Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Servizos Sociais Novas de Educación Familiar Proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral
Proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral PDF Imprimir Correo-e
Luns, 20 Maio 2013 12:15

Desde o departamento de Educación Familiar infórmase da publicación da orde do 25 de abril de 2013 pola que se convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, de distintas familias profesionais.

O obxecto é realizar a convocatoria, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada da organización e do desenvolvemento do proceso de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral e por vías non formais de formación, a través da Subdirección Xeral de Formación Profesional -o desenvolvemento do proceso terá lugar nos centros integrados de formación profesional (CIFP) recollidos no anexo II desta orde-: Administración e Xestión, Electricidade e Electrónica, Enerxía e Auga, Edificación e Obra Civil, Fabricación Mecánica, Hostalaría e Turismo, Industrias Alimentarias, Instalación e Mantemento, Madeira e Moble, Química, Sanidade, Servizos Socioculturais e á Comunidade e Transporte e Mantemento de Vehículos.

Convocatoria do procedemento
- As unidades de competencia e o número de prazas obxecto desta convocatoria, así como a súa relación cos títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade, son as recollidas no anexo I desta orde.
- A convocatoria será publicada integramente no Diario Oficial de Galicia, e un extracto dela no BOE.

Comisión coordinadora do procedemento de acreditación de competencias
- Con sede na Subdirección xeral de Formación Profesional existirá una comisión de coordinación encargada de:
a) Cualificar a documentación presentada polos solicitantes maiores de 25 anos recollidos no artigo 6.2 desta orde.
b) Coordinar os traballos das distintas comisións de cualificación da documentación constituídas en cada centro sede dos procedementos.
c) Supervisar o procedemento de acreditación de competencia convocado pola presente orde.
- Esta comisión estará integrada polo titular da Subdirección Xeral de Formación Profesional como presidente, o xefe do Servizo de Prientación Profesional e Relación con Empresas e tres funcionarios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un dos cales actuará como secretario.
Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Posuír a nacionalidade española, dispor do certificado de rexistro de cidadanía comunitaria ou da tarxeta de familiar de cidadán da Unión Europea, ou ser titular dunha autorización de residencia ou de residencia e traballo en España en vigor, nos termos establecidos na normativa española de estranxeiría e inmigración.
b) Ter cumpridos no momento de realizar a inscrición, 18 anos para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel I e 20 anos para as unidades de competencia de nivel II e III.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.
c.1) No caso de experiencia laboral, xustificar polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis II e III, e para unidades de competencia de nivel I, xustificarán polo menos 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.
c.2) No caso de formación, xustificar polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel I ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis II e III, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretenda acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular), ou realizando formación profesional para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia en que soliciten a súa inscrición. Tampouco poderán ter completado un curso de formación profesional inicial nin de formación para o emprego polo cal teñan dereito á acreditación directa das mesmas unidades de competencia ou equivalentes ás que agora se convocan. Non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou en probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia. Para todo isto, presentarán declaración responsable, segundo o modelo que figura como anexo IV desta orde de convocatoria.
As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados no punto anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presente a xustificación, mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.

A xustificación da experiencia laboral farase cos seguintes documentos:
a) Para traballadores e traballadoras asalariados.
a.1) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación (vida laboral).
a.2) Contrato de traballo ou certificación da empresa en que se adquirise a experiencia laboral, que reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, a actividade desenvolvida e o período en que se realizou a devandita actividade. A certificación presentarase segundo o modelo de anexo VI desta orde.
b) Para traballadores e traballadoras autónomos ou por conta propia.
b.1) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña, dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial correspondente (vida laboral).
b.2) Descrición da actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que esta se realizou segundo o modelo establecido no devandito anexo VI.
c) Para voluntarios ou bolseiros.
Certificación da organización onde se prestou a asistencia, onde consten especificamente as actividades e as funcións realizadas, o ano en que se realizaron e o número total de horas dedicadas a elas.

Xustificación da formación
Para as competencias profesionais adquiridas a través de vías non formais de formación, a xustificación realizarase mediante documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretenda acreditar.  En cada certificado presentado deberán constar os contidos e as horas de formación, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación. No caso de ter realizados estudos parciais para a obtención dun título oficial ou certificado de profesionalidade pertencente a plans de formación extinguidos, débese presentar o correspondente certificado expedido polo centro oficial responsable. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.

