Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO SERVIZO DE TRANSPORTE URBANO CON VEHÍCULOS AUTO-TAXI, AMBULANCIAS E FUNERARIOS.
ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO SERVIZO DE TRANSPORTE URBANO CON VEHÍCULOS AUTO-TAXI, AMBULANCIAS E FUNERARIOS. PDF Imprimir Correo-e

taxi.htm


CAPÍTULO I


SERVIZOS DE TRANSPORTE URBANO QUE SE REGULAN


ARTIGO 1:


A presente ordenanza ten por obxecto regular as actividades de transporte urbano que se desenvolvan dentro do termo municipal de Verín ou partindo del, abranguendo as seguintes modalidades:


1.1.- "Auto-taxis", que son vehículos de turismo que prestan o servizo de transporte de viaxeiros en réxime de alugueiro, con capacidade máxima para sete prazas, incluída a do condutor, que os seus propietarios destinen ao transporte de persoas, situándoos nos lugares de parada sinalados polo concello e percibindo a remuneración correspondente dos usuarios de acordo coas tarifas legalmente establecidas.


1.2.- "Especiais", que son os vehículos destinados ao transporte sanitario ou funerario que reunindo as características pertinentes dispoñen das autorizacións administrativas precisas para desenvolver este tipo de actividades dentro e fóra do termo municipal de Verín e que por situarse de maneira permanente nel precisan da correspondente licenza municipal para desenvolver estas actividades e para a súa adscrición concreta de vehículos.


CAPÍTULO II


OS VEHÍCULOS, PROPIEDADE, CARACTERÍSTICAS, FORMA DE PRESTAR O SERVIZO E TARIFAS QUE SE PERCIBIRÁN


SECCIÓN PRIMEIRA: XENERALIDADES


ARTIGO 2:


Os vehículos adscritos ás modalidades de transporte urbano descritas no artigo 1 para as que se dispoña de licenza municipal que faculta para a prestación ao público dos servizos correspondentes figurarán inscritos a nome do titular da licenza no rexistro correspondente da Dirección Xeral de Tráfico.


ARTIGO 3:


Os titulares da licenza poderán substituír os vehículos adscritos á prestación do servizo, tras a autorización do concello e o pagamento a este das taxas en cada caso correspondentes.


Para adscribir ao servizo vehículos usados, estes non poderán ter unha antigüidade superior aos cinco anos e, en calquera caso, deberán pasar a revisión á que se refire o artigo 8 do Regulamento nacional dos servizos urbanos e interurbanos de transportes en automóbiles lixeiros.


ARTIGO 4:


As transmisións por actos intervivos dos vehículos destinados ás distintas modalidades de transporte urbano, con independencia da licenza municipal á que estean afectos, levan implícita a súa anulación, salvo que, no prazo de tres meses de efectuada a transmisión, o transmitente aplique a aquela outro vehículo da súa propiedade, na forma prevista polo artigo anterior.


ARTIGO 5:


Os titulares das licenzas de auto-taxis poderán contratar e colocar anuncios publicitarios no interior e exterior do vehículo, sempre que se conserve a súa estética, non impidan a visibilidade e non contraveñan as normas xerais sobre tráfico e seguridade vial.


SECCIÓN SEGUNDA: REQUISITOS PREVIOS Á INICIACIÓN DO SERVIZO


ARTIGO 6:


Para o inicio da prestación dos servizos públicos das modalidades de transporte urbano a que se refire este regulamento será preciso proverse con anterioridade da correspondente licenza municipal que se expedirá tras a tramitación pertinente que resultase de aplicación polo órgano municipal competente para outorgar as licenzas.


A creación de novas licenzas, en calquera caso, corresponderá ao Pleno do concello.


En canto ás condicións de solicitude, concesión, adxudicación e transmisión das licenzas, estarase ao disposto no Regulamento nacional dos servizos urbanos e interurbanos de transportes en automóbiles lixeiros, así como no regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres naquelas das súas partes que resultasen de aplicación e na restante normativa estatal ou autonómica aplicable, existente ou que no futuro se dite.


ARTIGO 7:


A explotación das licenzas municipais de auto-taxis levarase a cabo persoal ou conxuntamente mediante a contratación de condutores asalariados en posesión do permiso local de condutor e afiliación á Seguridade Social en réxime de plena e exclusiva dedicación.


Cando o titular da licenza a explote persoalmente e transitoriamente non o poida facer por concorrer causa xusta, a Alcaldía autorizará a que, durante o tempo necesario, o faga a persoa á que aquel sinale e estea en posesión do permiso local de condutor.


En todo caso, cando as obrigas derivadas da titularidade da licenza non se poidan cumprir, procederá a súa transmisión, sempre que sexa regulamentariamente posible e, no caso de que non o sexa, procederá a renuncia á titularidade da licenza.


ARTIGO 8:


Os titulares de licenzas municipais expedidas para transporte sanitario con vehículos-ambulancia deberán adscribir, como mínimo, ao servizo, tres vehículos, coas licenzas correspondentes que solicitarán de acordo ao procedemento regulamentario establecido.


ARTIGO 9:


No prazo de trinta días naturais, contados dende a data da concesión das distintas licenzas, os seus titulares veñen obrigados a iniciar a prestación de servizos cos correspondentes vehículos afectos a cada licenza.


ARTIGO 10:


Queda sen contido, por acordo do Pleno de data 27.07.2000


SECCIÓN TERCEIRA: TARIFAS QUE SE PERCIBIRÁN


ARTIGO 11:


Os prezos que se percibirán en concepto de tarifas, tanto urbanas coma en estradas, pola prestación do servizo de auto-taxi serán fixados con carácter anual, tendo en conta os intereses dos usuarios e dando conta ao concello os profesionais ou as organizacións que os representen, por se desexase pór algún reparo a elas.


As tarifas que se establezan serán de obrigado cumprimento para os titulares das licenzas, que as terán sempre visibles no interior do vehículo adscrito ao servizo á disposición dos usuarios.


En ausencia de tarifas municipais específicas acordadas polo Pleno, aplicaranse as tarifas previstas na normativa sectorial de aplicación para os servizos interurbanos de transporte público discrecional de viaxeiros por estrada levados a cabo por vehículos provistos de autorización documentada en tarxeta de clase VT, tendo ditas tarifas o carácter de prezos fixos para os servizos que se presenten no ámbito do municipio de Verín, non podendo ser obxecto de redución por parte dos profesionais do taxi.


SECCIÓN CUARTA: CARACTERÍSTICAS BÁSICAS DOS VEHÍCULOS ADSCRITOS AOS DISTINTOS SERVIZOS


ARTIGO 12:


Os vehículos adscritos ao servizo de auto-taxi adoptarán a cor branca e posuirán como distintivos exteriores as placas regulamentarias de SP, o escudo de Verín estampado nas portas dianteiras e o número de licenza correspondente. Os distintivos do servizo de taxi deberán ser retirados os días de descanso obrigatorio, coa única excepción das placas SP, que son fixas. Para tal efecto, os escudos serán de tipo adherente.


Incluso, cando ditos vehículos estean desocupados, levarán no parabrisas un cartel de 30 x 20 cm no que conste a palabra "LIBRE"


As características técnicas, de seguridade e comodidade dos vehículos adscritos á prestación dos servizos serán as esixidas pola normativa correspondente, buscando sempre que os usuarios obteñan o seu maior grao de satisfacción ao respecto.


Os vehículos adscritos ao servizo deberán pasar as revisións periódicas que estean establecidas para os destinatarios ao servizo público.


ARTIGO 13:


Os vehículos adscritos ao servizo de auto-taxi para os que se outorgaron as licenzas teñen a obriga de concorrer ás paradas sinaladas indo sempre provistos da seguinte documentación:


- Licenza municipal.


- Plano do municipio e plano turístico da poboación e provincia, se estivesen publicados.


- Un exemplar desta ordenanza, en galego e en castelán.


- Enderezo dos centros de asistencia sanitaria, xulgados, Policía Local, Cuartel da Garda Civil e demais servizos urxentes que existan.


- Cadro de tarifas vixentes e unha placa co número da licenza municipal e a indicación do número de prazas do vehículo.


- Libro de reclamacións.


No caso de accidente grave ou catástrofe, os condutores dos auto-taxis, así como os das ambulancias, estarán obrigados a acudir de inmediato ao lugar ou lugares no que se produzan.


ARTIGO 14:


Os vehículos destinados á prestación de servizos de transporte sanitario e funerario deberán reunir as características esixidas a tales modalidades de transporte e estar en posesión da autorización administrativa que para realizalos corresponda outorgar aos organismos competentes.


CAPÍTULO III


CIRCUNSTANCIAS CONCRETAS QUE AFECTAN AO SERVIZO DE AUTO-TAXI


SECCIÓN PRIMEIRA: PERMISO LOCAL DE CONDUTOR


ARTIGO 15:


Os vehículos destinados a auto-taxis serán conducidos exclusivamente polos que estean en posesión da correspondente habilitación legal específica.


ARTIGO 16:


Para obter o permiso local de condutor será preciso solicitalo mediante instancia dirixida á Alcaldía e acreditar os seguintes extremos:


- Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa ou impedimento físico que imposibilite ou dificulte o normal exercicio da profesión, mediante certificado médico oficial.


- Estar en posesión do permiso de conducir da clase esixida polo Regulamento de circulación para vehículos destinados a auto-taxi.


- Non estar incurso en ningunha causa de inhabilidade ou incompatibilidade das regulamentariamente previstas, acreditando esta circunstancia mediante declaración xurada e responsable.


ARTIGO 17:


O permiso local de condutor terá unha validez de cinco anos ao remate dos cales o seu titular renovarao, sen necesidade de exame, sempre que se acredite que se exerceu a profesión de taxista de forma ininterrompida durante o prazo de dous anos.


ARTIGO 18:


A caducidade do permiso local de condutor determinarase polo transcurso do prazo citado no artigo anterior, así como pola reiterada falta de pagamento das multas municipais que se impuxesen aos seus titulares e, en xeral, pola perda dos requisitos esixidos para o seu outorgamento.


ARTIGO 19:


A administración municipal levará un rexistro-ficheiro dos permisos locais de condutor outorgados, no que se anotarán as incidencias que se refiran aos seus titulares e, a tal fin, os propietarios estarán obrigados a comunicar as altas e baixas de condutores que se produzan nos seus vehículos, nun prazo non superior a oito días.


SECCIÓN SEGUNDA: NORMAS PARA O BO FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DE AUTO-TAXI


ARTIGO 20:


1.- O servizo de auto-taxi de Verín prestarase en réxime de paradas, debendo os usuarios solicitar o servizo de taxi nas paradas habilitadas para os efectos, incluso por vía telefónica a través dos teléfonos alí existentes. Sen prexuízo disto, será tamén posible que o servizo se preste tras o requirimento ao teléfono móbil do taxista.


As paradas de taxi serán as existentes nas rúas e praza abaixo relacionadas e debidamente sinaladas con sinais e pinturas "in situ":


Praza do Concello, rúa Laureano Peláez, Estación de Autobuses e Hospital Comarcal.


Igualmente declárase a existencia dunha parada no núcleo de Feces de Abaixo, que se rexerá polo establecido no artigo 20 bis da presente ordenanza, e outra parada na Praza da Alameda (fronte ao Centro Social da Terceira Idade), que se rexerá polo establecido no artigo 20 ter da presente ordenanza.


2.- A orde de saída dos vehículos nas paradas nas que se encontraran virá dada rigorosamente pola situación dos taxis nas paradas, salvo suposto de inimizade manifesta do posible usuario co condutor do vehículo que estivese no primeiro lugar para saír da parada. Neste suposto, o servizo será prestado polo taxi que lle siga inmediatamente na orde de parada.


3.- No suposto de que os usuarios soliciten o servizo de taxi a través da chamada ao teléfono de paradas, con independencia de cal sexa o taxista que a atenda, o taxi encargado de prestar o servizo será o que corresponda segundo a orde de parada, salvo que se dea a situación que excepciona dita regra, recollida no apartado anterior.


4.- As paradas de taxi en verán serán as actualmente existentes na Praza do Concello, rúa Laureano Peláez, Estación de Autobuses e Hospital Comarcal, tendo carácter obrigatorio as da Praza do Concello, Estación de Autobuses e Hospital Comarcal. Igualmente, declárase a existencia dunha parada no núcleo de Feces de Abaixo, que se rexerá polo establecido no artigo 20 bis da presente ordenanza, e outra parada na Praza da Alameda (fronte ao Centro Social da Terceira Idade), que se rexerá polo establecido no artigo 20 ter da presente ordenanza.


5.- Sen prexuízo do réxime de paradas establecido nos parágrafos anteriores, decláranse exentos de dito réxime os contratos que realicen os titulares de licenzas de auto-taxi con entidades tales como mutuas, compañías de seguros ou análogas para a prestación de servizos aos seus mutualistas, asegurados ou clientes.


ARTIGO 20 BIS:


A parada de taxi actualmente existente no núcleo de Feces de Abaixo rexerase polas seguintes disposicións:


a) O taxi adscrito a dita parada, segundo o condicionado da súa licenza, deberá prestar o servizo en dita parada, non podendo utilizar as demais paradas do municipio, polo que só poderá transportar aos pasaxeiros recollidos en dita parada, incluíndo, no seu caso, o traxecto de volta a Feces de Abaixo. No suposto de que se dotase de teléfono dita parada, os usuarios poderán solicitar os servizos telefonicamente, do mesmo xeito que no réxime xeral de paradas do artigo 20


b) A parada terá carácter obrigatorio para o taxi adscrito, que deberá garantir a prestación do servizo durante os días laborables, un mínimo de seis horas ao día.


c) Os demais taxis do municipio non poderán utilizar a parada de Feces de Abaixo.


d) En todo o non disposto no presente artigo, resultará de aplicación a normativa xeral da presente ordenanza, sempre que non contradiga ou impida a efectividade do réxime especial de dita parada.


ARTIGO 20 TER:


A parada de taxi existente na Praza da Alameda (fronte ao Centro Social da Terceira Idade) rexerase polas seguintes disposicións:


a) Só será utilizable os venres, sábados, domingos e vésperas de festivos, entre as 24:00 horas da noite e as 10:00 horas da mañá.


b) A parada poderá ser utilizada, os días e horas previstos anteriormente, por todos os taxis do municipio.


c) En todo o non disposto no presente artigo, resultará de aplicación a normativa xeral da presente ordenanza, sempre que non contradiga ou impida a efectividade do réxime especial da devandita parada.


ARTIGO 21:


1.- As paradas obrigatorias deberán ser atendidas polos taxistas aos que corresponda a prestación do servizo, segundo as quendas previstas no apartado 4 do presente artigo, que deberán garantir a prestación continuada do servizo en horario de 8 a 24 horas todos os días do ano, adscribindo, como mínimo, dous taxis a cada unha das paradas durante dito horario.


2.- Establécese un servizo nocturno de garda na parada da Estación de Autobuses, no horario de chegada nocturna dos autocares. Este servizo prestarase polas licenzas ás que, segundo o réxime de quendas, lles toque en cada caso cubrir a parada.


Tamén se prestará un servizo nocturno de garda localizable na parada do hospital, que consistirá na posibilidade de que de forma rotatoria, cada día, exista un taxista localizable, no seu teléfono particular, polo hospital para cubrir as posibles necesidades.


3.- Os titulares das licenzas de auto-taxi non poderán prestar o servizo en réxime de paradas unha fin de semana quincenalmente, o cal abranguerá dende as 0:00 h do sábado até as 0:00 h do luns, segundo o réxime de quendas que se estableza. Para tal efecto deberán retirar os distintivos do servizo do vehículo, excepto as iniciais SP, dado que son fixas.


Si se permitirá, emporiso, que aínda estando en situación de descanso, presten servizos para os que sexan requiridos a través do seu teléfono particular.


4.- As quendas de prestación do servizo de taxi contemplarán tanto o descanso obrigatorio coma a cobertura dos servizos en todas as paradas existentes, incluídos os servizos de garda nocturna. As quendas fixaranse con carácter anual, mediante acordo da Xunta de Goberno Local, adoptado a proposta da asociación maioritaria dos profesionais do taxi de Verín, tras a audiencia dos interesados.


5.- Os descansos obrigatorios quincenais de fin de semana quedarán suspendidos nas seguintes datas:


- Semana Santa


- Do 1 ao 31 de xullo, ambas datas incluídas.


- Do 1 ao 31 de agosto, ambas datas incluídas.


- Do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, ambas datas incluídas.


- Nas festas locais de Lázaro e Entroido, así como noutro tipo de celebracións ou eventos locais de especial relevancia.


ARTIGO 22:


O condutor solicitado para realizar o servizo conforme á orde de saída dos vehículos nas paradas, non poderá negarse á súa prestación sen causa xusta para iso, tendo a consideración de causas  xustas para negarse a realizar o servizo:


- Ser requirido por individuos perseguidos pola policía.


- Ser solicitado para transportar un número de persoas superior ao das prazas do vehículo.


- Cando o solicitante do servizo estivese en evidente e manifesto estado de embriaguez ou intoxicación por estupefacientes, agás nos casos de perigo grave ou inminente para a vida ou integridade física do solicitante do servizo.


- Cando a indumentaria dos viaxeiros ou a natureza e carácter das equipaxes ou animais de que sexan portadores puidesen causar deterioros ou danos no interior do vehículo.


- Cando sexa requirido para prestar o servizo por vías intransitables que ofrezan perigo para a seguridade e integridade dos ocupantes e condutor do vehículo.


En todo caso, os condutores observarán un comportamento correcto co público e, a requirimento do usuario, xustificarán a súa negativa de prestar un servizo perante un axente da Policía Local.


SECCIÓN TERCEIRA: CADUCIDADE DAS LICENZAS DE AUTO-TAXI E A SÚA REVOGACIÓN


ARTIGO 23:


1.- As licenzas de auto-taxi caducarán nos seguintes supostos:


a) Por renuncia expresa do seu titular, manifestada por escrito ante o concello.


b) Por incumprimento das condicións da licenza, tras a tramitación polo concello do oportuno expediente contraditorio, con audiencia ao interesado, considerándose como supostos de incumprimento os seguintes:


- Usar o vehículo dunha clase determinada para un uso diferente daquel para o que está autorizado.


- Deixar de prestar o servizo durante 30 días consecutivos ou 60 alternos durante o período dun ano, salvo no caso de vacacións anuais e nos supostos de forza maior debidamente acreditados.


- Non ter en vigor a póliza de seguro do vehículo.


- O incumprimento reiterado das disposicións sobre as revisións periódicas dos vehículos.


- O arrendamento, alugueiro ou apoderamento das licenzas, así como a transferencia non autorizada das licenzas.


- A contratación de persoal asalariado sen o permiso local de condutor ou sen a alta e cotización á Seguridade Social.


- O exercicio da profesión de taxista sen a alta no imposto de actividades económicas, así como o non pagamento de dito imposto.


- Calquera outro incumprimento das obrigas inherentes á licenza que teña carácter esencial e así se determine no correspondente procedemento.


O procedemento para a declaración da caducidade da licenza nestes supostos poderase incoar de oficio ou a instancia dos interesados, entendendo como tales, en todo caso, ás asociacións profesionais con implantación no municipio, ás asociacións de consumidores e usuarios con implantación no municipio, ás centrais sindicais que representen a profesionais do taxi e aos profesionais titulares de licenzas expedidas polo concello.


2.- O concello poderá acordar a revogación das licenzas de auto-taxi por motivos de oportunidade, tras o expediente contraditorio con audiencia ao interesado e das asociacións profesionais implantadas no municipio, mediante resolución motivada da Alcaldía na que se acredite a oportunidade de proceder a dita revogación. No mesmo expediente deberá fixarse a indemnización que proceda aboar ao titular da licenza revogada, aplicando os criterios de valoración recollidos na lexislación de expropiación forzosa.


A revogación poderá acordarse de oficio ou a instancia dos interesados, entendendo por tales, en todo caso, os sinalados no número anterior do presente artigo.


CAPÍTULO IV


RÉXIME DISCIPLINARIO DO SERVIZO DE AUTO-TAXI


SECCIÓN PRIMEIRA: CLASES DE FALTAS


ARTIGO 24:


Terán a consideración de faltas leves:


a) O descoido no aseo persoal do condutor do vehículo.


b) O descoido na orde e limpeza interior e exterior do vehículo.


c) As discusións entre compañeiros de traballo.


d) Non levar a documentación preceptiva.


ARTIGO 25:


Terán a consideración de faltas graves:


a) O incumprimento das ordes concretas fixadas polo viaxeiro durante o itinerario, percorrendo maiores distancias para render servizos que sexan innecesarios.


b) A posta en servizo do vehículo cando non estivese en boas condicións de funcionamento.


c) O emprego de palabras ou xestos groseiros e de ameaza no trato cos usuarios ou dirixidos aos viandantes ou condutores doutros vehículos.


d) A comisión de catro faltas leves no período de dous meses ou dez no dun ano.


e) A inasistencia ás paradas sinaladas como de uso obrigatorio sen causa xustificada durante unha semana consecutiva.


f) Recoller a viaxeiros en termo municipal distinto ao da entidade outorgante da licenza, salvo que o destino sexa Verín e sempre que se cubra a correspondente folla de ruta.


g) Vulnerar a orde de saída nas paradas nos termos fixados pola presente ordenanza.


h) Negarse á realización dun servizo sen que concorra causa xusta.


i) Conducir sen permiso local ou téndoo caducado.


ARTIGO 26:


Terán a consideración de faltas moi graves:


a) O abandono do viaxeiro sen cumprir o servizo requirido, sen causa xustificada.


b) A comisión de catro faltas graves no período dun ano.


c) Conducir o vehículo adscrito ao servizo en estado de embriaguez ou baixo o efecto de drogas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.


d) Reter calquera obxecto esquecido ou abandonado no vehículo por algún usuario, sen dar conta da situación á Policía Local no prazo das 48 horas seguintes.


e) A reiterada comisión de infraccións establecidas no Regulamento de circulación e a manifesta desobediencia ás ordes dos axentes de tráfico.


f) Cometer delitos cualificados como dolorosos polo Código Penal con ocasión ou con motivo da prestación do servizo.


g) Cobrar abusivamente aos usuarios, ou cobrar tarifas inferiores ás autorizadas.  


h) O incumprimento da prohibición do artigo 20.1, parágrafo 2º


i) O incumprimento da obriga do artigo 12 relativo á retirada dos distintivos os días de descanso obrigatorio, a cal estenderase incluso para os casos en que durante a fin de semana de descanso quincenal se presten servizos requiridos previamente a través do móbil.


SECCIÓN SEGUNDA: SANCIÓNS E PROCEDEMENTO DA SÚA IMPOSICIÓN


ARTIGO 27:


As faltas tipificadas nos artigos anteriores serán castigadas coas seguintes sancións:


a) as faltas leves con 300 €


b) as faltas graves con 900 €


c) as faltas moi graves con 2 000 €


ARTIGO 28:


O procedemento administrativo para impoñer as sancións anteriormente descritas é o derivado dos principios recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e será desenvolvido de acordo ao contido do Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto polo que se aproba o Regulamento do procedemento administrativo para o exercicio da potestade sancionadora.


O órgano municipal competente para a imposición das sancións establecidas é o alcalde, sendo delegable esta atribución conforme á normativa de réxime local e ao procedemento administrativo aplicable.


DISPOSICIÓN ADICIONAL


No non previsto por esta ordenanza estarase ao disposto pola normativa, tanto estatal coma autonómica, que regule as modalidades do transporte urbano a que se refire o seu artigo 1 e, especificamente, terase en conta o disposto no Regulamento nacional dos servizos urbanos e interurbanos de transportes en automóbiles lixeiros e no regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, a súa normativa de desenvolvemento ou outra que substitúa aos regulamentos sinalados, ou sexa de aplicación preferente.


DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS


PRIMEIRA.- Con anterioridade ao 1.1.2001, os titulares de licenzas municipais de auto-taxi deberán adaptar os seus vehículos ás condicións establecidas no artigo 12, no que atinxe aos distintivos de taxi, de feito que poidan ser retirados durante os días de descanso.


SEGUNDA.- Queda sen contido por acordo do Pleno do 07.07.2000


TERCEIRA.- Os titulares das licenzas municipais de transporte urbano para vehículos-ambulancia que non dispuxesen do número mínimo de vehículos que establece esta ordenanza, cando entre en vigor, continuarán no exercicio da actividade do transporte sanitario cos mesmos dereitos e nas mesmas circunstancias que tivesen cando se lles outorgou a licenza municipal.


CUARTA.- Queda sen contido por acordo do Pleno do 07.07.2000


DISPOSICIÓN DERRADEIRA


A presente ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da publicación do seu texto completo no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril.


A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz

O alcalde en funcións: Enrique Díaz García



                                                    

DILIXENCIA: para facer constar que a precedente ordenanza publicouse integramente no Boletín Oficial da Provincia de Ourense número 17 de data 22.1.2014.


A secretaria: Pilar del Carmen Saborido Díaz