Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Semana cultural Xesús Taboada Chivite
Semana cultural Xesús Taboada Chivite PDF Imprimir Correo-e
Venres, 12 Setembro 2008 11:12
A Casa da Cultura de Verín acollerá desde o próximo luns ao sábado día 20 a Semana Cultural Xesús Taboada Chivite, coa que se pechan os actos conmemorativos do ano do centenario do nacemento do intelectual verinense.
 
A Semana Cultural Xesús Taboada Chivite comezará o luns día 15, ás 20.15 horas, coa presentación da reedición de O culto das pedras no Noroeste peninsular. A obra edítase de novo por iniciativa do Concello de Verín, coa colaboración da Real Academia Galega e a Deputación de Ourense. O texto recolle o discurso de ingreso de Xesús Taboada Chivite na Real Academia Galega o 20 de novembro de 1965 e a resposta do académico Xaquín Lorenzo Fernández. No acto de presentación da reedición participará o secretario da Real Academia Galega, Manuel González González.

O martes día 16, ás 20.15 horas, Adolfo Taboada Sanz disertará sobre O Verín das pedras nobres. Adolfo Taboada, dedícase, desde a súa xubilación como xurista, a actualizar as investigacións de Taboada Chivite sobre xenealoxía e heráldica na comarca de Verín. A súa conferencia complementaraa coa súa visión do perfil humano de Taboada Chivite. Taboada Sanz, pola súa relación familiar, sobriño e afillado do finado, alumno de Xesús Taboada Chivite na Academia Verinense, compañeiro seu de traballo posteriormente en Telégrafos e, por último, avogado ao servizo de D. Xesús, é unha das persoas que ten unha perspectiva máis ampla sobre o intelectual verinense finado.

Raquel Queizás, actriz profesional nativa de Verín e que leva no seu nome artístico a denominación do lugar onde viven os seus pais, presentará o mércores día 17, tamén as 20.15 horas, unha dramatización súa de O monxe infame e doutras lendas da comarca que recollera o homenaxeado de fontes orais.

O xoves día 18 reuniranse nunha “tertulia”, que coordinará Joaquín González Fuentes, antigos alumnos da Academia Verinense. O acto que se celebrará ás 20.15 horas servirá para recuperar a memoria do centro que dirixiu Xesús Taboada e da formación dos bachareis da comarca nas décadas dos cincuenta, dos sesenta e comezos dos setenta .

Xerardo Dasairas Valsa, ex-alumno da Academia Verinense, presentará o venres día 19, a partir das 20.15 horas, o audiovisual In Memoriam Xesús Taboada Chivite.

Os actos da Semana Cultural Xesús Taboada Chivite concluirán o sábado día 20 coa entrega ás 12 horas na Casa da Cultura de Verín do Premio Xesús Taboada Chivite. O acto está organizado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín. Paula Godinho, antropóloga portuguesa, foi a gañadora co traballo titulado Ouvir o galo cantar duas vezes. Identificações locais, culturas de orla e construção de nações na fronteira entre Portugal e a Galiza.
 




Guía da Comarca de Verín













Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica
Buzón do Cidadán


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac