| Reunión da comisión para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero |
|
|
|
| Luns, 08 Febreiro 2010 13:11 |
|
O Concello de Verín acolleu unha nova reunión da Comisión da Xunta Local de Seguridade para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero, presidida pola concelleira de Igualdade, María Corona Meixeira Romasanta, a representante da Subdelegación do Goberno de Ourense, Purificación Álvarez Villamaría, e a responsable do Centro de Información ás Mulleres, Carmen Serrano Fernández; e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Educación, Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Verín, Hospital Comarcal e Centro de Saúde. Ao longo desta sesión, os integrantes acordaron crear un Protocolo de Actuacións en Violencia de Xénero, co obxectivo de mellorar a coordinación entre as diferentes entidades e definir as medidas a realizar por cada unha delas; así como reforzar a coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil. Por outra banda, amosáronse as actuacións levadas a cabo, durante o ano 2009, e presentáronse as novas propostas de actuacións conxuntas para o 2010. Ademais, os presentes valoraron a situación en materia de violencia de xénero no pasado ano en Verín, coa existencia de 26 casos, 19 deles con medidas de protección. A comisión para a mellora da atención ás vítimas da violencia de xénero busca mellorar a atención e conseguir a súa adaptación ás necesidades reais das mulleres vítimas de violencia, desenvolver unha actuación integral e multidisciplinar eficaz de modo conxunto e coordinado, garantir os dereitos e liberdades da cidadanía, eliminar a vitimización secundaria; garantir que desde os servizos sociais, sanitarios, policiais e operadores xurídicos se transmita información responsable e unificada ás mulleres afectadas por unha situación de maltrato, optimizar e axilizar todos os recursos existentes para evitar duplicidades, promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e de detección precoz de situacións de violencia na familia, sensibilizar e potenciar a formación continua dos profesionais que reciben demandas de atención a vítimas de violencia e incrementar o nivel de confianza das vítimas no sistema. |
| Casa da Xuventude de Verín Avda. de Portugal, 11 bis |
| Horario: de Luns a Venres de 9:00 a 14:00 |
| Tlno. 988.41.47.76 Liñas de Móbil 608.52.01.97 608.52.01.98 Fax 988.41.22.59 |