Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Cidade Novas Ciclo Músicas Raianas
Ciclo Músicas Raianas PDF Imprimir Correo-e
Venres, 02 Outubro 2009 09:47

Durante os meses de outubro e novembro, a localidade de Verín acollerá a segunda edición do Ciclo Músicas Raianas, promovido polo Concello de Verín coa colaboración económica da Consellería de Cultura e Turismo, e que ten como obxectivo a difusión da música que se está realizando no espazo da Eurocidade Chaves-Verín.

Cada sábado de outubro ás oito da tarde na Casa da Cultura de Verín terá lugar un espectáculo musical con entrada libre. Mañá actuará o grupo verinense Brixel, que presentará un espectáculo de música tradicional, con cantos, melodías e danzas recollidas na comarcas ourensás de Monterrei, a Limia e Conso-Frieiras. O vindeiro sábado día 10 será o grupo de Chaves Bossa Antiga o que nos traerá un espectáculo de fusión de bossa nova e jazz. O sábado día 17, como sempre as oito da tarde, o cuarteto Rock de Cámara presentará os peculiares arranxos que fai o grupo para instrumentos de corda frotada de músicas de cine, éxitos da música pop, temas folclóricos e temas famosos da música disco actual. Xa o día 24 será o trío flaviense Mi Torga, que lidera a fadista Teresa Ventura, o que nos ofreza un espectáculo de fados clásicos e poemas de Miguel Torga levados ao fado polo grupo. Para rematar as actuacións que se programan no mes de novembro, e para pechar as que terán por escenario a Casa da Cultura, o dúo Latin Dream, formado por unha cantante luso-francesa e por un pianista e guitarrista cubano, e o guitarrista José Manuel Salgado, de Verín, presentarán un concerto cheo de variedades estilísticas, rítmicas, melódicas e harmónicas; unha ensalada musical na que percorrerán desde as músicas máis solemnes e antergas até versións dos temas máís coñecidos e alegres da actualidade.

Para pechar a edición 2009 de Músicas Raianas, o domingo día 8, como todas as actuacións anteriores ás oito da tarde, aínda que neste caso na igrexa da Mercé, actuarán o Coral de Chaves e o Coral de Verín. O Coral de Chaves nunca actuou en Verín dirixido polo Nuno Costa, que se fixo cargo da dirección en outubro do ano 2007.

Músicas Raianas
naceu coa intención de divulgar as experiencias musicais máis interesantes que se están a desenvolver no ámbito da música popular na Eurocidade Chaves-Verín, baixo o criterio de programación de presentar o mesmo número de grupos de Chaves e de Verín, en concertos en solitario ou conxuntos. Unha iniciativa que pretende crear a primeira estrutura de programación musical estábel entre Chaves e Verín,  vínculos entre os artistas de Verín e de Chaves, coa intención de que coñezan uns e outros o que se fai a 25 quilómetros de distancia, e de que poidan xurdir proxectos nun futuro próximo nos que participen conxuntamente músicos de aquí e de alí.



 

Centro de Dia




Guía da Comarca de Verín


Solicitude de Participación









Buzón do Cidadán

IOP

PEID 2019

Plan Xeral de Ordenación Urbana

Sede electrónica


A un click


Biblioteca Municipal








Visor Sixpac