISAT desprazarase ata a sede da Eurocidade Chaves-Verín, co obxecto de prestar os servizos básicos EURES de información, orientación e colocación. “As Eurocidades, especialmente a de Chaves e Verín, son uns bos laboratorios e plataformas para o lanzamento de proxectos de integración dos seus cidadáns porque nestas dúas cidades, que conviven desde fai tantos anos, existe unha real convivencia social, económica e poboacional; e que permiten comprobar se o que se lexisla funciona ou non, e así seguir a realizar propostas para que exista esa integración real da poboación”, subliñou Teresa González Ventín.

Esta sinatura tivo lugar antes do Encontro 'A Mobilidade de Traballadores entre Galicia e Portugal: oportunidades, obstáculos e desafíos', organizado por ACISAT e Eurocidade Chaves-Verín, coa colaboración do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Durante este encontro analizouse por parte dos axentes de emprego e formación de Verín e Chaves (como directores de oficinas de emprego, seguridade social ou facenda, axentes de desenvolvemento local, sindicatos, asociacións de comerciantes, empresarios ou sector educativo), a mobilidade de traballadores/as entre Galicia e Portugal, as oportunidades, obstáculos e desafíos que se plantexan neste ámbito.

A Eurocidade Chaves - Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).