Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA REGULADORA DA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF) NO CONCELLO DE VERÍN
ORDENANZA REGULADORA DA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF) NO CONCELLO DE VERÍN PDF Imprimir Correo-e

axuda no fogar.htm


A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, regula o dereito de todas as persoas aos servizos sociais, correspondéndolles, aos poderes públicos, garantir este dereito, posibilitando así que as liberdades e igualdades entre individuos sexan reais e efectivas, tal e como consagra a propia Constitución Española.


A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu capítulo II, o catálogo de servizos sociais,  onde define o servizo de axuda no fogar coma un servizo consistente en ofrecerlles un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia no seu contorno habitual.  Esta mesma lei establece no seu artigo 11.f) que é función dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión da axuda no fogar.


Coa entrada en vigor da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como a normativa estatal e galega que a desenvolve, fíxose necesario establecer un novo marco regulador de carácter básico dos contidos, formas de prestación e aspectos procedementais e organizativos de axuda no fogar de maneira que coa aprobación da Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar, establecéronse pautas de carácter xeral para asegurar un nivel equitativo de atención a todas as persoas que tiñan limitada a súa autonomía persoal.


O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, establece no seu artigo 7. b) como requisito xeral dos centros e programas de servizos sociais, dispoñer dunhas normas de funcionamento, visadas polo órgano competente, en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia, que garanta o respecto ao dereito das persoas usuarias e establezan as condicións de prestación e desenvolvemento dos servizos.


O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, fai necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar co fin de dar cumprimento ao establecido na disposición derradeira primeira.


O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, dálle unha nova redacción aos artigos 14.2, 59 e 61 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, polo que se fai necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar ao establecido nos mencionados artigos.


En consecuencia e coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e os criterios de participación económica das persoas usuarias, o Concello de Verín, de conformidade co marco normativo referenciado que confire aos concellos a potestade regulamentaria e de autoorganización dentro da esfera das súas competencias, regula os requisitos e condicións da prestación do servizo de axuda no fogar municipal a través da presente ordenanza.



CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS


Artigo 1º.- Obxecto.


1.- É obxecto desta ordenanza  a regulación do servizo de axuda no fogar (SAF), desenvolvido polo Concello de Verín.


Artigo 2º.- Ámbito de aplicación.


O establecido nesta ordenanza é de aplicación ao servizo de axuda no fogar que se desenvolve no Concello de Verín  (Ourense).


Artigo 3º.- Natureza, definición e obxectivos do servizo.


  1. O servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local, consistente en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.
  2. O servizo de axuda no fogar poderá prestarse a calquera persoa ou unidade de convivencia para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención.  De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.
  3. O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestructuración familiar.


Son obxectivos do servizo de axuda no fogar (entre outros):


-Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

-Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.

-Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.

-Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.

-Previr situacións de dependencia e/ou exclusión social.

-Retardar ou evitar a institucionalización.

-Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.


Artigo 4º.- Contido do servizo


1. De conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso polos servizos sociais, no marco do servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de actuaciones de carácter básico:

    1. Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como:
      1. Asistencia para levantarse e deitarse.
      2. Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.
      3. Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.
      4. Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.
      5. Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.
      6. Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
      7. Outras tarefas para favorecer a atención integral da persoa usuaria.


    1. Acompañamento persoal na realizacón doutras actividades complementarias:

I. Seguimento das intervencións realizadas polo sistema sanitario.

II.Apoio en trámites de carácter administrativo, xudicial e similares.


    1. Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como:
      1. Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.


      1. Compra de alimentos e outros productos de uso común.


      1. Preparación dos alimentos.


      1. Lavado e coidado das prendas de vestir, así como do enxoval doméstico.


      1. Apoio à unidade familiar.


      1. Coidados  e mantemento da vivenda.


Se é o caso, determinadas tarefas domésticas como lavandaria e alimentación á domicilio, poderán ser facilitadas por servizos específicos.

d. Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico-profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estruturación familiar.


2. Con carácter complementario, unha vez garantido o nivel básico de atención, o servizo de axuda no fogar poderá incorporar, entre outros, as seguintes actuacións e servizos:

a. Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.


b.Servizo de préstamo de axudas técnicas para persoas en situación de dependencia ou dependencia temporal. Para estes efectos enténdese por axuda técnica calquera produto, dispositivo, equipamento, instrumento, tecnoloxía ou software, fabricado especialmente ou dispoñible no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencias ou limitacións na actividade e restricións na participación social das persoas.


c. Prestación de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguimento, teleasistencia e similares.


d. Adaptacións funcionais do fogar.


e. Servizo de podoloxía a domicilio.


f.  Servizo de fisioterapia a domicilio.


  1. Poderán integrarse, ademais, dentro do servizo de axuda no fogar, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na mellora da autonomía e calidade de vida.


  1. En todo caso, as atencións prestadas terán un carácter de reforzo e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu contorno inmediato, de maneira que se falicite e promova a súa autonomía.


  1. En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:


  1. A realización de actividades domésticas, que non fosen incluídas no proxecto de intervención e no acordo de servizo.


  1. Actuacións, que polo seu carácter sanitario, deban en todo caso, ser realizadas por persoal facultativo.


Artigo 5º.-  Persoas destinatarias.


1. O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores, en que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.


2. En todo caso, darase prioridade de acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.


Serán requisitos das persoas destinarias os seguintes:

  • Estar empadroado e ter residencia efectiva no concello de Verín ( requisito só válido para libre concorrencia).
  • Non percibir axuda para a mesma finalidade.
  • Non presentar un deterioro físico o psíquico tal, que precise  outro tipo de atención especializada, o internamento en centro .
  • No caso de usuarios de libre concurrencia, que cumprindo cos requisitos recollidos nos apartados anteriores, teñan familiares que poidan encargarse deles pero se negen a  facelo, a valoración dos servizos sociais será definitiva na súa concesion ou denegación, sen entrar nas restantes condicións que deba reunir o solicitante.


Artigo 6.- Dereitos das persoas usuarias.


As persoas usuarias do servizo, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lle recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes dereitos:


  1. A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade, intimidade e autonomía.
  2. A accederen e utilizaren o servizo en condicións de igualdade e non discriminación.
  3. A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso.
  4. A recibiren unha información de xeito áxil, suficiente, veraz e comprensible sobre os recursos e as prestacións do Sistema Galego de Servizos Sociais, así como a que sexan asistidas e orientadas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso aos demais sistemas de benestar social.
  5. A teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención.
  6. A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.
  7. Ao tratamento confidencial dos seus datos de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
  8. A coñeceren a situación do seu expediente.
  9. A seren informadas, de maneira clara e precisa, sobre a intervención prevista e elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso, así como a participar na toma de decisións que modifiquen o proceso de intervención acordado.
  10. Á calidade dos servizos recibidos e a presentaren queixas e suxestións á persoa coordinadora do servizo.
  11. Ao respecto dos seus dereitos lingüísticos, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento da actividade do servizo dende a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.


Artigo 7º.- Deberes das persoas usuarias.


As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se establecen no artigo 7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e, se é o caso, na lexislación vixente sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes deberes:


  1. Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.
  2. Facilitar a información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para o acceso e utilización dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia os cambios de circunstancias persoais, familiares, sociais ou financeiras que puideren resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.
  3. Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e pondo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.
  4. Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
  5. Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios, participando activamente no proceso pautado de mellora, autonomía persoal e inserción social.
  6. Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.
  7. Respetar a dignidade persoal e profesioal das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
  8. A comunicar, con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puidese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.


Artigo 8º.- Causas de extinción e modificación do servizo.


  1. Son causas de extinción do servizo de axuda no fogar, as seguintes:


a. A renuncia da persoa usuaria.

b. O cambio de programa individual de atención ou do proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidade  co servizo de axuda no fogar.

c.Traslado definitivo da súa residencia a outro concello.

d. Falecemento da persoa usuaria.

e. Incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.

f. A falta reiterada de pagamento do servizo.

g. Desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.


  1. Ademais, con carácter xeral, a alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán substanciarse no expediente individual, mediante un novo informe social.


  1. Cando se trate dun servizo público de axuda no fogar, asignado a persoas en situación de dependencia, na correspondente resolución de Programa Individual de Atención, consonte o establecido na Orde de 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento do sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, modificado polo Decreto 148/2011, do 7 de xullo, a incoación por parte da entidade titular do servizo, dun expediente de extinción ou modificación das condicións de prestación do servizo, deberá notificarse en todo caso ao órgano competente para ditar resolución de Programa Individual de Atención.


Artigo 9º.- Causas de suspensión temporal do servizo.


Son causa de suspensión temporal do servizo, logo de tramitación do correspondente expediente e informe razoado do persoal técnico coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:



  1. Ausencia temporal do domicilio: neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de tres meses para as persoas usuarias que accedan ao servizo polo sistema de libre concorrencia e por un máximo de dous meses para as persoas usuarias de dependencia, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia.
  2. Modificación temporal das causas que motivaron a necesidade do servizo: poderá suspenderse o servizo en tanto persista o cambio de circunstancias causante da suspensión, coa excepción das prazas vinculadas a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía e a atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora.



CAPÍTULO II. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO.


SECCIÓN 1ª. DISPOSICIÓNS COMÚNS


Artigo 10º.- Formas de prestación do servizo.


1. O servizo público de axuda no fogar será prestado polo Concello de Verín directamente, ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos, regulados na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades privadas debidamente autorizadas.


2. O servizo público de axuda no fogar poderá prestarse mediante fórmulas de colaboración institucional entre as administracións competentes ou por entidades de dereito público, de acordo co establecido na lexislación vixente.


Artigo 11.-Requisitos específicos:


1. Existirá un profesional de referencia, que actuará como coordinador do servizo e que deberá estar en posesión da Diplomatura Universitaria na área de servizos sociais. No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o persoal técnico mínimo exixible será de 0,02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demáis casos aplicaráse a seguinte táboa:


Número de persoas usuarias

Persoal técnico mínimo

50 a 99

1 técnico/a titulado/a a xornada completa

100 a 199

2 técnicos/as titulados/as a xornada completa.

200 a 399

3 técnicos/as titulados/as a xornada completa.

Incrementos sucesivos

Por cada grupo de 200 persoas usuarias corresponderá un incremento de 1 técnico/a titulado/a a xornada completa.


2. A persoa que exerza como responsable técnica do servizo garantirá unha supervisión do servizo efectivamente prestado nos domicilios das persoas usuarias, que será realizada, sempre que as circunstancias a fagan necesaria e, como mínimo, cunha periodicidade de dous meses. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarase, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e no acordo do servizo.


3  O persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar, que, no caso de prestar o servizo a persoas en situación de dependencia valorada, deberán estar en posesión do título de Técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia ou equivalente, regulado no Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, ou en posesión do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente, regulado no Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade.


4. O Concello de Verín, e de ser o caso,  a entidade prestadora en reximen privado do servizo, abrirá un expediente individual  por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que se presta o servizo, no que constará cando menos:


a)Un informe social, asinado por un traballador/a social da entidade titular do servizo.


b)Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable que designe a entidade titular do servizo, segundo Anexo II desta ordenanza.


c)Un acordo de servizo asinado entre o Concello de Verín e a persoa usuaria do servizo , segundo Anexo III da Orde desta ordenanza.


d)Informes de seguemento periódicos, que terán un carácter bimestral, ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen.


O tratamento da información contida nos expedientes realizarase de acordo coa Lei 15/1999,do 13 de decembro , de protección de datos de carácter persoal.


SECCIÓN 2ª. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO POLO CONCELLO DE  VERIN .


Artigo 12º.- Modalidades de acceso ao servizo, organización e procedemento



a) Acceso ao servizo de axuda no fogar:


  1. O acceso será prioritario e directo para as persoas que, tendo recoñecida unha situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de programa individual de atención, e consonte a aplicación do programa de asignación de recursos ( PAR), establecido no título II do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos.  Para estes efectos, o concello de Verín, cando sexa o caso, procederá a dar de alta as persoas en agarda, de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos.  As persoas para as que o programa individual de atención, determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás que se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador.


  1. Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, o acceso ao servizo, logo da prescrición técnica do profesional de referencia resolverase en réxime de libre concurrencia, en aplicación do baremo, segundo o anexo V desta ordenanza municipal.


b) Da organización e procedemento do servizo:


  1. O Servizo de Axuda no Fogar ( SAF), estará integrado nos Servizos sociais Comunitarios de titularidade municipal e será coordinado por un traballador/a social da entidade local titular do servizo.


  1. No acceso directo ao servizo para as persoas usuarias con dependencia valorada, a resolución de asignación e incorporación ao servizo, será a través do PAR.


  1. No acceso en libre concurrencia será de aplicación o seguinte:


  1. O procedemento iniciarase a instancia de parte, de conformidade cos principios xerais recollidos na Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administración e do procedemento administrativo común e cos baremos que se inclúen nesta ordenanza.


  1. Cando circunstancias debidamente acreditadas no expediente así o xustifiquen, o procedemento de acceso ao servizo poderá iniciarse de oficio, mediante resolución motivada do alcalde/sa ou do membro da corporación local responsable en materia de servizos sociais, á vista do informe-proposta do/a traballador/a social;  sen prexuízo da posterior instrución do correspondente expediente.


  1. O órgano competente para ditar a resolución será o/a alcalde/sa, podendo delegar esta competencia de conformidade co disposto no artigo 21.3 da lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.


  1. Unha vez notificada a resolución de concesión do servizo, deberán acordarse, entre os servizos sociais comunitarios do concello e a persoa usuaria, as condicións básicas da prestación, que se reflexarán no acordo do servizo, segundo o Anexo III, publicado nesta ordenanza.


  1. No que se refire o punto 3, seguirase o seguinte procedemento:


a).- A solicitude, dirixida ao alcalde no Rexistro Municipal do Concello, acompañada da seguinte documentación:

  1. Fotocopia do DNI, da persoa beneficiaria e do resto de  membros da unidade de convivencia, ou libro de familia no caso de menores.


  1. Fotocopia da tarxeta sanitaria da persoa solicitante


  1. Certificado de convivencia.


  1. Informe médico, segundo Anexo II, desta ordenanza.


  1. Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia, se fora o caso.


  1. Xustificantes de ingresos da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade de convivencia:


  • Fotocopia da última declaración da renda ou no seu defecto certificado de imputacións do IRPF expedido pola axencia tributaria


  • Certificados de todos os ingresos (nacionais e estranxeiros) procedentes de salarios, pensións, subsidios e outros bens que posúan.


  • Calquera outra documentación que lle sexa requirida polo traballador/a social para a valoración do seu expediente


En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes individuais, realizarase de acordo coa normativa vixente, en materia de protección de datos de carácter persoal.


As solicitudes incompletas disporán dun prazo de 10 días para emendar deficiencias, en caso de non o facer serán arquivadas.


As solicitudes presentadas serán valoradas polo traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do concello, que unha vez realizada a correspondiente visita domiciliaria, determinará, mediante o informe técnico, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para o caso concreto, tendo en conta a aplicación do baremo segundo o anexo V, desta ordenanza.

O departamento de servizos sociais elaborará informe-proposta que será elevado á alcaldía ou órgano que determine a lexislación vixente aplicable nestes casos, que no prazo máximo de tres meses, resolverá as solicitudes presentadas no Rexistro Xeral do concello. En caso favorable, a mesma terá a consideración de alta no servizo. En caso de non existir dispoñibilidade, a solicitude pasará a integrarse na lista de agarda, nunha orde determinada pola aplicación do baremo. En caso de empate de puntuación, atenderase por antigüidade da solicitude.


Cando concorran circunstancias que aconsellen a intervención inmediata do servizo, a Alcaldía resolverá o expediente, á vista do informe-proposta do/a traballador/a social. Este informe conterá as causas que motiven a tramitación pola vía de urxencia. O procedemento de urxencia terá validez mentres se manteña a situación desencadeante. A desaparición desta, levará consigo a extinción do servizo e a tramitación pola vía ordinaria.

