Os impactos mediáticos da pasada edición do FIC Vía XIV acadaron unha audiencia total superior aos 34 millóns de persoas Imprimir
Martes, 09 Xullo 2019 15:41

A III edición do Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC Vía XIV), celebrada o pasado decembro, acadou unha audiencia global de 34.332.100 de persoas grazas ás 126 informacións publicadas en diferentes medios de índole local, provincial, autonómica e, mesmo, nacional. Así se desprende dun informe encargado pola Dirección do Festival á empresa Kantar Media, que valora estes impactos en 330.340 euros.

Para Carlos Montero, director do FIC Vía XIV, “o interese que a iniciativa suscita nos medios de comunicación é evidente e medra cada ano”. A isto, destaca tamén, “hai que engadir o forte impacto acadado nas redes sociais propias do Festival, en particular en Facebook, Twitter e Youtube, cun crecente número de seguidores”.

Calidade e premios

A vindeira edición do Festival, xa en marcha, celebrarase na vila do Támega entre o 30 de novembro e o 8 de decembro. Nela, exhibirase de novo unha selección de curtas cinematográficas de gran calidade e alto nivel.

Neste sentido, tal e como lembra Carlos Montero, 33 curtas exhibidas o ano pasado en Verín foron premiadas en diferentes festivais, mostras e foros cinematográficos de primeiro nivel tales como Cannes, a Berlinale, Rotterdam, Venecia, Sundance, Toronto, Locarno, DocLisboa, os Mestre Mateo, Punto de Vista, Clermont-Ferrand, Sophia e, mesmo, os Premios Goya ou os Óscar.