Vía XIV-Festival Internacional de Curtametraxes de Verín convoca un concurso para elixir o cartel que será a imaxe da súa II Edición Imprimir
Venres, 29 Setembro 2017 09:30

O Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV de Verín, que se celebrará no vindeiro mes de decembro na vila, pón en marcha un concurso para a realización do cartel que constituirá a imaxe da II Edición do FIC Vía XIV. Este concurso ten como obxecto estimular a creatividade de artistas, deseñadores e de calquera persoa que queira presentarse, así como fomentar a difusión da imaxe do certame a nivel nacional e internacional e de dar a coñecer as obras daqueles artistas que participen nel.

Esta é unha das novidades que os organizadores do Festival de Cine de Verín tiñan preparada para a súa II Edición, convocando un concurso de carteis que pretende atraer a mirada de artistas, a nivel internacional, que sexan capaces de amosar nunha imaxe o sinal de identidade do FIC Vía XIV. Diste xeito, o Festival expándese para ir convertíndose nun niño de cultura no que, ademais do cine, teñen cabida distintas disciplinas artísticas. Un xeito de promocionar a creación artística e a cultura, ofrecendo a posibilidade de crear a imaxe dun Festival de Cine internacional.

Ó Concurso de Carteis poderán presentarse obras ó longo de todo o mes de outubro, abríndose o prazo de participación o vindeiro domingo día 1 e finalizando o 31 de outubro. Para participar no Concurso de Carteis do Vía XIV- Festival Internacional de Curtas de Verín, os autores terán opción de presentar un máximo de dúas obras inéditas e orixinais que poderán ser de composición pictórica, fotográfica ou dixital.

O Concurso utilizará o sistema de plica pechada para a presentación de obras. Unha vez recibidas todas as propostas, o xurado elixirá unha única obra gañadora que obterá un premio de 500€ e será a imaxe da II Edición do Festival. Formarán parte do Xurado o Equipo Directivo do propio Vía XIV-Festival de Curtametraxes de Verín máis o Alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, e o Tenente-Alcalde da vila, Diego Lourenzo Moura.

Todas as obras recibidas no Concurso de Carteis darán forma a unha das actividades complementarias do Festival: unha exposición que permanecerá aberta ó público para que podan coñecerse todas as ideas presentadas e co obxectivo de fomentar a cultura na vila ofrecendo distintas actividades ó redor da celebración do Festival de Cine. Ademais, os organizadores do FIC Vía XIV de Verín (Concello de Verín e Asociación Vía XIV), queren fomentar a creación artística nas súas múltiples disciplinas, ofrecendo a oportunidade a creadores de distintas artes de dar a coñecer as súas obras a nivel internacional.

Consulta as bases no seguinte enlace: http://ficviaxiv.com/es/concursocartel-es/