
Verín presenta a programación da Semana das Letras Galegas 2025
30/04/2025
A “Trisca da Preguiza” trasládase á Praza García Barbón por mor das inclemencias meteorolóxicas
08/05/2025Verín, 8 de maio de 2025. O luns 12 de maio ás 19:30 horas, inaugúrase na Sala de Exposicións de Verín a mostra “Pensamentos Fuxidos”, unha viaxe á obra máis íntima e representativa de Xosé Lois Gómez Rivada, un artista que fixo da loita coa materia un diálogo artístico de fondo alcance simbólico.
A mostra poderá visitarse durante todo o mes (ata o 31 de maio) en horario de mañá e tarde, ofrecendo unha oportunidade única para achegarse a unha obra que, como xa apuntou o crítico Francisco Pablos Holgado, da Real Academia de Belas Artes da Coruña, contén «mundos vitais, complexos na súa aparente elementalidade, que fai seus con sensibilidade acusada».
Rivada pasou a súa infancia no barrio da rúa Traviesa de Verín (na década de 1957); entre ferramentas do obradoiro paterno e silencios dunha época convulsa foi quen de traducir a súa biografía en linguaxe plástica. A súa creación sitúase nun punto intermedio entre escultura e pintura, nun xénero que el mesmo desenvolveu con personalidade: a escultopintura. Traballa sobre superficies verticalizadas onde se mesturan rugosidades, máscaras e metáforas visuais cunha elaboración minuciosa, que nunca perde a forza expresiva nin o alento emocional.
A obra deste artista transcende o formal: é síntese, é evocación. Como sinala Begoña Malone, directora da Galería Malone en Madrid, «a obra de Rivada é unha loita e un diálogo constante coa materia», unha maneira de expresar aquilo que o obsesiona, na que están presentes influencias do informalismo, do grupo El Paso ou da arte óptica, sen deixar de lado a pegada profunda do seu propio pai, artesán do ferro.
A súa técnica en ferro cicelado, nacida no taller familiar, convértese en elemento caracterizador dunha obra na que tamén aparecen resinas, ceras e óxidos, combinados con audacia e lirismo, para crear figuras que desafían o tempo e a clasificación. A crítica coincide en subliñar que estamos ante un creador que fixo da escultura contemporánea un territorio propio, intransferible e emocional.
A concelleira de Cultura de Verín, Samanta Barreira, destacou a importancia desta exposición para o municipio: «Rivada non é só un artista recoñecido internacionalmente, é, sobre todo, un fillo desta terra, que soubo transformar a memoria e a experiencia vital nunha linguaxe artística única. Mostrar o talento da nosa xente é tamén unha maneira de construír futuro desde as nosas raíces».
Con “Pensamentos Fuxidos”, Verín recibe de novo a un artista que nunca deixou de dialogar co mundo dende a materia. Un regreso, si, pero tamén unha celebración do percorrido vital e creativo dun autor que fixo da arte un xeito de estar no mundo.
Horario da exposición:
- Maña: 9:30 a 14:30 h
- Tarde: 16:30 a 19:00 h
*Luns a venres.