Para o inicio da prestación do servizo será requisito previo asinar o acordo de servizo, segundo o modelo establecido no anexo III desta ordenanza

Anualmente farase unha revisión de todas as persoas beneficiarias do servizo, que accederon polo sistema de libre concorrencia, co fin de comprobar que cumpren as condicións para a súa continuidade. Para a renovación anual do servizo, as persoas beneficiarias deberán  renovar a documentación establecida no VI, deste artigo.


En todo caso, daráse prioridade de acceso ao servizo, ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención, dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.


Artigo 13º.- Desenvolvemento da prestación do servizo.


1.- O prazo de alta no servizo será dunha semana máximo, tanto para os dependentes unha vez asignado o recurso dende o PAR, como para os casos de libre concorrencia, unha vez aprobada a solicitude por Decreto da Alcaldía. Para os casos pola vía de urxencia, o prazo máximo será de dous días. Estes prazos serán de obrigado cumprimento no caso de dispoñibilidade de horas por parte do concello.


2.- Previo ao inicio do servizo, o persoal técnico que xestione o servizo, realizará unha avaliación da situación e establecerá un consenso coa persoa usuaria, sobre as actuacións que se desarrollarán no domicilio.


3.- Realizarase visita domiciliaria por parte do persoal técnico que xestione o servizo, para a presentación do persoal de atención directa á persoa usuaria. Se a persoa beneficiaria, rexeita a persoa encargada de lle prestar os servizos, sen razóns suficientemente motivadas, pasará á lista de espera até que se lle asigne outro/a auxiliar, sempre que sexa técnicamente posible.


4.- Os cambios no persoal técnico asignado, así como nos horarios da prestación, por circunstancias de necesidades de organización do servizo, comunicaránse á persoa beneficiaria, seguindo en vigor o acordo asinado.


5.- Para o inicio do servizo será requisito previo, asinar o acordo de servizo, segundo o modelo Anexo III, desta ordenanza.


6.- O persoal técnico elaborará un proxecto de intervención, segundo o Anexo VI, desta ordenanza, que deberá conter: días da semana de atención, horario concreto no que se desenvolverá a prestación, identidade do persoal de atención directa responsable da execución do proxecto, obxectivos e tarefas que se desarrollarán no domicilio, e o seguimento efectivo da prestación no domicilio do usuario, con carácter mínimo bimestral.

7.- Farase entrega á persoa usuaria e ao persoal de atención directa, do documento onde se recollan as tarefas que se realizarán no domicilio.


8.- Farase entrega  á persoa usuaria dunha copia da Ordenanza municipal de axuda no fogar visada. Ademais esta permanecerá no taboleiro de anuncios dos servizos sociais onde se expón ao público, xunto  coa información da existencia do libro de reclamacións, que está á disposición dos usuarios.


9.- No caso de queixa ou reclamación, facilitarase unha copia da queixa á persoa usuaria e remitirase o orixinal ao servizo de inspección no prazo de 3 días, xunto cun informe do caso, segundo establece o artigo 6.i) do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

Artigo 14.- Intensidade na prestación do servizo.

1.- A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuídas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe técnico.


2.- A intensidade do servizo de axuda no fogar para as persoas atendidas no marco do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia estará predeterminada no seu programa individualizado de atención. A súa aplicación horaria será flexible e conforme co proxecto de intervención, de maneira que, cando menos, se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, relacionadas no artigo 4.1º a) da orden do 22 de xaneiro de 2009 polo que se regula o servizo de axuda no fogar, todos os días da semana.


3.- Nos restantes casos a intensidade do servizo virá determinada na prescrición efectuada polos correspondentes servizos sociais de atención primaria.


Artigo 15.- Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias de dependencia.


1. A capacidade económica das persoas dependentes, valoradas con dereito recoñecido de atención, mediante o servizo de axuda no fogar, calcularase de acordo coas normas de valoración contidas no capítulo II do título III do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, observándose as normas de aplicación á materia, vixentes en cada momento, polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia .


2. O resultado do cálculo da capacidade económica, correspondente ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar, constará na resolución do plan individualizado de atención que se desenvolva en cada caso, de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.


Artigo 16.- Determinación da capacidade económica das persoas usuarias doutros servizos que impliquen copagamento.


No servizo de axuda no fogar prestado á persoas ou unidades de convivencia distintas ás referidas no artigo anterior, o cómputo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios:


1.- Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.


2.- Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico dos que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder.


Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.


3.- A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.


Artigo 17.- Participación no financiamento do servizo das persoas dependentes con dereito de atención recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.


1.- No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas de efectos multiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.


2.- Nos demais supostos, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:



Grao I

Grao II

Grao III

Capacidade económica (referenciada ao IPREM)

Até

<=20 h

<=45 h

<=70 h

100,00%

0,00%

0,00%

0,00%

115,00%

4,52%

9,61%

14,70%

125,00%

5,41%

11,50%

17,58%

150,00%

5,55%

11,79%

18,03%

175,00%

5,65%

12,00%

18,35%

200,00%

5,72%

12,16%

18,60%

215,00%

5,81%

12,34%

18,87%

250,00%

6,03%

12,82%

19,61%

300,00%

6,24%

13,26%

20,29%

350,00%

6,42%

13,63%

20,85%

400,00%

6,54%

13,90%

21,25%

450,00%

6,63%

14,09%

21,55%

500,00%

6,70%

14,25%

21,79%

>500%

6,76%

14,36%

21,97%


3.- Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo, as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao correspondente, a cantidade a pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.


4.- En ningún caso, o importe da participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de copagamento poderá exceder o 90% do custo do servizo, determinado en termos de prezo/hora.


5.- No caso das atencións e servizos complementarios do nivel básico do servizo de axuda no fogar, prestados ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, para os efectos de facer efectiva a obriga de participar no custo do servizo por parte das persoas usuarias, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa a súa participación en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade e do tipo de atención ou servizo asignado:



% capacidade económica (referenciada ao IPREM) Até



GRAO I



GRAO II



GRAO III

Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia

Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables

Servizo de préstamo de axudas técnicas

Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia

Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables

Servizo de préstamo de axudas técnicas

Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia

Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables


<=15

<=28

<=45

100,00%

0,00%

12,87%

13,76%

0,00%

22,73%

24,29%

0,00%

35,51%

115,00%

5,98%

13,10%

14,00%

10,56%

23,12%

24,71%

16,50%

36,13%

125,00%

7,15%

13,39%

14,31%

12,63%

23,64%

25,26%

19,73%

36,94%

150,00%

7,34%

13,52%

14,44%

12,95%

23,87%

25,50%

20,24%

37,29%

175,00%

7,47%

13,61%

14,54%

13,18%

24,03%

25,67%

20,60%

37,54%

200,00%

7,57%

13,76%

14,70%

13,36%

24,29%

25,96%

20,87%

37,96%

215,00%

7,68%

13,83%

14,78%

13,56%

24,42%

26,09%

21,18%

38,16%

250,00%

7,98%

13,96%

14,91%

14,09%

24,64%

26,33%

22,01%

38,50%

300,00%

8,25%

14,06%

15,02%

14,57%

24,82%

26,52%

22,77%

38,78%

350,00%

8,48%

14,16%

15,13%

14,98%

25,00%

26,72%

23,40%

39,07%

400,00%

8,65%

14,35%

15,33%

15,27%

25,33%

27,06%

23,85%

39,57%

>400,00%

8,77%

14,48%

15,48%

15,48%

25,57%

27,32%

24,19%

39,95%


Artigo 18.-  Participación das persoas usuarias no financiamento doutros servizos que impliquen copagamento.


  1. Para o servizo de axuda no fogar, en réxime de libre concorrencia, para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de aceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, aplicarase a seguinte táboa que regula unha progresiva participación económica no custo do servizo en base ó cálculo da capacidade económica per cápita, de acordo co establecido no artigo 16 desta ordenanza.


CAPACIDADE ECONÓMICA

PARTICIPACIÓN NO CUSTO DO SERVIZO DE SAF BÁSICO

Menor ou igual de 0,80 IPREM

0%

Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,50 IPREM

10%

Maior de 1,50 e menor ou igual a 2,00 IPREM

20%

Maior de 2,00 e menor ou igual a 2,50 IPREM

40%

Maior de 2,50  IPREM.

