Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Secretaría Ord. Fiscais: Taxas ORDENANZA REGULADORA DA OCUPACION DO DOMONIO PUBLICO POR SERVIZOS DE TELEFONÍA MÓBIL
ORDENANZA REGULADORA DA OCUPACION DO DOMONIO PUBLICO POR SERVIZOS DE TELEFONÍA MÓBIL PDF Imprimir Correo-e

ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN PRIVATIVA OU O APROVEITAMENTO ESPECIAL DO DOMINIO PÚBLICO LOCAL, MEDIANTE A OCUPACIÓN CON FINS LUCRATIVOS DO SOLO, SUBSOLO OU VOO DAS VÍAS PÚBLICAS MUNICIPAIS, CON INSTALACIÓNS, REDES E ANTENAS, CONSTITUÍDA A FAVOR DE EMPRESAS EXPLOTADORAS, SUBMINISTRADORAS OU PRESTADORAS DE SERVIZOS DE TELEFONÍA MÓBIL

 

CAPÍTULO PRIMEIRO: DISPOSICIÓNS XERAIS

 

ARTIGO 1: FUNDAMENTO E NATUREZA

 

No uso das facultades concedidas nos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais e, especialmente, ao abeiro do previsto nos artigos 57 e 24 deste texto legal, este concello establece e regula a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial constituído no voo, solo e subsolo das vías públicas municipais, a favor de empresas explotadoras, subministradoras ou prestadoras, por calquera medio, de servizos de telefonía móbil, en canto servizos de interese xeral que afectan a unha parte importante do vecindario, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

 

CAPÍTULO SEGUNDO: FEITO IMPOÑIBLE

 

ARTIGO 2: FEITO IMPOÑIBLE

 

1. Constitúe o feito impoñible da taxa regulada na presente ordenanza fiscal, o desfrute da utilización privativa ou dos aproveitamentos especiais do dominio público local constituídos no voo, solo e subsolo das vías públicas municipais ou outros terreos públicos, a favor das empresas explotadoras, subministradoras ou prestadoras de servizos de telefonía móbil, sempre que utilicen o dominio público local para prestar os servizos de subministracións que constitúen o seu obxecto social, con ánimo lucrativo, e que resultan de interese xeral, por afectar á xeneralidade ou a unha parte importante do vecindario.

 

2. O aproveitamento especial do dominio público local producirase sempre que, para a prestación do servizo de subministración, se deban utilizar antenas, instalacións ou redes que materialmente ocupan o solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais ou outros terreos públicos municipais, con independencia de quen sexa o titular daquelas.

 

3. Comprenderanse, exclusivamente, no feito impoñible os servizos referidos a subministracións de telefonía móbil, que se presten, total ou parcialmente, a través de redes e antenas fixas que ocupan o dominio público municipal.

 

4. O pagamento da taxa regulada nesta ordenanza supón a exclusión expresa da exacción doutras taxas derivadas da utilización privativa ou o aproveitamento especial constituído no solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, necesarios para a prestación dos servizos de subministracións de interese xeral.

 

CAPÍTULO TERCEIRO: OBRIGADOS TRIBUTARIOS

 

ARTIGO 3: SUXEITOS PASIVOS

 

1. Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica propia a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan titulares das empresas ou entidades explotadoras, subministradoras ou prestadoras de servizos de telefonía móbil, que resulten de interese xeral, por afectar á xeneralidade ou a unha parte importante do vecindario.

 

2. Para estes efectos, inclúense entre as empresas e entidades explotadoras, subministradoras ou prestadoras de servizos de telefonía móbil ás súas empresas e entidades distribuidoras e comercializadoras.

 

3. Para os efectos da taxa aquí regulada, teñen a consideración de suxeitos pasivos todas as empresas ou entidades explotadoras, subministradoras ou prestadoras de servizos de telefonía móbil, tanto se son titulares das correspondentes redes a través das que se efectúen as subministracións como se, non sendo titulares de ditas redes, o son dos dereitos de uso, acceso ou interconexión a elas.

 

4. As empresas titulares de redes físicas ás que non lles resulte de aplicación o que se prevé nos apartados anteriores están suxeitas ás taxas por ocupacións do solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais, reguladas nas ordenanzas fiscais correspondentes.

 

ARTIGO 4: SUCESORES

 

1. As obrigas tributarias pendentes das sociedades e entidades con personalidade xurídica propia disoltas e liquidadas transmitiranse aos socios, copartícipes ou cotitulares, que quedarán obrigados solidariamente até os límites seguintes:

 

a) Cando non exista limitación de responsabilidade patrimonial, a contía íntegra das débedas pendentes.

 

b) Cando legalmente se limitara a responsabilidade, o valor da cota de liquidación que lles corresponda.

 

2. Poderán transmitirse as débedas devindicadas á data de extinción da personalidade xurídica da sociedade ou entidade, aínda que non estean liquidadas.

 

3. As obrigas tributarias pendentes das sociedades mercantís, en supostos de extinción ou disolución sen liquidación, transmitiranse ás persoas ou entidades que sucedan ou sexan beneficiarios da operación.

 

4. As obrigas tributarias pendentes das fundacións ou entidades sen personalidade xurídica propia a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, en caso da súa disolución, transmitiranse aos destinatarios dos bens e dereitos das fundacións ou aos partícipes ou cotitulares de ditas entidades.

 

5. As sancións que procedan polas infraccións tributarias cometidas polas sociedades e entidades ás que se refiren os apartados anteriores esixiránselle aos sucesores daquelas.

 

ARTIGO 5: RESPONSABLES SOLIDARIOS

 

1. Responderán solidariamente da débeda tributaria, conforme ao disposto no artigo 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, as seguintes persoas ou entidades:

 

a) As que sexan causantes ou colaboren activamente na realización dunha infracción tributaria. A súa responsabilidade esténdese á sanción tributaria.

 

b) Os partícipes ou cotitulares das entidades sen personalidade xurídica propia a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, en proporción ás súas respectivas participacións.

 

c) Os que sucedan, por calquera concepto, na titularidade das explotacións económicas, polas obrigas tributarias contraídas polo anterior titular e derivadas do seu exercicio.

 

2.- Exceptúanse de responsabilidade as adquisicións efectuadas nun procedemento concursal.

 

ARTIGO 6: RESPONSABLES SUBSIDIARIOS

 

1. Responderán subsidiariamente da débeda tributaria, conforme ao disposto no artigo 43 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, os administradores de feito ou de dereito das persoas xurídicas que non realizaran os actos necesarios da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas tributarias, até os límites seguintes:

 

a) Cando se cometeran infraccións tributarias, responderán da débeda tributaria pendente e das sancións tributarias.

 

b) En supostos de remate das actividades, polas obrigas tributarias devindicadas que se achen pendentes na data de remate, sempre que non fixeran o necesario para o seu pagamento ou tomaran medidas causantes da falta de pagamento.

 

2. Así mesmo, responderán subsidiariamente da débeda tributaria os integrantes da administración concursal e os liquidadores de sociedades e entidades que non realizaran as xestións necesarias para o cumprimento das obrigas tributarias devindicadas con anterioridade.

 

3. A responsabilidade esixirase, en todo caso, nos termos e de acordo co procedemento previsto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

 

CAPÍTULO QUINTO: DÉBEDA TRIBUTARIA

 

ARTIGO 7: BASE IMPOÑIBLE

 

1. Para determinar a contía da taxa pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local polas empresas e entidades explotadoras, subministradoras ou prestadoras de servizos de telefonía móbil, que precisen utilizar a rede de telefonía fixa instalada neste municipio, aplicarase a seguinte fórmula de cálculo para a determinación da base impoñible, deducida da estimación do aproveitamento especial do dominio público polo servizo de telefonía móbil:

 

BI = Cmf x NT + (NH x Cmm)

 

Sendo:

 

BI = base impoñible.

 

Cmf = consumo telefónico medio estimado, por unidade urbana, corrixido polo coeficiente atribuído á participación da telefonía móbil. O seu importe considerado para o exercicio 2009 é de 66,67 euros/ano.

 

NT = número estimado de teléfonos fixos instalados no municipio, cuxo número considerado para o exercicio 2009 é de 6.296

 

NH = número estimado de teléfonos móbiles existentes no municipio, cuxo número considerado para o exercicio 2009 é de 14.235

 

Cmm = consumo medio telefónico e de servizos, estimado por teléfono móbil. O seu importe considerado para o exercicio 2009 é de 279,57 euros/ano.

 

2. A base impoñible global queda establecida, para o exercicio 2009, na contía total de 4.399.433,27 euros.

 

ARTIGO 8: COTA TRIBUTARIA GLOBAL

 

1. A cota básica global determínase aplicando o 1,5 por 100 á base impoñible, conforme á seguinte fórmula:

 

QB = 1,50% s/BI

 

Sendo:

 

QB = valor da cota básica global, que queda establecido para o exercicio 2009 na contía total de 65.991,50 euros.

 

2. A cota tributaria por operador de servizos de telefonía móbil determinarase aplicando o coeficiente atribuíble a cada un á cota básica global, conforme á seguinte fórmula:

 

Cota tributaria/operador = CE x QB

 

Sendo:

 

CE = coeficiente atribuíble a cada operador, segundo a súa cota de participación no mercado (servizos minoristas) incluíndo as modalidades de postpagamento e de prepagamento.

 

ARTIGO 9: DISTRIBUCIÓN POR OPERADORES DA COTA LÍQUIDA

 

1. Para o exercicio 2009, o valor da cota tributaria por empresa operadora de servizos de telefonía móbil e, polo tanto, a correspondente cota trimestral que se satisfará por cada operador son os seguintes:

 

Operador de telefonía móbil

Cota por operador

Cota trimestral

Cota total anual

Movistar

45,00%

7.424,05 €

29.696,18 €

Vodafone

30,50%

5.031,85 €

20.127,41 €

Orange

22,50%

3.712,02 €

14.848,09 €

Yoigo

0,90%

148,48 €

593,92 €

Euskaltel

0,50%

82,49 €

329,96 €

Outros operadores

0,50%

82,49 €

329,96 €

Total

16.481,38 €

65.925,52 €

 

2. Para os efectos de determinar o coeficiente por operador, os suxeitos pasivos poderán acreditar ante o concello que o coeficiente real de participación no termo municipal, durante o exercicio 2008 foi inferior ou diferente.

 

Neste caso, as autoliquidacións trimestrais axustaranse aplicando o coeficiente acreditado polo obrigado tributario.

 

3. As restantes empresas operadoras de servizos de telefonía móbil non especificadas expresamente no apartado primeiro deste artigo, terán a obriga formal de presentar autoliquidación, na que se reflectirá:

 

a) O total de ingresos obtidos por servizos minoristas, como base impoñible.

 

b) A aplicación do tipo de gravame establecido na presente ordenanza fiscal sobre o total da base impoñible.

 

c) Cota de mercado existente no termo municipal de Verín, que, en ningún caso, agás proba en contra, e computadas globalmente todas as declaracións-liquidacións presentadas polas empresas operadoras de servizos de telefonía móbil non especificadas expresamente no apartado primeiro deste artigo, será superior ao 0,50%

 

d) A cota tributaria líquida que corresponde ingresar á empresa operadora.

 

CAPÍTULO SEXTO: BENEFICIOS FISCAIS

 

ARTIGO 10: EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS

 

Non se concederán máis exencións ou bonificacións que as expresamente previstas nas leis ou as derivadas da aplicación de tratados internacionais.

 

CAPÍTULO SÉTIMO: PERÍODO IMPOSITIVO E DEVINDICACIÓN

 

ARTIGO 11: PERÍODO IMPOSITIVO

 

1. A presente taxa ten natureza periódica e o período impositivo coincide co ano natural.

 

2. Emporiso o disposto no apartado anterior, nos supostos de inicio ou remate na utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local necesario para a prestación da subministración ou servizo, procederá aplicar o rateo trimestral, polo que o período impositivo axustarase a estas regras:

 

a) Nos supostos de altas por inicio de actividade, liquidarase a cota correspondente aos trimestres que restan para rematar o exercicio, incluído o trimestre en que teña lugar a alta.

 

b) Nos supostos de baixas por remate da actividade, liquidarase a cota que corresponda aos trimestres transcorridos dende o inicio do exercicio, incluíndo aquel en que se orixina o remate.

 

ARTIGO 12: DEVINDICACIÓN

 

1. A presente taxa devindicarase o primeiro día do período impositivo, xurdindo, a partir dese momento, a obriga de pagamento.

 

2. Cando os aproveitamentos especiais do solo, subsolo ou voo das vías públicas municipais se prolonguen durante varios exercicios, a devindicación da taxa terá lugar o día 1 de xaneiro de cada ano.

 

3. No suposto de alta por inicio da actividade, a devindicación da taxa producirase o primeiro día do trimestre no que teña lugar a alta.

 

CAPÍTULO SÉTIMO: XESTIÓN TRIBUTARIA

 

ARTIGO 13: RÉXIME DE DECLARACIÓN DE INGRESO

 

1. A taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial constituído no voo, solo e subsolo das vías públicas municipais, a favor de empresas explotadoras, subministradoras ou prestadoras de servizos de telefonía móbil, esixirase en réxime de autoliquidación.

 

2. Para tal efecto, as empresas operadoras de servizos de telefonía móbil deberán presentar a correspondente declaración-liquidación e realizar o ingreso de cada unha das cotas trimestrais previstas no artigo 8 desta ordenanza fiscal nas entidades financeiras colaboradoras na recadación municipal que se indique en cada caso.

 

3. Os suxeitos pasivos efectuarán o ingreso da cuarta parte da cota total anual resultante de aplicar o establecido no artigo 8 desta ordenanza fiscal antes do último día dos meses de marzo, xuño, setembro e decembro de cada ano natural ou inmediato día hábil posterior, respectivamente.

 

4. As empresas operadoras de servizos de telefonía móbil non relacionadas expresamente no artigo 8 desta ordenanza fiscal presentarán a súa declaración-liquidación en base aos parámetros establecidos en dito precepto e tendo en conta o período de prestación efectiva dos servizos durante o ano 2009

 

CAPÍTULO OITAVO: RECADACIÓN

 

ARTIGO 14: NORMATIVA APLICABLE

 

O procedemento de recadación desta taxa suxeitarase ao disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e demais disposicións que a desenvolvan ou complementen, sendo compatible a liquidación de recargas de prema, recargas por liquidación extemporánea e intereses de demora coa imposición das correspondentes sancións tributarias.

 

CAPÍTULO NOVENO: RÉXIME SANCIONADOR

 

ARTIGO 15: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS

 

1. A falta de ingreso da débeda tributaria que resulta da autoliquidación correcta da taxa dentro dos prazos establecidos nesta ordenanza fiscal, constitúe infracción tributaria tipificada no artigo 191 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que se cualificará e sancionará segundo dispón o devandito artigo.

 

2. A falta de presentación de forma completa e correcta das declaracións e documentos necesarios para que se poida practicar a liquidación desta taxa constitúe unha infracción tributaria tipificada no artigo 192 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que se cualificará e sancionará segundo dispón o referido artigo.

 

3. O resto de infraccións tributarias que se poidan cometer nos procedementos de xestión, inspección e recadación desta taxa, se tipificarán e sancioanrán de acordo co que se prevé na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, no Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamanento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributarias, e nas restantes disposicións que a complementen ou desenvolvan, que se declaran expresamente aplicables en todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias e á determinación das sancións que, por elas, correspondan en cada caso, así como nas ordenanzas municipais que puidesen resultar de aplicación.

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

 

1. As ordenanzas fiscais dos exercicios futuros poderán modificar o valor dos parámetros considerados nos artigos 7 e 8, incluíndo o valor dos coeficientes Cmf, Cmm, NH e NT, se así procede.

 

2. Se non se modificase a presente ordenanza fiscal, continuarán sendo de aplicación os parámetros establecidos para o exercicio 2009 nos exercicios futuros, entendéndose substituídas as referencias expresas realizadas ao exercicio 2009 pola referencia ao exercicio que resulte de aplicación.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

 

Os preceptos desta ordenanza fiscal que, por razóns sistemáticas, reproduzan aspectos da lexislación vixente e outras normas de desenvolvemento, e aquelas en que se fagan remisións expresas a preceptos da normativa vixente, entenderase, automaticamente, que son modificados, derrogados e/ou substituídos, no momento en que se produza a modificación dos preceptos legais e regulamentarios de que traen causa.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

DISPOSICIÓN FINAL PRIMEIRA

 

A presente ordenanza fiscal, aprobada provisionalmente polo Pleno do concello de Verín en sesión ordinaria realizada o día 13.10.2008 e que quedou definitivamente aprobada polo Pleno en data 08.6.2009, entrará en vigor a partir do día 1 de xaneiro do 2010, sendo de aplicación a partir dese momento, unha vez debidamente publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, permanecendo en vigor até a súa modificación ou derrogación expresas.

 

DISPOSICIÓN FINAL SEGUNDA

 

1. Para os efectos previstos no artigo 29.2.a) da Lei 32/2003, do 3 de novembro, xeral de telecomunicacións, darase traslado da presente ordenanza fiscal á Comisión Nacional do Mercado das Telecomunicacións.

 

2. Así mesmo, unha vez que se produza a entrada en vigor da taxa regulada nesta ordenanza fiscal, darase traslado das súas disposicións aos diferentes operadores de servizos de telefonía móbil, para o seu debido coñecemento e efectos.

 

O alcalde

 

 

 

 

Juan Manuel Jiménez Morán

 

DILIXENCIA: póñoa eu, a secretaria do concello, para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense número 148 de data 30.6.2009

 

Verín, 30 de xuño de 2009

 

A secretaria

 

 

 

Pilar del Carmen Saborido Díaz