Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas As comarcas de Verín e Viana aportan 8 dos 53 concellos ourensáns que foron xeradores de emprego en 2016
As comarcas de Verín e Viana aportan 8 dos 53 concellos ourensáns que foron xeradores de emprego en 2016 PDF Imprimir Correo-e
Martes, 14 Febreiro 2017 17:45

A comarca de Verín pechou 2016 con 6.533 afiliados desde a variable do lugar de residencia dos traballadores. Cabe salientar que foi o primeiro peche anual por encima da barreira das 6.500 afiliacións desde 2011, logo de presentar unha evolución interanual prácticamente plana entre 2012 e 2015. En términos porcentuais, o saldo neto acumulado de xaneiro a decembro de 2016 reflicte unha subida do 0,6%, alonxada da salientable media provincial do 1,5%.

A modo de resumo, o Observatorio Económico da Deputación recolle que a rexeneración laboral tardou máis tempo en chegar á comarca de Verín que á gran maioría das áreas comarcais da provincia, pero a evolución rexistrada en 2016 anticipa unha aceleración do ritmo de recuperación ao longo de 2017. Tamén cabe matizar que Verín foi unha das primeiras zonas en suavizar a caída de afiliacións durante a crise económica, o que xustifica en certa medida o estancamento rexistrado entre 2012 e 2015. O ano pasado só presentou mellor taxa de variación interanual que Terra de Caldelas (incremento do 0,2%) e que a única comarca ourensá que perdeu afiliacións no conxunto do ano, que foi O Ribeiro, cun leve retroceso do 0,4%.

A análise individual do concello de Verín axústase ao patrón comarcal, é dicir, con clara melloría en comparación cos anos precedentes, e con creación de emprego neto como resultado do exercicio de 2016, pero a máis baixa intensidade que a media da provincia de Ourense. O municipio de Verín impulsou un 0,7% de emprego neto en 2016, o que significa xustamente acadar a metade de volocidade que o conxunto da provincia. Todas as cabeceiras, agás Bande (-1,2%), foron xeradoras de emprego en 2016, e Verín compartiu con Xinzo de Limia o feito de quedar ás portas de conquistar o 1% de crecemento.

No caso de Viana, que forma parte desta presentación comarcal, o auxe interanual elevouse ao 3%, cifra que representa doblar a actual media ourensá de recuperación do emprego. Ese rexistro foi o segundo máis forte da provincia, só superado polo 3,5% que asinou A Baixa Limia. A cabeceira de comarca, Viana do Bolo, fixou o rumbo comarcal cun avance do 3%, o máis alto das doce cabeceiras xunto co 3,1% que asinou O Carballiño.

O estudo por municipios está dentro dos parámetros habituais, con fortes diferenzas intramunicipais que chegan a superar os dez puntos nas porcentaxes. Así, na comarca de Verín cinco concellos foron xeradores de emprego en 2016, e tres non conseguiron recuperar afiliacións. Ademais de Verín, medrou o mercado laboral en Castrelo do Val (6,7%), Oímbra (4,2%), Cualedro (1,2%) e Monterrei (0,3%). E houbo baixada de afiliacións en Laza (-3%), Vilardevós (-2,1%) e Riós (-1,5%).

Xa en Viana, os contrastes laborais a nivel municipal movéronse entre un crecemento de emprego do 8,5% en Vilariño de Conso e un descenso do 3,2% na Mezquita, o único concellos con trazo negativo. Na Gudiña repuntou un 4,9% e en Viana do Bolo o citado 3%.

A comarca de Verín ten unha contribución do 6,6% sobre o emprego total da provincia de Ourense, que coa achega de Viana sube ata o 8,4%. En comparación co peche anual máis castigado pola crise, o de 2013, o peso relativo non ten diferido prácticamente nada. Daquela Verín aportaba o 6,7% e a suma das dúas comarcas o 8,5%, niveis parellos aos actuais.

Afiliados por conta de cotización

Nesta oitava edición do Observatorio Económico Ourensán, a análise das afiliacións non se limita ao lugar de empadroamento do traballador. Para pulsar cómo se están a comportar os mercados de traballo locais, estuda tamén as afiliacións segundo a conta de cotización do afiliado, é dicir, en función do lugar no que está ubicado o seu centro de traballo. E desde este enfoque, o Observatorio conclúe que os mercados laborais de Verín e de Viana mantiveron a mesma dimensión que tiñan hai un ano, segundo a comparativa entre o peche de 2016 e o de 2015.

Verín saldou o último exercicio cunha mínima redución de 89 afiliacións, que a penas representa o 1,5% de baixada. Este leve retroceso débese ao comportamento das zonas rurais, que en conxunto perderon 108 afiliacións, en contraste coas 18 que gañaron os centros de traballo situados no municipio de Verín. O mellor comportamento deuse en Riós, cun crecemento do 3,2%. E no lado negativo salienta a excepcionalidade de Laza, que no último ano pasou de 240 a 159 afiliacións, o que equivale a unha perda do 33,7%.

Mentres, Viana baixou as afiliacións por conta de cotización nunha proporción similar á de Verín. Pechou 2016 cunha lixeira diminución do 1,7%, pero froito de ceder únicamente 24 afiliacións como saldo do exercicio. A Gudiña protagonizou un descenso do 9,4% e A Mezquita do 3,2%, fronte a subidas cercanas ao 5% tanto en Viana como en Vilariño de Conso.

Hai que matizar que na interpretación da evolución dos mercados de traballo locais cabe ter en conta que as porcentaxes dispáranse con pequenas variacións en termos absolutos. O peche dun pequeno centro de traballo, ou en senso contrario a apertura dunha Peme, poden determinar que o balanzo do ano sexa positivo ou negativo en moitos concellos rurais. E a distorsión mesmo pode vir por un simple traslado ou cambio de enderezo na conta de cotización da empresa.

En relación ao paro rexistrado, Verín conseguiu acortalo nun 8% ao peche de 2016, dous puntos por debaixo da media provincial do 10%, mentres que Viana despuntou cunha redución do 14%, unha das catro máis salientables no conxunto da provincia, xunto coas da Baixa Limia (20,2%), Terra de Trives (16,3%) e Carballiño (14,6%). Si tomamos como referencia xaneiro de 2016, a taxa de variación interanual de Verín queda fixada no -7,5% e a de Viana no -10,5%.

Catro municipios de Verín (Oímbra, Cualedro, Castrelo do Val e Riós) e tres de Viana -todos agás A Gudiña- anotaron baixadas do paro a dobre díxito. No municipio de Verín o descenso acumulado en 2016 foi do 4,8% e en Viana do Bolo achegouse ao 17%. Cabe destacar que cos últimos datos dispoñibles -xaneiro de 2016- 81 dos 92 concellos da provincia reducen paro en taxa interanual, e 52 deles fano ademais a un ritmo superior ao 10% anual.

Baixada poboacional

A poboación destas dúas comarcas do oriente ourensán, que representa o 10,3%  do total da provincia, ven acusando un descenso moderado nos últimos anos. A da comarca de Verín situábase nos 26.556 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, co que experimentou un retroceso do 1,94% no último ano. Si estendemos a comparativa ata o ano 2000, o descenso poboacional é do 3,5%. Nesta comarca reside o 8,43% da poboación provincial. A pesares da baixada no número de residentes, a penas perdeu peso relativo no conxunto de Ourense: 0,1 puntos porcentuais en comparación co ano 2010 e 0,01 puntos fronte ao 2000.

Cunha idade media de 50,8 anos (a terceira máis baixa da provincia, despois de Ourense e Valdeorras), o grao de envellecemento queda reflectido polo feito de que a poboación de menos de 16 anos supón só unha terceira parte da poboación de máis de 65 anos (o índice de envellecemento está no 333).

A cabeceira, Verín, tiña 14.031 habitantes en xaneiro de 2016, cifra que representa o 52,8% da poboación total da comarca. Xunto con Oímbra é o único concello que amplía o seu peso relativo en termos da poboación total da comarca. En 2010 o municipio de Verín presentaba un censo de 14.633 habitantes, o 51,2% do total comarcal, e no 2000 sumaba 13.033 residentes, equivalente ao 44,2%.

Mentres, Viana acadaba no inicio de 2016 os 5.983 habitantes, experimentando un retroceso interanual do 2,8%. Fronte ao dato de 2007, a caída é do 27,2%. Nesta comarca reside o 1,9% da poboación ourensá. O seu peso en termos demográficos no conxunto da provincia ten disminuido en 0,16 puntos fronte ao que ostentaba no ano 2010 e en 0,48 puntos fronte ao do 2000.

Cunha idade media de 53,7 anos, a taxa de envellecemento (relación entre a poboación de máis de 65 anos e a de menos de 16 anos) está en 554,40. Todos os concellos da comarca perden poboación en 2016 respecto a 2010 e 2000, sendo Viana do Bolo o único municipio no que o peso poboacional relativo mellorou en comparación co que presentaba en 2010 (subida de 1,8 puntos porcentuais) e mesmo en 2000 (aumento de 0,1 puntos).

 

 




Guía da Comarca de Verín













Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica
Buzón do Cidadán


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac