Ábrese o prazo de inscrición de carrozas e comparsas para o Entroido 2018 de Verín Imprimir
Martes, 16 Xaneiro 2018 11:02

Comparsa O Concello de Verín abre o xoves 18 de xaneiro o prazo de inscrición para as carrozas e comparsas que desexen participar no desfile do Entroido deste ano. O prazo de inscricións ten como data tope o martes 6 de febreiro ás 18:00 horas.

A orde e colocación do desfile irá a criterio da organización. Aquelas comparsas ou carrozas que non se apunten dentro do prazo de inscripción e se presenten no comezo do desfile irán colocadas ao final do mesmo.

Os interesados en inscribirse poderán achegarse ata a Oficina de Información turística e sala de exposicións de Verín para facer efectiva as súas propostas.

Os horarios dos desfiles serán os seguintes:

  • Saída do desfile do domingo ás 12:00 horas.

  • Saída do desfile do martes ás 16:30 horas.

A comparsa ou carroza que participen no desfile debe estar, como mínimo, 30 minutos antes da saída, para que a Organización poda colocalos na súa posición e comezar con puntualidade, na Avenida de Castela, á altura da rúa San Félix.

Aquelas carrozas que queiran abandonar o percorrido antes de chegar á Praza da Alameda unicamente poderán facelo a través da ponte da N-525, chegando ata a Rotonda da Casa do escudo, se queren dar a volta, e quedándose unicamente no carril dereito agardando a que o desfile remate para ir ao seu destino. É importante que deixen sempre un carril libre para os vehículos dos servizos de emerxencia mentres realicen a espera.

RECOMENDACIÓNS:

1. Recoméndase non realizar paradas con duración prolongada no tempo para que non exista moita distancia entre os grupos dos desfiles. Sigan sempre a comparsa/carroza ou charanga que levan diante sen deixar moitos metros de marxe.

2. Aqueles vehículos a motor que non teñan o seguro correspondente non estarán cubertos polo seguro do concello para os desfiles. Neste caso, recoméndase que dita carroza/comparsa contrate o seu propio seguro para este tipo de eventos.

3. Aqueles vehículos que foran modificados para o desfile ou que sirvan para tirar dun remolque modificado para dito evento recoméndaselle que leve consigo un extintor.


MÁIS INFORMACIÓN:

Domingo de piñata: poderán participar na comida que se realiza este día, (previo Pago) unicamente os participantes que se inscriban previamente para o desfile. Os Tíckets para dita comida recolleranse no restaurante no que se fará o xantar.