Verín estrea un roteiro patrimonial e medioambiental con 15 alternativas de ocio para veciños e visitantes. Imprimir
Mércores, 07 Agosto 2019 13:10

Quince novas rutas con contido patrimonial e medioambiental están a disposición dende hoxe para todos os visitantes da praza García Barbón de Verín mediante un mural xigante instalado nun lateral deste espazo. Nelas se pode acceder, mediante a lectura en código QR, ás direccións web onde están aloxados os roteiros con trazado GPS e cunha pormenorizada descrición.

Os paseos, deseñados todos cun carácter familiar e formativo para que poidan ser abordados por nenos e maiores, cobren boa parte da oferta patrimonial e cultural do Val de Monterrei, comezando polo percorrido máis próximos, o paseo da Pousa, pero chegando tamén a outros puntos de interese como as xoias arquitectónicas de Mixós ou entornos naturais privilexiados coma o Pozo do Demo.

Do mesmo xeito, o mural - que representa a presa de Peláez ou de Miñambres, no decurso do Támega - contén toda a información necesaria para chegar vía GPS ata o punto de inicio e para seguir a ruta, así como a descrición e guía detalladas de cada visita, para realizar en grupos ou individualmente mediante os trazados dispoñibles no smartphone.

Os roteiros están pensados para o coñecemento exhaustivo da comarca de Monterrei, cun grao de dificultade accesible a todos os públicos, sendo a maioría deles circulares. O roteiro da Pousa contén tamén sinalizados os antigos pozos de baño do Támega en Verín, hidrónimos tradicionais que é necesario conservar mediante as novas tecnoloxías.

Os contidos son :

-          Un paseo pola Pousa

-          Tamagos, o castro dos tamagani

-          Curral de Castrelo do Val e o castro da Cabanca

-          Románico de Infesta e a aldea deserta de Paradiña

-          A ermida románica de Santo Antón e Ábedes

-          Vilamaior do Val e a ermida de Os Remedios

-          Ruta do gourmet da auga

-          Entre o balneario e a aldea de Cabreiroá

-          Ruta do bufo do Pozo do Demo

-          A Vía XIV entre a Pousa, Mixós e o Támega

-          Oimbra, a vila dos tres pazos e tres capelas

-          Pazos, un labirinto medieval entre viñas

-          Vilaza, de castrexos, romanos e templarios

-          Monterrei polos camiños reais

-          Verín e San Lázaro, un paseo por pedras centenarias