Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home
Tradición, identidade e “diversión para todas as idades”, piares do Entroido de Verín 2016 PDF Imprimir Correo-e
Venres, 22 Xaneiro 2016 17:35

Esta mañá, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e as concelleiras de Turismo e Cultura, Purificación Caldelas e Emilia Somoza, presentaron a programación do Entroido de Verín 2016 na casa Consistorial.


En canto ao orzamento do Entroido, Gerardo Seoane explicou que os gastos son moi similares aos do ano pasado, ao redor das 100.000€. “O que sí que temos que destacar”, puntualizou, “é que aumentou significativamamente a recadación popular, tanto do libro como dos donativos, pasando de 22.274€ a edición pasada a, aproximadamente, 40.000€ nesta edición”. “A esta cantidade”, proseguiu  o alcalde verinense, “temos que sumarlle a achega realizada pola Axencia Galega de Turismo de 30.000€, os beneficios finais da venta do Merhandising oficial e a cantidade, aínda sen determinar, que achegue a Deputación de Ourense mediante a subvención xa tramitada”.

 

A Concelleira de Cultura quixo facer especial fincapé en que o deseño da programación deste ano tivo como base as anteriores edicións do Entroido pero sempre atendendo ás múltiples peticións dos/as veciños/as. “O que queremos conseguir nesta edición é que a festa teña como piares a tradición, a identidade propia e, como non pode ser doutra maneira, a diversión enfocada a todas as idades”. Neste sentido, Somoza quixo recalcar que todos os cambios realizados sempre se fixeron en base ás peticións populares. “tras escoitar a moitas mulleres, comentábannos que a penas tiñan tempo para gozar das ceas, é por isto que decidimos atrasar o pregón unha hora”.

 

Fundamental nesta edición será a volta ao Entroido de día. “Aumentouse o numero de charangas e a súa itinerancia polas vila. Con isto queremos volver ao tradicional Entroido na rúa que cremos, é parte da verdadeira esencia do entroido de Verín”.

 

Nesta edición do Entroido instalaranse tamén colectores de lixo e sanitarios portátiles ecolóxicos (entre os que se inclúe un para persoas con mobilidade reducida) en puntos estratéxicos das zonas de maior afluencia de xente. “Desde o Concello, queremos poñer todo  o que está da nosa parte para manter un Verín limpo”, explicou Purificación Caldelas.

 

Jaime Noguerol, pregoeiro o Xoves de Comadres

A concelleira de Turismo, Purificación Caldelas, confirmo tamén esta mañá que  o encargado de realizar o tradicional pregón o Xoves de Comadres será o xornalista, letrista musical, poeta e escritor ourensán Jaime Noguerol.

 

Novo portal web para o Entroido 2016:   carnavaldeverin.com

Desde hoxe, o Entroido de Verín conta  cunha nova web oficial, diseñada por Vicente Rodríguez e Javier Fernández (Imaxina+) que substitúe á que tiña o Concello de Verín desde o ano 2001.  “O que buscamos con esta páxina temática é, a parte de crear un espazo moito máis visual e intuitivo, ofrecer ao internauta toda a información que necesita saber sobre o Entroido de Verín”, explicou Vicente Rodríguez, un dos responsables do desenvolvemento da web. 

Vicente Rodríguez tamén quixo agradecer "a moitos escritores que colaboraron na súa realización e permitíronos usar os contidos das súas obras (Xerardo Dasairas, José Rodíguez Cruz, Miguel Losada, entre outros...), agradecer a aquelas persoas que colaboraron fai un montón de anos para xerar contidos gráficos que non tíñamos, agradecer a Manu Correa por crear un canal de youtube onde irá subindo vídeos propios, agradecer a Michael Granja e Leonardo Vidal, por deixarnos utilizar os seus cadros na web"


Programa do entroido de Verín 2016


XOVES DE COMPADRES (28 de xaneiro)

 Os "compadres", dan o pistoletazo de saída ao tradicional Entroido de Verín que arrinca tras a primeira saída dos cigarróns. Tras as típicas ceas nos restaurantes da localidade, ás 23:00 horas, Os "compadres" percorrerán, ataviados cos seus característicos chapeus, bigotes e gabardinas, a rúas Montemaior, Cruz, Praza da Mercé, Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Deputación, Luís Espada, Lisa e Praza García Barbón onde, entre o estrondo dos petardos, celebrarán o xuízo e a queima do Maragato.

A charanga Támega e a Banda de Gaitas do Concello de Verín serán os responsables de acompañar ao carro do Maragato que, provisto con bica e licor café, conducirá aos compadres polas céntricas rúas de Verín. Tras a queima, a festa rematará na Praza García Barbón ca Disco-Móvil Jorge.

 

 

DOMINGO DE CORREDOIRO (31 de xaneiro)

 A partir das 11:30 horas, o son de chocas alagará as rúas de Verín coa popular concentración de Cigarróns na Praza do Concello. Como  é tradición,  os/as fregueses/as serán recibidos á saída das igrexas RR.PP Mercedarios e Parroquial polos cigarróns.

 As charangas Támega e Ideal , e o grupo Aramio (a partir das 18:00 horas na Praza Maior)  marcarán o ritmo durante toda a xornada.

 

 

XOVES DE COMADRES (4 de febreiro)

 Pola mañá, a partir das  11:45 horas, os nenos/as de, Kero-Kolo do Concello de Verín, Gardería Pinocho, CEIPs Amaro Refojo, Princesa de España, Castrelo do Val, Rodolfo Núñez de Vilardevós, Vendas dá Barreira, Augusto Assia da Mezquita, Medeiros, Colexio Rural Agrupado Monterrei e o Colexio María Inmaculada  percorrerán as rúas máis céntricas de Verín no Desfile Infantil de Entroido. Do mesmo xeito que o ano pasado, o desfile comezará no entroncamento de Canella  Cega coa rúa Cabrairoá e  seguirá polas rúas Deputación, Luís Espada e Lisa, para finalizar nas Prazas García Barbón e Maior. Nesta ocasión o desfile contará coa música das charangas Támega, Ideal, Vakapinta, Europa e Nova Terra de Trives.

E pola noite, mandan as mulleres. Tras as tradicionais ceas das comadres nos restaurantes da vila, amenizadas polas charangas Europa, Nova Terra de Trives, Támega, Roubabicos, Ideal, Fuego e Vakapinta, as mulleres dirixiranse á Casa de Escudo, no barrio de San Lázaro, onde, sobre a 1 da madrugada, partirá a procesión. A Raíña recibirá a comitiva encabezada por Don Carnal que descenderá polo camiño Real e dirixiranse a Praza García Barbón para  escoitar o pregón, que pon punto seguido ás longas noites de festa non Entroido de Verín. A festa rematará na Praza García Barbón coa Orquestra Capitol.

 

VENRES DE COMPADREO (5 de febreiro)

Neste día, o “Capuchón” e a “Mascarita” serán os protagonistas. Pola mañá,  a charanga Ideal percorrerá as rúas de Verín. Pola tarde, A celebración comezará ás 19:00 horas no barrio de San Lázaro, desde onde sairán dous 'carros' custodiados por 'capuchóns' e 'mascaritas' cara á rúa Irmáns Moreno, lugar no que os entroideiros degustarán bica, viño, empanada e o tradicional porco ao espeto. En todo momento a música acompañará aos carros a cargo das charangas Támega e Ideal. Xa a medianoite, a festa continuará na Praza maior a cargo da Discomóbil A Gramola.

 

 

SÁBADO DE ENTROIDO (6 de febreiro)

 Ás 17:00 horas, o protagonismo será para un acto que cada vez convoca a mais espectadores, O “Bautizo do Cigarrón”, momento solemne e esperado polos novos cigarróns no que serán investidos por primeira vez, na Praza da Mercé. A banda sonora da cerimonia e da homenaxe estará a cargo das charangas Fuego e Támega,  que percorrerán as rúas durante toda xornada.

Pola mañá, as Charangas Fuego e Támega percorrerán as rúas. Xa pola tarde, a partir das 19:00 horas contaremos cun divertido circuíto no que as charangas Fuego e Támega  levarán a música e a festa polas rúas Montemaior, Lisa, Cruz, Praza Edesio Fuentes, Praza da Mercé, e regresarán a rúa Montemaior.

A festa continuará, a partir das 19:00 horas na Praza Maior da man de orquestras Trebol e América.

 

 

DOMINGO DE ENTROIDO (7 de febreiro)

 Chegamos o día grande do entroido en Verín. A a partir das doce, comparsas, carrozas e cigarróns, percorren o centro da vila no gran desfile matinal ofrecendo os asistentes un espectáculo cheo de cor, orixinalidade e humor que se prolongara ate a hora de xantar.

Durante toda a xornada, as charangas Támega, Fuego, Vakapinta, Ideal e Nova Terra de Trives encherán as rúas da vila coa súa música, pola tarde/noite a Disco-Móvil Son de la Nuit e a orquestra Grupo D´Moda amenizarán a Praza García Barbón ata ben entrada a madrugada.

 

LUNS E ENTROIDO (8 de febreiro)

A partir de las 16:30 horas,  entroido infantil con obradoiros, xogos e karaoke no Pavillón Municipal de Deportes. A tarde estará amenizada pola música das charangas Támega e Jalácticos que percorrerán a vila entre mascaras e disfraces. Non nos esquecemos dos nosos maiores, no Centro da Terceira  Idade da Alameda, haberá un divertido baile  de entroido coa Charanga Támega.

Ás 19:00 horas, na Praza Edesio Fuentes, repartirase empanada e  bica e, para rematar, contaremos coa actuación da orquestra Compostela na Praza García Barbón.

 


MARTES DE ENTROIDO (9 de febreiro)

Chegamos a recta final. último día da gran troula popular. Pola maña, animación musical a cargo das charangas Támega e Vakapinta.

A partir das 16:30 da tarde, o derradeiro desfile repleto de máscaras, disfraces e grandes doses de humor, acompañadas de acordes musicais das charangas Támega, Vakapinta, Roubabikos e Ideal. Como non podería ser de outra maneira, a festa seguirá, a partir das 19:30 horas na Praza Maior coas orquestras Ciclón e Trobadores.

 

DOMINGO DE PIÑATA (14 de febreiro)

Como epílogo das festas, o Domingo de Piñata pecha a semana grande cunha gran comida popular para os participantes nos desfiles. A partir das 18:00 horas, a festa seguirá no Pavillón Municipal de Deportes coa Discomóbil A Gramola.