Verín acolle a proxección do documental “Cesteando” de Plácido Romero Imprimir
Mércores, 27 Decembro 2017 14:39

Maña xoves, ás 19:30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acolle a proxección do documental “Cesteando”, dirixido por Plácido Romero e producido por Arraianos Multimedia. O finalizar a mesma,  terá lugar un coloquio co protagonista, productor e director do filme.

“Cesteando” é un documental que propón unha reflexión contemporánea sobre a desaparición do medio rural e dos seus valores, pondo o foco na vida de Toño, un cesteiro que vive nunha aldea na serra do Leboreiro. Este filme propón unha reconsideración sobre esta realidade  a través da biografía deste artesán que resiste, cun estilo de vida  que, dentro dos parámetros actuais, pódese considerar alternativo, pero que  en realidade non consiste mais que en intentar seguir as pautas que inspiraron a cultura tradicional durante moitos anos. O contexto é a Galicia interior, a Baixa Limia-Leboreiro.

Coa  exhibición desta obra, a Produtora  Arraianos Multimedia persevera  na liña de traballo principiada hai anos coa celebración do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, a produción de documentais como “Traballo Animal” e “Fronteiras de Enerxía Animal”,  a realización de spots publicitarios e de proxectos culturais vencellados co mundo rural.

Os organizadores deste evento solicitarán un donativo de 2€ por asistente, para a Asociación Cultural “Os Rampeiros”, colaboradora do evento e á que pertence Toño o Cesteiro.