Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Verín reabrirá o surtidor de Caldeliñas tras 70 anos de abandono e acondicionará un gran parque no exterior de Fontenova
Verín reabrirá o surtidor de Caldeliñas tras 70 anos de abandono e acondicionará un gran parque no exterior de Fontenova PDF Imprimir Correo-e
Luns, 19 Xuño 2017 13:13

Os alcaldes de Verín e Chaves, Gerardo Seoane e Antonio Cabeleira, presentaron hoxe en Termatalia as novidades para a tempada termal que comeza. O Concello de  Verín reabrirá o surtidor de Caldelinas, logo de 70 anos de abandono, e construirá un gran parque no exterior de Fontenova. Chaves, pola súa banda, escomezará as xestións para reacondicionar un novo establecemento termal na localidade lusa de Vilarelho.

O acto de presentación da nova tempada de auguismo estivo auspiciada polo presidente de Termatalia, Alejandro Rubín, na sede da maior feira internacional termal en Expourense. Tanto Rubín coma os rexedores comezaron a presentación cunha sentida lembranza as tráxicas mortes polo gran incendio de Portugal, tras o  cal pasaron a detallar as novidades.

Alejandro Rubín destacou o potencial innovador da xestión conxunta de Verín-Chaves na Eurocidade da Auga para xerar I+D no sector turístico-termal, e loubou os logros deste tándem galaico-portugués durante a súa traxectoria. Tras sinalar que a próxima edición de Termatalia, en Brasil, será unha nova ocasión para promocionar a ruta termal da Eurocidade Verín-Chaves, pasou a presentar ós rexedores de ambas cidades para que detallaran as características da presente tempada.

Gran parque en Fontenova

Gerardo Seoane sinalou que as principais actuacións deste ano na campaña do auguismo en Verín se concentrarán en Caldeliñas e Fontenova. En Caldeliñas, de titularidade municipal e pechado dende hai 70 anos, o Concello procederá a reabrir o manancial, purgar o seu acuífero e deixalo en condicións idóneas para o seu disfrute.

Para elo, anunciou Seoane, o Concello acometerá dende xa o reacondicionamento do entorno e das ruínas do que foi un puxante establecemento termal nos séculos XIX e XX (hasta a década dos anos 50) e axardiñará o conxunto para permitir, polo menos, o goce das augas no interior das antigas instalacións para ablucións e uso externo.

“Imos recuperar unha análise moderna da composición, realizando medicións químicas e bacteriolóxicas á altura da ciencia actual, e mesmo envasar unha pequena cantidade para uso tópico na pel, que era o uso recomendado tradiconalmente”, dixo o alcalde de Verín.

Así mesmo, informou de que o Concello -tras chegar a acordos cos seus propietarios- procederá a acometer a reforma en superficie dun gran parque en 5 das 7 hectáreas de Fontenova, para dotar ó conxunto deste importante balneario histórico “do marco ornamental vexetal que se merece”.

Seoane rematou invitando a todas as persoas que o desexen a visitar os mananciais de Verín “in situ, na súa orixe, que é onde todas as augas gardan preciosamente ás súas propiedades”, destacando pola súa singularidade as propiedades curativas e de benestar das surxencias da Ruta Termal e da Auga da eurocidade Verin-Chaves.

Chaves

Pola súa banda, o alcalde de Chaves, Antonio Cabeleira, tras lembrar ás vítimas do gran incendio acontecido nas últimas horas no seu país, anunciou que para profundar na condición de “capital termal de Portugal” que goza Chaves, está iniciando as xestións para a apertura dun novo balneario na localidade de Vilarelho, sé dundas termas históricas que serán postas en valor dado a singularidade das súas augas.

Así mesmo,  Cabeleira destacou que a Eurocidade Verín-Chaves é unha experiencia de éxito,” e agardamos algún día chegar a  ser unha verdadeira zona franca social, na que os cidadáns compartan o mesmo espazo e a mesma nacionalidade”. “Queremos ser considerados a eurocidade da auga” rematou, xa que ”é extraordinaria a diversidade de augas que temos en tan pouco espazo xeográfico”.

Pola súa banda, o director técnico da Eurocidade, Pablo Rivera Brúa, destacou a importancia da eurocidade dentro da oferta termal europea, “xa que pola nosa idiosincrasia estamos incluídos nos itinerarios culturais europeos, codeándonos con cidades termais coma Vichi”.

Lembrou que dende hai uns meses por primeira vez a Eurocidade da Auga conta cun paquete turístico conxunto para o destino, que custa 195 euros por persoa durante 4 días, e que permite coñecer todos os balnearios das dúas cidades e acadar o “pasaporte do auguista”, que este ano se reeditará tras o éxito do ano pasado, en que 3.534 persoas o acadaron tras probar e selar a súa presenza en todos os mananciais da eurocidade.

 




Guía da Comarca de Verín