A Confraría dos Viños de Monterrei suma catro novos membros e entrega recoñecementos polo veitincinco aniversario Imprimir
Sábado, 11 Agosto 2018 10:14

Ás oito da tarde deron comezo os actos de inauguración da décimo terceira edición da Feira do Viño de Monterrei, que por cuarto ano consecutivo está a desenvolverse na Alameda de Verín.

Tras as intervencións de Lara Da Silva, presidenta de C. R.D.O. Monterrei, que realizou unha homenaxe a viticultores e adegueiros, Gerardo Seoane destacou  a importancia de “por en valor e facer unha firme aposta pola viticultura de calidade como motor económico da comarca”.


Nesta edición o pregoeiro foi Castor Gago Álvarez, xefe de Extensión Agraria en Verín e un dos maiores impulsores da denominación de orixe de Monterrei, que exaltou as virtudes dos viños da denominación.

Tras o pregón e o percorrido das autoridades polas casetas participantes na feira, a exaltación da denominación trasladouse á igrexa da Mercé de Verín, onde se celebrou o acto da imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei. Devandito acto estivo presidido pola Conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, e contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, o subdelegado do Goberno en Ourense, a delegada da Xunta en Ourense, o director de Desenvolvemento Rural e os alcaldes das comarcas de Monterrei-Conso Frieiras, entre outros. Así como, membros da Confraría, ou representantes doutros consellos reguladores vitícolas e de produtos de calidade diferenciada galegos.

Durante o acto, amenizado polo grupo Dixie Kings, nomeáronse a catro novos confrades, un deles a título póstumo. Os novos membros que se unen á Confraría de Monterrei son: Xosé Carlos Caneiro Pérez (escritor, colaborador de medios de comunicación e pregoeiro da feira en tres edicións), Diego Lourenzo Moura (tenente de alcalde de Verín), Marco Rocha Campos (xornalista) e Mario Teixeira González (viticultor da denominación falecido en maio, neste caso entrégase a título póstumo).

Ao longo deste acto, entregouse tamén unha Medalla de Ouro, a título póstumo, a Ernesto Atanes Payo (cofundador da adega Crego e Monaguillo), que o ano pasado non puido ser recollida por petición expresa da familia ao ser moi recente o falecemento. Este recoñecemento, xunto coas Medallas de Ouro a título póstumo entregadas o pasado ano (a Manuel Blanco Núñez -cofundador da adega Pazo Blanco Núñez – Tapias Mariñán e José Luis Vaz Vilela -fundador da adega Ladairo-), recoñecen o labor dos mesmos na promoción dos viños de Monterrei nas últimas décadas.

Así mesmo, e con motivo do 25 aniversario da Denominación de Orixe Monterrei, efectuouse unha homenaxe aos confrades José Luis Hernáez Mañas e Castor Gago Álvarez, que nesta edición tamén foi o pregoeiro, por ser uns dos grandes impulsores da creación da denominación, elaboración e aprobación dos estatutos e o primeiro regulamento que rexe a mesma.

Doutra banda, e por segundo ano consecutivo, a este acto convidouse a todos os viticultores inscritos no Consello Regulador, co obxecto de facerlles partícipes no mesmo, xa que xunto ás adegas son os artífices desta denominación.

Con todo, a XIII Feira do Viño de Monterrei terá a súa continuación mañá e pasado, 11 e 12 de agosto, nas que os veciños e visitantes poderán achegarse á praza da Alameda para degustar os viños desta denominación en cada unha das 16 adegas participantes: Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer (Boo Rivero), Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Tapias Mariñán (Pazo Blanco Núñez), Pazo de Valdeconde, Quinta do Buble, Quinta Soutullo (Fausto Rivero), Terras do Cigarrón, Trasdovento, Triay, Valderello e Vía Arxéntea.

Os prezos, igual que nas últimas edicións, serán de 5 degustacións por cinco euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros. O horario de apertura da feira será o sábado de 11.30 a 14.00 h. e de 20.00 e de 20.00 a 01.00 h., e domingo de 11.30 a 14.00 h e de 19.00 a 23.30 h.

Pero ademais de viño, na feira haberá lugar para a gastronomía e a música. Mañá sábado, ás 21.00 horas, a agrupación musical Candaira ofrecerá, con saída desde a Praza García Barbón, unha actuación itinerante. Ás 00:00 horas, será a quenda do cantante arxentino Coti, que presentará en Verín a súa xira internacional 2018. Pecharase a xornada, a partir da 01:45 horas, con Guateque de la Década, agrupación musical dirixida por Carmelo Martínez, unha das voces integrantes iniciais nos anos 80 da Década Prodigiosa.

O domingo 12 de agosto, ás 12:30 horas, a Praza da Alameda, acollerá a actuación da agrupación musical Nova Era. De 21:00 a 23:00 horas, a Orquestra Finisterre, ofrecerá unha sesión de tarde, e unha actuación nocturna desde a 01:45 a peche. Posteriormente, e como peche da celebración, a praza García Barbón, será o lugar de encontro para o concerto de SES dentro da súa xira “Readmirando a Condición”.

A XIII Feira do Viño de Monterrei foi organizada polo C.R.D.O. Monterrei e o Concello de Verín, coa colaboración da Xunta de Galicia, Diputación de Ourense, Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, Fondo Europeo Agrícola de Desarollo Rural (FEADER), e concellos de Oímbra, Monterrei, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós.