A VI Mostra do Entroido compostelá está dedicada ao Entroido de Verín Imprimir
Mércores, 20 Febreiro 2019 12:22

Cigarróns, persoas disfrazadas con capuchóns, grupos de máscaras que simularán participantes en Compadres e Comadres e a Banda de Gaitas do Concello de Verín participarán o venres día 22 en Santiago de Compostela na VI Mostra do Entroido.

Organizada por cinco centros educativos composteláns coa colaboración dun centro da Estrada, o Salón de actos do CIFP Compostela, a  praza do CEIP Lamas de Abade e as contornas dos centros participantes serán os espazos que acollerán unha iniciativa que este ano está dedicada ao entroido verinense.

A Mostra do Entroido pretende achegar aos escolares e á veciñanza asistente as características máis salientábeis da rica diversidade dos entroidos galegos. Celébrase anualmente nunha xornada docente dentro do ciclo festivo carnavaleiro. A última convocatoria dedicouse ao Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada-Lugo).

Xerardo Dasairas Valsa, autor do libro O entroido en terras de Monterrei (1990) e coautor de O entroido ancestral / Carnival in the past / El carnaval ancestral (2002), disertará sobre os antecedentes históricos, as características peculiares e o desenvolvemento específico do entroido de Verín. A conferencia terá lugar  no  Salón de actos do CIFP Compostela, entre as 10 e ás 11 da mañá. Previo ao comezo do coloquio do ex-profesor e investigador verinense radicado na actualidade en Cangas, que colabora desinteresadamente nesta acción divulgativa, Xenerais da Ulla, interpretando Vivas! e coplas características, faranlle a recepción protocolaria á embaixada de Verín en Compostela.

A partir das 11 da mañá,  a comitiva percorrerá a rúa Raiola, e a xeito de desfile, a embaixada do entroido verinense desprazarase posteriormente a outros centros da contorna (Aspanaes Duques de Lugo, Escola Infantil Raiola e IES Lamas de Abade) incorporándoos á festa, para finalmente dirixirase conxuntamente á  praza do CEIP Lamas de Abade, onde cigarróns, capuchóns, grupos de compadres e comadres e músicos serán recibidos polos veciños da zona e o alumnado dese centro.

As actividades previstas remataran ao mediodía, cunha degustación da gastronomía tradicional do entroido elaborada e servida polo profesorado e o alumnado dos departamentos de Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias  do CIFP Compostela.

A todas as persoas que participen no evento entregaráselle un despregable, editado pola organización (Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros organizadores) con textos elaborados gratuitamente por Xerardo Dasairas e fotos cedidas polo Concello de Verín.

A administración local verinense apoia esta proposta educativa dos centros composteláns, financiando o desprazamento das persoas de Verín que participarán nas actividades, facilitando a actuación da Banda de Gaitas do  Concello de Verín no evento e colaborando coa organización as concellarías de Turismo e Cultura e os servizos municipais respectivos.

A presenza do Entroido de Verín na VI Mostra do Entroido compostelá non sería posible sen a colaboración das familias do alumnado que integrará a embaixada verinense en Compostela e dos colexios e institutos de Verín, que aceptan que se xustifiquen por ese motivo as faltas de asistencia ás clases desa xornada escolar.