Reunión de coordinación de Seguridade do Entroido 2018 Imprimir
Xoves, 25 Xaneiro 2018 12:49

Esta mañá, tivo lugar na casa consistorial a reunión de coordinación de seguridade do Entroido 2018, convocada por área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín.

Á reunión acudiu a Concelleira de Trafico, Seguridade Cidadá e protección Civil, Cándida Couñago,  xunto con representantes da Garda Civil, Policía Local, Cruz Vermella, Protección Civil de Verín, Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Dirección Provincial de Emerxencias, CIS Ourense e do 061.


Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver nos últimos anos, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños/as como os/as visitantes poidan desfrutar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2018 que será presentado a próxima semana.

Cándida Couñago, responsable da área de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil do Concello de Verín destacou que que “debido aos bos resultados obtidos na anterior edición do Entroido, no que a materia de Seguridade se refire, a nosa idea é manternos nunha mesma liña organizativa, en canto a protocolo de actuación e cooperación de efectivos.” Por outra banda, Couñago tamén quixo facer un chamamento aos cidadáns lembrando que para que todas estas medidas sexan totalmente efectivas “é fundamental que a xente tamén poña da súa parte e demostre unha actitude cívica durante os festexos.”.