60%


2. Sen prexuizo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo de axuda no fogar sexa unha problemática de desestruturación familiar, exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social.


3. En calquera caso, establecerase un límite máximo de participación económica das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.


Artigo 19.- Afectación dos ingresos municipais polo copagamento dos servizos.


De conformidade co artigo 56.7 da Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o Concello de Verín, en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios, estarán afectados ao financiamento dos servizos sociais que reciban.


Artigo 20.- Da coordinación coas entidades privadas que atendan a persoas usuarias financiados total ou parcialmente con fondos públicos.


No caso das entidades privadas que presten o servizo de axuda no fogar, mediante financiamento total ou parcial con fondos públicos, ou que atendan a persoas usuarias derivadas do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, manterán unha coordinación efectiva cos servizos sociais comunitarios básicos, establecendo un protocolo de comunicación de altas no servizo de cada persoa usuaria, así como unha copia do correspondente proxecto de intervención e dos informes de seguimento, dirixidos aos servizos sociais comunitarios básicos do concello ou entidade local.


Artigo 21.- Obrigados ao pagamento.


Están obrigados ao pagamento das taxas reguladas nesta ordenanza, as persoas usuarias beneficiarias do servizo prestado por este concello ás que se refire o artigo 5.


Artigo 22.- Nacemento da obriga de pagamento.


A obriga de pagar as taxas reguladas neste acordo regulador, nace, en xeral, dende que se inicie a prestación do servizo e deberá facerse efectivo de acordo coas seguintes normas de xestión:


1.   As taxas contempladas nesta ordenanza satisfaranse con carácter posterior á prestación do servizo e con carácter específico, durante os primeiros 15 dias do mes seguinte.


2.  Por parte do concello e sobre a base do parte de traballo asinado, conxuntamente pola persoa usuaria e polo persoal de atención directa, elaborarase un recibo individual có importe correspondente ao servizo prestado no mes anterior, que se remitirá á entidade bancaria elixida pola persoa beneficiaria para que se efectúe o pagamento.


Artigo 23.- Infraccións e sancións.


As infraccións e sancións rexeranse, no relativo aos pagamentos, pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o regulamento xeral de recadación, e no resto das materias, polo disposto na Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.


BAREMO PARA DETERMINAR A ASIGNACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR EN RÉXIME DE LIBRE CONCORRENCIA

SOLICITANTE:  


Factor 1: autonomía persoal (máximo 42 puntos).


As persoas dependentes valoradas que teñan dereito á prestación pola vía de acceso directo do sistema da dependencia (PIA con posible asignación do servizo de axuda no fogar), non poderán acceder polo sistema de libre concorrencia.

    1. Baremo para persoas con grao de discapacidade e que non están valoradas como dependentes :

Grao de discapacidade

Puntuación

De 0% a 32%

0 puntos

De 33% a  64%

5 puntos

De 65% a 74%

10 puntos

De 75% a 80 %

14 puntos

De 81% a 87%

24 puntos

De 88% a 93%

32 puntos

De 94% a 100%

42 puntos


2. Baremo para as persoas non valoradas como dependentes e que non teñan o grao de discapacidade valoraranse, neste apartado, polo informe médico esixido , da seguinte forma:

Padece Limitacións físicas:

Puntos:                Leves (1 ptos.)           Moderadas (2 ptos.)        Graves (3 ptos)                                     puntos

Visuais

Auditivas

Cardio-respiratorias

Manexo de extremidades superiores

Manexo de extremidades inferiores

Incontinencia:                  urinaria    ?                       fecal      ?

Outros:  

Total


Presenta deficiencias ou limitacións psíquicas:

                 Leves (2 ptos)          Moderadas (3 ptos.)        Graves (3,5 ptos)                                    Puntos

Desorientación témporo-espacial

Alteracións da percepción

Descontrol emocional

Trastorno da memoria

Trastornos de conduta

Outros: Deterioro cognitivo

Total


TOTAL PUNTOS AUTONOMÍA PERSOAL


Factor 2:Dependencia


GRAO DE DEPENDENCIA

PUNTOS

III

6

II

4

I

2


Factor 3: apoio social (máximo 20 puntos)


A persoa vive soa e carece de familiares e/ou redes distintas de apoio (20pts.)


A persoa vive soa , carece de familiares e só ten apoio do contorno veciñal ou outras redes (18 puntos)


A persoa convive con persoas sen capacidade para atendelo (até 12 puntos):

  • Cunha persoa maior de 70 anos (3 puntos)
  • Cunha persoa con discapacidade ou dependencia (3 puntos)
  • Cunha persoa que carece de tempo (3 puntos)
  • Con incapacidade para organizarse (3 puntos)



Os familiares néganse  a atendelo inda que teñan posibilidades (8 puntos)


Vive só pero ten familiares con posibilidades de atendelo no mesmo concello ou a menos de 20 kms. (5 puntos)


Está ben atendido (0 puntos)



TOTAL PUNTOS AOPIO SOCIAL


Factor 3: situación familiar/socialización menores (máximo 20 puntos)

3.1. Conflito (máximo 4 puntos)                                                                 Puntos

Cun membro xerador de conflito de nivel moderado (1 punto)


Cun membro xerador de conflito de nivel grave (2 puntos)


Con máis dun membro xerador de conflito de nivel moderado (3 puntos)


Con máis dun membro xerador de conflito de nivel grave (4 puntos)



3.2. Limitacións de rol (máximo 2 puntos)

Familias nas que ambos os dous proxenitores ou titores teñan importantes limitacións físicas ou psíquicas para prestarlle unha adecuada atención aos menores (2 puntos)

3.3. Monoparentalidade (máximo 2 puntos)

Monoparentais que por distintas causas (saúde, traballo, idade avanzada,...) non poidan atender aos menores (2 puntos)

3.4. Habilidades sociais (máximo 2 puntos)

Familias con poucas habilidades sociais (carencia de hábitos alimenticios, aseo persoal, administracións do presuposto, ausencia de roles, organización, ... (2 puntos)

3.5. Número de menores (máximo 10 puntos)

Un menor (3 puntos)

Dous menores (5 puntos)

Tres menores (7 puntos)

Catro ou máis menores (10 puntos)


TOTAL PUNTOS SITUACIÓN FAMILIAR/SOCIALIZACIÓN MENORES


Factor 4: outros aspectos sociais (máximo 20 puntos)

4.1. Vivenda (total 20 puntos)

                                                                               Puntos

A vivenda reúne as condicións mínimas para a prestación do servizo (10 puntos)

A vivenda non reúne condicións mínimas para a prestación do servizo (1 punto):


  • Chabola ou similar
  • En ruínas ou con risco de derrubamento.


Falta de hixiene e/ou salubridade (2 puntos)

Existen barreiras arquitectónicas no interior da vivenda (2 puntos)

Existen barreiras arquitectónicas no exterior da vivenda (2 puntos)

Equipamento: sen calefacción, sen teléfono, sen cuarto de baño (2 puntos)

Vivenda situada en zona rural illada (2 puntos)


4.2. Integración no contorno (total 10 puntos)

                                                                           Puntos:    

Situación de illamento e/ou rexeitamento (10 puntos)


Ausencia de relacións sociais (6 puntos)


Existen escasas relacións coas persoas do seu contorno (4 puntos)


Integración adecuada no contorno (0 puntos)


Total puntos outros aspectos sociais



Factor 5 : Capacidade económica:

Menor de 0,80 IPREM

6

Igual ou maior de 0,80 IPREM até 1,50 IPREM incluído

3

Maior de 1,50 IPREM até 2,50 IPREM incluído

1

Maior de 2,50 IPREM

0


TOTAL XERAL


DISPOSICIÓN DERROGATORIA


Esta ordenanza derroga expresamente a ordenanza reguladora do servizo de axuda a domicilio publicada no BOP nº 218, do 21 de setembro de 2013 e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que lle sexa contraria.


DISPOSICIÓN DERRADEIRA.


Esta Ordenanza entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da provincia de Ourense e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.


O alcalde: Juan Manuel Jiménez Morán

A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz



DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no BOP de Ourense número 115 de data 22 de maio de 2014.


A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz