
Verín di non á violencia machista: Concentración de repulsa o 27 de maio
26/05/2025
Verín e Monterrei prepáranse para saborear a historia con “O Pincho Irmandiño”
28/05/2025Verín, 27 de maio de 2025. Esta mañá, a Praza do Concello de Verín acolleu unha concentración cidadá de repulsa fronte ao intento de feminicidio acontecido recentemente no municipio. A convocatoria, promovida baixo o lema “Se tocan a unha, tócannos a todas”, reuniu a representantes institucionais, asociacións, entidades sociais e numerosos veciños e veciñas que quixeron amosar de forma unánime o seu rexeitamento ante este acto de violencia brutal contra as mulleres.
Durante o acto, foi a concelleira de Servizos Sociais, Rosario Rodríguez, a encargada de dar lectura ao manifesto institucional no que o Concello de Verín expresa a súa máis rotunda condena ante este crime machista, así como o seu apoio incondicional á vítima e á súa contorna:
«O Concello de Verín manifesta a súa máis rotunda condena ante o intento de feminicidio ocorrido esta semana na nosa vila, un acto brutal de violencia machista que rexeitamos de maneira contundente. Queremos trasladar todo o noso apoio, solidariedade e afecto á vítima e á súa familia. Este feito non só nos conmociona como institución, senón que afecta á sociedade verinesa en todo o substancial, que non pode nin debe permanecer en silencio. A violencia contra as mulleres é unha violación dos dereitos humanos. Non é un problema individual, senón estrutural. Necesitamos respostas firmes e conxuntas desde todos os ámbitos: institucional, social e cidadán.»
A corporación municipal animou á cidadanía a sumarse activamente na loita contra a violencia de xénero, visibilizando que Verín está coas vítimas e contra os agresores. A concentración foi organizada polo CIM da Mancomunidade de Municipios de Verín, FEMURO, CDR Portas Abertas e Cruz Vermella, entre outras entidades implicadas no compromiso pola igualdade e a protección das mulleres.
Desde o Concello insístese na necesidade de continuar traballando de forma decidida na prevención, educación e atención ás vítimas. facendo fronte común contra todas as formas de violencia machista.





