Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A maxia do cinema inunda Verín
A maxia do cinema inunda Verín PDF Imprimir Correo-e
Sábado, 02 Decembro 2017 22:59

O Auditorio de Verín acolleu hoxe a gala inaugural da II edición do Festival de Curtas (FIC) Vía XIV, na que participaron o tenente alcalde da vila, Diego Lourenzo e o director do certame, Carlos Montero. Nun acto, presentado polo actor Tonho Salgado, que congregou a máis de 150 persoas, presentáronse en detalle as liñas temáticas do festival e púxose en valor a relevancia dun certame, que espera achegar un retorno económico de máis de 150.000 euros para Verín e comarca.

En total, serán máis de 60 horas, entre proxeccións e actividades paralelas ligadas ao cinema, as que compoñen a programación desta segunda edición do Festival. Como filme inaugural, proxectouse esta noite no Auditorio de Verín Os días afogados de César Souto e Luis Avilés. Ambos os dous directores da cinta, que se ten amosado en diversos festivais internacionais e conta unha historia de fronteira e loita cívica que ten lugar na raia seca, estiveron presentes no acto inaugural do FIC Vía XIV.

Durante a inauguración, o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, sinalou que “a xente de Verín fai gala dunha imaxinación de contundente fertilidade” que se manifesta, sobre todo, nas datas de Entroido. “Somos un pobo creativo e amante das artes”, afirmou. Xunto a isto, indicou que “o Festival de Curtas de Verín e a nosa aposta estrutural por entrar na linguaxe”do cinema porque “na nosa vila medramos mirando cara aos escenarios e levamos todos dentro un actor”. “E levamos dentro tamén un director e un guionista, e un maquillador e un director de escena, e un músico e un bailarín. Porque en Verín, somos xente de cine, non me cansarei de repetilo, en todas as súas facetas”, apostilou Lourenzo.

Entroido, Fronteira e Emigración

Os eixos singulares e difereciadores do Festival de Curtas de Verín seguirán presentes nesta segunda edición do certame. Neste sentido, o FIC xirará arredor das mesmas temáticas do ano pasado: Entroido, Fronteira e Emigración, tres conceptos moi instalados no imaxinario colectivo verinés. Se ben, os organizadores do Festival percatáronse, segundo sinalou Carlos Montero no acto inaugural, de que era necesario reorganizar as categorías posto que as  de Emigración e Fronteira se solapaban en certa medida. Deste xeito, nace a categoría Horizontes como representación simbólica desa liña imaxinaria e invisible que é metáfora das migracións. Nesta categoría participarán 10 curtas.

Dada a singularidade do territorio verinés, do Val do Támega (dividido pola “Raia”), non podía faltar no FIC Vía XIV unha categoría galego-portuguesa denominada A Raia. Nela poderase ver unha selección de 17 curtas de cineastas de Galicia e de Portugal.

De igual xeito, a sección dedicada ao entroido recibe agora o nome de Outra Mirada e recollerá 12 obras que destrúen as regras cartesianas, que crean espazos alternativos, que experimentan coa linguaxe cinematográfica e que manexan códigos surrealistas e oníricos.

Paralelamente, creouse unha categoría a maiores denominada Nova para dar a posibilidade de concursar a diferentes pezas que non tiñan cabida nas  outras categorías temáticas establecidas. Nesta sección concursarán 15 curtas.

Actividades paralelasAs actividades paralelas que se desenvolverán ao abeiro do FIC Vía XIV xa comezaron onte co obradoiro práctico, a cargo da cineasta vasca Maider Fernández, “Achegar o cinema ás persoas”, no que os participantes terán a oportunidade de realizar a súa propia curta co seu teléfono móbil. Xunto a isto, Maider vai impartir tamén unha Masterclass, mañá as 21.00 horas no Auditorio.

Unha retrospectiva sobre a Nouvelle Vague, un foco centrado na obra do cineasta colombiano Juan Soto, un ciclo homenaxe ao Mestrado de Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona (que neste 2017 cumpre 20 anos), unha homenaxe aos 25 anos do festival luso Curtas Vila do Conde e diversos ciclos de debate e mesas redondas, así como actividades para os cativos e cativas postas en marcha coa colaboración dos centros educativos de Verín e comarca, completan a axenda de actividades paralelas desta segunda edición do FIC.

Entidades patrocinadoras e colaboradorasXunto ao Concello de Verín, unha serie de entidades participaron activamente como colaboradoras ou patrocinadoras na posta en marcha do certame. Entre elas, a Deputación Provincial de Ourense, Augas de Cabreiroá, AGADIC, Caixabank, a Eurocidade Verín-Chaves e os concellos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín. A todos eles, Carlos Montero quixo agradecerlles a súa participación, sen a cal non tería sido posible a celebración desta II edición do FIC Vía XIV.

 




Guía da Comarca de Verín













Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica
Buzón do Cidadán


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac