O Hospital de Verín conmemora o seu 25 aniversario Imprimir
Sábado, 01 Xuño 2019 11:36

Noelia Fernández Rodríguez, ven de celebrar seu cumpleanos e foi, fai vintecinco anos, a primeira nena nada no Hospital de Verín que, como ela, celebra este ano seu vixésimo quinto aniversario, data que se conmemorou hoxe cun sinxelo acto no centro, para continuar a celebración esta noite, cunha cea á que asistirán profesionais do centro, xunto con moitos que traballaron nel neste cuarto de século.


Noelia, e seus pais, foron invitados de honra esta tarde no Hospital de Verín, onde recibíu da man do Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, un diploma que a acredita coma a primeira nena que naceu no Hospital, que viña de ser inaugurado, en xaneiro de 1994, polo entón presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.

O Hospital de Verín foi o primeiro hospital posto en marcha pola Xunta de Galicia, desde a transferencia das competencias do INSALUD ao Servizo Galego de Saúde, e supuxo un investimento que entón superou os 2.000 millóns de pesetas, para dar cobertura sanitaria especializada a un colectivo de mais de 38.000 persoas, cun orzamento anual medio previsto de 1.200 millóns de pesetas.

Modelo de xestión innovador

Súa posta en marcha foi totalmente novidosa, tanto desde o punto de vista de xestión, baixo un innovador modelo de Fundación Pública, con personalidade xurídica propia, que posteriormente se adoptou en distintos puntos do estado, como do seu funcionamento e instalacións, aplicando solucións innovadoras, entón pouco habituais no entorno sanitario público, como a total informatización dos seus departamentos tanto sanitarios como administrativos, que o convertiron no primeiro hospital galego “libre de papel” con control automatizado tanto de almacéns como de procesos asistenciais, que permitía coñecer seu funcionamento en tempo real.

Pese a incomprensión dos primeiros anos por parte da poboación polo modelo de xestión elixido, e da dificultade de consolidar desde cero unha organización tan complexa como a hospitalaria, a nivel asistencial Verín foi pioneiro nalgunhas iniciativas, hoxe ampliamente extendidas, e entón pouco habituais incluso en hospitais de maior tamaño, como por exemplo a implantación da telemedicina, na que foi pioneiro en Galicia, a detección do Helicobacter Pylori, xermen asociado á úlcera gastrica; aos coidados paliativos a domicilio; as unidades de xestión clínica e autonomía dos servizos ou en contar cunha unidade dar dor.

Carteira de servizos

En 1994 o Hospital de Verín contaba cunha carteira de servizos de medicina interna, cirurxía xeral, traumatoloxía, xinecoloxía-obstetricia, pediatría e urxencias, para posteriormente engadir outros como otorrinolaringoloxía, uroloxía, oftalmoloxía, dixestivo, pneumoloxía, reumatoloxía, hematoloxía e nefroloxía, algúns deles con continuidade dende entón, e outros só por un breve periodo de tempo, e que desde 2009, data da súa plena integración no Sergas se consolidaron, especialmente desde a creación da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que permitíu implementar novos servizos e técnicas.

Mostra delo, tan só nos últimos dez anos, Verín ampliou súa carteira de servizos con consultas de Cardioloxía, Neuroloxía, Reumatoloxía, Dixestivo e Endocrinoloxía, ademais dunha Unidade de Oncoloxía Médica, o que permite ofertar directamente neste hospital, por vez primeira desde súa apertura en 1994, consultas destas especialidades, infrecuentes nun hospital comarcal, sen necesidade de que os veciños teñan que desprazarse a Ourense, cunha evidente mellora da asistencia.

Igualmente, para facilitar unha maior accesibilidade, puxéronse en marcha e-consultas e telemedicina nos servizos de cardioloxía, dixestivo, dermatoloxía, oftalmoloxía e radioloxía, desde pasado ano unha Unidade de Hospitalización a Domicilio e establecéronse Vías Rápidas para o diagnóstico e tratamento do cancro pulmón, mama, colorectal, vexiga e melanoma.

Evolución do cadro de persoal

A súa posta en marcha en 1994, o Hospital contaba cun cadro de persoal de 140 traballadores, que se mantivo con pouca evolución ata xaneiro de 2009, data da extinción das fundacións sanitarias en Galicia. Naquel intre, o que Hospital de Verín contaba con 154 traballadores, que se homologaron, como persoal estatutario do Sergas, pasando, tan só dez anos despois, ata 213, o que supón un incremento do 38% en tan só dez anos pese a progresiva redución da poboación.

Neste eido, nos últimos anos tamén se deu unha pegada importante cara súa consolidación e garantía de crecemento futuro, extendendo a Xinzo de Limia súa área de referencia, aumentando así súa poboación, con 18.601 usuarios potenciais mais, que se benefician da súa ampla carteira de servizos e proximidade.

O aumento da carteira de servizos, persoal e poboación permitíu crecer en termos de actividade asistencial, por riba das 60.000 consultas e 2.500 intervencións, cun gran incremento das operacións ambulatorias, ou que non requiren ingreso, en sintonía coa sanitaria tendenza actual.