Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas “Semanarios de Verín”, o portal web pioneiro que recolle os xornais históricos da vila, dende 1893 ao 1936.
“Semanarios de Verín”, o portal web pioneiro que recolle os xornais históricos da vila, dende 1893 ao 1936. PDF Imprimir Correo-e
Venres, 06 Outubro 2017 09:24

Hoxe, ás 19:30 horas, terá lugar a presentación do portal web “Semanarios de Verín”, un proxecto documental pioneiro creado pola Biblioteca Municipal  que recolle os xornais históricos da vila, desde 1893 ao 1936.

A presentación correrá a cargo de Xosé Carlos Caneiro, escritor e xornalista da Voz de Galicia; Rafael Cid, escritor e director de informativos de RTVE edición Galicia; María Isabel Villamarín Alonso, Licenciada Ciencias da Información, especialista na prensa local na comarca de Monterrei (s.XIX e principios do s. XX) e de varios membros da corporación verinesa.


Este proxecto nace en decembro do ano 2016 cando a Biblioteca Municipal recibiu de D. Santiago Cid Harguindey preto de 2000 reproducións e un cento de orixinais dos antigos semanarios que tivo Verín dende finais do século XIX ata o 1936.

Os semanarios incluídos no proxecto e en fase de reprodución son: "El Támega" ("Nuevo Támega"), "El Eco de Monterrey", "Heraldo de Verín", "La Opinión", "El Clamor", "Monterrey", "El Cencerro" y "La Víbora", estes dous últimos de xénero satírico. É importante destacar que, nesta idade de ouro do xornalismo local, Verín chegou a ter 14 cabeceiras ao longo do tempo.

As cabeceiras coas que a Biblioteca está a traballar na actualidade son: "El Támega" (que logo se converteu no "Nuevo Támega"), do que se teñen ao redor de 900 exemplares, e o "Heraldo de Verín", cun tramo cronolóxico moito menor que abarca de 1911 ao 1917 (agás unha aparición fugaz en 1946 de dous exemplares).

Este traballo, que se está a desenvolver integramente na biblioteca de Verín,  ten unha previsión de anos vista dada a minuciosidade e rigor co que se está a levar a cabo. Todas as fases do proxecto foron realizadas polo persoal da mesma entidade municipal, salvo o proceso de dixitalización que, por resultar máis económica, foi externalizada.

Todo o traballo de dixitalización e acceso público online estará no seguinte portal web, ubicado dentro do servidor da propia biblioteca: http://hemeroteca.bibliotecadeverin.es/. Agora mesmo, e co traballo en marcha,  xa está catalogado o xornal "El Támega" ("Nuevo Támega" ), dende o ano 1916 ao 1921.

Neste período de rexistro, catalogación, dixitalización que está se está a levar a cabo na Biblioteca de Verín, xa se atoparon verdadeiras xoias que axudan a entender mellor o  pasado da vila, coma foi a confirmación da visita prevista da infanta Isabel de Borbón e Borbón cara aos balnearios de Verín, ou mesmo as memorias dos Directores/Médicos dos Balnearios de finais do século XIX, onde recollían todo o seu bo facer cunha descrición magnífica, que nos da idea do que era o Verín coma destino balneario a comezo de século XX.

A importancia deste traballo documental e o seu valor para investigadores é sabido que será fundamental no futuro, e proporcionará unha visión en moitos ámbitos, xa sexan, sociais, políticos, económicos, etc.

 

 

 

 




Guía da Comarca de Verín













Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica
Buzón do Cidadán


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac