Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA CIRCULACION
ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA CIRCULACION PDF Imprimir Correo-e

 

 

AMBITO DE APLICACION

 

 

ART. 1º.- A presente Ordenanza que complementa o disposto polo Real Decreto Lexislativo 339/90, do 2 de marzo, polo que se aproba o texto articulado da Lei sobre o tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, e polo Regulamento xeral de circulación para a aplicación e desenvolvemento do devandito texto articulado aprobado por Real Decreto 13/1992, do 17 de xaneiro e será de aplicación en tódalas vías públicas deste concello.

 

SINALIZACION

ART. 2º

1.- A sinalización preceptiva efectuarase de forma específica, para tramos da rede viaria municipal, ou de forma xeral para toda a poboación, no seu caso os sinais colocaranse en tódalas entradas a esta.

2.- Os sinais que existen á entrada das zonas de circulación restrinxida rexen en xeral para todo o interior dos seus perímetros respectivos.

3.- Os sinais dos axentes da polícia local prevalecerán sobre calquera outro.

 

ART. 3º

1.- Sen a previa autorización municipal, non se poderá colocar ningún sinal preceptivo ou informativo nin tampouco valos.

2.- Soamente se colocarán sinais informativos, a criterio da autoridade municipal, cando teñan interese xeral.

3.- Non se permitirá a colocación de publicidade nos sinais ou no seu costado.

4.- Prohíbese a colocación de panfletos, carteis, anuncios ou mensaxes que impidan ou limiten ós usuarios a normal visibilidade de semáforos ou sinais con que poidan distraer a súa atención.

 

ART. 4º.- O concello procederá á retirada inmediata de toda sinalización que non estea debidamente autorizada ou que non cumpra coas normas en vigor, podendo ser impostas as sancións pertinentes.

 

ACTUACIONS ESPECIAIS DA POLICIA LOCAL

ART. 5º.- A polícia local, por razóns de seguridade ou de orde pública, ou para garantir a fluidez da circulación, poderá modificar eventualmente a ordenación existente naqueles lugares onde se produzan grandes concentracións de persoas ou vehículos e tamén en caso de emerxencia. Con este fin, poderanse colocar ou retirar provisionalmente os sinais que sexan convenientes, así como tomar as oportunas medidas preventivas.

 

OBSTACULOS NA VIA PUBLICA

ART. 6º

1.- Prohíbese a colocación na vía pública de calquera obstáculo ou obxecto que poida estorbar á circulación de peóns ou vehículos.

2.- Nembargantes o anterior, por causas debidamente xustificadas, poderán autorizarse ocupacións temporais da vía pública nos lugares nos que, non xerando ningún perigo pola ocupación, menos trastorno se ocasione ó tráfico.

 

ART. 7º.- Todo obstáculo que entorpeza a plena circulación de peóns ou vehículos terá que estar debidamente sinalado.

 

ART. 8º.- Por parte da autoridade municipal, poderase proceder á retirada dos obstáculos cando:

1.- Entrañen perigo para os usuarios das vías.

2.- Non teñan a correspondente autorización.

3.- A súa colocación non estea xustificada.

4.- Transcorrera o tempo autorizado ou non se cumpriran as condicións fixadas na autorización.

Os gastos producidos pola retirada dos obstáculos, así como pola súa sinalización especial, serán a custa do interesado.

 

PEONS

ART. 9º.- Os peóns circularán polas beirarrúas, gardando preferentemente a súa dereita. Se a vía pública carecese de beirarrúas, os peóns transitarán pola esquerda da calzada.

 

ESTACIONAMENTO

ART. 10º.- O estacionamento de vehículos rexerase polas seguintes normas:

1.- Os vehículos poderanse estacionar en fila, é dicir, paralelamente á beirarrúa; en batería, perpendicular a aquela, é en semibatería, oblicuamente á beirarrúa.

2.- En ausencia de sinal que determine a forma de estacionamento, este realizarase en liña.

3.- Nos lugares habilitados para estacionamento con sinalización no pavimento, os vehículos colocaranse dentro do perímetro marcado.

4.- Os vehículos, ó estacionar, colocaranse tan preto da beirarrúa como lle sexa posible, aínda deixando un pequeno espacio para permitir a limpeza daquela parte da calzada.

5.- En todo o caso, os conductores estacionarán o seu vehículo de maneira que non poida poñerse en circulación espontaneamente.

 

ART. 11º.- Queda absolutamente prohibido estacionar nas seguintes circunstancias:

1.- Nos lugares onde o prohiben os sinais correspondentes.

2.- Nos lugares onde se impida ou dificulte a circulación.

3.- Onde se obrigue ós outros conductores a realizar manobras antirregulamentarias.

4.- En dobre fila, tanto se na primeira houbese un vehículo coma un colector ou outro obxecto ou algún elemento de protección.

5.- En calquera outro lugar da calzada distinto ó habilitado para o estacionamento.

6.- Naquelas rúas onde a calzada non permita o paso dunha caravana de vehículos.

7.- Naquelas rúas de dobre sentido de circulación nas cales a amplitude da calzada non permita o paso de dúas ringleiras de vehículos.

8.- Nas esquinas das rúas, cando se impida ou difuculte o xiro de calquera outro vehículo.

9.- En condicións que estorbe a saída doutros vehículos estacionados regulamentariamente.

10.- Nos espacios da calzada destinados ó paso de viandantes.

11.- Nas beirarrúas,plataformas,refuxios,paseos centrais ou laterais e zonas sinaladas con franxas no pavimento, tanto se é parcial como total a ocupación.

12.-O lado das plataformas, refuxios, paseos centrais ou laterais e zonas sinaladas con franxas no pavimento.

13.- Naqueles tramos sinalados e delimitados como parada de transporte público ou escolar, de taxis, zonas de carga e descarga, vados e zonas reservadas en xeral.

14.- No mesmo lugar por máis de oito días consecutivos.

15.- Nas zonas que, eventualmente teñan de ser ocupadas por actividades autorizadas, ou nas que teñan de ser obxecto de reparación, sinalización ou limpeza. Nestes supostos a prohibición sinalarizase convenientemente e coa antelación suficiente.

 

ART. 12º.- Nas rúas con capacidade máxima para dúas columnas de vehículos e de sentido único de circulación, os vehículos estacionaranse a un só lado das rúas, a determinar pola autoridade municipal.

 

ART. 13º.- Se por incumprimento do sinalado no apartado 14 do artigo 11, un vehículo resultase afectado polo cambio de ordenación do lugar onde se encontra, cambio de sentido ou de sinalización, realización de obras ou calquera outra variación que comporte, en definitiva, o seu traslado ó depósito municipal ou no seu defecto, a outro lugar de estacionamento autorizado, o conductor será responsable da nova infracción cometida.

 

ART. 14º.- Os estacionamentos con horario limitado, que en todo o caso terán que coexistir cos de libre utilización, suxeitaranse ás determinacións seguintes:

1.- O estacionamento farase mediante comprobante horario, que terá as formas e as características que fixe a administración municipal.

2.- O conductor do vehículo estará obrigado a colocar o comprobante nun lado da parte interna do parabrisas que estea totalmente visible dende o exterior.

 

ART. 15º.- Constituirán infraccións específicas, nesta modalidade de aparcamento, as seguintes:

1.- A falta de comprobante horario.

2.- A utilización de comprobantes alterados ou fóra de uso.

3.- Sobrepasar o límite horario indicado no comprobante.

 

ART. 16º.- Nembargantes o disposto nos artigos 18 e 19 desta Ordenanza, a comprobación horaria tamén poderá realizarse directamente por persoal do concello destinado ó mencionado servicio, sen que a súa presencia na área de aparcamento en cuestión implique necesariamente obriga de custodia ou vixilancia dos vehículos estacionados.

 

ART. 17º

1.- Os titulares de autorización municipais de estacionamento en zonas reservadas para diminuídos físicos, poderán estacionar os seus vehículos sen limitación de tempo, tanto en ditas zonas como nas do horario restrinxido.

2.- Se non existiran zonas reservadas para o estacionamento de diminuídos físicos preto do punto de destino de tales conductores, os axentes municipais permitirán o estacionamento naqueles lugares nos que menos prexuízo causen ó tráfico, pero nunca naqueles nos que o estacionamento prohibido supoña, en virtude do previsto nesta ordenanza, causa de retirada do vehículo.

 

ART. 18º

1.- Os ciclomotores e motocicletas poderán ser estacionados en beirarrúas, plataformas, e paseos de máis de tres metros de amplitude, paralelamente á calzada, a unha distancia de 50 cms. desta, sempre que non se obstaculice gravemente o paso de viandantes, bicicletas, coches de bebés, carros de compra, etc.

2.- A distancia mínima entre unha motocicleta estacionada segundo ó apartado anterior e os límites dun paso de peóns sinalizado ou unha parada de transporte público, será de dous metros.

3.- O estacionamento sobre beirarrúas, plataformas, e paseos, farase empurrando o vehículo co motor parado e sen ocupar o asento.

4.- O estacionamento na calzada farase en semibatería, ocupando unha amplitude máxima de un metro e medio.

5.- Cando nas rúas carezan de beirarrúas, o estacionamento farase aproximando o máis posible tales vehículos ós extremos da calzada, sempre que se permita a circulación de calquera outros vehículos e non se obstrúan portas, ventás, escaparates, etc., de terreos colindantes.

 

RETIRADA DE VEHICULOS DA VIA PUBLICA

ART. 19º.- Os axentes da policía local en servicio, no exercicio das funcións de control do tráfico e das vías públicas que lles corresponden, poderán dispor a retirada dun vehículo da vía pública cando o propietario do mesmo non o faga polos seus propios medios, dando iso lugar ó traslado do vehículo de que se trate ó depósito municipal.

A tal efecto, os axentes da policía local reclamarán a presencia do persoal do servicio da guinche municipal para que acuda ó lugar dos feitos e proceda a levar a cabo materialmente as operacións de inmobilización e retirada do vehículo infractor da vía pública e o seu subseguinte traslado ó depósito municipal, sen prexuízo de que, ó propio tempo, avisen ou localicen ó propietario do vehículo a retirar, para que, segundo a súa elección acepte a retirada do vehículo da vía pública ou a impida e, previo o pagamento das taxas e gastos correspondentes no acto, retire o seu vehículo do lugar no que estivese cometendo a infracción. Con independencia da forma na que se xestione -directa ou indirectamente-, o servicio da guinche municipal, é de carácter público e as súas actuacións constitúen un desenvolvemento das competencias municipais en materia de tráfico dentro do núcleo urbano que se exercen a través dos axentes da autoridade do Alcalde ou, no seu caso, Concelleiro delegado con atribucións de índole resolutiva.

En calquera caso, procederase a retirar os vehículos da vía pública nos supostos sinalados no artigo 71 da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial.

 

ART. 20º.- Consideraranse incluídos no artigo 71 da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial e polo tanto xustificada a retirada do vehículos, os casos seguintes:

 

1.- Cando un vehículo estivese estacionado en dobre fila sen conductor.

2.- Cando obrigue a outros conductores a realizar manobras excesivas, perigosas e antirregulamentarias.

3.- Cando ocupe total ou parcialmente un vado.

4.- Cando estea estacionado nunha zona reservada para carga e descarga, durante as horas da súa utilización.

5.- Cando estea estacionado nunha parada de transporte público sinalada e delimitada.

6.- Cando estea estacionado en lugares expresamente reservados a servicios de urxencia ou seguridade.

7.- Cando estea estacionado diante das saídas de emerxencia de locais destinados a espectáculos públicos durante as horas que se celebren.

8.- Cando estea estacionado total ou parcialmente enriba dunha beirarrúa, plataforma, refuxio, paseo, zona de precaución ou zonas de franxas no pavimento, carecendo da autorización expresa.

9.- Cando impida a visibilidade dos sinais de tráfico ó resto dos usuarios da vía.

10.- Cando estea estacionado nun paso de peóns sinalizado.

11.- Cando estea estacionado nun punto onde estea prohibida a parada.

12.- Cando impida o xiro ou obrigue a facer especiais manobras para efectualo.

13.- Cando impida a visibilidade do tránsito dunha vía ós conductores que acceden doutra.

14.- Cando atranque total ou parcialmente a entrada a un inmoble, de acordo coa normativa vixente.

15.- Cando estea estacionado en lugares prohibidos en vía cualificada como de atención preferentemente, ou sexa doutra denominación de igual carácter, por bando do Alcalde.

16.- Cando estea estacionado en plena calzada.

17.- Cando estea estacionado nunha rúa de peóns fóra das horas permitidas, salvo os estacionamentos expresamente autorizados.

18.- Cando estea estacionado nunha reserva de aparcamento para diminuídos físicos.

19.- Cando estea estacionado en zona de estacionamento regulado durante máis de unha hora e media, contada dende que fose denunciado por incumprimento das normas que regulan este tipo de estacionamento.

20.- Sempre que, como tódolos casos anteriores, constitúa perigo ou cause grave deterioro á circulación ou ó funcionamento dalgún servicio público.

21.- Calquera outros non sinalados anteriormente,nos cales quede acreditado que se producen obxectivamente situacións relacionadas coas circunstancias definidas nas letras a) b) c) d) e f) do artigo 71 da Lei de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial.

 

ART. 21.- A Polícia Local tamén poderá retirar os vehículos da vía pública nos seguintes casos:

 

1.- Cando estean estacionados nun lugar reservado para a celebración dun acto público debidamente autorizado.

2.- Cando resulte necesario para a limpeza, reparación ou sinalización da vía pública.

3.- En casos de emerxencia.

Estas circunstancias advertiranse, no seu caso, co tempo suficiente, e os vehículos serán conducidos ó lugar autorizado máis próximo, con indicación ós seus conductores da situación destes. O mencionado traslado non comportará ningún pago, calquera que sexa o lugar onde se leve o vehículo.

 

ART. 22º.- Sen prexuízo das excepcións previstas, os gastos que se orixinen como consecuencia da retirada do vehículo e a súa estancia no depósito municipal, serán por conta do titular, que aboará ou garantirá o pago como requisito previo á devolución do vehículo, sen prexuízo do dereito a interpor os recursos que correspondan.

 

ART. 23º.- A retirada do vehículo suspenderase inmediatamente, se o conductor comparece antes de que a guinche iniciara a súa marcha co vehículo enganchado ou cargado e tome as medidas necesarias para facer cesar a situación irregular na cal se encontraba o coche, sempre que aboe no acto as taxas e gastos correspondentes que puideran xerarse como consecuencia da actuación iniciada polo servicio da guinche municipal.

 

 

VEHICULOS ABANDONADOS

 

ART. 24º.- Considerarase que un vehículo está abandonado se existe algunha das circunstancias seguintes:

1.- Que estea estacionado por un período superior a quince días no mesmo lugar da vía.

2.- Que presente desperfectos que permitan presumir racionalmente unha situación de abandono.

 

ART. 25º

1.-Os vehículos abandonados serán retirados e levados ó depósito municipal. Inmediatamente iniciaranse os trámites tendentes á determinación do seu titular, a quen se lle ordenará a retirada do vehículo debendo efectualo no prazo de un mes dende a notificación.

2.- Os dereitos correspondentes ó traslado e permanencia serán por conta do titular.

3.- Se o propietario se negase a retirar o vehículo, o Concello procederá ó alleamento do mesmo para facerse cargo dos gastos orixinados, pola actuación administrativa desenvolvida.

 

MEDIDAS ESPECIAIS

 

ART. 26º.- Cando circunstancias especiais o requiran, poderanse tomar as oportunas medidas de ordenación do tránsito, prohibindo ou restrinxindo a circulación de vehículos, ou canalizando as entradas a zonas da Vila ou a determinadas vías, así como reordenando o estacionamento.

 

ART. 27º.- Atendendo ás especiais características dunha determinada zona da Vila, a Administración Municipal poderá establecer a prohibición total ou parcial da circulación ou estacionamento de vehículos,ou,ámbalas dúas cousas a fin de reservar todas ou algunhas das vías públicas comprendidas dentro da zona mencionada á súa utilización exclusiva polos residentes nas mesmas, veciños en xeral, peóns ou outros supostos.

 

ART. 28º.- En tales casos, as rúas terán a oportuna sinalización á entrada e á saída, sen prexuízo de poder utilizar outros elementos móbiles ou fixos que impidan a circulación de vehículos na zona afectada.

 

ART. 29º.- As mencionadas restriccións poderán:

1.- Comprender á totalidade das vías que estean dentro do seu perímetro ou só nalgunhas delas.

2.- Limitarse ou non a un horario preestablecido.

3.- Ser de carácter diario ou referirse soamente a un número determinado de días.

 

ART. 30º.- Calquera que sexa o carácter e alcance das delimitacións dispostas, estas non afectarán á circulación nin ó estacionamento dos seguintes vehículos:

1.- Os do servicio de extinción de incendios e salvamento, os da policía e garda urbana, as ambulancias e, en xeral, os que sexan necesarios para a prestación de servicios públicos.

2.- Os que transporten enfermos ou impedidos dende un inmoble da zona.

3.- Os que transporten viaxeiros, de saída ou chegada, dos establecementos hoteleiros da zona.

4.- Os que sexan usuarios de garaxes ou aparcamentos públicos ou privados autorizados.

5.- Os autorizados para carga e descarga de mercadorías.

 

PARADAS DE TRANSPORTE PUBLICO

 

ART. 31º

1.- A Administración Municipal determinará os lugares onde deberán situarse as paradas de transporte público, escolar ou de taxis.

