Clausura da mostra “Notas de Cor” na Sala de Exposicións de Verín Imprimir
Xoves, 09 Xaneiro 2020 14:38

Até as 21 horas do sábado, a Sala de Exposicións de Verín acolle a exposición “Notas de Cor”. Coa clausura da mostra rematarán as actividades do programa verinense de Nadal e Reis. “Notas de Cor” presenta cerca de duascentas obras realizadas por persoas comprendidas entre os 6 e os 80 anos na Escola de Artes e Oficios do Concello de Verín, ás que Diego Lourenzo, tenente alcalde do Concello de Verín, lle entregou diplomas o pasado día 20 de decembro no acto inaugural.


A relación entre as notas (a música) e a cor (as artes plásticas) é a temática que desenvolve a mostra. Para iso, dúas ducias de esculturas en cartón pedra, feitas por nenos, cunha estética inspirada na banda deseñada e nos debuxos animados, con músicos que tocan instrumentos de percusión, vento, corda ou tecla, serven como soporte condutor, a ras de chan, a unha exposición que pecha un coro formado por un director e decenas de intérpretes actuando baixo partitura, tamén feitos por nenos.

Sobre ese discurso, que nos acerca á visión que temos dos aspectos plásticos da música nos anos da infancia, as persoas que visitan “Notas de cor” encóntranse cun corpo central composto por máis dun centenar de obras feitas por adolescentes e adultos. Esas obra reflicten a inmensa pluralidade de visións que os aspectos musicais suscitan a quen os quere transmitir a través das artes plásticas, plasmados nunha gran diversidade de técnicas e soportes.

A relación entre os paxaros, os océanos e os astros e o feito musical son motivos aos que expresamente aluden algunhas das obras expostas. E da relación entre a natureza e o son á abstracción simbólica da música, outras obras expresan como os símbolos aos que chamamos notas, creados para a escrita musical, poden servir, unha vez descontextualizados, como obxectos de deseño e decoración. Nese ámbito dos símbolos, algúns dos artistas que expoñen recrean os vellos códigos da escritura musical do medievo. Tampouco, entre o simbólico, falta nesta mostra a relación entre a música e a poesía escrita. Como música e danza son irmáns inseparábeis, diversas obras céntranse no atractivo estético dos pasos de danza ou teñen ao baile en parella como motivo de inspiración. A reconversión das portadas dos discos e a reutilización dos vellos LP e CD como soportes para novas creacións plásticas, serven de colofón as obras feitas por persoas adolescentes e adultas.

Antes dese fin de traxecto, a viaxe coas “Notas de cor” fainos parar en destinos talvez máis familiares.  Encontramos bodegóns con instrumentos e partituras. Visítannos retratos de instrumentistas en plena actuación. Os acrílicos e  as ceras fannos viaxar aos ambientes escuros do jazz. Os releves en madeira de gaiteiros ou de instrumentos de corda e vento indúcennos a pensar no arduo labor do tallista. Instrumentos de percusión, corda e vento feitos con técnicas cerámicas fannos ver como o instrumento en si mesmo ten un atractivo estético máis alá do funcional. Terracotas con instrumentos ou instrumentistas fannos, coa súa fraxilidade, reflectir sobre a estatuaria dos bronces públicos. A música popular das pandeireteiras, con e sen partituras, devólvenos a un pasado talvez idílico. A recreación en pinturas de aceite dos releves pétreos catedralicios, expostos nun marco de debuxos da arte da talla en madeira dos caravilleiros dos instrumentos de corda pulsada e frotada, mergúllanos na historia que conxelan os retablos do patrimonio relixioso.