Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas O Concello de Verín presenta a II Edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV que terá lugar na vila en decembro
O Concello de Verín presenta a II Edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV que terá lugar na vila en decembro PDF Imprimir Correo-e
Venres, 22 Setembro 2017 11:28

O Concello de Verín vén de presentar a II Edición do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV que se celebrará na vila do 1 ó 10 de decembro. O Alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, a Concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza Basalo, e o Director do FIC Vía XIV, Carlos Montero Zorrilla, presentaron unha nova edición do Festival de Curtas que se celebrou en Verín o ano pasado, amosando a clara aposta pola dinamización cultural na que está traballando o actual goberno municipal.

“O éxito da primeira edición do Festival de Curtas é razón máis que suficiente para que este concello sega traballando en prol da cultura en Verín, organizando diversas actividades para os veciños da vila e, en concreto, para dar continuidade á organización dun festival audiovisual que recolle a idiosincrasia da nosa terra”, declarou Gerardo Seoane, alcalde da vila. Na anterior edición, máis de 2.500 persoas participaron nas diversas actividades programadas no FIC Vía XIV 2016, que obtivo un retorno económico para a vila valorado en máis de 70.000€.

A ampliación dos días nos que se celebrará o FIC Vía XIV, que pasa de 7 a 10 días, responde a un aumento das actividades complementarias que se organizarán ó abeiro do Festival, que contará, ademais de coas proxeccións cinematográfricas, con obradoiros para nenos e adolescentes, foros de debate, obradoiros profesionais e mesas redondas, entre outras. Emilia Somoza, Concelleira de Cultura de Verín, afirmou que “cada vez vemos con maior intensidade como os veciños da vila participan en todas e cada unha das diversas actividades culturais que se veñen organizando dende o goberno municipal co obxectivo de fomentar a cultura e o lecer na nosa vila”.

Tamén esta mañá presentáronse as bases para o concurso de curtas, actividade central do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV. A apertura oficial do concurso será mañá, sábado 23 de setembro, e permanecerá aberto ó longo dun mes, ata o 23 de outubro; datas nas que os creadores poderán presentar as súas obras a concurso nas distintas categorías do FIC Vía XIV.

Neste sentido, o director do Festival, Carlos Montero, explicou que a II Edición contará con novidades no que atinxe ás categorías do Festival de Curtas. “O ano pasado recibimos 650 curtametraxes a concurso, das que seleccionamos 39. Nembargantes, o equipo técnico do Festival deuse conta de que había

moitas obras de gran calidade que non se puideron proxectar por non ter cabida nas categorías temáticas establecidas. Por outra banda, tamén nos decatamos de que as categorías Emigración e Fronteira se solapaban por ser temáticas moi semellantes. Isto fíxonos pensar que, para mellorar o Festival, deberiamos reorganizar as categorías sen perder a idiosincrasia coa que naceu”.

Reorganización de categorías

É por esa razón que, este ano, o FIC Vía XIV contará cunha categoría, “Nova”, na que serán seleccionadas curtas que non teñen cabida nas temáticas categorizadas, trátase dunha categoría xeral que incrementará a calidade das proxeccións con filmes contemporáneos, cinema de autor e obras que non se rixen por formatos industriais obsoletos.

Ademais de “Nova”, terá continuidade a categoría dedicada ó Entroido, entendendo o termo no seu máis amplo sentido e cun significado metafórico de cambio de roles; “Entroido - Outra mirada” recollerá obras que destrúen as regras cartesianas, que crean espazos alternativos, obras que experimentan coa linguaxe cinematográfica, que manexan códigos surrealistas e oníricos. Novos xeitos de contar, cinema da emoción e da experiencia. É a sección máis libre do festival onde, como sucede co Entroido, todo pode suceder.

Emigración e Fronteira son as dúas seccións que se unen para dar forma a unha única categoría: “Migración/Fronteira - Horizontes”, na que se incidirá na idea do horizonte como liña imaxinaria e invisible, lonxana e inalcanzable, de gran violencia emocional e simbólica como metáfora da Migración. Por outra banda, o horizonte como liña que separa o aquí do aló, como unha sorte de Fronteira entre onde estamos e calquer outro lugar.

Algúns dos mellores filmes do mundo son feitos dende as beiras dun río pequeno e silencioso; dada a singularidade do noso territorio, do Val do Támega dividido pola Raia, e da nosa historia de Emigración e Fronteira con todos os seus significados en ámbalas dúas beiras, non podía faltar unha categoría “Galego/Portuguesa -A Raia”; nela poderanse ver unha selección de curtas de cineastas de Galiza e Portugal.

Deste xeito, o Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín vai contar con catro categorías na súa II Edición, mantendo a identidade coa que naceu, é dicir, ofrecer unha ollada audiovisual creativa dos elementos que fan de Verín e do Val do Támega un territorio singular: o Entroido e a Raia. Tanto Seoane Fidalgo como Emilia Somoza coincidiron en afirmar que existen moi boas expectativas para a II Edición do FIC Vía XIV, tendo en conta o éxito alcanzado na súa primeira edición.

O enorme traballo que supón a organización e xestión dun gran evento como é o FIC Vía XIV fixo que o Concello de Verín decidira contar coa Asociación Vía XIV para a co-organización desta II Edición. A Asociación Vía XIV está formada por técnicos de recoñecido prestixio nos sectores Audiovisual e da Comunicación, que serán tutelados polo propio Concello de Verín como organizador do Festival.

Premios FIC Vía XIV 2017:

Establécense os seguintes premios:


  • Gran Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe do Festival “Vía XIV”: 1.500€ e Trofeo.
  • Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial ENTROIDO - OUTRA MIRADA: 750€ e Trofeo.
  • Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial MIGRACIÓN/FRONTEIRA-HORIZONTES: 750€ e Trofeo.
  • Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial GALEGO/PORTUGUESA – A RAIA: 750€ e Trofeo.
  • Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial NOVA: 750€ e Trofeo.
  • Premio do público á Mellor Curtametraxe: 600€ e Trofeo.
  • Premio AGAG ó Mellor Guión Produción Galega: 600€ e Trofeo.
  • Mención do Xurado á Mellor Curtametraxe: Diploma.
  • Premio NUMAX á Distribución: unha semana en carteleira no cinema NUMAX de Santiago de Compostela


Equipo Directivo do FIC Vía XIV de Verín

Coordinación xeral: Emilia Somoza Basalo.

Dirección: Carlos Montero Zorrilla

Creatividade Multimedia: Jorge Godás Limia

Produción: Xosé Lois Santiago Rodríguez.

Comunicación: Ana Queimadelos.



 




Guía da Comarca de Verín













Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica
Buzón do Cidadán


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac