Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A Xunta exhibirá o Dionisos e Ampelos de Verín no Monte Gaiás
A Xunta exhibirá o Dionisos e Ampelos de Verín no Monte Gaiás PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 02 Outubro 2019 11:54

Ampelos “Galicia, un relato no mundo” é unha macroexposición que albergará  o Museo do Centro Gaiás, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Ven de obter a autorización do Concello de Verín para trasladar ás súas instalacións o conxunto escultórico de Dionisos e Ampelos que exhibe o Museo do Claustro Mercedario de Verín.  A peza servirá para contextualizar a relación do mundo galaico coa cultura romana nas primeiras etapas da nosa era.

A réplica do deus do viño, o teatro e a morte, Dionisos, abrazado polo seu amigo o sátiro Ampelos, serviu de eixe para a primeira exposición do Museo do Claustro Mercedario dedicada en 2017 á presenza temperá do viño en Monterrei.  Daquela, no contexto da mostra “Dionisos, 2000 anos de viño en Monterrei”,   a imposibilidade de contar coa peza orixinal motivou a súa impresión en 3D, para crear unha réplica exacta do orixinal, máis unha nova peza coa idealización informática  do conxunto sen os estragos do paso do tempo.

“Galicia, un relato no mundo” é unha exposición da Xunta de Galicia e da Fundación Cidade da Cultura que explora a interacción entre o territorio galego e o resto do mundo nun percorrido que nos leva dende a prehistoria ata a actualidade.

Xacobeo 2021.

Concibida como a primeira das tres grandes exposicións da Xunta  con motivo do Xacobeo 2021, centrarase nas relacións internacionais de Galicia e a súa presenza no mundo.  A mostra estará aberta na Cidade da Cultura dende o 14 de novembro de 2019 ata o 12 de abril de 2020, e no marco desta exposición chegarán por primeira vez  a Galicia destacadas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país e que se atopan en prestixiosas coleccións museísticas  en distintos recunchos do mundo.

O público galego terá así a oportunidade única de contemplar nunha mesma mostra obras de institucións de referencia como a Cambridge University-Parker Library, a Biblioteca Apostólica Vaticana o o Museu Internacional de Arqueología de Portugal.

A mostra ofertará a oportunidade de visitar, xunto co Dionisos e Ampelos de Verín, obras como dous Códices Calixtinos do Vaticano e a Universidade de Salamanca, ou o Libro das Invasións, relato irlandés que menciona por primeira vez ao Breogán do Himno Galego.

 

 

Centro de Dia




Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









Buzón do Cidadán

IOP

PEID 2019

Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac