Verín recibe os Reis Magos de Oriente Imprimir
Mércores, 03 Xaneiro 2018 12:11

O vindeiro venres 5 de xaneiro, a partir das 17.00 horas, as rúas de Verín acollerán a tradicional Cabalgata dos Reis Magos de Oriente. Con anterioridade, ás 16:00 horas, acudirán a Residencia de Anciáns Santa María para entregarlle presentes ás persoas maiores residentes.

A cabalgata iniciará o seu percorrido na Casa do Escudo e tras percorrer a avenida Luís Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno, concluirá a súa viaxe no Pavillón Municipal de Deportes onde terá lugar unha gala, na que participarán a alcaldesa infantil e os seus concelleiros, e se repartirán agasallos entre os/as nenos/as.

Como o ano pasado, o escenario principal onde se situarán os Reis Magos estará situado nun fondo da pista do Pavillón de Deportes Municipal. Poderá accederse ao pavillón pola porta principal (rúa Irmáns Moreno) e pola porta lateral (rúa José Santamaría). Haberá un aforo limitado non superior ás 2.500 persoas, polo que se recomenda que soamente acuda un adulto por cativo/a, co fin de facilitar o acceso ao máximo número de menores de idade.

A apertura das portas será ás 17.15 horas. O público que acceda recibirá unha invitación, na propia entrada, co fin de controlar o aforo dun modo exacto.Tras a entrega dos agasallos por parte dos Reis Magos, os/as nenos/as e adultos que salgan do recinto non poderán volver a entrar ao mesmo.

Concerto de Reis

Por outra banda, o sábado 6 de xaneiro, a partir das 20 horas, a igrexa da Mercé de Verín acollerá o tradicional Concerto de Reis, organizado pola Asociación Verinense de Amigos da Música. Durante o mesmo, no que colaboran a Comunidade Mercedaria e Concello de Verín, o Coral de Verín interpretarán un amplo repertorio de panxoliñas, todas elas adaptadas e arranxadas para o Coral de Verín por Edelmiro Mateo.