A solicitude de participación no procedemento farase, antes do 10 de xuño de 2013, empregando a aplicación informática subministrada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se atopa na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. A solicitude conforme o modelo anexo III desta orde, logo de ser cuberta e xerada pola aplicación deberase imprimir para a súa presentación, dirixida á secretaría dos centros onde se vaia desenvolver o proceso, segundo o establecido no anexo II desta orde. Os datos relacionados coa documentación xustificativa do historial profesional e/ou formativo e dos requisitos de participación no procedemento segundo o establecido nos artigos 6 e 7 desta orde deberán cargarse na devandita aplicación informática. De ser o caso, e despois de xerada a solicitude desde a aplicación informática, en caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Os solicitantes que participaron na convocatoria anterior, Orde do 29 de decembro de 2011, e pasaron á fase de asesoramento e/ou de avaliación ou quedaron como reservas por non dispor de prazas vacantes, de participar na presente convocatoria na mesma sede poderán solicitar:
- Unidades de competencia das cales xa fosen baremados. Poderanse acoller a manter a puntuación previa , sen necesidade de achegar a documentación xa alegada. No caso depresentar novos méritos, so serán tidos en conta aqueles que fosen acadados a partir da data de peche de presentación de solicitudes da convocatoria anterior, para o cal presentará a nova documentación xustificativa. A puntuación obtida destes novos méritos engadirase á puntuación previa.
- Novas unidades de competencia. Non será necesario que presente documentación xa alegada. O mesmo que no caso anterior, no caso de achegar novos méritos, so serán tidos en conta aqueles que fosen acadados a partir da data de peche de presentación de solicitudes da convocatoria anterior, para o cal presentará a nova documentación xustificativa. Para o cálculo de puntuación acadada aplicaranse os criterios recollidos no anexo V e non se terá en conta o puntuación previa doutras unidades de competencia.

Xunto coa solicitude deberase presentar a seguinte documentación:
- A fotocopia do DNI ou, no caso de persoas estranxeiras, NIE ou autorización de residencia ou de residencia e traballo en vigor en España; só será necesario en caso de que a persoa solicitante non autorice a consulta de datos no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.
- Historial profesional e/ou formativo de acordo co currículo europeo.
- Documentación xustificativa do historial profesional e/ou formativo segundo o establecido no artigo 7.
- Declaración responsable segundo o modelo de anexo IV, de non estar en posesión ou en vías de obter as unidades de competencia en que soliciten a súa inscrición, xa sexa por estar matriculado actualmente nas ensinanzas de formación profesional inicial (ordinario ou modular), ou realizando un curso de formación para o emprego ou por estar participando simultaneamente noutro procedemento de acreditación de competencias profesionais.
Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.  A falsidade nos datos achegados ou declarados suporá a exclusión do procedemento.  Cada participante cubrirá unha única solicitude. Poderá elixir unha ou varias unidades de competencia das que se convocan, sempre que estean incluídas nun mesmo ciclo formativo e se desenvolvan nunha mesma sede.  Para as persoas aspirantes con algunha discapacidade que soliciten algún tipo de adaptación, certificado acreditativo de discapacidade en vigor, só no caso de non ter que ser emitido pola Xunta de Galicia. Se adicionalmente solicitan a exención das taxas nas fases de asesoramento e de avaliación, a certificación debe indicar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.. Calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretenda demostrar.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse ao departamento de Educación Familiar, situada na Casa da Xuventude (Avda. de Portugal, 11) ou no teléfono 988-414776 (tamén no DOG 20-05-2013)

 
Casa da Xuventude de Verín
Avda. de Portugal, 11 bis
Horario:
de Luns a Venres
de 9:00 a 14:00
Tlno.
988.41.47.76
Liñas de Móbil
608.52.01.97
608.52.01.98
Fax
988.41.22.59


Programa de Educación Familiar


Novas >>>

Teléfonos de Interese

Teléfono da Infancia

900.333.666

Servizo do Menor

988.38.66.21

Gabinete de Orientación Familiar

988.38.61.28