Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A XII Feira do Viño de Monterrei contará con 15 adegas participantes
A XII Feira do Viño de Monterrei contará con 15 adegas participantes PDF Imprimir Correo-e
Venres, 04 Agosto 2017 19:06

Do 11 ao 13 de agosto, a localidade de Verín acollerá unha nova edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei.

Nesta ocasión participarán un total de 15 das 25 adegas que conforman a denominación. Unha cifra similar a anteriores edicións, o que demostra o "apoio dos adegueiros para consolidar esta iniciativa vitivinícola", segundo indicou a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Dá Silva Rodríguez.

Como nas dúas últimas edicións, a praza da Alameda será o escenario desta cita vitivinícola que tamén contará con casetas gastronómicas con produtos da zona, "tras o éxito de anos anteriores, manifestado tanto polo público como polas adegas participantes, que permite unir viño e gastronomía".

O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 11 de 20.00 a 23.00 horas e sábado 12 e domingo 13 de 12.00 a 14.30 horas e de 19.00 a 24.00 horas Mentres que os prezos tamén se manterán con respecto aos anos anteriores, 5 degustacións por cinco euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

O acto inaugural da XII Feira do Viño de Monterrei terá lugar na Alameda de Verín o venres 11, a partir das 20,00 horas. Despois do mesmo, tras o pregón e o percorrido das autoridades polas casetas participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladarase á igrexa da Mercé de Verín, onde se procederá á imposición de medallas a novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei. Entre estes membros atópase o tamén pregoeiro desta edición, que é Julián Velasco Mielgo, director xeral das áreas de Programación e Comercial de Cadea COPE. O acto estará amenizado polo grupo SonBoleros, cuarteto formado por contrabaixo, percusión, piano e voz e que rende homenaxe aos mellores boleros, son e tangos da música latina.

Nesta edición, desde o Consello Regulador decidiuse convidar a todos os viticultores inscritos no mesmo co obxecto de que participen no acto da Confraría dos Viños de Monterrei. "Quíxose facérselles partícipes desta iniciativa, xa que sen o seu labor e a das adegas non existiría esta denominación", indica a presidenta, "e dita invitación constitúe unha pequena homenaxe ao seu traballo e dedicación ao longo destes anos".

Xunto á presidenta da D.O Monterrei, participaron na rolda de prensa o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a concelleira de Educación, Cultura e Festas, Emilia Somoza e a edil de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes, Purificación Caldelas. Ante os medios de comunicación congregados esta mañá no Concello, os intervenientes fixeron un chamamento ao público para que se achegue ata Verín, “co obxectivo de coñecer de primeira man a calidade dos viños de Monterrei”. Neste sentido, segundo destacou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a  organización confía en superar a cifra de 28.000 degustacións rexistradas o ano pasado. “A masiva e  exponencial afluencia de público que ven acadando a nosa Feira do Viño nestes últimos anos é o mellor indicador do grao de coñecemento e valoración que están acadando os nosos caldos”, rematou Seoane.

 Axenda de actos

Gastronomía, música e viño xuntaranse un ano máis no marco da Feira do Viño da D.O de Monterrei. Así está previsto, segundo confirmou na rolda de prensa a concelleira de Educación, Cultura e Festexos de Verín, Emilia Somoza, que a inauguración da Feira estará amenizada pola Banda de Gaitas do Concello de Verín. Na xornada do venres, ademais, actuará na Praza García Barbón a Orquestra Alkar, de 00:30 a 3:30 horas.

O sábado 12 de agosto pola mañá o recinto feiral acollerá o VI Paseo Solidario de Bicis Clásicas que, partindo da Praza do Concello -ás 11:00 horas- finalizará o seu recorrido na Alameda de Verín. Esta iniciativa, que se celebra no marco da feira a favor de Cruz Vermella de Verín, ten como obxectivo recadar leite e destinalo a colectivos especialmente vulnerables. Ademais, ás 20.00 horas, a agrupación musical Candaira comezará unha actuación itinerante con saída na Praza García Barbón.

Pero, sen dúbida, o prato forte musical desta XII edición da Feira será a verbena do sábado día 12 de agosto, amenizada por a Orquestra Costa Oeste, coa sesión de tarde, de 21:00 a 22:30 horas, e cunha actuación nocturna dende as 00.30 ata ás 02.30 horas, seguida do concerto de mans do grupo En Mala Hora. Rock and Roll Band.

O domingo 13 de agosto, ás 20.00 horas, a Praza da Alameda, acollerá a actuación da agrupación musical Nova Era. Posteriormente, e como peche desta gran celebración, a Praza García Barbón, será o lugar de encontro para o concerto do Grupo Roi Casal Son galego, Son cubano, o  gran  espectáculo  musical  entre  Galicia  e  Cuba,  que foi  presentado no Gran Teatro da Habana (Palacio do Centro Galego) no mes de Maio  de 2016 con dous memorables concertos. “Os asistentes terán a oportunidade de presenciar n show inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos  de  ámbolos  dous  países,  que  foi  visto  en  directo  por  máis  de  50.000 persoas na xira de 2016.”, destacou Somoza.

Adegas participantes e colaboradores

A presidenta do Consello Regulador indicou o nome das 15 adegas participantes nesta XII Feira do Viño de Monterrei, que son as seguintes:

  • Abeledos
  • Boo Rivero (Fragas do Lecer)
  • Daniel Fernández
  • Franco Basalo
  • Gargalo
  • Ladairo
  • Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán)
  • Pazo de Valdeconde
  • Quinta do Buble
  • Terras do Cigarrón
  • Trasdovento
  • Triay
  • Valderello
  • Vía Arxéntea
  • Vinos Lara

Finalmente, na rolda de prensa, o alcalde de Verín e a presidenta do Consello Regulador quixeron agradecer a implicación das institucións e entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, MAPAMA, Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER), concellos de Oímbra, Monterrei, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós e Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei e Verín (AEHCOM) e Eurocidade Chaves-Verín.

Sobre a D.O Monterrei

A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Confórmana 25 adegas do val de Monterrei, que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos desta D.O ocupan un total de 575 hectáreas de territorio nas que traballan 446 viticultores. Xunto a isto, en 2016 recolléronse máis de 4,4 millóns de quilos de uva en Monterrei e un 13 por cento da produción total exportouse fóra de España.

 

 

 




Guía da Comarca de Verín













Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica
Buzón do Cidadán


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac