Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas O Concello de Verín elabora o seu Plan de Autoprotección para o Entroido 2017
O Concello de Verín elabora o seu Plan de Autoprotección para o Entroido 2017 PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 15 Febreiro 2017 11:42

Esta maña,  a concelleira responsable da área de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Cándida Couñago, presentou na casa consistorial o Plan de Autoprotección para o Entroido 2017.

Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver nos últimos anos, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños/as como os/as visitantes poidan gozar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2017.

Devandito plan reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.

O plan contempla ás seguintes medidas:

1. Reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia, tanto de axuda interna (Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de Lobios, Cruz Vermella de Monterrei, Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Axencia Galega de Emerxencias), coma externa (Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín e 061). Como novidade, este ano haberá un aumento de efectivos de Protección Civil e Cruz Vermella (120 voluntarios en total).

2. Posta en marcha dos seguintes grandes dispositivos de seguridade:

a) Desfile Infantil: o tráfico rodado do centro da vila estará controlado e regulado en todo momento para evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile (co obxectivo de evitar riscos e de garantir o acceso a calquera parte do desfile e da localidade aos diferentes grupos de emerxencia no caso de ser necesaria a súa intervención).

b) Desfiles do Domingo e Martes de Entroido: o dispositivo é similar a anos anteriores. Como o ano pasado, informarase a aquelas carrozas participantes nos desfiles que non queiran chegar ata ó final do percorrido (praza da Alameda) que teñen a única opción de facelo a través da ponte da N-525 que comunica co barrio de San Lázaro, co fin de evitar o colapso de rúas que serven de entrada a vehículos de emerxencia á zona do desfile. No desfile do domingo contarase, dunha ambulancia presente, unicamente para devandito evento.

c) Xoves de Comadres: este dispositivo contará coa participación de Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de Lobios e Cruz Vermella de Monterrei. Devanditos equipos estarán coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que estará situado na praza García Barbón e que conta cun equipo de videograbación de seguridade. Haberá dous postos sanitarios e dúas ambulancias no caso de ser necesarios a súa participación.

d) Sábado de Entroido: realizarase  un preventivo a noite do sábado no que se contará cun posto sanitario e una ambulancia cedida pola empresa de Ambulancias SIL.

3. Como parte da implantación do Plan de autoprotección do Entroido de Verín 2017 realizouse un programa de información xeral ao público que consta das seguintes actividades preventivas:

a) No tríptico e no libro do Entroido, que se reparte entre os veciños/as e visitantes, incluíronse consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón e das zonas de aparcamento libre gratuíto.

b) Instalación na praza García Barbón de carteis informativos cas súas vías de evacuación.

4. Plan de Mobilidade: Dentro do plan de autoprotección inclúese un plan de mobilidade. Este plan aborda aspectos como o medio ambiente, seguridade viaria, usos de vehículos privados, transporte público, uso do espazo público, características socio-económicas e concienciación.

Debido ao incremento de persoas e de vehículos nos días centrais do Entroido inténtase desenvolver unha folla de ruta que logre unha mobilidade sostible para mellorar a calidade de vida no medio urbano. O aumento da seguridade vial, diminución da contaminación e do tráfico son algúns dos obxectivos que ten devandito plan. Para conseguir esta cuestión, o Concello de Verín recomenda aos/ás veciños/as así como aos/ás visitantes que intenten reducir a utilización do vehículo privado e accedan ó centro da vila a pé.

Como novidade, este ano o plan de mobilidade conta tamén coas cinco novas zonas de aparcadoiro libre gratuíto recentemente implementadas en puntos estratéxicos da vila para alixeirar a presión do tránsito viario no centro de Verín:

  • ZONA AMBULATORIO (Rúa Juan Guerra Valdés)
  • ZONA ADUANA (Rúa Laureano Peláez)
  • ZONA MERCADONA (Rúa Rosalía de Castro)
  • ZONA AVDA. CASTILLA (Rúa Luís Espada)
  • ZONA FONTENOVA (Rúa Travesía)

Por outro lado, informarase ás principais empresas de transporte de mercadorías que, dende o día 23 ata o 28 de febreiro (ambos inclusive), os vehículos de máis de 3.5 toneladas teñen a súa disposición unha ruta alternativa que funcionará coma unha circunvalación que conecte a parte norte, este e sur da vila para evitar o seu paso polo centro de Verín (os/as veciños/as e visitantes tamén poderán beneficiarse do mesmo). Esta ruta estará indicada con sinalización vertical ao longo de todo o percorrido, así como nos paneis informativos que a Dirección Xeral de Tráfico ten na A-52 (é necesario resaltar que devandita ruta é unha recomendación e non unha obrigación).

 

Para a elaboración deste Plan de Autoprotección para o Entroido, o Concello de Verín tivo en conta as características das diferentes actividades programadas nesas datas, os lugares nos que se desenvolven, as características da festa e do público asistente.

 

 




Guía da Comarca de Verín













Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica
Buzón do Cidadán


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac