Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ordenanzas ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DE INSTALACIÓN DE COLECTORES NA VÍA PÚBLICA
ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DE INSTALACIÓN DE COLECTORES NA VÍA PÚBLICA PDF Imprimir Correo-e

 

 

 

Artigo 1.-

 Os efectos desta ordenanza desígnase co nome de colectores os recipientes metálicos normalizados, especialmente deseñados para a súa carga e descarga mecánica sobre vehículos de transporte especiais, destinados a depósito de materiais ou recollida de terras ou cascallos procedentes de obras de construcción ou demolición de obras públicas ou de edificios.

As empresas e particulares que constrúan calquera clase de edificación ou fagan calquera obra dentro do núcleo de Verín, quedan obrigadas a verter os cascallos e calquera clase de materiais procedentes das obras que executen nos colectores sinalados no parágrafo anterior.

 

Artigo 2.-

1) Está suxeita a licencia municipal a colocación de colectores na vía pública. Os colectores situados no interior acotado das zonas de obras da vía pública non precisarán licencia, emporiso o cal a súa utilización deberá axustarse ás demais prescricións desta ordenanza.

 

2) As licencias serán concedidas singularmente para obra determinada e para cada colector, dando coñecemento inmediato das mesmas á Policía Local.

 

3) A licencia será expedida tralo pago do correspondente prezo público por utilización e aproveitamento especial do dominio público.

 

4) A licencia para cada colector será concedida polo prazo que se determine en función da obra ou servicio para o que se destina.

 

5) A licencia expresará en todo o caso:

a) O titular, que será o propietario do colector, o seu domicilio e un teléfono de servicio durante as horas normais de traballo.

b) A obra para a cal se expide e o número de expediente e data de concesión da licencia de obras.

c) Os días de utilización da licencia.

d) O seu lugar de colocación na beirarrúa ou na calzada.

 

6) A licencia anterior deberá estar permanentemente na obra á que serve o colector , a disposición de calquera axente da autoridade municipal que a solicite.

 

Artigo 3.-

 1) Os colectores poderán ser de dous tipos: o tipo normal será de sección transversal trapecial e paramentos lonxitudinais verticais e as súas dimensións máximas serán, 5 m. de lonxitude na súa base superior, 2 m. de ancho e 1,50 m. de altura. Colectores especiais son aqueles de paramentos verticais e dimensións máximas en planta de 7,5 m. de lonxitude e 2 m. de ancho.

 

2) Deberán estar pintados con cores que destaquen a súa visibilidade e pintura reflectante de 10 cm. de anchura que rodee ó colector e na parte máis saínte do mesmo.

 

3) Con caracteres indelebles, deberá estar escrito o nome e apelidos ou razón social, o domicilio e o número de teléfono de servicio do titular do colector.

 

4) Nos seus ángulos superiores deberán ter os adecuados elementos de fixación que permitan a colocación das lámpadas que se indican no artigo 6. cando estas sexan necesarias.

 

5) Unha vez cheos, os colectores deberán taparse inmediatamente cunha lona ou cuberta amarrada, podendo optarse, cando non se poida utilizar lona, por deixar un resgardo na parte superior do colector de 15 cm. como mínimo. Este resgardo incrementarase en función do estado físico do material que enche o colector, segundo sexa este sólido, pastoso ou líquido. A utilización da lona será preceptiva sempre que o material vertido no colector teña un alto contido de pó ou outro material susceptible de ser espallado polo vento.

 

Artigo 4.-

Nas rúas normais con calzada e beirarrúas pavimentadas só se permitirá a colocación e utilización de colectores normais. Os colectores especiais autorízanse tan só en casos excepcionais debidamente xustificados, con licencias especiais e sempre que se depositen en amplas zonas libres e sobre solos sen pavimentar. Tamén poderán utilizarse os colectores especiais en traballos viais cando se sitúen dentro da zona pechada de obras e sempre que a súa colocación non supoña un incremento da superficie da zona.

 

Artigo 5.-

1) Os colectores situaranse preferentemente, de ser posible, no interior da zona valada de obras; e noutro caso nas beirarrúas das vías públicas, cando ditas beirarrúas teñan 4 ou máis metros de ancho. Nos demais casos deberá solicitarse aprobación da situación que se propoña.

 

2) Na súa colocación deberán observarse, en todo o caso, as prescricións seguintes:

 

a) Situaranse sobre tacos ou listóns de madeira ou outra protección adecuada para evitar danar o pavimento na colocación ou ó retirar o colector.

 

b) Situaranse preferentemente fronte á obra a que sirvan, ou o máis preto posible a ela.

 

c) Deberán situarse de forma que non impidan a visibilidade dos vehículos,especialmente nos cruzamentos, respectando as distancias destes establecidas polo Código da Circulación a efectos de estacionamento.

 

d) Non poderán situarse nos pasos de peóns nin fronte ós mesmos, nos vaos, nas reservas de estacionamento e parada, salvo cando ditas reservas se solicitaran para a mesma obra, e nas zonas de prohibición de estacionamento.

 

e) En ningún caso poderán colocarse, total ou parcialmente, sobre as tapas de acceso de servicios públicos, nin sobre as gabias das árbores, nin, en xeral, sobre ningún elemento urbanístico que poida dificultar a súa utilización normal ou en caso de emerxencia.

 

f) Tampouco poderán situarse sobre as beirarrúas que pola súa amplitude, unha vez deducido o espacio ocupado polos valos, no seu caso, non permita unha zona libre de paso de 2 m. como mínimo, unha vez colocado o colector; nin nas calzadas cando o espacio que quede libre sexa inferior a 4 m. en vías dun só sentido de marcha ou de 6 m. nas vías de dobre sentido.

 

3) En todo o caso, colocaranse de forma que o seu lado máis longo estea situado en sentido paralelo á beirarrúa.

 

4) Cando os colectores se encontren na calzada, deberán situarse a 0,20 m. da beirarrúa, de forma que non impidan que as augas superficiais acaden e circulen pola rígola e augas abaixo do desaugadoiro máis próximo se este queda a menos de 2 m. do colector, debendo protexerse cada colector, cando a colocación deste supoña un estreitamento dos carrís de circulación, con tres conos de tráfico, colocados na vía pública en liña oblicua polo lado da aproximación da circulación ó colector ou calquera outro procedemento que se estime idóneo colocado sempre da forma antes citada e que cumpra a función que se pretende.

 

5) Na beirarrúa, deberán colocarse ó bordo desta, pero sen que ningunha das súas partes sobresaia da liña de encintado.

 

Artigo 6.-

O anoitecer, procurando que se axuste ó horario de acendido do alumado público e nas rúas que teñan unha intensidade de iluminación inferior a 2 lux, deberán funcionar cando menos, dúas lámpadas eléctricas de cor vermella, nas esquinas do colector: as dúas do lado da beirarrúa, cando estea situado sobre ela, ou as dúas do lado edificado, cando estean sobre a beirarrúa. As lámpadas poderán aumentarse a catro a xuízo do titular da licencia. A subministración de fluído eléctrico para estas lámpadas efectuarase por mediación da acometida da obra ou por medio de equipo de subministración autónomo, podendo substituírse por outros tipos de alumado nos casos en que non sexa factible realizalo polo sistema indicado, non sendo a intensidade luminosa inferior a 1 candea.

 

Artigo 7.-

1) Os colectores só poderán ser utilizados polo titular da licencia e, ningunha persoa que non sexa autorizada por aquel poderá realizar ningún vertido no seu interior.

 

2) Os infractores serán sancionados con multa de ata 50.000 PTA., sen prexuízo da sanción correspondente ó titular da licencia por falta da dilixencia debida para evitar a infracción.

 

Artigo 8.-

1) Non se poderá verter nos colectores cascallos que conteñan materias explosivas, nocivas, perigosas ou susceptibles de putrefacción ou de producir cheiros desagradables ou que por calquera causa poidan constituír molestias ou incomodidade para os usuarios da vía pública ou veciños.

 

2) Ningún colector poderá ser utilizado ou manipulado de xeito que o seu contido caia á vía pública ou poida ser levantado ou espallado polo vento, para o que se deixará no seu enchido un resgardo que como mínimo, será de 15 cm. Este resgardo incrementase en función do estado físico do material a transportar segundo sexa sólido, pastoso ou líquido.

 

3) Caso de que o material vertido no colector teña un alto contido de po susceptible de ser espallado polo vento, cubrirase cunha lona ou cuberta amarrada de forma permanente.

 

Artigo 9.-

Os colectores deberán ser retirados da vía pública:

a) O expirar o prazo para o que foi concedida a licencia.

b) En calquera momento, a requirimento da administración municipal cando necesidades de orde pública así o aconsellen.

c) Para o seu vaciado, tan pronto foran enchidos ou como máximo dentro do mesmo día, podendo permanecer durante a noite o colector na vía pública sempre que estea convenientemente tapado cunha lona ou cuberta amarrada.

d) O terminar cada venres a semana laboral.

 

Artigo 10.-

1) As operacións de instalación e retirada dos colectores deberán realizarse en horas en que en menor medida se dificulte o tránsito rodado e preferentemente de noite.

 

2) O retirar o colector, o titular da licencia deberá deixar en perfecto estado a superficie da vía pública, e completamente limpa.

 

3) No caso de terse producido algún desperfecto no pavimento, deberá comunicalo de inmediato ó negociado de viabilidade, dando os datos do lugar e da empresa.

 

Artigo 11.-

1) O titular da licencia será responsable:

a) Dos danos que os colectores causen a calquera elemento da vía pública.

b) Dos que se causen a terceiros.

 

2) En garantía do cumprimento destas responsabilidades, o solicitante da licencia deberá formalizar unha póliza de seguro sen limitación de risco, que non poderá ser rescindida sen consentimento do concello. Un exemplar da póliza de seguro, debidamente asinada, será entregada á administración municipal.

 

Artigo 12.-

 1) O titular da licencia será responsable do cumprimento das obrigas impostas nesta ordenanza.

 

2) Non exonerarán de responsabilidade as accións de terceiro se o titular da licencia non acredita ter empregada a dilixencia necesaria para evitar a infracción.

 

Artigo 13.-

Atribúese á Alcaldía a competencia para a concesión das licencias e expedición das guías, establecerá o procedemento de outorgamento da licencia, establecerá a documentación necesaria para a súa concesión e dictará cantas disposicións sexan precisas para a aplicación desta ordenanza.

 

Artigo 14.-

O incumprimento de calquera dos artigos desta ordenanza será sancionado con multa de ata 15.000 PTA.

 

DISPOSICION TRANSITORIA.-

No prazo dos dous meses seguintes á entrada en vigor desta ordenanza, as empresas e particulares que leven a cabo actividades relacionadas coa construcción adoptarán as medidas oportunas procurando dotarse dos medios precisos para facer efectivo o cumprimento das disposicións contidas nesta ordenanza.

 

DISPOSICIONS FINAIS:

 

PRIMEIRA.-

As resolucións dictadas pola Alcaldía en aplicación das disposicións contidas nesta ordenanza, porán sempre fin á vía administrativa, e, contra elas, caberá interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, con sede na Coruña, logo da comunicación ó propio Alcalde a que fai referencia o artigo 110.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

 

SEGUNDA.-

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez aprobada definitivamente e cando sexa publicado o seu texto íntegro no BOP e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei de Bases de Réxime Local.

Verin, 3 de setembro de 1996.

O ALCALDE, O SECRETARIO,

 

 

 

 

 

DILIXENCIA:

Esténdoa eu, o Secretario, para facer constar que o texto íntegro da precedente ordenanza aparece publicado no BOP número 216, correspondente ó día 18 de setembro de 1996.

Verín, 20 de setembro de 1996.

O SECRETARIO,