Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas A Universidade de Vigo e o Concello de Verín dan a coñecer a localización do castelo medieval de Cabreira, na zona do Pozo do Demo.
A Universidade de Vigo e o Concello de Verín dan a coñecer a localización do castelo medieval de Cabreira, na zona do Pozo do Demo. PDF Imprimir Correo-e
Martes, 05 Novembro 2019 12:44

A Universidade de Vigo e o  Concello de Verín presentaban esta mañá, no Museo Claustro Mercedario, o achado do castelo medieval de Cabreira, na zona do Pozo do Demo. Unha edificación relacionada coa rede de fortalezas do entorno do século X que, xunto co Castelo de Lobarzán, configuraron a rede de poboamento e urbanismo primixenio do Val de Monterrei.

Na presentación estiveron presentes a decana da Facultade de Historia do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Susana Reboreda, xunto con Beatriz Comendador, coordinadora e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e profesora de Prehistoria da Universidade de Vigo, Víctor Rodríguez Muñiz, arqueólogo e membro da área de Historia Medieval da Uvigo, Nieves Amado Rolán, arqueóloga e investigadora, Andrés Diz Domínguez, estudante de grao en Xeografía e Historia da Uvigo, e máis  o alcalde e o tenente de alcalde de Verín, Gerardo Seoane e Diego Lourenzo.

Os presentes afirmaron que as evidencias materiais do chamado castro das Quintas coinciden coas trazas dunha fortificación medieval que non pode ser outra máis que o Castelo de Cabreira.

Tanto Diego Lourenzo como Gerardo Seoane destacaron a importancia deste descubrimento que nos mostra a historia do noso val, axúdanos a comprender a importancia xeográfica e política que representaba esta zona e nos permite dar a coñecer algo que forma parte da nosa identidade e de nós mesmos.

A zona na que se produciu o achado, o Pozo do Demo, é ademais unha impresionante paraxe natural, con mestura de vexetación autóctona mediterránea e atlántica, un lugar de ocio e sendeirismo usado polos veciños de Verín e contorna como área de recreo, cunha forte implicación emocional.

O alcalde xa anunciou que o Concello de Verín realizará o vindeiro ano unha intervención arqueolóxica, en colaboración coa Universidade de Vigo, baixo o amparo do actual convenio marco entre as dúas institucións, co obxectivo de investigar e coñecer mellor estas evidencias arqueolóxicas, e valorizar o conxunto.


A historia das investigacións. 

A terra de Baroncelli estaba dividida nas subterras de Cabreira, Lobarzana e Souto Vermud, vertebradas por dous castelos: os de Cabreira e Lobarzán. Na historiografía da comarca de Monterrei, o Castelo de Cabreira ou Capraria, contaba con moi poucas citacións, sendo un gran descoñecido para a poboación da bisbarra, e moito menos coñecido que o de Lobarzán.

O investigador Francisco Pérez da UVIGO deu a coñecer aos axentes e asociacións culturais da comarca, a distribución territorial da antiga terra altomedieval de Baronceli, primeiro no 2014, nunhas conferencias en Verín organizadas pola Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, e posteriormente no seu libro “La villa de Monterrey y su Tierra. SS. VIII-XIX”.

Anteriormente, algúns investigadores nomearan o castelo de Cabreira apuntando, pola toponimia, a súa localización física na parroquia de Cabreiroá, sen lugar concreto, mentres que outros o identificaran directamente coa acrópole de Monterrei.

Tampouco o grande investigador verinense D. Xesús Taboada Chivite fala deste castelo no seu inmenso traballo de investigación na bisbarra. Taboada fixo unhas sondaxes no Pozo do Demo en 1950, “Exploraciones en los castros de Cabreiroá” e catalogou este sitio e o Bouzadoiro como castros, coñecéndose a partir dese momento como castro da Viña ou Baixada de San Xosé, tamén como castro das Quintas e castro da Igrexa dos Mouros ou Bouzadoiro, respectivamente.

O grande movemento asociativo e cultural da comarca nos últimos anos e a curiosidade de coñecemento da mesma, incitou a varias persoas da mesma á busca dos restos do descoñecido castelo da Cabreira. Así foi como os veciños da comarca, membros de varios colectivos culturais, Andrés Diz Domínguez (estudante de Historia da UVIGO) e Nieves Amado Rolán (arqueóloga) se implicaron activamente na busca do castelo,  e despois de moitas visitas a lugares diferentes, durante varios anos, concluíron que as evidencias materiais do castro das Quintas coincidían coas de unha fortificación medieval que non podía ser outra máis que o Castelo de Cabreira. Xa neste ano de 2019, durante as prospeccións levadas a cabo no proxecto do Castelo de Lobarzán, o arqueólogo Víctor Rodríguez Muñiz, acompañado polos mesmos, tamén confirmou a localización do Castelo de Cabreira no Pozo do Demo.

Ademais, dous datos documentais máis axudan a confirmar a súa localización. No dicionario Madoz dise, falando do regato das Quintas: “del mencionado Monte Mayor se desprende un arroyo, que si bien es escaso de aguas en el estío, forma una vistosa catarata en tiempo de lluvias, cerca del paraje titulado Cabreira”. Tamén o topónimo Cabreira aparece no monte comunal de Cabreiroá, que se chama: Monte comunal de Monte Maior e Cabreira.

 

O castelo de Cabreira e os proxectos de intervención patrimonial.

As evidencias materiais do castelo son escasas, pero o seu emprazamento é impoñente na paisaxe de rochedos descarnados de granito. Tería defensas naturais polos catro puntos cardinais, sendo máis feble polo sur, mentres que polo norte e leste o formidable e profundo canón do regato das Quintas resulta inexpugnable, así como polo oeste, coa vertente de altísimos escarpas, controlando a vista de todo o val de Monterrei case ata o Val de Laza. Controlaría o territorio ao norte, leste e oeste, mentres que ao sur estaría tapado e resgardado polo Monte Maior. Neste senso pode dicirse que “está onde tiña que estar”, xa que as terras ao sur do castelo de Cabreira estaban inseridas na terra da Lobarzana, e por tanto capitaneadas polo veciño Castelo de Lobarzán. 

Os dous castelos, Cabreira e Lobarzán, son xemelgos tanto no seu decorrer histórico como no seu emprazamento. Naceron os dous na Alta Idade Media, como castelos rexios o mesmo que a terra que dirixían, pasaron despois a mans de Monterrei tanto na súa etapa de poboa real como no vizcondado. No S. XV foron derruídos nas loitas polo poder en Monterrei, e deixan de figurar na documentación.

Pero ademais, en ámbolos dous enclaves hai importantes restos arqueolóxicos que falan da ocupación en épocas anteriores, dende a época prehistórica, pasando pola época romana e medieval, e mesmo no contexto da Guerra da Independencia e a Guerra Civil.

 

Centro de Dia




Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









Buzón do Cidadán

IOP

PEID 2019

Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac