O Concello implementa un novo punto específico de captación de auga para emerxencias. Imprimir
Venres, 03 Agosto 2018 12:59

O Concello de Verín acaba de inaugurar un novo punto específico de captación de auga para emerxencias no  polígono de Pazos. Con este novo  hidrante, o ente municipal diminuirá os tempos de carga dos vehículos de emerxencias e evitará, en gran medida, o uso de auga potable na loita contra os incendios forestais e outro tipo de emerxencias.


Cunha capacidade aproximada de 90.000 litros,  este novo hidrante pasa a ser o primeiro punto de carga a nivel comarcal que non utiliza auga potable para a carga de camións cisterna de gran capacidade, como son os  vehículos nodriza da AxegaUME e Bombeiros.

“Coas cada vez máis habituais secas e vagas de incendios que estamos a experimentar, cremos que era de vital importancia implementar un punto específico de captación de auga para emerxencias que non utilice auga potable e que, ao mesmo tempo, permita a carga de vehículos de grandes dimensións de forma rápida e eficaz”, explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

Despois de moitos anos con esta instalación pechada e sen uso, o  Concello de Verín -en colaboración co servizo municipal de augas e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín- habilitou este novo servizo que ten a capacidade de abastecer a dous grandes camións nodriza de ata 25.000 litros, simultaneamente.