Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA LIMPEZA E VALADO DE TERREOS E SOLARES.
ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA LIMPEZA E VALADO DE TERREOS E SOLARES. PDF Imprimir Correo-e

 

.

 

CAPITULO I

 

DISPOSICIONS XERAIS

 

ARTIGO 1.

 

En exercicio das facultades outorgadas ós concellos polo artigo 84 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade e en desenvolvemento do disposto na lexislación urbanística vixente sobre deberes dos propietarios en materia de conservación de bens inmobles en condicións de seguridade, salubridade e ornato público, este concello acorda establecer a Ordenanza municipal reguladora da limpeza e valado de terreos e soares nos termos que se farán constar nas súas disposicións.

 

ARTIGO 2.

 

A presente disposición ten a natureza de ordenanza de policía urbana e de construcción, non estando ligada a unhas directrices de planeamento concreto, xa que se refire e regula aspectos de salubridade, de seguridade e puramente técnicos.

 

ARTIGO 3.

 

Están suxeitos ó cumprimento desta Ordenanza os soares e terreos clasificados como solo urbano ou solo de núcleo rural polo planeamento municipal vixente. Igualmente, suxéitanse ás condicións de limpeza e valado de terreos que nelas se prevén os terreos rústicos colindantes co solo urbano ou de núcleo rural nunha banda de 25 m que se contará dende o límite de solo urbano ou de núcleo, e os terreos rústicos e colindantes con outros terreos igualmente de solo rústico, cando nestes últimos se concedera unha licencia de edificación.

 

ARTIGO 4.

 

Enténdese por valado de terreos todas aquelas obras exteriores de nova planta, de natureza non permanente, que se limiten a levar a cabo o simple cerramento físico do terreo de que se trate.

 

 

CAPITULO II

 

LIMPEZA DE TERREOS DENTRO DO NUCLEO URBANO

 

ARTIGO 5.

 

O alcalde dirixirá a policía urbana, rural e sanitaria, exercendo a inspección e control do estado de toda clase de terreos que estean dentro do núcleo urbano dos núcleos de poboación do concello, coa finalidade de comprobar o cumprimento das condicións esixibles.

 

ARTIGO 6.

 

Queda prohibido botar lixo ou residuos de calquera clase nos soares e terreos suxeitos ás prescripcións da presente ordenanza, tanto de propiedade pública como privada.

Así mesmo, non se permitirá que nos terreos sen edificar e que non teñan ningunha clase de cultivo agrícola, se deixen crecer malezas, herbas, silvas e calquera clase de vexetais que fagan que os terreos presenten un estado claro de abandono.

 

ARTIGO 7.

 

Os propietarios de toda clase de terreos e contruccións, deberán mantelos en condicións de seguridade, salubridade e ornato público, quedándolles expresamente prohibido manter neles lixo, residuos, cascallos, ou maleza vexetal.

 

ARTIGO 8.

 

Coñecida a situación de mal estado de conservación ou limpeza dun terreo ou solar incluído no ámbito da presente Ordenanza, ben sexa por denuncia da Policía Local, ben por denuncia de particular (ratificada neste caso por informe da Policía Local), o alcalde incoará o procedemento administrativo correspondente co obxecto de determinar o estado de limpeza e conservación do inmoble e resolver o procedente, requirindo a emisión dos informes técnicos e xurídicos oportunos, e unha vez evacuados estes, concedendo ós interesados un prazo de audiencia.

A vista do expediente tramitado, o alcalde resolverá ordenando a execución dos labores de limpeza e adecentamento precisas a custa do titular do inmoble afectado, concedendo un prazo mínimo de quince días e máximo de dous meses, atendendo á magnitude dos labores de limpeza e adecentamento ordenadas, ou ben declarando a innecesariedade de proceder a ditas operacións de limpeza, adecentamento ou conservación.

No suposto de incumprimento da orde de execución por parte do interesado no prazo concedido, procederase á execución subsidiaria ou á execución forzosa, logo de apercibimento, mediante a imposición de multas coercitivas das que a contía oscilará entre 50 000 pesetas e 500 000 pesetas, xustificando o seu importe en función das circunstancias que concorran. As multas coercitivas reiteraranse ata acadar a completa execución do ordenado impoñéndose unha nova multa coercitiva por cada mes de retraso no incumprimento, multa da que o importe será a da inmediatamente anterior incrementado nun 25%, sen que en ningún caso poidan exceder do límite xeral de 500 000 pesetas. Sen prexuízo disto, a administración poderá optar en calquera momento pola execución subsidiaria.

Non será necesario o apercibimento previo á execución forzosa cando na notificación da resolución que conteña a orde de execución se advirta expresamente ó interesado da posibilidade de recurrir ós medios de execución forzosa en caso de incumprimento, especificando o contido e efectos de ditos medios de execución.

As multas coercitivas non terán carácter sancionador, senón o de medios de execución forzosa das ordes de execución da Alcaldía.

Os expedientes sancionadores que se incoen por comisión da infracción establecida no artigo 13 da presente Ordenanza terán carácter independente dos previstos neste artigo.

 

CAPITULO III

 

DO VALADO DE TERREOS APTOS PARA A EDIFICACION

 

 

ARTIGO 9.

 

Os propietarios de terreos suxeitos á aplicación das prescripcións da seguinte ordenanza deberán mantelos valados, mentres neles non se realicen obras de nova construcción, salvo que, en canto ós núcleos rurais se refire, neste terreos se desenvolvan actividades de calquera clase de cultivo agrícola.

Os cerramentos ou valos que se establezan, en toda clase de solo, e, en particular no solo rústico de especial protección, serán acordes co contorno e, en ningún modo poderán lesionar o valor específico que se queira protexer.

Nos lugares de paisaxe aberta e natural, ou nas perspectivas que ofrezan os conxuntos urbanos de características histórico-artísticas, típicos ou tradicionais e nas inmediacións das estradas e camiños de traxecto pintoresco, non se permitirá que os cerramentos ou valados limiten o campo visual para contemplar as belezas naturais, romper a harmonía da paisaxe ou desfigurar a perspectiva propia do mesmo.

 

ARTIGO 10.

 

O valo ou cerramento de terreos en solo urbano será material opaco cunha altura de 2 m, revogado e pintado, e se é colindante coa vía pública, deberá seguir a liña de edificación, de acordo co que ó respecto informen os servicios técnicos municipais.

 

ARTIGO 11.

 

Tanto o valado de terreos sitos dentro do casco urbano dos núcleos de poboación do municipio como o valado de fincas rústicas considérase obra menor e está suxeito a licencia municipal previa.

 

ARTIGO 12.

 

O Alcalde, de oficio ou a instancia de calquera particular, poderá ordenar a execución de obras destinadas ó valado e cerramento dos terreos existentes dentro do casco urbano, indicando, previo informe dos servicios técnicos municipais e oído ó propietario, os requisitos e prazo de execución de tales obras, que, salvo supostos moi excepcionais debidamente xustificados, será de dous meses.

A orde de execución de obras sinalada no parágrafo anterior supón a concesión da licencia para realizar a actividade ordenada e, as obras que se executen, en calquera caso, estarán suxeitas ó pagamento do imposto sobre construccións, instalacións e obras.

Logo de decretar a orde de execución das obras, o seu cumprimento defectuoso ou o incumprimento do prazo outorgado habilitará ó concello para utilizar o procedemento de execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas reiterables ata acadar a total execución subsidiaria ou alternativamente mediante a imposición de multas coercitivas reiterables ata acadar a total execución do ordenado, sen prexuízo de que se poida ordenar a incoación do correspondente expediente sancionador.

As multas coercitivas ou a execución subsidiaria aplicaranse nos termos establecidos no artigo 8.

 

CAPITULO IV

 

INFRACCIONS E SANCIONS

 

 

ARTIGO 13.

 

O incumprimento das ordes de execución de limpeza ou cerramento de inmobles adoptadas ó abeiro da presente Ordenanza constitúe infracción urbanística leve, de conformidade co artigo 181 e 182.4 da Lei do solo de Galicia.

 

 

ARTIGO 14.

 

A infracción a que se refire o artigo anterior poderá ser sancionada con multa do 1 ó 15 por cento do valor da obra ou actuación de limpeza das que fose ordenada a realización, de conformidade co establecido no artigo 99 do Regulamento de disciplina urbanística de Galicia.

En calquera caso o órgano competente para sancionar as infraccións por incumprimento das prescripcións da presente ordenanza será o Alcalde.

 

ARTIGO 15.

 

Serán consideradas persoas responsables da infracción tipificada no artigo 13 os propietarios dos inmobles que incumpran as ordes de execución dictadas pola Alcaldía ó abeiro da presente Ordenanza.

 

ARTIGO 16.

 

A potestade sancionadora exercerase mediante o procedemento establecido no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora aprobado por Real Decreto 1398/1993, do 4 de agosto, sendo o órgano competente para a resolución do procedemento sancionador o Alcalde, conforme dispón o artigo 21.1.n) da Lei 7/85 de 2 de abril.

 

ARTIGO 17.

 

A Alcaldía, co obxecto de desenvolver e concretar as normas de actuación que contén esta Ordenanza, poderá dictar os Bandos que estime conveniente, en aplicación desta Ordenanza, en xeral, para o exercicio das competencias municipais para a protección do interese público dimanante das materias reguladas.

 

CAPITULO V

 

DISPOSICIONS COMUNS SOBRE PROCEDEMENTO

 

ARTIGO 18.

 

As resolucións dictadas pola Alcaldía nos procedementos regulados na presente Ordenanza serán inmediatamente executivas, agás no caso das resolucións sancionadoras, e porán fin á vía administrativa, séndolles de aplicación o réxime de recursos establecido no artigo 52 da Lei 7/85 do 2 de abril e na Lei 30/1992 do 26 de novembro.

 

ARTIGO 19.

 

Cando sobre un mesmo terreo concorran as circunstancias de carecer do valado ou cerramento esixido, e de carecer das condicións de limpeza, seguridade, salubridade e ornato público a que se refire esta Ordenanza, incoarase un único expediente para a resolución de ámbalas dúas cuestións.

No suposto de que xa se atopasen abertos dous procedementos sobre un mesmo inmoble, un relativo á limpeza e outro ó valado, poderán acumularse nun único expediente en calquera momento da súa tramitación anterior ó trámite de audiencia.

 

DISPOSICION FINAL

 

A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente polo Pleno do Concello e cando sexa publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85 reguladora das bases de réxime local.

 

Verín, de novembro de 2000

O alcalde, O secretario,

 

 

 

 

 

 

DILIXENCIA: Póñoa eu, o secretario, para facer constar que o texto íntegro da presente ordenanza foi publicado no BOP nº 283 de data 12 de decembro de 2000.

Verín, 12 de decembro de 2000

O secretario,