A Biblioteca Pública Municipal acolle a exposición Portugalidade/Afastamento

Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A Biblioteca Pública Municipal acolle a exposición Portugalidade/Afastamento
A Biblioteca Pública Municipal acolle a exposición Portugalidade/Afastamento PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 10 Maio 2018 11:36

Até o día 31 de maio, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acolle a exposición de pintura Portugalidade/Afastamento, de Carlos Dias. Esta mostra itinerante chega a Verín despois de estar exposta no Aeroporto Francisco Sá Carneiro (Oporto) e na Biblioteca de Chaves. A itinerancia no termino municipal verinense continuará entre os días 4 e 30 de xuño en Feces de Abaixo, na Sede da Eurocidade Chaves-Verín (Antiga Aduana).

Portugalidade/Afastamento retrata nas súas teas e homenaxea, ao mesmo tempo, á poboación transmontana pola separación que sentiu ao ver partir aos seus fillos, á procura de mellores condicións de vida, para países veciños ou afastados. Para iso, esta exposición pictórica utiliza obxectos e materiais tradicionais como soporte (panos grosos de la ou de liño, entre outros) e unha temática case  esquecida: a actividade pastoril ou a agricultura manual. Deste modo, ao vela, pretende saciar nostalxias o recrear memorias vividas.

O obxectivo desta exposición é falarlle aos habitantes do territorio e a quen nos visita. Para logralo, as pinturas non se superpoñen ás materias que as soportan, senón que interactúan, mostrando tanto a pintura como a base sobre a que se fixo o labor artístico. Así, intenta funcionar como un estímulo diversificado: pola imaxe, polo material, polo obxecto ou pola rudeza da propia execución que nos remite para a dureza das actividades tradicionais.

CARLOS DÍAS

O autor, Carlos Días (Benguela, Angola, 1963) é un pintor con orixes familiares nas Lagoas-Valpaços-Trás-Os-Montes, residente na Senhora da Hora, Matosinhos.

A súa formación artística iniciouse durante un par de anos no Atelier Livre da Árvore–Cooperativa de Atividades Artísticas. Posteriormente, durante sete anos, asistiu ao obradoiro de pintura do Mestre Alberto Péssimo. Finalmente, entre os anos lectivos 2011/2012 e 2016/2017, a súa formación desenvolveuse na Faculdade de Belas Artes da Universidade do Porto (FBAUP).

Entre os anos 2001 e 2015, Carlos Días participou en exposicións colectivas que levaron as súas obras á Fundação Calouste Gulbenkian (Lisboa); aos museos Soares dos Reis (Oporto), de Arqueologia D. Diogo de Sousa (Braga) e do Fundão; ao Palacio da Bolsa, Metro, Mercado Ferreira Borges, Galeria Geraldes da Silva e Galeria Açores (Oporto); e a salas das cámaras municipais de Resende, Paris e Monção; entre outros espazos expositivos lusitanos.

 

 




Guía da Comarca de Verín













Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica
Buzón do Cidadán


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac