Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Verín complementa a tradicional Festa dos Maios cunha feira solidaria
Verín complementa a tradicional Festa dos Maios cunha feira solidaria PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 26 Abril 2017 11:40

O vindeiro luns día 1 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maios. Este ano, como novidade, a Praza Maior acollerá tamén a segunda edición da Feira Solidaria de Verín. Así o confirmaron esta mañá as concelleiras das áreas de Turismo e Cultura, Purificación Caldelas e Emilia Somoza, na casa consistorial de Verín.

Festa dos Maios


Desde as 11:00 horas, e até o mediodía, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos que confeccionaron a Asociación Verinense de Amigos da Música, a Asociación Veciñal O San Salvador (Mixós – Monterrei); o CPR Plurilingüe María Inmaculada, o CEIP Princesa de España e o CEIP Amaro Refojo. Tamén ás 11 da mañá, comezará unha exhibición dos participantes no Torneo de Petanca Maios 2016 (con 8 parellas inscritas) e as tiradas da modalidade infantil do Trofeo de Chave Ricardo Soto, para que aínda está aberto o período de inscrición de alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Amaro Refojo, do CPR Plurilingüe María Inmaculada e do CEIP Princesa de España.

Ás 12:00 horas, a Banda do Conservatorio de Verín (C.E.M.V.) interpretará en concerto temas populares de música galega e temas que foron éxitos discográficos da música pop. Á mesma hora, está previsto o comezo das tiradas para adultos do Trofeo de Chave Ricardo Soto, de inscrición libre até o comezo da proba.

Ás 12:30 horas sairá da Praza do Concello a Banda de Gaitas do Concello de Verín. O pasarrúas rematará na Alameda cun concerto ás 13:00 horas.

Durante a programación dos festexos e até primeira hora da tarde haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán gratuítos, ao estaren subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.

Desde as 11:00 horas da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado coa venda de 800 exemplares entregarase para a campaña de financiamento de sesións de terapia ocupacional, fisioterapia e logopedia de Valeria, nena de Verín que sofre ataxia, apraxia oculomotoras, atraso global no desenvolvemento, hipotonía muscular e manifestacións distónicas leves.


A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Gomez Pato a comezos da década dos cincuenta. “O Pato”, coa colaboración dos seus fillos, e, anos máis tarde, a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a Maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

II Feira Solidaria

A Praza Maior acollerá tamén o vindeiro luns 1 de maio a segunda edición da Feira Solidaria, organizada polo Concello de Verín. Esta iniciativa, que pretende poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro participantes, contará cun total de 12 entidades, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.

Entre os obxectivos da Feira Solidaria atópanse, recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca de Monterrei, proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen, conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus  proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común  entre os seus organizadores e colaboradores.

Ás 9:30 horas, sairá da Praza do Concello a Andaina Solidaria que, cun  prezo de inscrición de 2 euros e unha dificultade baixa (6 km.), discorrerá por Ecovía do Támega  e polo Castelo de Monterrei. Os interesados en inscribirse poderán facelo, desde 30 minutos antes da saída, na propia Praza Maior. Esta actividade esta organizada polo Concello de Verín, en colaboración ca Asociación de Senderistas de Monterrei.

O horario de apertura dos Stands da Feira Solidaria será de 10:00 a 20:00 horas . Nesta edición participarán as seguintes asociacións: Cruz Vermella, Aires Nosos, Sendeiristas de Monterrei, Proanimales Verín, Aever, Adive, Carqueixa, Caixa de Pandora, Asociación veciños de Albarellos, Candaira, Portas Abertas e Femuro.

Entre as 11:00  a 20:00 horas, o Concello de Verín instalará na Praza Maior , en colaboración con Aever e Saudeter, varios multixogos inchables. A entrada solidaria para esta actividade será de 1 euro. No mesmo horario, as asociacións que participan na feira ofrecerán charlas divulgativas nas que explicarán aos asistentes os diferentes labores solidarios que realizan.

Ás 17:00 horas, sairá da Praza Maior un Paseo familiar en bicicleta no que os participantes percorrerán parte da ruta da Ecovía do Támega. O prezo da inscrición, que poderá realizarse desde media hora antes na mesma saída, será de 2 euros. Na organización de devandito paseo colaboran co Concello o Clube Ciclista de Verín e BTT Verín.

Durante a tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, a praza maior acollerá unha divertida xornada de actividades lúdicas (xogos populares, un xadrez xigante, bailes tradicionais, contacontos, etc.)

Para finalizar a xornada, ás 20:00 horas, o Concello de Verín realizará un sorteo na Praza Maior de diversos agasallos doados polas diferentes asociacións. As rifas serán entregadas desde primeira hora da mañá entre os participantes nas diferentes actividades da II Feira Solidaria e coas compras nos distintos stands.

 

 

 

 




Guía da Comarca de Verín