Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA SOBRE CIVISMO, REGULADORA DO USO E LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA E A PROTECCIÓN DA PAISAXE URBANÍSTICA
ORDENANZA SOBRE CIVISMO, REGULADORA DO USO E LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA E A PROTECCIÓN DA PAISAXE URBANÍSTICA PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 07 Maio 2009 08:54

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:


Unha vila é algo máis que un conxunto de edificios, rúas, parques e prazas. A vila fórmana fundamentalmente os seus cidadáns. Son eles os que comparten con institucións, axentes sociais e económicos, a tarefa colectiva de construír cidade e de facelo coa idea de mellorar a convivencia.

A responsabilidade compartida de facer cidade esixe seguir unhas pautas de comportamento cívico que permita a liberdade dos cidadáns co límite esencial do respecto aos demais, que preserven o patrimonio urbano e natural, así como os bens públicos e garantan a convivencia cidadana en harmonía.

Facer de Verin unha vila máis cohesionada socialmente, cívica, limpa e acolledora, respectuosa cos dereitos das persoas, protectora do patrimonio, os espazos públicos e a paisaxe urbana, é tratar de configurar un modelo de cidade que require a implicación e a participación de todos os verineses.

Actuar con civismo é un compromiso que teñen os verineses non só con Verín, senón tamén cos seus concidadáns. Os  comportamentos incívicos dunha minoría ademais de danar bens e espazos que son patrimonio de todos, supoñen un ataque á convivencia, unha actitude de insolidariedade e falta de respecto cara unha gran maioría dos verineses que asumen civicamente os seus dereitos e deberes cidadáns.

Pero é que, ademais, todo iso conleva empregar miles de euros cada día en labores de limpeza e mantemento que poderían ter outro destino. Respectar os espazos públicos e o patrimonio da nosa cidade é mellorar a sostibilidade, permite aplicar o orzamento con racionalidade ao máis prioritario, ser solidario co resto de cidadáns e compartir o proxecto de construír entre todos Verín.

Neste labor, a participación dos centros educativos, a familia, o movemento cidadán e dos verinenses en xeral, na tarefa colectiva de protexer a paisaxe, respectar a cidade e todo un patrimonio posto ao servizo da poboación é máis importante que corrixir os comportamentos incívicos por medio de sancións.

O concello, dirixido polo goberno da cidade, realizou nos últimos anos un importante esforzo para mellorar a calidade de vida dos verineses. Actuacións como a creación de zonas peonís no centro, a redución de tráfico pesado polo centro da cidade, a execución de parques e prazas, a eliminación de barreiras arquitectóncias, o esforzo permanente por quitar as pintadas, a renovación do mobiliario urbano, a limpeza viaria, etc., contribúen sen dúbida a provocar o civismo dos verineses.

Esta inquedanza permanente contrasta cunha certa frustración ao observar, en reiteradas ocasións, como as melloras non se consolidan pola rápida deterioración derivada do uso inadecuado dos espazos públicos.

Na nosa cidade, como en tantas outras, sufrimos os problemas ocasionados polas pintadas, grafitos e cartelaría, excrementos de animais domésticos, vertidos de porcalladas ao chan, publicidades incontroladas, ruídos estridentes producidos por motos e actividades varias que superan os niveis máximos de contaminación acústica, mobiliario urbano e xogos infantís deteriorados por actos vandálicos, mal uso dos contedores de lixo, vertidos ilegais, etc.

O Concello de Verín, no seu empeño por mellorar a presenza da cidade e a convivencia cidadá, elaborou a presente ordenanza como unha ferramenta máis na corrección de actitudes e comportamentos neglixentes e irresponsables.

Neste sentido, o que se pretende con esta ordenanza é establecer fundamentalmente unhas normas básicas de comportamento nas vías e demais espazos públicos que permitan a liberdade das persoas dentro do respecto ao patrimonio urbano e natural da cidade e o coidado do contorno no que vivimos.

Damos por reproducidas as competencias administrativas en materia de réxime local, recollidas amplamente nos artigos 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e 80 da Lei 5/1985, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, exercéndose tales competencias atribuídas ao concello nos termos establecidos na normativa que delimita o contido da autonomía municipal.

Recoñécense atribucións de especial importancia sobre a xestión e resolución desta problemática, expresamente recollidas nestes preceptos, podendo os municipios realizar actividades complementarias das propias doutras administracións públicas en materias concorrentes e tanxenciais coa que nos ocupa, segundo os artigos 28 LRBRL e 86 LALG. Noutra orde de consideracións, obvia referir toda a normativa sectorial reguladora das diferentes vertentes da expresión social, cultural e económica da sociedade, que accesoriamente afecta a estas materias.

A sentenza de 29.9.2003 da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Spremo, estableceu que os concellos, sempre sen contravir as leis, poden regular sobre materias da propia competencia nuclear entre as que cabe considerar as relativas á convivencia e o uso dos espazos públicos. A Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, que modifica a lei 7/1985, no seu título XI permite a tipificación e imposición polas entidades locais de infraccións e sancións para unha axeitada ordenación das relacións de convivencia de interese local, e do uso dos seus servizos, equipamentos, infraestruturas, instalacións e espazos públicos.

Nada mellor que a potestade regulamentaria do concello e a facultade de intervir na actividade dos cidadáns mediante ordenanzas, de longa tradición local, de conformidade cos artigos 4 e 84 da lei 7/1985 e 1 do regulamento de servizos das corporacións locais, para que á luz de todas as xustificacións expostas, se elabore a presente ordenanza.

TÍTULO PRELIMINAR


CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS


ARTIGO 1. OBXECTO

A presente ordenanza ten por obxecto a regulación do comportamento cidadán na vía pública, así como da súa limpeza e outros aspectos, en relación cos diversos usos que nela se efectúan:

Uso normal da vía pública.
Uso especial da vía pública.
Uso privativo da vía pública.
Uso como soporte de servizos públicos.
Uso necesario para a realización de obras públicas e privadas.

A ordenanza aplicarase tamén a espazos, construcións, instalacións e bens de titularidade privada cando desde eles se realicen condutas ou actividades que afecten ou poidan afectar negativamente á convivencia e ao civismo nos espazos, instalacións e elementos sinalados nos apartados anteriores, ou cando o descoido ou a falta dun adecuado mantemento deles por parte dos seus propietarios ou propietarias, arrendatarios ou arrendatarias, ou usuarios ou usuarias poida implicar igualmente consecuencias negativas para a convivencia ou o civismo.

Todos os propietarios ou ocupantes de inmobles, edificios, construcións, instalacións, vehículos ou outros bens de titularidade privada están obrigados a evitar que, desde estes, se poidan producir condutas ou actividades que causen molestias innecesarias ás demais persoas.

Todas as persoas que se encontren en Verín teñen o deber de colaborar coas autoridades municipais ou os seus axentes na erradicación das condutas que alteren, perturben ou lesionen a convivencia cidadá.

ARTIGO 2. ÁMBITO DE APLICACIÓN

A presente ordenanza é de aplicación en todo o termo municipal de Verín (Ourense).

ARTIGO 3. PRINCIPIOS XERAIS SOBRE A UTILIZACIÓN DA VÍA PÚBLICA

1. As vías públicas, os espazos públicos e as instalacións e o mobiliario urbano situados nela, son destinados ao uso xeral e desfrute dos cidadáns, segundo a natureza respectiva dos bens e de acordo cos principios de liberdade individual e respecto ás demais persoas, a combinar adecuadamente.

2. As actividades que se desenvolvan na vía pública non poden limitar o dereito dos demais ao uso xeral, excepto no caso de que se dispoña de licenza ou concesión para o uso común especial ou o uso privativo.

3. Corresponde á Alcaldía determinar e harmonizar os usos e actividades que se desenvolvan na vía pública, dando preferencia a aqueles que en cada momento sexan prioritarios para o interese xeral. Para este efecto, prohibiranse ou restrinxiranse temporalmente aquelas actividades das que se deriven inconvenientes ou incompatibilidades.

ARTIGO 4. TERMINOLOXÍA DE CONCEPTOS UTILIZADOS


A terminoloxía dos conceptos utilizados nesta ordenanza é a seguinte:

VÍA PÚBLICA: para os efectos da presente ordenanza, considéranse vía pública as rúas, prazas, vías de circulación, os paseos, avenidas, beirarrúas, parques e zonas axardinadas e demais bens de uso público destinados ao uso común xeral dos cidadáns. Asimesmo, as previsións desta norma serán de aplicación ás zonas de propiedade municipal non urbanizadas e outros espazos públicos xestionados polo concello, organismos autónomos municipais e entes dependentes.

MOBILIARIO URBANO: inclúense nesta denominación as árbores, bancos, papeleiras, xogos, fontes, farois, sinalizacións, contedores de residuos, estatuas, esculturas, xardineiras, kioscos, marquesiñas e demais elementos colocados polo concello nas vías públicas.

RESIDUOS: enténdese por residuo calquera substancia, materia ou produto incluído nalgunha das categorías do anexo da Lei 10/1998, do 21 de abril, e da que o seu posuidor se desprende ou ten a intención ou a obriga de desprenderse.

Os residuos domésticos, os de comercios e de oficinas e servizos, así como aqueloutros residuos que pola súa natureza ou composición poidan asimilarse aos residuos domésticos, terán a consideración de residuos urbanos.

INSTRUMENTOS PERIGOSOS: para os efectos da presente ordenanza, terán a consideración de perigosos todos os instrumentos cortantes, contundentes e aqueles que pola súa natureza e características sexan susceptibles de causar menoscabos á integridade física dos cidadáns, incluídos aqueles obxectos propios dos ámbitos profesionais ou deportivos que se porten en circunstancias especiais e temporais que non correspondan coa utilización para os que foran concebidos. A título meramente enunciativo cítanse os seguintes: martelos, mazas, bates de béisbol, obxectos empregados en artes marciais ou en deportes de contacto físico, cadeas, barras de metal, piolets, etc.

MENDICIDADE: considérase mendicidade pedir esmola na vía pública para beneficio propio.

PANFLETOS: inclúese neste termo a todo tipo de propaganda impresa non incluída entre os carteis: folletos, adhesivos, trípticos, etc.

ESTABLECEMENTO: para os indicados efectos, enténdese por establecemento todo local destinado a desenvolver actividades suxeitas á licenza municipal previa.

OBRAS: entenderanse por tales as obras de derruba, de urbanización, de construción, rehabilitación, reforma, movemento de terras, gabias, canalizacións e calquera outras análogas.

CARTEIS. inclúense nesta denominación toda clase de propaganda en soporte apto para a súa colocación en inmobles públicos ou privados, arborado ou mobiliario público: pasquíns, carteis, pancartas, bandeirolas, etc.

PINTADAS: entenderanse por tales as inscricións manuais ou de calquera tipo realizadas na vía pública, sobre pavimentos e toda clase de muros ou paredes dos edificios, ou sobre calquera dos elementos estruturais ou do mobiliario urbano. Aquí inclúense os actos de raiado de cristais no mobiliario e vías públicas en xeral, incluídos os de índole privada. Cando o grafito ou a pintada se realice nun ben privado que se encontre instalado de maneira visible ou permanente na vía pública, necesitarase, ademais da autorización do seu propietario, a expresa do concello.

ARTIGO 5. LICENZAS E AUTORIZACIÓNS

Para o desenvolvemento de calquera tipo de actividade ou entrada en funcionamento de todo establecemento pública, será obrigatorio proverse con anterioridade da preceptiva licenza municipal.

Nas licenzas municipais de obras, de actividades ocasionais na vía pública, e nas licenzas e autorizacións previstas nesta ordenanza, poderase impoñer a constitución dunha fianza para responder das obrigas referentes á limpeza, o ornato público, e do incumprimento das prescricións ou condicións contidas nelas, así como das sancións que con tal motivo poidan recaer.

Ante calquera tipo de actividade que se realice sen a preceptiva autorización, poderá a Policía Local ordenar o seu cesamento inmediato, e se se trata dunha con ocupación de vía pública, proceder á retirada dos elementos que a forman ou compoñen.

CAPÍTULO II. DENOMINACIÓN E ROTULACIÓN DAS VÍAS PÚBLICAS


ARTIGO 6. DENOMINACIÓN DAS VÍAS PÚBLICAS

As vías públicas identificaranse con nome, diferente para cada unha delas, que será aprobado polo concello en Pleno.

ARTIGO 7. SINALIZACIÓN E ROTULACIÓN DAS VÍAS PÚBLICAS

A rotulación das vías públicas ten carácter de servizo público e poderá efectuarse mediante unha placa, poste ou similar, que se fixará nun lugar ben visible, como mínimo na entrada e saída de cada vía pública. Nas prazas realizarase no edificio máis preeminente e nos seus principais accesos. Esta rotulación poderá levarse a cabo en fachadas de inmobles privados.

Cada edificio ostentará enriba da porta de cada portal independente da súa fachada principal, o número de orde que lle corresponda con relación ao que figure ao principio da beirarrúa, que será do un en adiante para os impares, situados á esquerda, e do dous en adiante para os pares, situados á dereita, comezando sempre polo extremo da rúa máis próxima á praza García Garbón.

Os propietarios de ditos inmobles virán obrigados a consentir a colocación de sinais, placas ou outros elementos, naqueles lugares de titularidade privada que o concello considere oportunos e menos prexuízos cause ao propietario deles. O servizo poderase establecer de oficio mediante notificación á persoa propietaria afectada, sen máis indemnización cá reparación ou compensación das deterioracións que a instalación poida producir.

As persoas titulares de terreos limítrofes coa vía pública que teñan na fachada, enreixado ou peche, farois, sinais de circulación, papeleiras ou outros elementos de mobiliario urbano, garantirán a súa reposición depois dunha obra de mantemento da fachada e obra nova, polo que avisarán ao concello para a súa retirada ou nova situación se así se require, facéndose cargo dos gastos que orixine a mencionada retirada ou nova situación.

Queda prohibido modificar, instalar ou marcar calquera tipo de sinalización, información ou advertencia, tanto vertical coma horizontalmente, na vía pública ou en terreo de propiedade privada, sen a preceptiva autorización municipal, e sempre que con iso se pretenda informar, advertir, indicar, anunciar, etc. ao resto de usuarios da vía pública.

No que atinxe ás pasaxes permanentes para vehículos de terreos privados e á reserva de cargas e descargas, así como toda aquela sinalización de índole privada autorizada polo concello, deberá manterse constantemente en perfecto estado de conservación e percepción, sendo o responsable de tal sinalización, o titular da licenza outorgada. Cando dita sinalización remate na finalidade para a que se concedeu, o interesado beneficiario da anterior licenza deberá proceder á súa retirada, xa se trate esta de vertical, horizontal ou de calquera outra índole.

TÍTULO I.- COMPORTAMENTO CIDADÁN


CAPÍTULO I.- DEREITOS E DEBERES DOS HABITANTES


ARTIGO 8.- EMPADROAMENTO

Toda persoa que resida por un tempo superior a seis meses ao ano no municipio de Verín, está obrigado a inscribirse no padrón municipal de habitantes e a comunicar calquera cambio ou modificación dos datos que consten nel.

ARTIGO 9.- OBRIGA DE CUMPRIMENTO DE ORDENANZAS, BANDOS E REGULAMENTOS

Ademais dos deberes sinalados polas leis xerais, todos os habitantes están obrigados a cumprir o disposto nas ordenanzas, os bandos e regulamentos, e serán sancionados polas infraccións a eles en que incorran.

ARTIGO 10.- VECIÑOS

Os veciños de Verín veñen obrigados a:

1. Pagar as cargas ou impostos municipais validamente establecidos para fins da administración central ou local. A tal obxecto, tanto os veciños como os titulares de bens ou actividades, así como os beneficiarios de alugueiros, estarán obrigados a comunicar por escrito ao concello, calquera modificación que se produza como consecuencia de baixas, altas ou transmisións, que afecten ás diferentes taxas ou impostos inherentes aos bens dos que son titulares ou beneficiarios e que conleven a obriga de tributar.

2. Facilitar aos axentes do municipio cantos datos ou informes se refiran ao padrón municipal e aos demais censos ou rexistros de carácter estatístico.

3. Facilitar e colaborar nos labores inspectores e supervisores que se realicen por parte dos funcionarios municipais naqueles asuntos ou actividades da súa competencia.

4. Comparecer ante as autoridades municipais ao ser citados ou emprazados por calquera causa ou razón.

5. Comunicar ás autoridades competentes, as infraccións ás ordenanzas que presenciasen ou das que tivesen noticia certa, sempre que prexudiquen aos intereses xerais.

6. A entregar nas dependencias municipais destinadas ao efecto, calquera obxecto persoal ou de valor que fose encontrado na vía pública.

ARTIGO 11. NORMAS DE COMPORTAMENTO XERAL NA VÍA PÚBLICA

Os cidadáns teñen o dereito de utilizar libremente a vía e os espazos públicos da vila, e serán respectados na súa liberdade. Este dereito, que debe ser exercido con civismo, está limitado polas disposicións sobre o uso dos bens públicos e polo deber de respectar os dereitos doutras persoas e os bens privados.

Ninguén pode, co seu comportamento na vía pública, menosprezar os dereitos das demais persoas, nin a súa liberdade de acción, nin ofender as convicións nin as pautas de convivencia xeralmente admitidas, non se permitíndo as actitudes indecorosas ou exhibicionistas, entendida esta última, como a acción de amosar en lugares e espazos inadecuados para tales manifestacións as nádegas, xenitais ou, no caso das mulleres, os peitos. Especialmente prohíbese a realización de comportamentos exhibicionistas en presenza de menores.

Queda terminantemente prohibido realizar todo tipo de actos sexuais ou obscenos na vía pública, no interior de vehículos que se encontren nela ou en calquera outro lugar, sempre que estes actos trascendan ou se perciban dende o ámbito público.

Queda prohibida toda conduta de menosprezo á dignidade das persoas, así como calquera comportamente discriminatorio, sexa de contido xenófobo, racista, sexista ou homófogo, ou de calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, de feito, por escrito ou de palabra, mediante insultos, burlas, molestias intencionadas, coacción psíquica ou física, agresións ou outras condutas vexatorias.

Todas as persoas que están en Verín teñen o deber de colaborar coas autoridades municipais ou os seus axentes para preservar as relacións de convivencia cidadá e civismo no espazo público.

Queda prohibido crear alarma social coa realización de calquera tipo de conduta neglixente.

O causante de calquera tipo de dano ou lesión, xa sexa de modo imprudente ou intencionado, deberá comunicar o ocorrido ao prexudicado se iso fose posible, e ademais poñerse en contacto coa Policía Local, informando do sucedido, en aras a tomar todas aquelas medidas de seguridade que fosen necesarias, así como para proceder ao restablecemento á situación orixinal do ben danado, ou se é o caso, para activar o operativo necesario para o traslado dos feridos ao centro médico correspondente.

O cidadán que detecte unha situación de risco, xa sexa para persoa, animais ou cousas, deberá proceder de inmediato a comunicalo ás autoridades pertinentes. Aquel que se ausente do lugar dun sinistro ou situación de risco, sen se asegurar con anterioridade, de que por outras persoas se están tomando as medidas oportunas interesadas a resolver tal incidencia, ou que rematou a situación de perigo, será sancionado como autor dunha conduta insolidaria.

O comportamento dos cidadáns en situacións de emerxencia, como inundacións, incendios, riadas ou calquera outra situación excepcional, axeitarase en cada momento ás normas de colaboración e solidariedade cidadá, cumprindo os plans xerais de Protección Civil e os plans de emerxencia específicos que facilitan normas, medios de actuación e de información en cada caso.

En caso de producirse algunha desgraza e/ou catástrofe natural, a Alcaldía poderá requirir a axuda e colaboración persoal e/ou material, tanto dos habitantes, coma dos colectivos, sociedades, empresas do termo municipal e, de maneira especial, dos que, polos seus coñecementos e aptitudes, poidan ser de máis utilidade para a comunidade. Nestes supostos, a Alcaldía poderá dispor, se o estima necesario, dos medios, públicos e privados, que poidan ser de utilidade e de aplicación á emerxencia decretada, quedando, os seus titulares, obrigados á prestación ordenada. As entidades públicas e privadas e a cidadanía en xeral teñen a obriga de colaborar naquelas actuacións de simulacro necesarias para a correcta implantación dos plans de protección civil.

ARTIGO 12.- SEGURIDADE CIDADÁ

Quedan prohibidas as pelexas; as rifas; os actos de gamberrismo, vandálicos ou violentos; actos incívicos; ou calquera outros comportamentos de natureza análoga aos anteriores, cando con independencia da concorrencia dun resultado lesivo ou danoso, alteren a seguridade colectiva ou orixinen desordes nas vías, espazos ou establecementos públicos.

Queda prohibido na vía pública e espazos públicos portar armas, instrumentos ou obxectos perigosos para a integridade física das persoas, susceptibles de ser utilizados como armas; así como exhibilos coa finalidade de causar intimidación; tamén o circular ou portar imitacións de armas que, polas súas características, poidan inducir á confusión.

O individuo que fose encontrado na rúa ou en calquera lugar público en estado de embriaguez chamando a atención, ou ocasionando molestias, ou entorpecendo o tránsito ou producindo escándalo, será sancionado por tales feitos.

Os que asistan ás solemnidades relixiosas gardarán a reverencia e respecto debido ao seu carácter e significación, e aqueles que as perturbasen coas súas palabras ou accións incorrerán na correspondente infracción. Non poderá ser interrompido o curso das procesións atravesando a rúa, ao non ser que se trate de manifesta e urxente necesidade e non exista outro paso libre.

As manifestacións cívicas, romarías, verbenas, feiras, etc., e cantas diversións ou espectáculos se permitan na vía pública, non se poderán celebrar sen a autorización previa da Alcaldía, na que esta sinalará, cando proceda, a zona ou zonas na que as expansións do vecindario teñan que desenvolverse, así como os lugares onde se autorizará a instalación, se procede, de postos de venda, tómbolas de calquera carácter, atraccións, etc.,  e as horas de duración e actuación de orquestras, bandas ou agrupacións musicais de diversa índole, sen prexuízo de divulgar por medio de bandos as medidas que para os efectos crea conveniente ditar.

Prohíbese gravar -rexistrar imaxes- ou difundir, por calquera medio, accións ou condutas que supoñan vulneración aos preceptos contemplados nesta ordenanza, así como promover, aplaudir ou incentivar esta clase de comportamentos mentres son gravados. Queda especialmente prohibido, gravar e difundir actuacións dos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións. De todo o contemplado neste apartado, quedan exceptuados os labores desempeñados polos medios de comunicación no seu exercicio do dereito á información dentro do marco xurídico que o regula.

ARTIGO 13.- USO DOS BENS PÚBLICOS

Os bens públicos deben ser utilizados de acordo coa súa natureza, facendo un bo uso deles e respectando sempre o dereito que o resto de cidadáns posúen tamén para o seu desfrute.

Con carácter xeral deben ser respectados os horarios establecidos para o uso das instalacións e edificios públicos, así como as disposicións sobre o réxime de funcionamento.

ARTIGO 14.- COMPORTAMENTO DOS AXENTES DA AUTORIDADE E OS SERVIZOS MUNICIPAIS


Os axentes da autoridade e os membros dos servizos municipais tratarán en todo o momento con corrección e cortesía aos cidadáns, aos que auxiliarán e protexerán. Nas súas intervencións proporcionarán a información apropiada sobre as causas e finalidades das súas actuacións.

Os axentes da autoridade poderán dar aos cidadáns as ordes e instrucións oportunas en orde a garantir o cumprimento das determinacións contidas na presente ordenanza.

Nos casos de gravidade e tras actuar conforme ao apartado anterior, en que sexa necesario utilizar o mandato de autoridade sobre as persoas, levaranse a cabo os actos de forza estritamente indispensables, con pleno respecto á dignidade das persoas afectadas.

CAPÍTULO II. DO COMPORTAMENTO CÍVICO


ARTIGO 15.- PROTECCIÓN DO MOBILIARIO URBANO E DOS ESPAZOS PÚBLICOS


É obriga de todos os cidadáns facer un bo uso do mobiliario urbano existente na vila, debendo este ser respectado e utilizado de tal forma que non sufra deterioración que impida a súa normal conservación e uso.

Quedan prohibidos os actos de deterioración e desfeita dos espazos públicos ou as súas instalacións ou elementos, xa sexan mobles ou inmobles, e en concreto, as seguintes condutas:

1. O uso de bancos de forma contraria á súa natural utilización, non podendo pisotealos, nin arrincalos do lugar en que estean colocados, nin rompelos, nin manchalos e, en xeral, prohíbense todos aqueles actos que prexudiquen o seu uso ou deterioren a súa conservación.

2. A utilización dos xogos de forma indebida con accións que os poidan danar ou destruír, así como a utilización de xogos infantís para os adultos ou por menores de idade superior á indicada no xogo. Cada xogo conterá unha placa que indique a idade adecuada de uso do xogo.

3. Volcar ou arrincar as papeleiras, maceteiros ou calquera elemento ornamental, así como outros actos que deterioren o seu aspecto.

4. Facer lume e actividades pirotécnicas na vía pública sen a preceptiva autorización municipal e a das administracións competentes. As fogatas da véspera de San Juan e similares requirirán a preceptiva autorización municipal. Calquera outra actividade relacionada coa manipulación de produtos pirotécnicos, requirirán sempre o preceptivo permiso da administración, e deberán posuír, obrigatoriamente, un seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos por danos a terceiras persoas e aos bens públicos e privados. En todo caso, a autorización municipal requirirá a acreditación previa do cumprimento da normativa sectorial de seguridade aplicable por razón da actividade que se realizará, debendo aterse ao disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia e demais lexislación reguladora da materia.

5. Queimar maleza ou calquera outro material, tanto na vía pública coma nos terreos privados, cando con iso se ocasione alarma ou molestias ao vecindario, agás autorización das autoridades correspondentes, debendo aterse ao disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia e demais lexislación reguladora da materia.

6. Só se poderán facer grellas ou similares, dentro das áreas recreativas e de acampada expresamente autorizadas para iso, así como nas parcelas das urbanizacións, sempre que sexan de obra e dispoñan das medidas adecuadas de precaución e prevención de chispas que poidan orixinar posibles incendios e da correspondente autorización municipal. En calquera caso, as grellas que se fagan nos espazos privados, faranse de forma que se evite a produción de fumes e cheiros que poidan alterar a normal convivencia, en caso contrario absteranse de facelas. Haberá que estar ao disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia e demais lexislación reguladora da materia.

7. A apropiación indebida ou defraudación de auga, electricidade ou outro elemento de titularidade municipal, así como engancharse ou conectarse sen autorización ao alumado público ou a calquera subministración de dita titularidade.

8. A utilización da auga potable da subministración xeral -público- para a rega de xardíns, terreos, ou para o enchido de piscinas. Con carácter xeral, prohíbese o uso abusivo da auga de calquera procedencia.

Todas as actividades que requiran autorización municipal deberán ser presentadas no Rexistro do Concello de Verín cunha antelación mínima de dez días á data de realización.

ARTIGO 16.- PARQUES E XARDÍNS

PÚBLICOS:

É obriga dos cidadáns respectar os parques e xardíns públicos da vila, así como respectar as indicacións contidas nos rótulos informativos e avisos correspondentes e os que poidan formular os xestores, gardas e axentes da autoridade.

Para a boa conservación e mantemento das diferentes especies vexetais de parques, xardíns, xardineiras e árbores plantadas na vía pública, quedan prohibidos os seguintes actos:

1. Subtracción de plantas.

2. Danar ou pisar o céspede, acampar sobre el, agás en espazos dos parques en que expresamente se autorice.

3. Talar, podar ou romper árbores ou plantas. Gravar ou pintar as súas codias, cravar puntas, atarlles escaleiras, ferramentas, soportes de estadas e colocar carteis.

4. Acopiar, inda de forma transitoria, materiais de obra sobre calquera das árbores ou verter nelas calquera clase de produtos tóxicos.

5. Manipular canos, billas e demais elementos das fontes públicas que non sexan propias do seu funcionamento normal. Nas fontes decorativas prohíbese ensucialas, utilizar a súa auga para limpar, bañarse, introducirse nas súas augas, lavar roupa así como arroxar calquera tipo de deterxente, colorante ou produto  químico.

6. Que os animais beban das fontes situadas na vía pública e destinada ao consumo humano.

7. Facer acopio excesivo da auga das fontes públicas para dirixilo a un uso privado.

8. Realizar calquera acción ou manipulación que prexudique os farois, estatuas, sinais e demais elementos decorativos existentes na cidade, así como calquera acto que os deteriore.

9. Ocupar, para facer comidas, espazos fóra dos debidamente indicados como zonas de pícnic. Igulamente prohíbese a utilización de merendeiros para fins distintos aos que foron concebidos.

PARTICULARES:

Os xardíns e plantacións privadas, así como os espazos libres e os terreos non urbanizados constitúen un elemento importante do ecosistema urbano e, como tal, as persoas propietarias deben mantelos nun estado correcto, atendendo especialmente ao seguinte:

1. A limpeza e as condicións hixiénicas e de salubridade, tanto no referente ás herbas coma aos desperdicios.

2. O estado fitosanitario das plantacións.

3. A poda e tratamento do arboredo.

A falta de conservación ou limpeza nas plantacións e nos espazos libres privados habilitará ao concello para esixir á persoa propietaria a realización dos traballos necesarios para o correcto mantemento desta zona.

As persoas propietarias de vivendas con xardín, cuxas plantacións teñan pólas, arbustos, valos vexetais ou análogos, que saian da súa propiedade, deberán mantelas de maneira que non causen molestias a terceiros e orixinen risco na vía pública, procedendo á súa poda ou recortado.

Está totalmente prohibida a tala de calquera árbore en xardíns particulares sen a autorización expresa do concello, así como calquera actuación que conleve á súa morte (poda excesiva ou en períodos inadecuados, eliminación de raíces, utilización de produtos químicos, etc.).

As macetas e xardineiras dos balcóns e ventás, colocaranse de maneira que a súa vertical caia sempre dentro do balcón ou descanse sobre a anchura da ventá, e serán suxeitadas ou protexidas para evitar que poidan caer, en especial en casos de chuvia ou ventos fortes.

ARTIGO 17.- ACTIVIDADES DEPORTIVAS OU LÚDICAS:


Prohíbese a práctica na vía pública de actividades deportivas ou lúdicas nas que se utilicen obxectos ou instrumentos que poidan causar danos ás persoas ou bens, ou molestias á cidadanía, agás nos lugares e nas zonas autorizadas para iso, e nos horarios autorizados. Nas prazas indicaranse as zonas nas que se poida practicar o xogo, sempre que iso sexa posible.

Sen prexuízo das infraccións previstas na normativa sobre circulación de peóns e de vehículos, non está permitida a práctica de acrobacias e xogos de habilidade con bicicletas, patíns ou monopatíns fóra das áreas destinadas para os efectos.

Queda prohibida a utilización de escaleiras para peóns, elementos para a accesibilidade de persoas discapacitadas, barandas, bancos, pasamáns ou calquera outro elemento do mobiliario urbano para realizar acrobacias con patíns e monopatíns.

Queda prohibida a utilización na vía pública de petardos ou bengalas e calquera instrumento ou artiluxio que proxecte algún tipo de obxecto, tales como arcos, tiracoios, tiragomas e pistolas lanzabolas. Exceptúase , no entroido, a utilización daqueles petardos cuxo uso non constitúa un ilícito; en ningún caso poderán arroxarse petardos ou instrumentos pirotécnicos dirixidos a bens ou persoas, con independencia do resultado derivado de tal conduta. De producirse un resultado lesivo ou daniño, serán responsables as persoas que os utilicen.

Queda prohibida a circulación en motocicletas e ciclomotores polas prazas peonís.

Está prohibido no espazo público o ofrecemento de xogos que impliquen apostas con diñeiro ou bens, agás autorización específica.

ARTIGO 18.- CONSUMO DE DROGAS E BEBIDAS ALCÓLICAS. CONSUMO DE BEBIDAS EN GRUPO

O consumo de drogas e bebidas alcólicas axustarase ás normas contidas na lexislación vixente na materia.

En calquera caso, prohíbese o consumo, a venda ou a tenza de drogas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas declaradas ilegais pola lexilación vixente:

- Nas vías, nos espazos, nos establecementos ou nos transportes públicos e nos edificios municipais.

- Nos centros sanitarios, educativos, locais e centros para nenos e mozos e noutros establecementos similares, xa sexan públicos ou privados.

Queda prohibido o consumo de bebidas en grupo, así como a reunión, permanencia ou congregación de persoas fóra dos casos legalmente establecidos, cando iso xere molestias aos veciños ou imposibilite o desfrute dos espazos públicos por parte doutros usuarios, ou cando ocasione ou orixine a produción de lixo que supoña unha degradación da paisaxe urbana. Tamén queda prohibido o consumo na vía pública de bebidas en envases de vidro. Quedan exceptuadas desta prohibición as verbenas e festas populares, sempre que conten coa autorización correspondente, e nas terrazas ou veladores.

En atención aos preceptos anteriores, prohíbese nas vías ou zonas públicas, a distribución e subministración de bebidas, incluso dende vehículos automóbiles, caravanas, carros, barracas ou similares que se realicen a título oneroso ou gratuíto, excepto nos supostos expresamente autorizados polo concello.

Igualmente, prohíbese a distribución e venda de bebidas alcólicas, independentemente do seu grao alcólico, destinadas ao consumo fóra do propio establecemento de venda, entre as 22:00 e as 09:00 h do día seguinte, excepto nos supostos de veladores ou terrazas de establecementos dedicados á restauración ou hostelaría, así como nas festas, feiras, romarías e festexos populares logo da autorización.

Todo recipiente de bebida debe ser depositado nos contedores correspondentes e, no seu caso, nas papeleiras situadas no espazo público. Queda prohibido tirar ao chan ou depositar na vía pública recipientes de bebidas como latas, botellas, vasos ou calquera outro obxecto.

ARTIGO 19.- MENDICIDADE:

Prohíbense aquelas condutas que, baixo a aparencia de mendicidade ou baixo formas organizadas, representen actitudes coactivas ou de acoso, ocasionen molestias, ou obstaculicen e impidan de maneira intencionada o libre tránsito dos cidadáns e cidadás polos espazos públicos. Considérase que este tipo de comportamentos supoñen un obstáculo para o resto de usuarios da vía sempre e cando se faga un uso inadecuado e anormal desta, ou se utilice para un fin para o que non foi concebido.

Sen prexuízo do previsto no artigo 232 do Código Penal, queda totalmente prohibida a mendicidade exercida por menores ou aquela que se realice, directa ou indirectamente, con menores ou persoas con discapacidades.

Prohíbese tamén a realización no espazo público de actividades de calquera tipo, así como o ofrecemento de obxectos ou servizos, cando obstrúan ou poidan atrancar o tráfico rodado pola vía pública, poñan en perigo a seguridade das persoas ou impidan de maneira manifesta o libre tránsito das persoas polas beirarrúas, prazas, avenidas, pasaxes ou paseos ou outros espazos públicos, ou supoñan unha actitude coactiva. Estas condutas están especialmente prohibidas cando se desenvolvan na calzada, nos semáforos, invadindo espazos de tráfico rodado, ou na entrada a establecementos públicos.

ARTIGO 20.- SERVIZOS SEXUAIS

Prohíbese ofrecer, solicitar, negociar ou aceptar, directa ou indirectamente, servizos sexuais retribuídos no espazo público cando estas prácticas exclúan ou limiten a compatibilidade dos diferentes usos deste, ou cando se realicen con trascendencia, repercusión ou percepción para a cidadanía en xeral. Se o suxeito pasivo se trata dun menor, os feitos serán sancionados máis severa ou gravemente.

Está especialmente prohibido por esta ordenanza o ofrecemento, a solicitude, a negociación ou a aceptación de servizos sexuais retribuídos no espazo público, cando estas condutas se leven a cabo en espazos situados a menos de douscentos metros de distancia de centros docentes ou educativos nos que se imparten ensinos do réxime xeral do sistema educativo.

Igualmente, está especialmente prohibido manter relacións sexuais mediante retribución por elas no espazo público, en vehículos situados nel, ou en calquera outro lugar, sexa público ou privado, con trascendencia, repercusión ou percepción para a cidadanía en xeral.

ARTIGO 21.- MENORES

A asistencia aos centros de ensino educativos durante o ensino básico obrigatorio (ensino primario e secundario) é un dereito e un deber dos menores dende a idade de seis anos até a de dezaseis.

A Policía Local intervirá naqueles supostos nos que os menores de idade transiten ou permanezan en espazos públicos durante o horario escolar. A tal efecto, solicitará a súa identificación, averiguará cales son as circunstancias e os motivos polos que non está no centro de ensino, e conducirao ao seu domicilio ou ao centro escolar no que estea inscrito, poñendo en todo caso en coñecemento dos seus pais ou nais ou titores ou titoras ou gardadores ou gardadoras e da autoridade educativa competente, que o menor se encontrou fóra do centro educativo en horario escolar.

