Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA REGULADORA DO ACCESO ELECTRÓNICO AOS SERVIZOS MUNICIPAIS
ORDENANZA REGULADORA DO ACCESO ELECTRÓNICO AOS SERVIZOS MUNICIPAIS PDF Imprimir Correo-e

Artigo 1.- Obxecto

1. Constitúe o obxecto da presente ordenanza o desenvolvemento da lexislación xeral de acceso electrónico aos servizos públicos para garantir a súa aplicación efectiva no concello de Verín e nas entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da administración municipal.  

2. As disposicións contidas nesta ordenanza non serán de aplicación ás actividades que o concello  ou as súas entidades de dereito público vinculadas ou dependentes poidan levar a cabo en réxime de dereito privado.

Artigo 2.- Garantía da efectividade dos dereitos dos cidadáns e dos principios xerais en materia de utilización das tecnoloxías da información na administración pública

1. A utilización das tecnoloxías da información pola administración municipal axustarase en todo momento aos principios xerais recollidos na lexislación de acceso electrónico aos servizos públicos, garantindo, en todo caso, a efectividade dos dereitos dos cidadáns que a referida lexislación recoñece expresamente.

2. Para garantir o acceso dos cidadáns aos servizos electrónicos proporcionados pola administración municipal, o concello disporá a posta en marcha dos seguintes medios:

1º) A creación de oficinas de atención presencial aos cidadáns, nas que se prestarán, de xeito libre e gratuíto, os seguintes servizos mínimos:

a) A posta a disposición dos cidadáns dos medios e instrumentos necesarios para que os cidadáns poidan exercer, respecto do Concello de Verín, os dereitos recollidos actualmente na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e aqueloutros que as leis futuras poidan establecer.

b) A prestación de asistencia e orientación para a utilización destes medios e instrumentos, ben a cargo de persoal das oficinas, ben mediante sistemas de atención incorporados aos propios medios e instrumentos técnicos.

c) A validación da identificación dos cidadáns que non dispoñan dos sistemas de sinatura electrónica autorizados na lexislación vixente, para os efectos do exercicio dos seus dereitos de acceso electrónico aos servizos municipais. A referida validación será realizada por funcionarios propios do concello.

A oficina de atención presencial poderá crearse mediante convenio de colaboración con outras administracións públicas, e neste suposto estenderá a prestación dos seus servizos aos cidadáns que desexen ter acceso electrónico coas devanditas administracións.

2º) A creación de puntos de acceso electrónico, consistentes en sedes electrónicas das dependencias da administración municipal e os seus organismos dependentes, mediante resolución da Alcaldía ou, de ser o caso, do órgano unipersoal executivo correspondente das entidades públicas dependentes ou vinculadas. En todo caso, existirá un punto de acceso xeral na sede electrónica principal do concello, dende o que se poderá acceder a todos os servizos e informacións dispoñibles do propio concello e de todos os seus organismos públicos dependentes.

3º) A creación dun servizo de atención telefónica gratuíta, dende o que se facilitará información e asistencia técnica para o acceso aos servizos electrónicos municipais.

Artigo 3.- Sede electrónica

Entenderase por sede electrónica todo enderezo electrónico dispoñible para os cidadáns a través de redes de telecomunicación cuxa titularidade, xestión e administración lle corresponda ao concello  ou ás súas entidades públicas dependentes.

Corresponderalle á Alcaldía establecer ou modificar a sede electrónica, mediante resolución que será obxecto de publicación no Boletín Oficial da Provincia. O alcalde poderá autorizar ademais a apertura de sedes electrónicas secundarias, referidas a unidades ou departamentos específicos, cando existan razóns de carácter técnico que o aconsellen. Non obstante, a sede electrónica principal deberá conter información relativa á totalidade dos servizos electrónicos municipais, ofrecendo acceso ás sedes electrónicas secundarias.

No caso das entidades públicas dependentes do concello, a competencia para a súa creación ou modificación corresponderalle ao órgano unipersoal executivo correspondente.

Seralles de plena aplicación ás sedes electrónicas do concello e das súas entidades públicas dependentes o disposto no artigo 10 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico aos servizos públicos.

Artigo 4.- Da identificación e autenticación dos cidadáns

1. Por resolución da Alcaldía determinaranse os sistemas de sinatura electrónica avanzada admisibles para o acceso electrónico aos servizos públicos municipais. Igualmente, a alcaldía poderá autorizar o emprego doutros sistemas de sinatura electrónica, tales como claves concertadas nun rexistro previo, achega de datos coñecidos por ambas partes ou outros sistemas non criptográficos, e a validez do emprego dos certificados electrónicos expedidos a entidades sen personalidade xurídica. En todo caso, no expediente de determinación dos sistemas de sinatura electrónica admitidos deberá figurar un informe técnico no que se acredite o cumprimento, por parte dos sistemas autorizados, dos requisitos establecidos na lexislación vixente.  

2. En todo caso, a identificación e autenticación dos cidadáns no acceso electrónico aos servizos municipais poderá realizarse a través dos sistemas de sinatura electrónica incorporados ao documento nacional de identidade, conforme coa súa normativa reguladora.
3. Á entrada en vigor da presente ordenanza, o concello e as súas entidades públicas dependentes farán públicas, nas súas sedes electrónicas e no Boletín Oficial da Provincia, a relación de sistemas de sinatura electrónica admitidos para a identificación dos cidadáns no acceso aos servizos públicos municipais.

