
Os expositores dan un sobresaliente a organización da feira
10/12/2024
AEVER presenta a súa campaña de dinamización do comercio no Nadal
18/12/2024Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre despedirán o 2024 cunha serie de concertos únicos que celebran o éxito do seu disco “Axúdame a Sentir” e co fixeron bailar e gozar a moitos seguidores neste ano que está a piques de rematar. Esta xira de fin de ano levará a súa proposta musical por catro localidades galegas, converténdose nunha ocasión especial para compartir coa audiencia a esencia deste traballo e, nalgunhas coma a de Boiro, facendo das mesmas un cita que se repite cada ano.
As datas e lugares da xira son:

- Verín: 21 de decembro, no Auditorio de Verín, ás 20:30 h.
- Lugo: 22 de decembro, na Sala Tebras, ás 19:30 h.
- Narón: 28 de decembro, no Pazo da Cultura, ás 20:00 h.
- Boiro: 29 de decembro, en A Pousada da Galiza Imaxinaria, ás 19:00 h.
O disco “Axúdame a Sentir” é a suma de diferentes cancións e lembra aquela frase que Obdulia, a avoa de Xabier, lle dicía sempre. Esta xira de Nadal será unha oportunidade única para experimentar en directo o repertorio do álbum, co inconfundible acompañamento das Adufeiras de Salitre e tamén se converte nunha forma de agasallo anticipado para os seus seguidores e seguidoras.
????️As entradas para os concertos xa están dispoñibles en www.xabierdiaz.com. Para o concerto de Boiro ademais están a venda na propia Pousada da Galiza Imaxinaria e na tenda Baldani.
Non perdas esta ocasión para deixarche levar pola maxia e a emoción da música galega no mellor peche do ano.
Para xestionar entrevistas contactar con prensa:
LARA LOZANO
626 81 68 52
prensa@xabierdiaz.com
Biografía Xabier Díaz
O Desfile de Estrelas do coruñés barrio de Eirís, escoitou as primeiras muiñeiras tocadas por Xabier Díaz (A Coruña, 1969) nunha gaita que o seu melómano avó materno tivo a ben mercarlle cando a década dos 80 alborexaba. O instrumento converteuse nun vehículo que facilitou a chegada de Xabier a Xacarandaina, Rumbadeira, e sobre todo á descuberta dun mundo descoñecido, o da música que aínda naquela altura gardaban as aldeas, a descuberta da música de noso… Hoxe é un dos nomes propios da música de raíz galega. Formou parte do célebre cáseque mítico e xa extinto grupo Berrogüetto entre 2008 e 2014. Paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCanto, co que publicaron dous discos.
Naceu entón un compromiso esencial cos instrumentos de percusión de man, nos que se especializou e que son marca inconfundible da súa obra, nomeadamente a pandeireta, instrumento no que gañou un grande recoñecemento e prestixio.
Sucedéronse os premios e sobre todo o máis importante, o nacemento dunha nova formación xunto coas Adufeiras de Salitre coa que dende o ano 2014 foron deixando retrato do traballo feito en catro discos, The Tambourine Man (2015), Noró (2018), As Catedrais Silenciadas (2020) e Axúdame a sentir (2024). A banda leva unha cantidade de concertos que viaxa camiño dos 400 e que deixou pegada en Bos Aires, Oslo, Lisboa, Alxer, Glasgow, Madrid, Bariloche, Colonia, Londres, Gotenburgo, Roterdam, Bruxelas ou Gante, por poñer algún exemplos.
Os discos gañaron recoñecemento da crítica especializada e do público, cun destacado éxito de vendas e repercusión na World Music. As Catedrais Silenciadas estivo tres meses no Top Ten da WMCE e acadou o Premio Martín Codax na categoría de Música Tradicional no pasado 2020. Sempre curioso, Xabier continúa buscando novas formas para darlle novas vidas a aquelas músicas que bateron no peito de aquel mozo que plantou a arquitectura polo amor á ferreña.
Disco “Axúdame a sentir”
Axúdame a sentir dicíame Obdulia con frecuencia, a miña avoa materna. Foi unha de tantas catedráticas sen título nesa célebre universidade da vida. Nada hai máis necesario que sentir e tampouco hai momento máis acaído para perseguir ese verbo que os tempos nos que vivimos: as humanidades esvaécense ao tempo que medra o binomio virtual-máquina. As artes, en xeral, atenderon historicamente a nosa necesidade de sentir. Ese lugar sen algoritmos é unha casa que debemos visitar tantas veces como nos sexa posible. Celebrar a non virtualidade, abrazarnos, escoitar, beber, bailar, sentir, escribir, debuxar, cantar, soñar…
A nosa casa é un torreiro e tamén a platea dun teatro ou as mesas dunha baiuca. O que acontece nun concerto é algo único e irrepetible: extínguese ao pechar o pano, mais á súa vez, é unha chama que prende e segue quentando o noso peito durante moito tempo. Ás veces acompáñanos toda unha vida.