Sen prexuízo de que, de acordo co previsto nesta ordenanza, se poida acudir a fórmulas de mediación para resoler estas condutas, os pais e nais ou titores e titoras ou gardadores e gardadoras serán responsables da permanencia dos menores na vía pública e da inasistencia destes aos centros educativos. Nestes casos, cando concorra culpa ou neglixencia, os pais e nais ou titores e titoras ou gardadores e gardadoras, poderán ser sancionados coa multa correspondente.

ARTIGO 22.- RUÍDOS

Todos os cidadáns están obrigados a respectar o descanso dos veciños e a evitar a produción de ruídos que alteren a normal convivencia. Queda totalmente prohibido, a emisión de calquera ruído que altere a tranquilidade veciñal, especialmente entre as 22:00 e as 08:00 horas.

Agás autorización municipal, que determinará os horarios, non se poderá realizar ningún traballo tanto na vía pública coma nas obras, entre as 22:00 e as 08:00 horas. A realización de calquera reparación doméstica, cambio de mobles, traballos de bricolaxe ou similares, realizarase en horario de mañá entre as 10:00 e as 14:00 horas, e en horario de tarde entre as 17:00 e as 22:00 horas, salvo casos de forza maior.

O comportamento dos cidadáns e cidadás na vía pública e zonas de pública concorrencia e nos vehículos de servizo público debe manterse dentro dos límites da boa convivencia cidadá.

En especial e excepto autorización municipal, está prohibido perturbar o descanso e a tranquilidade dos veciños e veciñas e viandantes mediante:

1. Funcionamento de aparellos de televisión, radio, musicais ou outros aparellos sonoros.

2. Cantos, berros, pelexas, balbordos, discusións ou calquera outro acto molesto.

3. Operacións de carga e descarga fóra dos horarios autorizados, e en todo caso, entre as 22:00 e as 08:00. Será responsable desta infracción, solidariamente co autor da carga e descarga, o titular do establecemento para o que se realice. As carretas e carros de transporte de mercadorías nas actividades, utilizadas normalmente para as cargas e descargas, acondicionaranse para evitar a transmisión de ruídos ás vivendas colindantes.

4. A emisión de ruídos producidos polos equipos de son instalados no interior dos vehículos, así como por aceleracións bruscas e estridentes.

5. O mantemento dos motores en funcionamento durante un tempo superior a dous minutos, cando os vehículos estean parados na vía pública ou outros espazos, salvo cando o sexa por razóns de conxestión do tráfico.

6. O emprego como medio de anuncio ou aviso de calquera clase de bucinas ou instrumentos cuxo son sexa molesto.

7. O uso de altofalantes ou megafonías, tanto como medio de propaganda na vía pública coma colocados na porta dos establecementos ou noutros lugares.

8. O uso de calquera mecanismo, xa sexa de refrixeración ou outros, susceptible de xerar ruídos ou perturbacións. Especialmente, prohíbese a utilización de aparellos frigoríficos instalados en vehículos que estean estacionados na vía pública ou outros espazos, sempre que estes ocasionen molestias ao vecindario, sobre todo, en horas de descanso.

Os establecementos de venda de bebidas e alimentos non poderán comportar molestias acústicas aos veciños ou veciñas ou viandantes e rexeranse pola normativa aplicable ao ruído de actividades.

Ao horario sinalado neste artigo, relativo ás reparacións domésticas, deberán aterse os que practiquen adestramentos ou ensaios de música, instrumentais ou vogais, de baile ou danza, e os que celebren reunións a modo de concerto ou esparexemento familiar.

Todos os cidadáns responsables de empresas, comercios, domicilios ou vehículos nos que estea instalado un sistema de alarma, teñen a obriga de mantela en perfecto estado de funcionamento, e de desconectala no suposto de que a súa activación responda a unha falsa alarma. A reiteración na activación inxustificada do sistema de alarma, será obxecto de sanción. Cando o anormal funcionamento dun sistema de alarma produza molestias ao vecindario e non sexa posible localizar ao responsable ou titular de dita instalación, a Policía Local, en cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica de Galicia, procederá a través do servizo ou persoal correspondente, a desmontar e retirar o sistema de alarma; os gastos ocasionados como consecuencia de tal resposta serán por conta do responsable da alarma, sen prexuízo das sancións correspondentes.

As persianas metálicas e portas de acceso aos negocios ou establecementos, conservaranse en perfecto estado de mantemento e conservación para evitar a transmisión de ruídos; no horario nocturno utilizaranse só cando sexa estritamente necesario. As persianas metálicas só se pecharán durante a noite, cando se vaia efectuar o peche definitivo do día e non se volvan abrir.

Mención especial merecen os vehículos destinados aos servizos de urxencias -policía, ambulancias, bombeiros-. Sempre que sexa posible non facer uso dos sistemas acústicos de aviso e non supoña riscos para a circulación, evitarán a súa activación, sobre todo en horas nocturnas; o seu uso inxustificado, será merecedor de sanción.

ARTIGO 23.- RESIDUOS

Queda prohibido, agás autorización municipal expresa:

1. A acumulación, abandono, vertido -líquidos- ou eliminación incontrolada de calquera tipo de residuo.

2. A acción ou omisión que xere a emisión de cheiros molestos, nocivos ou prexudiciais para as persoas.

3. Abandonar mobles, enseres ou similares na vía pública e/ou nos espazos abertos sen edificar, tanto públicos coma privados.

4. O abandono de vehículos tanto na vía pública coma en terreos ou soares de titularidade privada.

TÍTULO II


LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA


CAPÍTULO I.- LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA POR USO NORMAL


ARTIGO 24.- OBRIGAS E COLABORACIÓNS DOS CIDADÁNS

Todo cidadán está obrigado a manter limpa a vila en xeral e os seus espazos públicos en particular.

Os servizos municipais e os axentes da Policía Local deben velar en todo momento polo cumprimento das obrigas dos cidadáns en materia de limpeza, requirindo a reparación inmediata da afección causada, sen prexuízo de cursar a denuncia que corresponda.

Está prohibido facer necesidades fisiolóxicas, como por exemplo defecar, mexar e cuspir, en calquera dos espazos definidos no artigo 3 desta ordenanza como ámbito da súa aplicación obxectiva, agás as instalacións ou elementos que estean destinados especialmente á realización de tales necesidades.

Está especialmente prohibida a conduta descrita no apartado anterior cando se realice en espazos de concorrida afluencia de persoas ou frecuentados por menores, ou cando se faga en monumentos ou edificios catalagodos ou protexidos.

Queda tamén prohibido arroxar lixo ás propiedades privadas, así como contribuír á degradación paisaxística de calquera modo, tanto do medio natural coma urbano.

ARTIGO 25.- USO DAS PAPELEIRAS E CONTEDORES

Prohíbese deixar nas papeleiras residuos sólidos ou calquera outra materia acendida. A situación dos contedores non poderá ser modificada sen a autorización municipal correspondente.

Tamén se prohíbe arroxar instrumentos ou obxectos perigosos nas papeleiras e contedores destinados aos residuos urbanos. Para estes efectos, consideraranse instrumentos ou obxectos perigosos todos aqueles susceptibles de xerar danos ás persoas, tales como xiringas e útiles para o consumo de substancias estupefacientes, materiais utilizados na atención sanitaria que poidan ser susceptibles de contaxiar ou propagar enfermidades, así como todo tipo de drogas tóxicas, estupefacientes e produtos químicos, radioactivos, pirotécnicos ou explosivos.

Prohíbese depositar os residuos tanto domiciliarios coma comerciais, en contedores ou recipientes diferentes dos expresamente destinados en cada caso -reciclado-, especialmente os obxectos metálicos como estufas, termos ou similares que poidan provocar avarías no sistema mecánico dos vehículos utilizados para a súa recollida.

CAPÍTULO II.- DA LIMPEZA COMO CONSECUENCIA DO USO COMÚN ESPECIAL, DO PRIVATIVO E DOS ACTOS PÚBLICOS


ARTIGO 26.- LIMPEZA DA ZONA AFECTADA POLO USO ESPECIAL OU PRIVATIVO

A sucidade da vía pública ocasionada como consecuencia do uso común especial e do privativo será responsabilidade das persoas físicas ou xurídicas autorizadas ou concesionarias de tales usos.

Os titulares de establecementos e terrazas, sexan ou non fixos, tales como bares, cafés, quioscos, postos de venda e similares, están obrigados a manter nas debidas condicións de limpeza tanto as propias instalacións como o espazo urbano afectado. A limpeza xeral destes lugares realizarana os seus titulares no prazo dunha hora contada a partir da do peche do establecemento, con independencia do mantemento permanente ao longo do día, nas debidas condicións de limpeza e hixiene, mediante tarefas de varrido e limpeza periódica.

CAPÍTULO III.- DA LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA EN RELACIÓN COA EXECUCIÓN DE OBRAS


ARTIGO 27.- ADOPCIÓN DE MEDIDAS

Todas as actividades e obras impoñen ao seu titular, sen prexuízo do que se derive das licenzas preceptivas, a obriga de adoptar medidas para evitar que se ensucie a vía pública, así como a de limpar coa frecuencia adecuada a parte dela afectada, e retirar os materiais residuais resultantes.

Para previr a sucidade e por razóns de seguridade, as persoas que executen traballos ou obras que afecten á vía pública deberán proceder á protección desta mediante a colocación de elementos adecuados ao seu redor -valado, de modo que se impida a expansión e vertido de terras e materiais sobrantes de obra fóra da zona autorizada, así como para que se impida o acceso a elas, de persoal alleo á obra.

Cando se trate de edificios en construción, rehabilitación, reforma ou derruba, será o contratista da obra o responsable do valado e limpeza da vía pública que se vexa afectada polas obras.

A Alcaldía poderá requirir ao responsable para que efectúe as accións de limpeza ou valado correspondentes.

Será responsable das infracción descritas neste artigo, o construtor da obra que se realizará, incluído o de iniciar unha construción, reparación, desterro ou semellantes, cando esta careza da preceptiva licenza municipal.

ARTIGO 28.- PLATAFORMA DE LIMPEZA


No recinto da obra deberá dispoñerse dunha plataforma apta para limpar, antes de que saian á vía pública as rodas e demais elementos dos vehículos que poidan ensuciar a calzada. Ningún vehículo poderá acceder á vía pública coas rodas ou baixos sucios.

O incumprimento desta prevención conlevará, ademais da oportuna sanción, a prohibición por parte da Policía Local de acceso á vía pública de ditos vehículos dende a obra.

Do incumprimento dos apartados anteriores serán responsables o condutor do vehículo e subsidiario o seu propietario, no caso de acceder á vía pública coas rodas ou baixos do vehículo sucios. Será responsable o construtor principal da obra ou titular da actividade á que dean servizo, pola carencia na obra da plataforma ou dispositivo de limpeza para os vehículos, quedando obrigados en ambos casos, á limpeza da vía pública afectada, sen prexuízo das sancións que correspondan.

ARTIGO 29.- FORMIGONEIRAS

Queda prohibido o transporte de formigón con vehículo formigoneira sen levar pechada a boca de descarga mediante un dispositivo que impida o vertido de formigón á vía pública.

Prohíbese limpar as formigoneiras na vía pública e en calquera outro lugar non axeitado para iso.

Do incumprimento dos dous apartados anteriores serán responsables, en primeiro lugar, o condutor do vehículo e subsidiario o seu propietario, quedando obrigados á limpeza do formigón que se verta e da vía pública afectada, sen prexuízo das sancións que correspondan.

ARTIGO 30.- TRANSPORTE DE TERRAS E CASCALLOS

Os vehículos que transporten xénero a granel ou calquera material sen envasar, irán cargados e equipados de xeito que reunirán as debidas condicións para evitar o vertido do seu contido sobre a vía pública.

Os transportistas de terras e cascallos están obrigados a proceder á limpeza inmediata do treito de vía afectada, no suposto de que a vía pública se ensuciase a consecuencia das operacións de carga, descarga e transporte.

Tamén quedan obrigados a retirar en calquera momento, e sempre que sexan requiridos pola autoridade municipal, as terras e cascallos vertidos en lugares non autorizados, sen prexuízo das sancións que correspondan.

Serán responsables das infraccións contidas neste artigo, os condutores dos vehículos, e subsidiariamente os seus propietarios.

ARTIGO 31.- CONTEDORES DE OBRA

Prohíbese o abandono ou vertido na vía pública de calquera material residual de obra ou cascallo, así como o seu depósito nalgún dos contedores de residuos sólidos urbanos.

TÍTULO III.- LIMPEZA EXTERIOR DOS INMOBLES E PUBLICIDADE


CAPÍTULO I.- DA LIMPEZA EXTERIOR DE EDIFICIOS PÚBLICOS E PRIVADOS E DO RESPECTO Á PAISAXE URBANA


ARTIGO 32.- LIMPEZA E MANTEMENTO DE ELEMENTOS E PARTES EXTERIORES DOS INMOBLES

Os propietarios de inmobles e os titulares de establecementos están obrigados a mantelos nas debidas condicións de limpeza pública e de seguridade. Deberán proceder á limpeza, remozado ou estucado, segundo resulte máis acorde coa natureza de fachadas, rótulos, paredes, medianeiras, entradas, escaleiras de acceso e, en xeral, de todos os elementos arquitectónicos e materiais incorporados ao inmoble que sexan visibles dende a vía pública, cando sexa perceptible o seu estado de sucidade ou risco para os demais usuarios, ou o prescriba o concello tras o informe dos servizos municipais.

As reixas, varandas de balcóns, ferraxes de toldos e demais elementos metálicos manteranse libres de óxido e serán pintados e reparados cando o esixa o concello.

ARTIGO 33.- PUBLICIDADE

A publicidade exterior, en calquera soporte e calquera que sexan as súas características ou finalidade, só poderá instalarse nos lugares especialmente habilitados para ese fin e cumprindo a normativa específica que lle é de aplicación. Non será autorizada a propaganda ou publicidade cando constitúa unha degradación da paisaxe urbana ou natural.

Igualmente, necesitarase a autorización expresa do concello, ademais da do titular do ben afectado, cando a publicidade se instale nun ben privado se voa sobre o espazo público, incluídas as pancartas en balcóns e outras aberturas.

Os titulares da autorización serán responsables da retirada dos elementos instalados e de repoñelos ao seu estado anterior, de acordo coas indicacións que dean os servizos municipais.

En todo caso, tanto a publicidade como os elementos indicados nos parágrafos anteriores, deberán ser retirados no prazo máximo de cinco días contados dende o día en que remate o seu obxecto. O incumprimento de tal medida terá como consecuencia a inmediata sanción do interesado, sen prexuízo de que polos servizos municipais correspondentes, se proceda á retirada de tales elementos ou publicidade, pasándolles a liquidación dos gastos ocasionados por tal retirada ao interesado ou aos beneficiarios dela.

A colocación de carteis, valos, rótulos,  pancartas, adhesivos, papeis pegados ou calquera outra forma de publicidade, anuncio ou propaganda, incluso a de carácter político, en lugares non habilitados a tal efecto pola autoridade municipal. Está prohibida a colocación de carteis e pancartas en edificios e instalacións municipais en calquera espazo público ou elemento da paisaxe e no mobiliario urbano ou natural, sen a autorización expresa do concello.

Riscar, arrincar e tirar ao espazo público carteis, anuncios, pancartas e obxectos similares.

Prohíbese colocar publicidade sobre a parte exterior dos vehículos, así como esparexer e tirar toda clase de folletos ou papeis de publicidade comercial ou calquera material similar na vía pública e nos espazos públicos e outros espazos de uso común.

As persoas que reparten publicidade domiciliaria non poderán deixar propaganda fóra do recinto da portaría dos edificios.

As persoas físicas ou xurídicas que promovan a contratación ou difusión da mensaxe responderán directamente das infraccións precedentes, e solidariamente os autores materiais do feito, se estes últimos son coñecidos.

As comunidades de veciños que non desexen recibir propaganda ou publicidade comercial nas súas caixas de correo, deberán colocar un cartel indicativo de tal extremo no portal de entrada ao inmoble.

Queda prohibido instalar elementos para o depósito da publicidade, fóra das portarías dos edificios ou en lugares que sexan de fácil manipulación por persoal alleo ao edificio.

ARTIGO 34.- EDIFICIOS SINGULARES

Nos edificios catalogados histórico-artísticos e outros que sexan emblemáticos, non se admitirá ningunha clase de publicidade, nin se poderán exhibir carteis, bandeirolas ou rótulos, excepto dos que informen das súas características, fagan referencia ás actividades que no edificio se desenvolvan ou se refiran ás súas obras de reforma ou rehabilitación.

ARTIGO 35.- PINTADAS E GRAFITOS

Quedan prohibidas as pintadas, tanto na vía pública coma en fachadas de edificios públicos ou particulares, mobiliario urbano, arborado, estatuas, monumentos e, en xeral, sobre calquera elemento da paisaxe da cidade.

Están igualmente prohibidos os graffiti e as raiaduras nos ámbitos sinalados no apartado anterior.

Exceptúanse os murais debuxados sobre valos de soares, peches de obras, paredes medianeiras e similares, sempre que se obteña previamente autorización municipal e do titular do ben afecado, e ademais se cumpran as súas especificacións.

Cando un edificio público ou elemento do mobiliario urbano fora obxecto de pintadas, colocación de papeis, raiado de cristais, pegada de carteis ou calquera outro acto que o deteriore, o concello poderá imputar á empresa ou persoa responsable ou beneficiada, o custo das correspondentes facturas de limpeza e acondicionamento á marxe da sanción que corresponda.

CAPÍTULO II.- DA LIMPEZA DE URBANIZACIÓNS, EDIFICIOS E SOARES


ARTIGO 36.- LIMPEZA DE ESPAZOS PRIVADOS


A limpeza de beirarrúas, pasaxes, calzadas, prazas e xardíns das urbanizacións privadas, así como as zonas comúns dos edificios particulares, corresponde aos seus propietarios.

Será obriga dos propietarios a limpeza de patios interiores de mazá, soares particulares, galerías comerciais e similares.

O concello exercerá o control e a inspección do estado de limpeza de todos estes elementos privados, e requirirá aos responsables para a súa limpeza, de acordo coas instrucións que para os efectos diten os servizos municipais.

Os propietarios de locais comerciais adecuarán as súas fachadas en canto ao ornato, mantemento e características de edificación de acordo coas especificacións que a tal fin estableza a ordenanza correspondente.

TÍTULO IV - DA TENZA E CONDUCIÓN DE ANIMAIS


ARTIGO 37.- ANIMAIS EN DOMICILIOS PARTICULARES

Con carácter xeral autorízase a tenza de animais domésticos nos domicilios particulares sempre que as circunstancias do aloxamento o permitan e non se produza ningunha situación de perigo ou incomodidade para os veciños, para outras persoas en xeral, ou para o propio animal que non sexan as da súa propia natureza.

A tenza de animais salvaxes fóra dos parques zoolóxicos será expresamente autorizada polos servizos competentes e requirirá o cumprimento das condicións de seguridade e hixiene, da normativa vixente sobre tráfico de especies protexidas e a total ausencia de molestias e perigos.

Cando non sexa tolerable a estancia de animais nunha vivenda ou local, os donos destes deberán proceder ao seu desaloxo, e se non o fixesen voluntariamente -despois de ser requiridos para iso- farano os servizos municipais correspondentes, ao que deberán aboar os gastos que ocasionen.

A tenza de aves de curral, coellos, pombas e outros animais de cría suxeitarase ás mesmas esixencias establecidas para previr posibles molestias ao vecindario e focos de infección.

Cumprirase en todo momento coa normativa relativa á tenza e control de animais e prevención de danos a terceiros.

Os propietarios de animais de convivencia humana estarán obrigados a proporcionarlles alimentación e curas adecuadas tanto no tratamento preventivo de enfermidades, coma coidados, e aplicar as medidas sanitarias preventivas que a autoridade municipal dispoña, así como facilitar un aloxamento de acordo coas esixencias propias de cada especie.

Queda prohibido:

1. O abandono de animais en vivendas pechadas, na vía pública, soares, xardíns, etc.

2. Non facilitar aos animais a alimentación necesaria para subsistir.

3. Manter aos animais en instalacións indebidas dende o punto de vista hixiénico-sanitario.

4. Causar danos ou cometer actos de cruildade e malos tratos a animais domésticos en réxime de convivencia e catividade.

5. A utilización de animais en teatros, salas de festa, filmacións ou actividades de propaganda que supoñan dano, sufrimento ou degradación animal.

6. A venda rueira de toda clase de animais vivos.

7. Golpear aos animais con varas ou outros obxectos duros, infrinxirlles calquera tipo de dano, cometer con eles actos de cruildade ou causarlles morte.

8. Disparar ás pombas, cazar e matar paxaros ou outros animais e levar a cabo actividades ou outras prácticas asimilables que prexudiquen á fauna en xeral.

9. A circulación polas vías públicas daqueles cans que non vaian acompañados e conducidos mediante cadea, correa ou cordón resistente. Irán provistos de bocal e baixo a responsabilidade do dono.

10. Realizar, organizar, promover, participar ou asistir a pelexas, competicións clandestinas ou apostas con animais, así como os actos públicos non regulados legalmente, cuxo obxectivo sexa a morte dun animal.

11. A entrada de animais con fins de pastoreo en parques e xardíns, agás nos casos de autorización expresa.
 
A subida ou baixada de animais de compaña (cans, gatos, etc.) nos aparellos elevadores farase sempre non coincidindo coa utilización dos aparellos por outras persoas, se estas así o esixiran.

Cando a tenza de animais implique o exercicio dunha actividade cualificada como molesta, insalubre, nociva ou perigosa pola normativa vixente, estará suxeita á normativa correspondente e sometida á obtención das licenzas municipais que procedan.

En particular, e sen prexuízo da normativa de carácter xeral, sométense á obtención da licenza municipal previa as actividades seguintes:

a) Tenza de animais en exercicio dunha actividade privada sen intereses mercantís e sen ánimo de lucro, cando o seu número sexa superior ao que habitualmente se entende por posesión de animais de compaña.

b) Establecementos hípicos que impliquen a garda de cabalos.

c) Centros para animais destinados ao aloxamento temporal ou permanente, reprodución, cría, recuperación e similares, tales como perreiras, residencia, criadeiros, etc.

d) Clínicas veterinarias.

e) Calquera outra actividade de análogas características que implique tenza de animais e sexa susceptible de causar molestias a terceiros.

Para a autorización deste tipo de actividades requirirase informe dos servizos veterinarios oficiais, os cales levarán o control permanente da actividade das mencionadas expresas.

ARTIGO 38.- CENSO CANINO


Os propietarios ou posuidores de cans están obrigados a censalos nos servizos municipais correspondentes, a proverse dos documentos esixidos ao respecto pola lexislación sectorial, e a cumprir os requisitos determinados nas leis e regulamentos. As baixas por morte ou desaparición dos animais serán comunicadas polos propietarios ou seus posuidores, ao servizo municipal correspondente, no prazo de dez días, que se contará dende que aquelas se producisen, acompañando a tales efectos a tarxeta sanitaria do animal.

Cando se transfira a posesión do animal, deberá comunicalo a dito servizo no prazo de dez días.

Prohíbese que os cans e outros animais depositen as súas defecacións en parques infantís, paseos, xardíns ou calquera outro lugar da vía pública. As persoas que os conduzan impedirán que evacúen nela os seus excrementos. Para iso achegarán ao animal ao sumidoiro máis próximo á rede de sumidoiros ou aos lugares expresamente destinados para iso, se os houbese.

No caso de non poder evitar que os excrementos se depositen na vía pública, o propietario do animal ou a persoa que o conduza deberá inmediatamente recollelos. Do incumprimento será responsable a persoa que o conduza e, subsidiariamente o propietario do animal. Se non aparecese ningún dos dous, será retirado o animal polo servizo municipal correspondente.

Tratamentos sanitarios: vacinas e cartillas sanitarias:

1.- Todo propietario dun animal de compaña deberá someter a este ás vacinacións ou tratamentos sanitarios obrigatorios que esixan os organismos da administración competente por razóns de sanidade animal ou saúde pública.

2.- Todos os animais de compaña para os que regulamentariamente se estableza, deberán posuír unha cartilla sanitaria expedida polo centro veterinario autorizado no que se vacinara o animal e na que conste: o nome do animal, un número identificativo, a súa data de nacemento ou idade, o tipo de vacina administrada e data de vacinación, o nome e dirección do seu propietario, o nome e dirección do centro veterinario autorizado expendedor.

3.- Todo animal ao ser vacinado recibirá unha chapa gravada co mesmo número de identificación que consta na súa cartilla sanitaria e que deberá levar consigo permanentemente.

4.- Os veterinarios dependentes das administracións públicas, así como as clínicas e consultorios veterinarios autorizados levarán un arquivo coa ficha clínica dos animais obxecto de vacinación ou tratamento sanitario obrigatorio e onde constará o seu número de identificación. Dito arquivo estará á disposición da autoridade competente cando así se solicite.

5.- As clínicas veterinarias autorizadas por este concello para realizar a vacinación antirrábica estarán obrigadas a dar conta aos servizos veterinarios correspondentes dos datos e identificación dos cans vacinados e dos nomes e domicilios dos seus propietarios respectivos.

6.- A pedimento do propietario e baixo o control veterinario correspondente, a observación antirrábica dos cans agresores poderá facerse no domicilio do propietario sempre e cando o can estivese vacinado contra a rabia e incluído no censo canino municipal.

7.- O sacrificio obrigatorio por razóns de sanidade animal ou saúde pública efectuarase en calquera caso de forma rápida e indolora, sempre en centros autorizados para tales fins e levado a cabo por un veterinario.

ARTIGO 39.- CONDUCIÓN DE ANIMAIS

Todos os cans, ademais da súa chapa numerada de control sanitario, levarán tamén obrigatoriamente e de forma permanente un signo de identificación individual. Este será preferentemente en forma de tatuaxe ou microchip ou, no seu defecto, unha medalla ou placa onde constará o nome do can e o teléfono ou os datos do seu propietario. Estes datos deberán figurar igualmente na ficha clínica correspondente que permanecerá arquivada en dito centro.

Nas vías públicas concorridas os cans irán sempre suxeitos por correa ou cadea e colar, e acompañados dunha persoa. Circularán con bocal aqueles cans cuxa perigosidade sexa razoadamente previsible, dada a súa natureza, tamaño e características.

Os animais non poderán invadir os xardíns, podendo circular, debidamente controlados, polos parques onde expresamente se autorice. Deberán ir en todo momento conducidos -suxeitos- con correa e bocal.

Cando a celebración de actos ou festexos inclúa a utilización de animais, o organizador deberá eliminar a sucidade que provoquen, tan pronto remate o acto e os animais sexan retirados.

As persoas que conduzan animais, e subsidiariamente os seus propietarios, serán responsables das infraccións, dos danos ou afeccións a persoas ou a cousas, e da suciedade cuasada polo animal. Se non aparecese ningún dos dous, será retirado o animal polo servizo municipal correspondente.

ARTIGO 40.- ANIMAIS ABANDONADOS


Considerarase animal abandonado todo aquel que non leve ningunha identificación da orixe ou do propietario nin vaia acompañado de ningunha persoa. Neste caso, o concello ou o organismo administrativo correspondente deberá facerse cargo do animal até que sexa recuperado, cedido ou sacrificado.

O prazo de retención do animal sen identificar será como mínimo de 10 días, contados dende a data da súa recollida.

Se o animal leva identificación, avisarase ao propietario e este terá a partir dese momento, un prazo de dez días para recuperalo, aboando previamente os gastos que orixinara o seu mantemento. Transcorrido dito prazo sen que o propietario o recuperara, o animal entenderase abandonado.

A competencia municipal de recollida de animais abandonados poderá efectuarse directamente polo concello ou mediante concerto con outros organismos ou entidades públicas ou privadas ou asociacións protectoras de animais.

No sacrificio dos animais abandonados utilizaranse exclusivamente métodos que impliquen o mínimo sufrimento e provoquen unha perda de consciencia inmediata e sempre será efectuado baixo o control e a responsabilidade dun veterinario.

Os axentes da autoridade prestarán a súa colaboración e asistencia nas accións de protección e defensa dos animais nas xestións subscritas co organismo oficial correspondente se houbese un convenio establecido entrambos.

TÍTULO V


ESPECTÁCULOS E ESTABLECEMENTOS PÚBLICOS E OUTRAS ACTIVIDADES


ARTIGO 41.- ESPECTÁCULOS E ESTABLECEMENTOS PÚBLICOS

Para o desenvolvemento de calquera actividade ou a apertura de todo establecemento, deberá o seu titular proverse con anterioridade da preceptiva licenza municipal. Queda prohibido realizar calquera tipo de actividade nun establecemento cuxa licenza de apertura non figure a nome da persoa que a desenvolva; será preceptiva a transmisión da correspondente licenza, sendo responsable solidariamente de tal incumprimento, o titular da licenza, o propietario do inmoble, así como o da actividade.

É obriga dos titulares de establecementos públicos o cumprimento estrito do horario autorizado para o desenvolvemento da actividade para a que ten concedida licenza, así como calquera outra norma reguladora desta materia. Asemade, non se poderá desenvolver outra actividade máis que a contemplada na licenza, nin incumprir as especificacións que regulan dita actividade.

Queda totalmente prohibido abandonar ou sacar de calquera tipo de establecemento de hostelaría -bares, pubs, cafetarías, etc.-, vasos,  botellas ou calquera outro artigo ou recipiente subministrado no interior. Serán responsables de dita infracción, solidariamente os titulares dos negocios de onde proveñan ditos obxectos e o autor do feito. Para os efectos deste precepto, quedará comprendida dentro do establecemento, a terraza ou velador para o que teña concedida a correspondente licenza municipal.

ARTIGO 42.- REGULAMENTO XERAL DE POLICÍA E ESPECTÁCULOS PÚBLICOS

Tanto o público en xeral coma os empresarios en particular, deberán adoptar o comportamento os primeiros, e desenvolver a actividade os segundos, de acordo co establecido no Real decreto 2816/1982, do 27 de agosto, polo que se aproba o regulamento xeral de policía de espectáculos e actividades recreativas. As accións ou omisións a dita norma serán sancionadas pola presente ordenanza municipal.

ARTIGO 43.- CELEBRACIÓN DE ACTOS PÚBLICOS

Os organizadores de calquera acto público de natureza cultural, festiva, lúdica ou deportiva, ou de calquera outra índole, en atención aos principios de colaboración, corresponsabilidade e confianza coa autoridade municipal, deberán velar porque os espazos públicos utilizados non se ensucien e os seus elementos urbanos ou arquitectónicos non se deterioren ou sufran danos, quedando obrigados, no seu caso, á correspondente reparación, reposición e/ou limpeza. Se con motivo de calquera destes actos se producen as condutas descritas, os seus organizadores deberán comunicalo inmediatamente aos axentes da autoridade. Cando as circunstancias así o aconsellen, o concello poderá esixir aos organizadores que depositen unha fianza u subscriban unha póliza de seguro para responder dos danos, limpeza e prexuízos que se poidan causar.

Asemade, ditos organizadores deberán garantir a seguridade das persoas; a estes efectos deben cumprir coas condicións de seguridade xerais e de autoprotección que se fixen en cada caso polo órgano acompetente. Ademais, deberán colaborar, sempre e en todo momento, cos membros das forzas e corpos de seguridade, protección civil, sanitarios, bombeiros, etc., que presten servizo no acto, informándoos con veracidade de cantas actividades se pensen realizar, así como itinerarios que se seguirán, vías que se utilizarán e todos aqueles factores que poidan afectar á orde pública, paz social e seguridade do resto de veciños de Verín.

O concello non outorgará autorización para a celebración de actos festivos, musicais, culturais, deportivos ou de índole similar nos espazos públicos nos que se pretendan realizar cando, polas previsións do público asistente, as características do propio espazo público ou outras circunstancias debidamente acreditadas e motivadas no expediente, ditos acontecementos poidan pór en perigo a seguridade, a convivencia ou o civismo. Nestes supostos, sempre que sexa posible, o concello proporá aos organizadores espazos alternativos nos que poida celebrarse o acto.

Para os efectos de limpeza e seguridade da cidade, os organizadores están obrigados a informar ao concello do lugar, percorrido e horario dos actos públicos. O concello poderá esixirlles a constitución dunha fianza en función dos previsibles traballos extraordinarios de limpeza que puidesen ocasionar. De encontrarse o espazo público afectado en perfectas condicións de limpeza e estado, a fianza seralles devolta. Pola contra, deducirase dela o importe dos traballos extraordinarios que se realicen.

Nos actos públicos onde se reúna un elevado número de asistentes e nos que se instalen bares, tabernas, chozas ou similares, onde teña lugar o consumo de alimentos e/ou bebidas, os congregados disporán de evacuatorios abertos ao público. No seu defecto, a organización instalará evacuatorios portátiles homologados, na cantidade e situación indicada polos servizos técnicos municipais.

Así mesmo, cando se instalen na vía pública este tipo de establecementos provisionais, será necesario, ademais do cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias de aplicación, dispoñer de toma de auga e de evacuación á rede de saneamento, así como adoptar as medidas oportunas para que os residuos se depositen selectivamente para ulterior reciclaxe.

ARTIGO 44.- ACTIVIDADES NA VÍA PÚBLICA

Prohíbese a compra ou a adquisición no espazo público de alimentos, bebidas e outros produtos ilícitos procedentes da venda ambulante.

Prohíbese a realización de actividades e a prestación de servizos non autorizados no espazo público, como tarot, videncia, masaxes ou tatuaxes.

Queda prohibido colaborar no espazo público con quen realiza as actividades ou presta os servizos non autorizados, con accións como vixiar e alertar sobre a presenza dos axentes da autoridade.

Está prohibido estacionar vehículos na vía pública para a súa venda ou alugueiro ou con finalidades fundamentalmente publicitarias, sempre que se leve a cabo por empresas ou represente un uso intensivo do espazo público.

Prohíbese a demanda, o uso ou o consumo no espazo público das actividades ou os servizos non autorizados aos que se refire este capítulo. En todo caso, a licenza ou autorización deberá ser perfectamente visible.

O persoal que interveña en calquera clase de esparexementos públicos propios de feiras e verbenas, tales como carruseis, bambáns, labirintos, tómbolas, rifas, casetas do tiro ao branco, monicreques, variedades, etc., vestirá co debido decoro e aseo. Será responsable dunha conduta improcedente a empresa ou persoa para a que traballe.

Os organizadores de actos públicos de natureza cultural, lúdica, festiva, deportiva ou de calquera outra índole velarán porque non se produzan, durante a súa celebración, as condutas descritas nos apartados anteriores. Se con motivo de calquera destes actos se realizan as condutas descritas, os seus organizadores deberán comunicalo inmediatamente aos axentes da autoridade.

ARTIGO 45.- OBRAS

Para a realización de todo tipo de obras, o seu titular deberá proverse con anterioridade ao inicio, de licenza expresa do concello. En toda obra, antes do seu comezo, deberase colocar un cartel exposto ao público, no que figuren, entre outros, os seguintes datos: data de concesión da licenza, núm. de expediente, titular, construtor principal, arquitecto e aparellador se é o caso, e tipo descritivo de obra que se vai facer.

ARTIGO 46.- OCUPACIÓN DA VÍA PÚBLICA


Calquera rótulo, toldo, ornamento, placa ou distintivo cara a vía pública está suxeito a licenza municipal, polo que previamente á súa instalación, os seus titulares estarán obrigados a proverse dela; estes manteranse limpos e en perfecto estado, debendo repoñerse os deteriorados.

Prohíbese a colocación de máquinas expendedoras de produtos de consumo que realicen a súa distribución de forma directa á vía pública, sen que conte coa debida autorización municipal.

Queda prohibida a ocupación da vía pública por expositores ou por calquera outro tipo de obxecto, material, instalación ou elemento que careza da correspondente licenza municipal. Tampouco poderá ocuparse a vía pública para realizar nela reparacións de calquera clase de vehículos a motor, carros, etc., nin quedar estacionados na vía pública aqueles vehículos que teñan necesidade de esperar quenda para proceder á súa reparación. Non se permite a ocupación da vía pública con vehículos destinados á venda, exposición ou promoción.

As cortinas ou toldos, e os rótulos dos establecementos comerciais ou industriais, cuxa colocación se autorice pola Alcaldía, deberán colocarse de modo que o seu punto máis baixo se ache por enriba dunha altura de 2,25 metros sobre a rasante da beirarrúa e que o seu saliente deixe libre unha zona dela de 0,40 metros de ancho, como mínimo, a medir dende o bordo. En ningún caso poderá dificultar ningunha visibilidade de sinalización, sen prexuízo de que esta se instale no lugar máis idóneo e que menos agravios ocasione aos posibles interesados. Naqueles lugares ou rúas nos que non haxa beirarrúa, non se poderán instalar rótulos nin toldos a menos de 0,40 metros do carril de circulación, se este está delimitado, en caso contrario, constituirá dito carril os tres metros centrais da rúa ou praza dependendo da súa configuración. Cando non sexa posible cumprir coas prescricións anteriores, só se poderá autorizar a instalación de rótulos apegados, e seguindo as recomendacións en canto a dimensións se refire dos servizos técnicos municipais, que constarán na licenza.

As ocupacións de vía pública só poderán afectar á porción de dominio público correspondente á fronte da fachada do inmoble onde desenvolve a actividade o titular interesado que pretenda servirse dela, e sempre dependendo ou compatibilizando, para o cal emitirá o correspondente informe o Servizo de Policía Local, o posible uso e desfrute de dita porción de terreo por outra actividade do mesmo inmoble.

Os interesados en pechar ou cortar unha rúa á circulación polo motivo que sexa, independentemente do tempo durante o cal permaneza pechada, deberán estar en posesión da correspondente autorización municipal para tal cometido; unha vez autorizado o corte e no momento de efectualo, os beneficiarios de tal licenza poranse en contacto coa Policía Local coa finalidade de que o supervisen e resolvan calquera incidencia de último momento.

De igual modo que no artigo anterior, deberán proceder aqueles que desexen realizar cargas ou descargas ocasionais na vía pública, no lugar non habilitado. A este respecto, os vehículos utilizados para recoller terras ou cascallos procedentes de obras en construción ou demolición, terán a consideración de colectores e tributarán como eles.

Toda obra, valos de obras, gabias ou simas abertas no pavimento, e en xeral calquera ocupación da vía pública con incidencia no tráfico, deberán estar en todo momento sinalizadas convenientemente, a cargo do causante da incidencia, e balizada luminosamente durante as horas nocturnas ou cando as condicións climatolóxicas así o aconsellen. Ao remate da xornada laboral, as zonas de traballo de gabias, canalizacións, etc., realizadas na vía pública deberán quedar suficientemente protexidas e adecuadamente sinalizadas en previsión de accidentes.

Queda especialmente prohibido instalar ou colocar elementos impropios da circulación, coa finalidade de reservar espazo para unha ulterior ocupación da vía pública. Para este cometido, o interesado deberá proverse previamente da licenza correspondente, e utilizar elementos como conos, valos, sinais homologados, etc.

Constitúe infracción a esta ordenanza o excederse nos metros de ocupación con respecto aos que constan na autorización concedida. Dito exceso e en actividades ocasionais como venda ambulante e atraccións, por realizarse normalmente en festas ou días festivos, e nun curto espazo de tempo, poderán ser cobradas "in situ" pola Policía Local.

Coa finalidade de controlar e computar a vixencia da licenza, o interesado, no momento de iniciar a instalación ou ocupación da vía pública, así como ao finalizala ou retirala, está obrigado a contactar coa Policía Local para que esta deixe constancia de ditas datas.

ARTIGO 47.- OBSTÁCULOS Á LIBRE CIRCULACIÓN


Calquera obstáculo que dificulte a libre circulación, incluso vehículos abandonados ou indebidamente estacionados, poderán ser retirados polas autoridades municipais e conducido aos almacéns da vila ou a outros lugares que se designen, á disposición dos seus propietarios, que poderán retiralo tras o cumprimento das correspondentes formalidades administrativas e o aboamento dos dereitos de transporte e estancias causadas, independentemente da sanción ou sancións que lle poidan corresponder.

Se por calquera motivo -obras, cargas ou descargas, etc.-, se produce unha obstaculización á circulación e se fai necesaria a súa regulación para dar fluidez ao tráfico e evitar retencións ou situacións de risco, o causante de tal obstáculo queda obrigado a instalar os dispositivos ou a manter o persoal necesario no lugar, provisto de sinais manuais para regular a circulación en dito tramo.

ARTIGO 48.- ACAMPADA

Non se poderá acampar, instalar tendas de campaña ou vehículos para tal efecto habilitados en terreos públicos ou privados que carezan de autorización para iso. Non se poderá cociñar ou despregar cadeiras e mesas na vía pública. Tampouco está permitido durmir de día ou de noite nestes espazos.

Os axentes da autoridade requirirán aos propietarios ou usuarios das tendas de campaña, vehículos ou de calquera tipo de material que ocupe indebidamente a vía pública, para que desista da súa actitude, sen prexuízo de efectuar a denuncia correspondente. En caso de negativa ou de imposibilidade de localizar aos propietarios ou usuarios, os axentes da autoridade poderán artellar os medios necesarios para a súa retirada inmedata, correndo os propietarios cos gastos que se orixinen.

Cando se trate da acampada con autocaravanas, caravanas ou calquera outro tipo de vehículo e a persoa infractora non acredite a residencia legal en territorio español, o axente denunciante fixará provisionalmente a contía da multa e, de non se depositar o seu importe, procederase á inmobilización do vehículo e, no seu caso, á súa retirada e ingreso no depósito municipal.

TÍTULO V


RÉXIME SANCIONADOR


CAPÍTULO I: INFRACCIÓNS, SANCIÓNS E MEDIDAS CAUTELARES


ARTIGO 49.- INFRACCIÓNS

Constitúen infracción administrativa os feitos ou condutas, por acción ou omisión, que impliquen o incumprimento ou a vulneración, total ou parcial, das disposicións e prohibicións que se establecen nesta ordenanza, como tamén aqueloutras que estean tipificadas na normativa sectorial aplicable, xa sexa estatal, autonómica ou local, sen prexuízo de que os preceptos desta ordenanza poidan contribuír a unha correcta identificación das condutas.

As infraccións do disposto nesta ordenanza serán sancionadas polo alcalde, de acordo co establecido no presente título, dentro dos límites que a lexislación autoriza e sen prexuízo das responsabilidades civís e penais a que houbese lugar en cada caso.

Todos teñen o deber de prestar ás forzas e corpos de seguridade o auxilio necesario na investigación e persecución dos delitos nos termos previstos legalmente. As persoas e entidades que exerzan funcións de vixilancia, seguridade ou custodia referidas a persoal e bens ou servizos de titularidade pública ou privada teñen especial obriga de auxiliar ou colaborar en todo momento coas forzas e corpos de seguridade.

A Policía Local ordenará qque rematen os actos flagrantes que contraveñan o preceptuado nesta ordenanza e deberá impedir que os infractores desobedientes continúen executándoos, sen prexuízo da sanción que corresponda.

ARTIGO 50.- CLASES DE INFRACCIÓNS

As infraccións clasifícanse en leves, grave e moi graves. A imposición das sancións previstas nesta ordenanza guiarase pola aplicación do principio de proporcionalidade e, en todo caso, teranse en conta os seguintes criterios de graduación:

A gravidade da infracción.

A existencia de intencionalidade.

A natureza dos prexuízos causados.

Grao de neglixencia.

Risco para a saúde pública.

A falta de civismo.

A reincidencia.

A reiteración.

A capacidade económica da persoa infractora e medios de vida.

A natureza do risco ou dano ocasionado, a súa repercusión e trascendencia social, o custo de restitución ou a irreversibilidade do dano ou deterioración producida na calidade do recurso ou ben protexido.

Enténdese que hai reincidencia cando se cometou no prazo de dous anos máis dunha infracción desta ordenanza e se declarara por resolución firme. Hai reiteración cando a persoa responsable xa foi sancionada por infraccións desta ordenanza ou cando se estean instruíndo outros procedementos sancionadores por infraccións a ela.

Na fixación das sancións de multa terase en conta que, en todo caso, a comisión da infracción non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora có cumprimento das normas infrinxidas.

No caso de que, unha vez practicadas as dilixencias de investigación oportunas dirixidas a individualizar á persoa ou ás persoas infractoras, non sexa posible determinar o grao de participación dos diversos suxeitos que interviñeran na comisión da infracción, a responsabilidade será solidaria.

Unha vez incoado un procedemento sancionador por dúas ou máis infraccións entre as que haxa relación de causa-efecto, imporase só a sanción que resulte máis elevada.

Cando non se dea a relación de causa efecto á que se refire o apartado anterior, aos responsables de dúas ou máis infraccións imporánselles as sancións correspondentes a cada unha das infraccións cometidas, agás que se aprecie identidade de suxeitos, feitos e fundamentos. Neste último suposto aplicarase o réxime que sancione con maior intensidade, gravidade ou severidade a conduta da que se trate.

Cando o órgano competente para iniciar o procedemento sancionador tivese coñecemento de que os feitos, ademais de poder constituír unha infracción administrativa, puidesen ser constitutivos dunha infracción penal, comunicarao ao órgano xudicial competente, absténdose de proseguir o procedemento sancionador, unha vez incoado, mentres a autoridade xudicial non se pronunciase. Durante o tempo que estivese en suspenso o procedemento sancionador, entenderase suspendido tanto o prazo de prescrición da infracción coma a caducidade do propio procedemento. A condena ou a absolución penal dos feitos non impedirá a sanción administrativa, se se aprecia diversidade de fundamento.

ARTIGO 51.- INFRACCIÓNS LEVES


Consideraranse como leves:

1. As accións ou omisións contrarias a esta ordenanza que non se cualifiquen expresamente como graves ou moi graves nos apartados seguintes.

2. Considerarase infracción leve a produción de danos nos bens de dominio público cando o seu importe non exceda de 1.500 euros.

ARTIGO 52.- INFRACCIÓNS GRAVES

Consideraranse infraccións graves:

1. A produción de danos nos bens de dominio público cando o seu importe supere a cantidade de 1.501 euros e non exceda de 20.000 euros.

2. A obstrución ao normal funcionamento dun servizo público.

3. As condutas vandálicas, agresivas ou neglixentes no uso do mobiliario urbano que xeren situacións de risco ou perigo para a saúde e a integridade física das persoas e os bens.

4. Toda conduta de menosprezo cara a dignididade das persoas, así como calquera comportamento discriminatorio, sexa de contido xenófobo, racista, sexista ou homófobo, ou de calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, de feito, por escrito ou de palabra, mediante insultos, burlas, molestias intencionadas, coacción psíquica ou física, agresións ou outras condutas vexatorias.

5. As actitudes de acoso entre menores no espazo público. Serán especialmente perseguidas as condutas de agresión ou asedio a menores realizadas por grupos de persoas que actúen no espazo urbano.

6. Os atentados contra monumentos ou edificios catalogados ou protexidos.

7. Os grafitos ou pintadas que se realicen nos sinais de tráfico ou de identificación viaria.

8. O ofrecemento de apostas que comporten un risco de perda máis alá do que é habitual en todo xogo de azar, e, en calquera caso, o xogo do trile.

9. A falta de constitución de seguros, fianzas ou outras garantías, ou da súa renovación, cando fosen obrigatorias.

10. O incumprimento das prescricións establecidas nas diferentes licenzas outorgadas polo concello.

11. A negativa ou a resistencia ás tarefas de inspección ou control do concello.

12. A negativa ou a resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polos funcionarios actuantes en cumprimento das súas funcións.

13. Subministar aos funcionarios actuantes, en cumprimento dos seus labores de inspección, control ou sanción, información ou documentación falsa, inexacta, incompleta ou que induza a erro de maneira explícita ou implícita.

14. O incumprimento ou desobediencia das ordes ou os requirimentos específicos formulados polas autoridades municipais ou os seus axentes.

15. A falta ao respecto e consideración debida á autoridade ou os seus axentes, ao persoal sanitario, bombeiros e membros de Protección Civil, ou a desobediencia leve, cando exerzan as súas funcións.

16. A coacción, ameaza, represalia, desacato ou calquera outra presión exercida sobre as autoridades ou os axentes municipais.

17. Ademais, a reincidencia na comisión dunha infracción leve considerarase infracción grave.

ARTIGO 53.- INFRACCIÓNS MOI GRAVES

Consideraranse infraccións moi graves:

1. A produción de danos nos bens de dominio público cando o seu importe supere a cantidade de 20.001 euros.

2. O impedimento de uso dun servizo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización, ou o impedimento ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento dun servizo público.

3. O impedimento do uso dun espazo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.

4. O abandono, vertido ou eliminación incontrolado de residuos perigosos.

5. Unha perturbación relevante da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas, ao normal desenvolvemento de actividades de toda clase conformes coa normativa aplicable ou á salubridade ou ornato públicos.

6. A mendicidade exercida, directa ou indirectamente, con acompañamento de menores ou con persoas discapacitadas.

7. Manter relacións sexuais mediante retribución por elas no espazo público.

8. A realización de actividades que conleven un grave risco para a saúde pública sen as autorizacións correspondentes, ou vulnerando os máis elementais principios de seguridade e hixiene.

9. Ademais, a reincidencia na comisión dunha infracción grave considerarase infracción moi grave.

ARTIGO 54.- SANCIÓNS

Ás infraccións leves aplicaráselles unha sanción de multa de 50 a 750 euros; ás graves, de 751 a 1.500 euros; e ás moi graves de 1.501 a 3.000 euros.

Ademais, poderase acordar independentemente da multa, a suspensión temporal das licenzas, autorizacións ou permisos dende seis meses e un día a dous anos para infraccións moi graves, e até seis meses para as infraccións graves; a clausura dos locais ou establecementos, dende seis meses e un día a dous anos por infraccións moi graves e até seis meses por infraccións graves.

En casos graves de reincidencia, a suspensión e clausura a que se refiren os dous apartados anteriores poderán ser de dous anos e un día até seis anos por infraccións moi graves e até dous anos por infraccións graves.

Naqueles casos en que infrinxan as normas reguladoras dunha actividade para a que se ten solicitada autorización, e nos que aínda non a tendo, se solicite con posterioridade, a sanción que se impoña conlevará a imposibilidade de obter permiso ou licenza de un a tres anos.

As sancións xerais descritas nos parágrafos anteriores establécense sen prexuízo das sancións específicas que se regulen na correspondente lexislación sectorial aplicable, polo que, nos supostos que a mencionada lexislación sectorial estableza sancións, tanto principais coma accesorias, diferentes, serán de aplicación as establecidas na reiterada lexislación xectorial, dentro dos límites que se atribúan á competencia local.

No caso de reincidencia en infraccións graves ou moi graves, poderase declarar a inhabilitación do infractor para ser titular de autorizacións e concesións por un prazo de un a tres anos.

ARTIGO 55.- PRESCRICIÓN


As infraccións e sancións tipificadas nesta ordenanza que non teñan un prazo específico de prescrición na normativa sectorial aplicable, prescribirán nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; é dicir:

Infraccións: contadas dende a data en que se produciu a infracción:

1. Moi graves: aos 3 anos.

2. Graves: aos 2 anos.

3. Leves: aos 6 meses.

Sancións: contadas dende o día seguinte a aquel en que adquire firmeza a resolución sancionadora:

1. Por infraccións moi graves: aos 3 anos.

2. Por infraccións graves: aos 2 anos.

3. Por infraccións leves: ao ano.

O prazo de prescrición das infraccións cóntase a partir do día en que se cometesen os feitos. A prescrición interrómpese por calquera actuación administrativa da que teña coñecemento o denunciado ou estea encamiñada a averiguar a súa identidade ou domicilio e se practiquen con proxección externa á dependencia en que se orixine. A prescrición reanúdase se o procedemento se paraliza durante máis dun mes por causa non imputable ao denunciado.

ARTIGO 56.- PAGAMENTO DE MULTAS

As sancións de multa poderán facerse efectivas cunha redución do 40% sobre a contía correspondente que se consignara na notificación da denuncia realizada polo instrutor do expediente, sempre que dito pagamento se efectúe durante os 30 días naturais seguintes a aquel en que teña lugar a citada notificación. O aboamento anticipado coa redución anteriormente sinalada, salvo que proceda impoñer a suspensión ou revogación dalgunha licenza, implicará só a terminación do procedemento sen necesidade de ditar resolución expresa, sen prexuízo da posibilidade de interpor os recursos correspondentes.

Cando o infractor non acredite a súa residencia legal en territorio español, o axente denunciante fixará provisionalmente a contía da multa e, de non se depositar o seu importe, poderá inmobilizar ou intervir os materiais ou instrumentos utilizados na comisión da infracción. Unha vez recaída resolución no procedemento, se este termina con declaración de responsabilidade do interesado e fai efectivo o aboamento da sanción, ou ben remata con declaración de carencia de responsabilidade, procederase á devolución do ben inmobilizado ou intervido.

As cantidades, en concepto de multas, que se deban ao concello, tanto polas sancións impostas como por calquera outro concepto, esixiranse pola vía de constrinximento.

ARTIGO 57.- MEDIDAS CAUTELARES E OUTRAS

A Policía Local poderá decomisar ou intervir cautelarmente, tanto os útiles, mercadorías, material, alimentos, bebidas, obxectos e instrumentos empregados na comisión das infraccións á presente ordenanza, así como o diñeiro, os froitos ou os produtos obtidos coa actividade infractora, os cales quedarán baixo a custodia municipal mentres sexa necesario para a tramitación do procedemento sancionador ou, á falta deste, mentres perduren as circunstancias que motivaron o decomiso. Os gastos ocasionados polo decomiso ou intervención, correrán a cargo do causante das circunstancias que o determinaron. Se se trata de bens funxibles, destruiranse ou daráselles o destino adecuado, segundo as razóns hixiénico sanitarias que procedan. Os obxectos decomisados depositaranse á disposición do órgano sancionador competente para a resolución do expediente. Unha vez ditada resolución firme e transcorridos dous meses sen que o titular recuperase o obxecto, procederase á súa destrución ou entregarase gratuitamente a entidades sen ánimo de lucro con finalidades sociais.

As medidas provisionais adoptadas no seo do procedemento administrativo sancionador antes da intervención xudicial poderán manterse en vigor mentres non recaia pronunciamento expreso ao respecto das autoridades xudiciais, sen prexuízo dos recursos que poida interpor o presunto infractor sobre o establecemento ou a vixencia de ditas medidas provisionais.

O concello ou os axentes da autoridade, coa finalidade de dar cumprimento ao preceptuado nesta ordenanza, poderán ordenar ou conminar a calquera persoa, física ou xurídica, para que realice ou se absteña de executar accións ou omisións que contraveñan a actual norma, así como a adoptar medidas destinadas á restitución inmediata ao estado anterior do ben afectado.

O concello, de forma subsidiaria e cando obrigado a iso non o fixese ou estivese ilocalizable, poderá efectuar aquelas actuacións tendentes a solventar situacións que representen ou poidan supoñer un perigo na vía pública ou á seguridade da cidadanía, ou poidan ser susceptibles de causar molestias ao vecindario ou usuarios da vía pública, con cargo da persoa responsable, directa ou subsidiariamente, e sen prexuízo da imposición das sancións correspondentes.

Para a execución forzosa das resolucións, así como para conseguir os fins perseguidos no que respecta ás disposicións contidas na actual ordenanza, o concello poderá impoñer multas coercitivas.

ARTIGO 58.- RESPONSABLES

Ademais das persoas xa concretadas no articulado anterior, serán responsables das accións ou omisións constitutivas de infracción contempladas nesta ordenanza, as seguintes persoas:

Nos actos públicos será responsable o seu organizador ou promotor.

As persoas físicas ou xurídicas titulares de comercios, establecementos e instalacións desmontables, responderán solidariamente polas infraccións que cometa o persoal dependente ou vinculado a elas, xa se trate de empregados, socios ou membros da entidade, podendo dirixirse o correspondente procedemento sancionador contra calquera deles indistintamente.

Os pais e nais ou titores e titoras ou gardadores e gardadoras serán responsables civís subsidiarios dos danos producidos polas infraccións cometidas polos menores de idade que dependan deles.

Así mesmo, naqueles casos en que se prevexa expresamente nesta ordenanza, os pais e nais ou titores e titoras ou gardadores e gardadoras serán tamén responsables directos das infraccións cometidas polos menores de idade, sempre que, pola súa parte, conste dolo, culpa ou neglixencia, incluída a simple inobservancia. Tratándose as persoas infractoras de menores, practicaranse as dilixencias necesarias para comprobar se concorren indiciariamente as circunstancias expostas anteriormente, ao obxecto de proceder, tamén, á súa denuncia.

En todo caso, calquera denuncia, incoación dun expediente sancionador ou eventual imposición dunha sanción a un menor será tamén notificada aos seus pais ou nais ou titores ou titoras ou gardadores ou gardadoras.

Nos demais supostos será responsable quen vulnere persoalmente o establecido na presente ordenanza.

O órgano que exerza a potestade sancionadora poderá acordar a publicación, no diario oficial correspondente e a través dos medios de comunicación social que considere oportunos, das sancións impostas pola comisión de infraccións graves e moi graves, así como os nomes e apelidos ou razón social das persoas físicas ou xurídicas responsables unha vez que ditas sancións adquirisen o carácter de firmes.

ARTIGO 59.- RESARCIMENTO DOS DANOS

Os danos ocasionados polos infractores serán sempre resarcidos polas persoas responsables.

O concello, tras a incoación do correspondente expediente sancionador, executará, a custa do obrigado, os actos precisos para repoñer as cousas ao estado en que se encontraban antes da infracción, sen prexuízo das sancións correspondentes.

Para os efectos do establecido no apartado anterior, cando proceda, a administración municipal tramitará pola vía de execución subsidiaria a obriga de resarcimento que proceda.

ARTIGO 60.- DENUNCIAS VOLUNTARIAS

Calquera persoa poderá proceder á denuncia das infraccións contempladas nesta ordenanza. O concello deberá compensar ás persoas denunciantes polos gastos que lles comportara a formulación dunha denuncia, sempre que queden efectivamente acreditadas no expediente tanto a comisión da infracción administrativa denunciada, coma a súa necesidade, así como a contía dos gastos alegados por aquelas.

Tras a ponderación do risco pola natureza da infracción denunciada, o instrutor poderá declarar confidenciais os datos persoais do denunciante, garantindo o anonimato deste no transcurso da tramitación do expediente administrativo. Esta confidencialidade será declarada cando o solicite o denunciante.

Cando unha persoa denuncie a membros relevantes das redes organizadas en cuxo beneficio realiza unha actividade antixurídica, considerarase que a persoa denunciante non cometeu a infracción, sempre e cando se acredite debidamente esta circunstancia denunciada. O mesmo tratamento terá a persoa que denuncie as infraccións desta ordenanza cometidas por grupos de menores. Nestes casos, conminaráselles a non volver a realizar esta actividade antixurídica.

ARTIGO 61.- PROCEDEMENTO SANCIONADOR

A potestade sancionadora aquí regulada e a existencia de responsabilidade exercerase de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e tamén, no primeiro caso, no seu regulamento polo que se aproba o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto. Conforme con esta norma legal e co título XI da Lei 7/1985, as responsabilidades administrativas e as sancións que se deriven do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación alterada por este ao seu estado orixinal, sen prexuízo doutro tipo de responsabilidades que poidan concorrer.

Será competente para incoar e resolver os expedientes sancionadores, o alcalde ou concelleiro en quen delegue, quen será competente para nomear instrutor e secretario.

Unha vez iniciado o expediente sancionador, poderanse adoptar as medidas cautelares imprescindibles para o normal desenvolvemento do procedemento, evitar a comisión de novas infraccións ou asegurar o cumprimento da sanción que se puidese impoñer.

Ditas medidas, que deberán ser proporcionadas á natureza e gravidade da infracción, poderán consistir na adopción de medidas de acción preventiva e na realización de actuacións para o mantemento ou restablecemento da seguridade cidadá de acordo co disposto nesta ordenanza.

A duración das medidas cautelares de carácter temporal non poderá exceder da metade do prazo previsto nesta ordenanza para a sanción que puidese corresponder á infracción cometida.

ARTIGO 62.- ELEMENTOS PROBATORIOS DOS AXENTES DA AUTORIDADE


Nos procedementos sancionadores que se instrúan en aplicación desta ordenanza, os feitos constatados por axentes da autoridade teñen valor probatorio, de acordo coa normativa aplicable ao efecto, sen prexuízo doutras probas que poidan aportar os interesados.

Nos expedientes sancionadores que se instrúan, e cos requisitos que correspondan conforme á lexislación vixente, poderanse incorporar imaxes dos feitos denunciados, xa sexa en fotografía, filmación dixital ou outros medios tecnolóxicos, que permitan acreditar os feitos recollidos na denuncia formulada de acordo coa normativa aplicable. En todo caso, a utilización de videocámaras requirirá, se procede, as autorizacións previstas na lexislación aplicable, así como o seu uso de acordo co principio de proporcionalidade.

Os feitos declarados probados por resolución xudicial firme vincularán ao concello respecto dos procedementos sancionadores que substancien.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA


Quedan derrogadas cantas disposicións do mesmo ou inferior rango regulen as materias contidas nesta ordenanza, en canto se opoñan ou contradigan ao seu contido.

DISPOSICIÓN FINAL


Queda facultada a Alcaldía do Concello de Verín para ditar cantas instrucións resulten precisas para a adecuada interpretación e aplicación desta ordenanza.

A presente ordenanza publicarase no Boletín Oficial da provincia de Ourense e entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro e transcorrido o prazo de quince días previsto nos artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse no BOP de Ourense número 97 de data 30.4.2009

A secretaria
Pilar del Carmen Saborido Díaz