Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas O Concello culmina co derrube da antiga óptica da rúa Lisa unha batería de medidas para garantir a seguridade das persoas durante a celebración do Entroido
O Concello culmina co derrube da antiga óptica da rúa Lisa unha batería de medidas para garantir a seguridade das persoas durante a celebración do Entroido PDF Imprimir Correo-e
Venres, 10 Febreiro 2017 16:55

O Concello ven de poñer en práctica unha batería de medidas destinadas a dar cumprimento as demandas dos axentes de seguridade para garantir a integridade das persoas durante as multitudinarias celebracións do Entroido. Concretamente, como fora exposto a raíz da reunión da Xunta Local de Seguridade do pasado 19 de xaneiro preparatoria deste evento, é necesario permitir o acceso sen atrancos de vehículos de bombeiros á Praza Maior pola rúa Lisa, así como evitar posibles derrubes dos edificios ruinosos que aínda existen no centro neurálxico das celebración nas que van a participar milleiros de persoas. A antiga óptica da rúa Lisa foi derrubada esta tarde.

Segundo as solicitudes técnicas trasladadas ó alcalde desde a Protección Civil de Verín, a máxima prioridade operativa para mellorar o Plan de Evacuación, e poder garantir a entrada de vehículos de emerxencia e a saída de persoas da praza Maior, pasaba por eliminar o estreitamento provocado pola aliñación invasiva da calzada da antiga óptica na rúa Lisa. Ante a previsible aglomeración multitudinaria prevista para estas datas, e estando xa aprobada a Modificación Puntual do PXOM que fixa a posterior ordenación da parcela, o Concello procederá a derrubar a antiga óptica para garantir a seguridade física de veciños e visitantes.

Do mesmo xeito, o Concello ordenou acometer un paquete de medidas urxentes para acondicionar o espazo central do Entroido que constitúe a praza Maior, así como os seus accesos dende todas as direccións do Casco Vello, medidas deseñadas fundamentalmente dende o prisma do incremento da seguridade. Así, no caso do edificio ruinoso situado no centro da praza, cun beiril que ameazaba derrube, procedeuse a un illamento de seguridade para protexer ós viandantes dun risco certo.

Igualmente, na esquina da praza coa rúa Maior, ante a presenza doutro edificio ruinoso, ordeouse acometer a mesma medida de illamento, coa peculiaridade de que neste caso se impide a entrada ó interior de  persoas que poderían ver ameazada a súa integridade física. O mesmo tenor se está a seguir co incremento e afianzamento das farolas, que tiñan os seus basamentos corroídos e sen sustento suficiente para garantir a súa estabilidade.

 Risco de caída das farolas

 Constatado este deterioro e deficiencias estruturais, tendo en conta os milleiros de persoas que se concentrarán na praza nas  próximas datas e que se poderían ver afectadas gravemente pola caída dunha ou varias das farolas, o Concello ordenou o reforzo do basamento destes elementos de mobiliario urbano, ademais da adecuación das súas zapatas ó peso da estrutura.

Así mesmo, e para deixar un espazo exento suficiente para que os operativos de seguridade poidan actuar con axilidade para dar cumprimentos o Plan de Seguridade do Entroido, na zona onde habitualmente se localiza o punto de control de Protección Civil da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, o Concello procedeu o traslado da estatua de García Barbón ó seu antigo emprazamento fronte ó edificio dos Irmáns da Salle, hoxe en día biblioteca municipal, construída grazas as xenerosas achega do filántropo benfeitor de Verín.

Finalmente, noutro inmoble ruinoso na praza do Cigarrón, onde se tiñan detectado varios casos de mozos facendo botellón, con inminente risco para a súa propia integridade física e incomodidade para os veciños, acometerase unha actuación de seguridade que consistirá na demolición da segunda planta, en no tapiado de todos os accesos da planta baixa e primeira. Igualmente, a estatua do Cigarrón, cun dano no seu nariz debido a un acto vandálico, será reparada esta fin de semana polo seu autor.

O Concello roga desculpas a todos os veciños que se poidan ver afectados por estas obras, das que espera que se produza unha adecuada adaptación dos espazos públicos de Verín para acoller ós milleiros de persoas que se desprazan ata o Entroido, coas debidas condicións de seguridade e evitando en todo o posible os potenciais danos físicos que se poderían producir de manterse este entorno manifestamente desacondicionado.

 Como complemento destas actuacións, o alcalde remitiu antonte sendas cartas instando á adopción de todas as medidas necesarias para incrementar a vixilancia e a seguridade ós responsables das administracións con competencias na área: ó presidente da Xunta, ós representantes do Goberno, ós responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na comarca é os titulares dos Xulgados de Verín. Nelas o alcalde fai referencia directa ó incremento constante detectado nos últimos tres anos nos comas etílicos e pelexas, segundo os datos recollidos pola propia Garda Civil,  e lles roga ós responsables das forzas de seguridade que tomen medidas activas para atallar esta situación.


 


 




Guía da Comarca de Verín