O Entroido de Verín arranca co tradicional Xoves de Compadres Imprimir
Mércores, 31 Xaneiro 2018 13:16

Mañá a partir das 23:30 horas, os "compadres", dan o pistoletazo de saída ao tradicional Entroido de Verín.

Tras as típicas ceas nos restaurantes da localidade, Os "compadres" percorrerán, ataviados cos seus característicos chapeus, bigotes e gabardinas, a rúas Montemaior (saída), Praza Maior  Cruz, Praza da Mercé, Laureano Peláez, Irmáns Moreno, Deputación, Luís Espada, Lisa e Praza Maior onde, entre o estrondo dos petardos, celebrarán o xuízo e a queima do Maragato.

A charanga Támega e a Banda de Gaitas do Concello de Verín serán os responsables de acompañar ao carro do Maragato que conducirá aos compadres polas céntricas rúas de Verín. Tras a queima, a festa rematará na Praza Maior con Disco-Móbil Jorge.

Mercedes Astorga, pregoeira do Entroido 2018

A festa continuará o vindeiro día 4 de febreiro co tradicional Domingo de Corredoiro. A partir das 11:30 horas, o son de chocas alagará as rúas de Verín coa popular concentración de Cigarróns na Praza do Concello. Como é tradición, os/as fregueses/as serán recibidos á saída das igrexas RR.PP Mercedarios e Parroquial polos cigarróns.

Por outra banda, e como novidade, ás 13:30 horas, terá lugar na Praza Maior o Pregón do Entroido, que este ano correrá a cargo da entroideira verinesa Mercedes Astorga, unha das principais impulsoras do tradicional “Xoves de comadres” de Verín.

As charangas Támega e Vakapinta, a Disco-mobil Gramola e o grupo Aramiomarcarán o ritmo durante toda a xornada.