4. A identificación e autenticación ante o concello e as súas entidades públicas dependentes dos cidadáns que carezan de sinatura electrónica poderá levarse a cabo por funcionarios municipais ou doutras administracións públicas coas que se subscribise o correspondente convenio de colaboración, de conformidade co disposto no artigo 22 da Lei de acceso electrónico aos servizos públicos. O concello manterá actualizado un rexistro dos funcionarios habilitados para a identificación e  autenticación dos cidadáns, rexistro que será de acceso público a través da súa sede electrónica.

5. O concello poderá, mediante resolución da Alcaldía, habilitar, con carácter xeral ou específico, a persoas físicas ou xurídicas para a realización de transaccións electrónicas en representación dos interesados, nas condicións legalmente establecidas. No expediente de habilitación deberá figurar preceptivamente informe técnico sobre o cumprimento dos requisitos legais de aplicación.

Artigo 5.- Identificación e autenticación do concello e os seus órganos e persoal

A identificación e autenticación electrónica do concello, os seus órganos e persoal ao seu servizo rexerase polo establecido nos artigos 17 a 20 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico aos servizos públicos, correspondéndolle á Alcaldía a competencia para a determinación dos sistemas concretos que se empreguen.

Artigo 6.- Do rexistro electrónico

1. Créase un rexistro electrónico xeral para a recepción e remisión de solicitudes, escritos e comunicacións. A unidade responsable da súa xestión será a Secretaría Xeral do Concello, coa asistencia técnica dos servizos técnicos, sen prexuízo das facultades de supervisión e dirección da Alcaldía. A través deste rexistro, poderán presentarse validamente e con plenos efectos xurídicos ante o concello toda clase de solicitudes, escritos e comunicacións, tanto mediante documentos electrónicos normalizados conforme con formatos preestablecidos como mediante documentos non normalizados dirixidos a calquera órgano ou dependencia municipal.

A data e hora oficial do Rexistro Electrónico Xeral será a subministrada polo Real Observatorio da Armada.

O calendario de días inhábiles do Rexistro Electrónico Xeral será obxecto de publicación anual no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica de acceso ao rexistro.

2. Por resolución da Alcaldía, poderán crearse rexistros electrónicos auxiliares cando existan causas que o xustifiquen, que en todo caso deberán estar debidamente coordinados co Rexistro Electrónico Xeral. A creación destes rexistros electrónicos auxiliares requirirá informe preceptivo da Secretaría do concello.

3. As entidades públicas dependentes do concello deberán crear un Rexistro Electrónico Xeral propio e axustado ao establecido na lexislación vixente a partir da entrada en vigor da presente ordenanza.

Artigo 7.- Das comunicacións e notificacións

1. Os cidadáns poderán, como regra xeral, optar libremente pola utilización ou non de medios electrónicos nas súas relacións coa administración municipal e coas administracións das entidades públicas dependentes do concello.

2. Non obstante o anterior, o órgano competente para a resolución dos procedementos poderá establecer como obrigatorio o uso exclusivo de medios electrónicos na tramitación dos seguintes procedementos:

Procedementos de selección de persoal.

Procedementos de xestión en materia de recursos humanos do concello e das súas entidades públicas dependentes.

Procedementos de concesión de subvencións a persoas físicas ou xurídicas cando os seus destinatarios, por razóns de capacidade económica ou técnica, dedicación profesional ou outros motivos acreditados, teñan garantido o acceso ou dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos.

Procedementos de contratación pública.

Procedementos para o exercicio das funcións, dereitos e obrigas dos concelleiros, incluída a convocatoria de sesións de órganos colexiados e o acceso á información e documentación correspondente ás referidas convocatorias.

3. A práctica das notificacións electrónicas rexerase en todo momento polo establecido na Lei de acceso electrónico aos servizos públicos, ou norma que a substitúa.

Artigo 8.- Expedientes electrónicos

1. Con efectos do 1 de xaneiro de 2010, o concello e as súas entidades públicas dependentes documentarán e arquivarán electronicamente os procedementos cuxa resolución poida dar lugar ao recoñecemento, declaración, constitución, modificación ou privación de dereitos de persoas físicas e xurídicas, así como os procedementos de carácter sancionador, calquera que sexa a forma de tramitación dos referidos procedementos.

A xestión electrónica dos procedementos e a documentación destes en soporte electrónico axustarase en todo momento ás disposicións xerais contidas na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico aos servizos públicos, ou, de ser o caso, ás normas especiais de procedemento que sexan aplicables.

2. En todo caso, e con efectos do 1 de xaneiro de 2010, o concello documentará e arquivará en soporte electrónico os Libros de Actas dos seus órganos colexiados e os Libros de Resolucións dos seus órganos unipersoais con facultades para ditar actos administrativos con efectos fronte  terceiros.

3. A Alcaldía, tras o informe dos servizos afectados, autorizará o redeseño funcional dos procedementos para facilitar a súa xestión electrónica, axustándose en todo caso aos criterios de simplificación administrativa, economía, celeridade e eficiencia, garantindo en todo momento os dereitos dos interesados nos procedementos.  

Artigo 9.- Uso de linguais oficiais

O concello e as súas entidades públicas dependentes garantirán, en todo caso, o dereito dos cidadáns ao emprego indistinto de calquera das linguas oficiais no acceso electrónico aos servizos municipais.

O alcalde

Juan Manuel Jiménez Morán
DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse no BOP de Ourense número   de data
A secretaria
Pilar del Carmen Saborido Díaz