Dispositivo Especial de Seguridade para a Cabalgata de Reis 2018 Imprimir
Martes, 26 Decembro 2017 13:14

Co fin de continuar coa liña en materia de seguridade e autoprotección en eventos que conten cunha gran afluencia de público asistente, a Concellería de Seguridade Cidadá, tráfico e Protección Civil do Concello de Verín, preparou un dispositivo de seguridade especial para a Cabalgata e Gala dos Reis Magos, que terá lugar o 05 de xaneiro.

Co obxectivo de evitar posibles incidentes e actuar con eficacia e rapidez ante calquera posible emerxencia, e dun xeito coordinado entre os diferentes equipos de emerxencia, elaborouse un plan de autoprotección no que está incluído o seguinte dispositivo de seguridade para devandito evento:

Cabalgata de Reis:

    A Cabalgata comezará as 17:00 horas.

    Percorrido: Casa do Escudo, avenida Luis Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno (Pavillón de Deportes).

    Recoméndase que o público non se achegue á carroza para evitar posibles accidentes.

    O tráfico rodado irase cortando progresivamente por parte da Policía Local co avance da Cabalgata.

Gala de Reis (Pavillón Municipal de Deportes):

    Como o ano pasado, o escenario principal onde se situarán os Reis Magos estará situado nun fondo da pista do Pavillón de Deportes Municipal.

    Haberá dúas zonas para o público asistente:

- Zona de pista: para persoas con mobilidade reducida, pais e nais que veñan con carrito de bebé e para público en xeral.

- Zona de grada: para público en xeral

    Poderá accederse ao pavillón pola porta principal (rúa Irmáns Moreno) e pola porta lateral (rúa José Santamaría).

    Haberá un aforo limitado non superior ás 2.500 persoas, polo que se recomenda que soamente acuda un adulto por cativo/a, co fin de facilitar o acceso ao máximo número de menores de idade.

    A apertura das portas será ás 17.15 horas. O público que acceda recibirá unha invitación co fin de controlar o aforo dun modo exacto.

    Tras a entrega dos agasallos por parte dos Reis Magos, os/as nenos/as e adultos que salgan do recinto non poderán volver a entrar ao mesmo

    No interior do pavillón, os corredores e as escaleiras (vías de evacuación) deben quedar sempre libres.

Neste dispositivo haberá uns 30 efectivos conformados por Policía Local e Protección Civil do Concello de Verín, Cruz Vermella de Monterrei. Ditos efectivos contarán cunha ambulancia cedida pola empresa Ambulancias Sil para o dispositivo especial de seguridade.

Con estas medidas, o Concello de Verín quere velar pola seguridade de todas as persoas que acudan á Cabalgata e Gala dos Reis Magos.