2.- Non poderán permanecer naquelas máis tempo do necesario para a subida ou baixada dos pasaxeiros, salvo as sinalizadas con orixe ou final de liña.

3.- Nas paradas de transportes públicos destinadas ó servicio dos taxis, estes vehículos poderán permanecer, unicamente á espera dos pasaxeiros.

4.- En ningún caso o número de vehículos poderá ser superior á capacidade da parada.

 

CARGA E DESCARGA

ART. 32º

1.- A carga e descarga de mercadorías, unicamente poderá realizarse nos lugares habilitados ó efecto.

2.- A tal fin, cando a citada actividade teña de realizarse na vía pública e non teña carácter ocasional, os propietarios dos comercios, industrias ou locais afectados solicitarán do concello a reserva correspondente.

3.- Unicamente permitirase a carga e descarga fóra das zonas reservadas nos días, horas e lugares que se determinen.

4.- En ningún caso e baixo ningunha circunstancia, poderá realizarse a carga ou descarga nos lugares nos que con carácter xeral, estea prohibida a parada ou estacionamento.

5.- No casco vello da Vila a carga e descarga realizarase no horario comprendido entre as 8,00 e 10,00 horas e entre as 16,00 e 18,30 horas debendo realizarse as mesmas sempre, excepto en casos especiais que necesitarán a correspondente autorización municipal, desde vehículos co P.M.A. non exceda de 5.500 Kgs.

Nas rúas que carezan de beirarrúas, a carga e descarga efectuarase dende as prazas, situándose os vehículos nas zonas reservadas a tal fin.

A provisión a establecementos situados en parques públicos farase necesariamente dende as rúas próximas e sen que por ningunha cirrcunstancia poidan entrar nos citados recintos os vehículos abastecedores.

 

ART. 33º.- As mercadorías, os materiais ou as cousas que sexan obxecto de carga ou descarga non se deixarán no chan, senón que se trasladarán directamente do inmoble ó vehículo ou viceversa.

 

ART. 34º.- As operacións de carga e descarga realizaranse coas debidas precaucións para evitar molestias innecesarias e coa obriga de deixar limpa a beirarrúa.

 

ART. 35º.- As mercadorías cargaranse e descargaranse polo lado do vehículo máis próximo á beirarrúa, empregando os medios necesarios para axilizar a operación e procurando non dificultar a circulación tanto de peóns como de vehículos.

 

ART. 36º.- A Alcaldía poderá determinar zonas reservadas para carga e descarga, nas cales será de aplicación o réxime xeral dos estacionamentos con horario limitado.

Nembargantes, e atendendo ás circunstancias de situación, proximidade a outras zonas reservadas ou frecuencia de uso, poderán establecerse variantes do mencionado réxime xeral.

 

LICENCIAS PARA VADOS E LUGARES RESERVADOS PARA CARGA E

DESCARGA DE MERCADORIAS.-

 

ART. 37º.- Quedan sometidas a licencia municipal, que será concedida ou denegada previo o informe da policía local, as seguintes utilizacións privativas das vías públicas:

a) As entradas de vehículos a beirarrúas cara garaxes,fincas e inmobles.

b) A reserva durante determinadas horas do día, dun espacio da calzada ou da beirarrúa para levar a cabo operacións de carga e descarga de mercadorías, mobles ou utensilios de calquera clase.

A forma das licencias será a de "vado permanente" no suposto do apartado a) e a de "reserva carga e descarga" no suposto do apartado b). En ámbolos dous casos, a facenda municipal percibirá as contías correspondentes en aplicación do prezo público que resultase de aplicación por utilización privativa ou aproveitamento especial do demanial As placas acreditativas da titularidade dunha licencia devado permanente colocaranse no lado esquerdo da porta ou lugar de entrada ó garaxe, finca ou inmoble.

No suposto das licencias para reserva de carga e descarga, colocaranse sinais indicativos do horario destas operacións que, en todo o caso, desenvolveranse entre as 8,00 e as 10,00 horas da mañana e entre as 16,00 e as 18,30 da tarde , sendo xeral, común e normal o uso dos espacios reservados durante as restantes horas do día.

O custo dos sinais de vado permanente e carga e descarga serán por conta do beneficiario da licencia, así como o da pintura que sexa preciso empregar na sinalización dos bordos e do espacio correspondente.

Calquera sinalización que se efectúe sen a preceptiva licencia queda prohibida e dará lugar a que se impoñan as sancións correspondentes.

 

COLECTORES (RECIPIENTES DO LIXO)

ART. 38

1.- Os recipientes de mobles ou envases, os de residuos de obras e os de residuos domiciliarios, colocaranse naqueles lugares da vía pública que se determine por parte do órgano municipal competente.

2.- En ningún caso se estacionará nos lugares reservados a tal fin.

 

PRECAUCION DE VELOCIDADE NOS LUGARES DE AFLUENCIA

 

ART. 39º.- Nas rúas polas que se circula por un só carril é en todas aquelas nas que a afluencia de peóns sexa considerable, así como nas que estean situados os centros escolares, os vehículos reducirán a súa velocidade e tomarán as precaucións necesarias, á vista dos sinais existentes.

 

CIRCULACION DE MOTOCICLETAS

 

ART. 40º

1.- As motocicletas non poderán circular entre dúas filas de vehículos de superior categoría, nin entre unha fila e a beirarrúa.

2.- Tampouco poderán producir molestias, ocasionadas por aceleracións bruscas, tubos de escape alterados ou outras circunstancias anormais.

 

BICICLETAS

 

ART. 41

1.- As bicicletas poderán circular polas beiravías, plataformas e paseos,aínda que non se dispoña dun carril especialmente reservado a esta finalidade, pero os peóns gozarán de preferencia en todo o caso.

2.- Se circulasen pola calzada, farano tan preto da beirarrúa como sexa posible, excepto cando houbera carrísreservados a outros vehículos. Neste caso, circularán polo carril contiguo ó reservado.

3.- Nos parques públicos e rúas peatonais, farano polos camiños indicados, tendo, en calquera caso, os peóns preferencia.

 

PERMISOS ESPECIAIS PARA CIRCULAR

 

ART. 42º.- Os vehículos que teñan un peso ou unhas dimensións superiores ás autorizadas regulamentariamente non poderán circular polas vías públicas da Vila sen autorización municipal.

As autorizacións indicadas no punto anterior, poderán ser para unha soa viaxe ou para un determinado período.

 

ANIMAIS

ART. 43º.- Só poderán circular polas vías municipais os animais autorizados destinados ó transporte de bens ou persoas.

 

ART. 44º.- A prestación dos servicios de transporte escolar dentro da Vila está suxeito á autorización municipal previa.

 

ART. 45º

1.- Entenderase por transporte escolar urbano o transporte discrecional reiterado, en vehículos automóbiles públicos ou de servicio particular, con orixe nun centro de ensino ou con destino a este, cando o vehículo realice paradas intermedias ou circule dentro do termo municipal.

2.- A subida e baixada unicamente poderá efectuarse nos lugares ó efecto determinados polo concello.

 

USOS PROHIBIDOS NAS VIAS PUBLICAS

 

ART 46º

1.- Non se permitirá nas zonas reservadas ó tránsito de peóns nin nas calzadas os xogos ou diversións que poidan representar un perigo para os transeúntes ou para as persoas que os practiquen.

2.- Os patíns, patinetes, monopatíns, bicicletas ou triciclos infantís e similares, axudados ou non de motor, poderán circular por beirarrúas, plataformas e paseos, adecuando a súa velocidade á normal dun peón e estarán sometidos ás normas establecidas para estar no artigo 9 desta ordenanza.

 

INFRACCIONS E SANCIONS. PROCEDEMENTOS

 

ART. 47º.

1.- As accións ou omisións que contraveñan o disposto nesta Ordenanza ou na Normativa legal ou regulamentaria que, en cada caso, resulte de aplicación á circulación vial urbana, terán a consideración de infraccións administrativas para o que en todo caso serán tidas en conta as normas do título V da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial (Texto Articulado aprobado por R.D. Lexislativo 339/90, do 2 de marzo, B.O.E. 14-3-90) e as do Regulamento de circulación que desenvolve a mesma.

2.- De acordo coas previsións contidas no texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, aprobado por Real Decreto Lexislativo 339/1990 do 2 de marzo, coas modificacións que no mesmo efectúa a Lei 5/1997 do 24 de marzo de Reforma do devandito texto articulado; no Regulamento de circulación de 1992 e no Código da circulación naquelas das súas partes nas que siga vixente, as infraccións cometidas dentro do termo municipal ós efectos exclusivamente de exercer as competencias municipais en materia de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, clasifícanse en moi graves, graves e leves.

A) Son infraccións moi graves:

As previstas como tales na Lei de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial.

 

B) Son infraccións graves:

As que de seguido se enumeran:

1.- Conducir de xeito neglixente.

2.- Conducir de xeito temerario.

3.- Conducir un vehículo con taxa de alcol no sangue superior a 0,8 gramos por 1000 cm3.

4.- Negarse a someterse ás probas regulamentarias establecidas para a comprobación do grao de intoxicación alcólica.

5.- Empregar un tramo de vía distinto do ordenado pola autoridade competente, en sentido contrario ó establecido.

6.- Entablar competición de velocidade entre vehículos na vía pública.

7.- Non ceder o paso en cruzamentos sen sinalizar.

8.- Non ceder o paso a outro vehículo que entrara primeiro nun tramo estreito non sinalizado.

9.- Non respectar pasos de peóns debidamente sinalizados.

10.- Non ceder o paso en cruzamento sinalizado con perigo.

11.- Obstruír a circulación en cruzamento non regulado semaforicamente.

12.- Non conceder prioridade de paso a un vehículo de servicio de urxencia que circula en servicio de tal carácter.

13.- Incorporarse á circulación sen ceder o paso.

14.- Cambiar de carril sen respectar a prioridade que ten o que circula.

15.- Cambiar o sentido da marcha sen advertilo, xerando un risco grave.

16.- Estar implicado en accidente de tráfico e non auxiliar ou solicitar o auxilio para as víctimas.

17.- Non obedecer un sinal dun axente da circulación con grave risco para aquela.

18.- Non respectar a sinalización semafórica.

19.- Conducir sen levar o correspondente permiso de conducción ou non posuílo, téndoo concedido.

20.- Circular nun vehículo matriculado sen levar o permiso de circulación, por non posuílo, téndoo concedido.

21.- Circular nun vehículo matriculado sen levar a Tarxeta de Inspección Técnica, por non posuíla, téndoa concedida.

22.- Conducir un turismo carecendo do permiso de conducción.

23.- Conducir unha motocicleta carecendo do permiso de circulación.

24.- Conducir un autobús carecendo do permiso de conducción.

25.- Exercer a actividade de escola de conductores sen a previa autorización administrativa.

26.- Circular nun vehículo a motor carecendo da Tarxeta de Inspección Técnica.

27.- Circular nun ciclomotor carecendo do certificado das características.

28.- Non identificar ó conductor responsable dunha infracción ou ó titular dun vehículo, tendo sido requirido para iso.

 

C) Son infraccións leves:

As que de seguido se enumeran:

1.- Arroxar, depositar ou abandonar obxectos ou materias sobre a vía pública.

2.- Crear obstáculos ou perigo na vía pública sen tomar as medidas necesarias.

3.- Circular nun ciclomotor dúas persoas.

4.- Conducir empregando cascos ou auriculares conectados a aparellos receptores ou reproductores de música.

5.- Circular con menores de 12 anos situados nos asentos dianteiros do vehículo, salvo que se empreguen dispositivos homologados ó efecto.

6.- Non deixar á esquerda o refuxio ou dispositivo de guía en vías de dobre sentido de circulación.

7.- Incorporarse á circulación sen cerciorarse de se hai perigo.

8.- Non facilitar, na medida do posible, a incorporación á circulación doutros vehículos.

9.- Non facilitar, na medida do posible, a incorporación á circulación dun vehículo de transporte colectivo, dende unha parada sinalizada.

10.- Circular cara atrás sen causa xustificada.

11.- Circular de día cunha moto ou ciclomotor sen levar acendido o alumado.

12.- Non empregar os intermitentes ou o brazo para avisar ós demais conductores.

13.- Facer emprego inmotivado de sinais acústicos.

14.- Conducir coas portas abertas ou apearse do vehículo sen cerciorarse previamente do perigo.

15.- Non parar o motor mentres se repón combustible.

16.- Non empregar o casco de protección circulando en motocicletas.

17.- Contravir o disposto na sinalización existente.

18.- Non obedecer un sinal dun axente de circulación.

19.- Retirar a sinalización existente nunha vía pública sen permiso e sen causa xustificada.

20.- Modificar a sinalización dunha vía pública sen permiso e sen causa xustificada.

21.- Conducir sen levar o correspondente permiso de conducir posuíndoo.

22.- Circular nun turismo onde os neumáticos non conserven o debuxo na totalidade da banda de rodadura.

23.- Circular nun vehículo a motor coas placas da matrícula de forma que non sexan perfectamente visibles ou lexibles.

 

ART. 48º.

1.- Previa a denuncia dos axentes da policía local, iniciarase a tramitación do correspondente expediente sancionador, respectándose na súa tramitación o procedemento previsto na Lei de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial e no Regulamento de procedemento sancionador en materia de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, aprobado por Real Decreto 320/1994 do 25 de febreiro.

2.- As sancións a impor en cada caso polas infraccións cometidas, revestirán a forma de multa na contía económica que se establece no cadro anexo a esta ordenanza.

3.- O órgano competente para impor as sancións establecidas, é o Alcalde ou, no seu caso, o concelleiro delegado que teña facultades resolutivas ó respecto.

 

ART. 49º.- As multas deberán facerse efectivas en favor da facenda municipal, directamente ou a través de Entidades de Depósitos dentro dos quince días hábiles seguintes á súa firmeza.

Transcorrido dito prazo, procederase ó seu cobro polo procedemento de prema .

 

DISPOSICION DERROGATORIA

 

 

Queda derrogado o texto da ordenanza reguladora da circulación aprobado definitivamente polo Pleno na súa sesión do 14.3.91 e publicado no BOP nº 93 do 23. de abril.

 

DISPOSICIONS ADICIONAIS

 

 

PRIMEIRA.- Facúltase ó Alcalde para dictar cantos Bandos informativos e Resolucións aclarativas sexan precisas para unha máis correcta aplicación e un mellor entendemento das normas que contén a presente ordenanza.

SEGUNDA.- No suposto de que se produzan modificacións ou reformas, tanto do texto articulado da Lei sobre o tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, Regulamento de circulación e calquera outra clase de normas que dicte ó respecto o Estado ou a Comunidade Autónoma de Galicia, entenderanse incorporadas a esta ordenanza, sen prexuízo de que, materialmente, se efectúe a modificación do texto da mesma con respecto do procedemento establecido na lexislación básica de réxime local.

 

DISPOSICION FINAL

 

A presente ordenanza será publicada na súa integridade no BOP e de conformidade co disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das bases do réxime local, entrará en vigor cando transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 do mesmo texto legal, é dicir, 15 días hábiles, sendo aplicable mentres non se acorde a súa modificación ou derrogación expresas.

 

Verín, 9 de xuño de 1997.

 

O ALCALDE, O SECRETARIO,

 

 

 

 

 

A N E X O

 

 

CADRO DAS CONTIAS DAS SANCIONS A IMPOR POLAS INFRACCIONS QUE SE COMETAN.

 

(ARTº 47.2 DESTA ORDENANZA)

A

MOI GRAVE

SEN CAPACIDADE SANCIONADORA

B1

GRAVE

16000

B2

GRAVE

20000

B3

GRAVE20000

B4

GRAVE

50000

B5

GRAVE20000

B6

GRAVE

25000

B7

GRAVE25000

B8

GRAVE16000

B9

GRAVE20000

B10

GRAVE

35000

B11

GRAVE20000

B12

GRAVE20000

B13

GRAVE16000

B14

GRAVE20000

B15

GRAVE16000

B16

GRAVE20000

B17

GRAVE20000

B18

GRAVE20000

B19

GRAVE16000

B20

GRAVE16000

B21

GRAVE16000

B22

GRAVE

30000

B23

GRAVE30000

B24

GRAVE

50000

B25

GRAVE

50000

B26

GRAVE

20000

B27

GRAVE

16000

B28

GRAVE

20000

C1

LEVE

10000

C2

LEVE

10000

C3

LEVE

5000

C4

LEVE

4000

C5

LEVE

10000

C6

LEVE

5000

C7

LEVE

4000

C8

LEVE

4000

C9

LEVE

8000

C10

LEVE

4000

C11

LEVE

4000

C12

LEVE

4000

C13

LEVE

8000

C14

LEVE

4000

C15

LEVE

8000

C16

LEVE

8000

C17

LEVE

8000

C18

LEVE

10000

C19

LEVE

15000

C20

LEVE

15000

C21

LEVE

4000

C22

LEVE

4000

C23

LEVE4000
 

 

As anteriores contías poden verse modificadas polos axentes encargados da vixilancia da circulación dentro dos límites marcados pola lei en atención á gravidade e transcendencia do feito, antecedentes do infractor e o perigo potencial creado.

No resto das infraccións, as contías das multas serán igual cás previstas no Código da circulación e Lei da seguridade vial.

 

 

 

DILIXENCIA

 

DATA DESTA DILIXENCIA: 24 DE XUÑO DE 1997

 

Para facer constar que o texto íntegro da Ordenanza que precede e do seu anexo publicaronse no BOP nº 142 correspondente ó día 23 de xuño de 1997.

O SECRETARIO,