Exposición: “40 anos do Museo do Pobo Galego” na Biblioteca de Verín Imprimir
Luns, 25 Setembro 2017 11:13

Desde hoxe, a Biblioteca Pública do Concello de Verín acolle unha exposición que conmemora os corenta anos dende a apertura oficial do Museo do Pobo Galego, que inaugurou as súas primeiras salas o 29 de outubro de 1977. Esta exposición estará aberta ao público no mesmo horario que a Biblioteca Municipal, dende o 25 de setembro ata o 20 de outubro.

Nestes anos, devandito museo foi visitado por preto de 3 millóns de persoas e os seus fondos non deixan de medrar, contando na actualidade con doce mil pezas e os sesenta e tres mil títulos. Ademais, No caso da vila de Verín supón algo máis importante se cabe, dado que alí custódiase a Biblioteca persoal de D. Xesús Taboada Chivite.


Conferencia de Manuel Vilar sobre o 40 aniversario do Pobo Galego

Así mesmo, a Biblioteca Municipal de Verín acollerá o  xoves 19 de outubro unha conferencia de D. Manuel Vilar sobre o 40 aniversario do Museo do Pobo Galego.

Manuel Vilar pertence ao Museo do Pobo Galego desde 1994. Foi representante dos socios no Padroado, e tamén na Xunta Rectora. É coordinador do Instituto de Estudos das Identidades e membro do consello de redacción da revista Adra. En decembro de 2012 foi elixido como membro numerario do Padroado, e desde xaneiro de 2013 é secretario técnico do Museo.

Sobre Manuel Vilar: Licenciado en Xeografía e Historia. Realizou cursos de doutorado en Antropoloxía e un Master en Xestión de Bens Culturais e Patrimonio. Ten feito traballo de campo sobre diversos aspectos relacionados co Patrimonio Etnográfico e Museos e ten participado como relator en diversos congresos, tanto no ámbito da antropoloxía como relacionados cos estudos xacobeos e cos máis variados aspectos da cultura da súa terra natal, a Costa da Morte.

É autor dos libros Os Faros da Costa da Morte (coautor con X.M. Lema Suárez, 2001); Dicionario Xaquín Lorenzo “Xocas” (2004); O Camiño a Fisterra (2006) ou Romarías da Costa da Morte. Ten publicado numerosos artigos, como “Fisterra nos límites do mundo coñecido”, en II Simposio da Costa da Morte (Carnota, 2000); “Museos, identidade e memoria” en VII Coloquio Galego de Museos, Museos: construíndo a comunidade (Santiago, 2002); “Autoimágenes y heteroimágenes en los museos ‘etnográficos’ gallegos”, en Actas del IX Congreso de la Federación de Asociaciones de Antropología del Estado Español (Barcelona, 2002; coautor con X. Pereiro Pérez); “Unha visión do patrimonio e dos museos en Irlanda”, ADRA. Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego, nº 0, 2005; “’Antes facíase viño, agora véndense as uvas’. Os cambios no sector vitícola galego e as súas implicacións nos procesos sociais e identitarios”, en I Congreso de Desenvolvemento Local AGIR, Associação e Desenvolvemento Sócio-Cultural (Barcelos, 2005; en colaboración con Fátima Braña); “Peregrinación, turismo e territorio”, en X.X. Pardellas (dir.) Turismo relixioso: o Camiño de Santiago (Vigo, 2005); varios capítulos sobre romarías nos volumes Tempos de Festa en Galicia, Fundación CaixaGalicia, 2006 e 2008; “Elías Valiña cura do Cebreiro”, en Elías Valiña. O renacemento do Camiño (Santiago, 2007); ou “Ethnographic museums and essentialist representations of Galician identity”, International Journal of Iberian Studies 21.2 2008 (coautor con X. Pereiro Pérez).

Profesionalmente participou nos proxectos de Estudo do Territorio Histórico vinculado ao Camiño de Fisterra, Plan Director do Monte de Santa Trega, Plan Director da Península do Cabo de Fisterra e realización de contidos para diversos museos etnográficos e exposicións. Tamén recibiu o Premio de Investigación dos Camiños Xacobeos 2009 convocado pola Asociación de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación dos Camiños Xacobeos, por un traballo sobre o camiño a Fisterra e Muxía.